Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 24 de xullo de 2012

Hai quen di que as palabras as leva o vento

por Mercedes Queixas, no Sermos Galiza:


O que algúns non saben é que as leva sempre dun corazón a outro a través dun bico sonoro, dunha aperta apertadiña, dun segredo que visita caladiñamente o oído, dunha chiscadela de ollo que só ti comprendes, dunha notiña emburullada que asoma por debaixo dun libro, dunha sobremesa celmosa, dun filme de animación, dun soño ridor, dun conto triste ou dunha canción falangueira.E cando unha palabra nova nos acariña a pel pode facernos cóxegas e darnos gana de rir, de brincar, de bailar, de xogar á pilla-pilla, de berrar, de chorar, de durmir, de soprar, de cantar, de calar ou abrir a boca coa sorpresa.Por iso, por cada palabra que alguén non nos aprende ou deixamos que a leve o frío vento do nordés cando zoa, perdemos a palabra e tamén perdemos un bico, un aloumiño, unha cantarela, unha bágoa, unha sorpresa, un arrecendo, unha idea ocorrente, un sorriso, un alento, unha pregunta, unha resposta, un soño, unha ilusión, unha viaxe ou unha amizade.Mamá aprendeume a apreciar a calor do peito, a catar o sabor do leite, a descifrar as cores irrepetíbeis das bolboretas, a atravesar as rúas, sempre vixiante, nos pasos de peóns e a vestir a roupa polo dereito.Papá axúdame a construír castelos de area na praia, a bailar o trompo, a programar o lavalouzas, a nomear as estrelas desde o telescopio nas noites de verán e a comer os espaguetes con garfo e culler.Miña irmá garda a súa saia favorita para cando eu sexa maior, preséntame as cores do arco da vella, e enrédame para bailarmos xuntas os nove números co rato do computador.A avoa púxolles nome aos meus cinco dedos: o pequeniño, o medianiño, o pai de todos, o furabolos e oescachapiollos e o avó abaloume primeiro no berce e agora no bambán do parque.Co padriño xogo aos birlos e á chave na fin de semana, cántolle ao caracol para que poña os cornos ao sol e inspiro o arrecendo natural do fiúncho. A madriña lévame ao mercado para non confundir a xarda e a xouba, a sardiña e o xurelo, o peixe sapo e o abadexo.Coa curmá Xoana aprendo os nomes das vacas da súa casa da aldea (a Roxa, a Pinta e a Canela), das flores da fraga (as chorimas, os belitroques, as margaridas, as papoulas e os couselos) e descifro a lingua do moucho cando fala polas noites.
Todos me axudan a nomear e comprender o mundo en que vivo. Coas súas palabras, que eu fago miñas en canto me acariñan a pel, aprendo algo novo todos os días. Sei que sempre hai unha palabra que está a agardar agochadiña para que eu a descubra.
E cando os meus me entregan algunha palabra, eu correspondo lembrándolles aqueloutra que xa lles roubou o frío vento do nordés ou hai tempo que non usan porque a deitaron arrombada no celeiro dos esquecementos ou trocaron por outra allea pensando que campa máis. E preséntolles o mel doce, aestrada perigosa e a beirarrúa protectora, o luns que abre a semana, o amorote vermello, o reiseñormelodioso, o verme de seda, o lucecú noctámbulo, o golfiño brincador, o novo rato sen dentes docomputador, a xoaniña voadora, o videoxogo bulidor, as dedas dos pés, as luvas para as mans e o velloatlas do mundo onde medran todas as palabras galegas ao carón doutros moitos milleiros de sons harmónicos.A rede de palabras coa que a min me agasallan e alimentan na escola para quererme e mirarme no espello do mundo con voz e imaxe propia.
* O meu agradecemento a todas as persoas que ao longo da vida me foron enchendo de palabras e expresións galegas; o meu recoñecemento a todas as familias que seguen a legar aos seus fillos e fillas o noso maior patrimonio cultural; a miña admiración para con todas as familias galegas que, conscientes de non seren fontes de transmisión natural da nosa lingua, demándana na escola como principal espazo de aprendizaxe e comunicación integradora. Parabéns a tod@s @s docentes que reforzan no alumnado de educación infantil a descuberta e adquisición do noso idioma propio

Ningún comentario:

Publicar un comentario