por Carlos Callón, no Sermos Galiza:
Disque a Xunta que preside Alberto Núñez Feijóo está a preparar un decreto para que as empresas, ou cando menos as de certos sectores, teñan que usar a toponimia oficial. Parece de senso común que, unha vez recoñecidas institucionalmente as denominacións xenuínas dos nosos nomes de lugar, estas teñan que utilizarse con normalidade na hostalaría, nos transportes, etc. Ou ten lóxica que haxa, por pórmos un exemplo, concesionarias de autobuses que rotulen en 2012 como “Mellid”, “Puentes” ou “Valle del Oro”, mesmo para desconcerto do turismo?
Está por ver aínda se esta nova norma se chegará a aprobar. O que resulta imposíbel é que se chegue a aplicar, cando menos sendo presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo. Eu non son capaz de imaxinar que o mesmo goberno que puxo como obxectivo número un da súa xestión cortarlle ao galego os nutrientes fundamentais de calquera idioma (ensino, administración, medios de comunicación) vaia emprender ningunha acción en positivo que non pase do cosmético. Ai, que xa se aproximan as autonómicas...!
Se a Xunta de Galiza ou o Partido Popular queren conseguir adiantos no ámbito dos nomes de lugar o primeiro que poden facer é asegurarse de que os utilicen as administracións nas cales teñen responsabilidades de goberno. Que acontece con esa “Puebla” que agora renace subvencionada polo concello do Caramiñal en revistas galegófobas? Que pasa con eses “La Coruña” ou “Arteijo” polos que dá a batalla Carlos Negreira como alcalde? Si, si, ese mesmo Carlos Negreira que sendo deputado votou a favor de normas sobre a toponimia como a que agora disque vai aprobar o seu partido...
Ningún comentario:
Publicar un comentario