por Susana Méndez no Sermos Galiza:
Nos últimos tempos estamos a ver cómo recrúan as accións represivas por parte dos gobernos que nos tocou padecer. Cando unha persoa, dirixente, gobernante, ou como se lle queira chamar, non tén argumentos ou razóns, entón pasa a tomar medidas que intenten silenciar as voces que, esas si, teñen a razón da súa parte.
Exemplos disto témolos a moreas. Sobre todo desde que empezou esa cousa que chaman “crise” e que, como reza a consigna, non é tal senón un calote. Mais voume centrar en dous casos concretos que se sucederon na última semana e que exemplifican claramente o que estou a dicir."Pola vía da represión, inténtase frear as mobilizacións de contestación ás políticas regresivas e de recorte de dereitos dos gobernos do PP"
A Plataforma Queremos Galego recibiu a semana pasada unha notificación de denuncia coa correspondente sanción, emitida pola Subdelegación do Goberno na Coruña na que se acusa á Plataforma de certos incidentes (realizar pintadas, guindar globos e ovos recheos de pintura –sic-) que segundo a Policía puideron ter lugar durante a manifestación do pasado 17 de maio. E esta notificación chega 3 meses despois de celebrada a mobilización e sen que previamente ninguén de Queremos Galego nin das organizacións que o compoñen tiveran coñecemento de que tais sucesos acaeceran nunca. Non foi a única denuncia deste tipo, nun corta-pega incríbel, a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto recibía outro escrito prácticamente idéntico por “incidentes” similares nunha manifestación celebrada o 16 de xuño.
Coñecendo ao señor Juárez, Delegado do Goberno na Galiza, e o seu desprezo polos movementos sociais (nomeadamente os do ámbito do nacionalismo), todos estes son indicios claros de que se pretende criminalizar ás organizacións e persoas que non calamos na defensa dos nosos dereitos. Un exemplo de como, pola vía da represión, se intenta frear as mobilizacións de contestación ás políticas regresivas e de recorte de dereitos dos gobernos do PP.
Mais tamén no Parlamento Galego se aplican estas receitas. Que llo digan á deputada do BNG, Ana Pontón, que viu con total incredulidade como unha autoritaria Presidenta do Parlamento, a chamaba á orde e a expulsaba da tribuna cando interviña cuestionándolle ao Conselleiro Agustín Hernández a actuación do Goberno Galego na traxedia de Angrois. Sen insultos, sen xestos, sen ofensas... simplemente expoñendo diante de membros do Goberno a visión da nefasta xestión deste accidente.
Mais alí estaba Pilar Rojo coa autoridade baixo o brazo, exercendo con man férrea de xuíza e parte ao retirar a palabra á deputada nacionalista, para finalmente, ante as protestas dunha estupefacta Ana Pontón, expulsala da tribuna de oradores/as. Autoritarismo absurdo que non vemos aplicar cando é unha persoa da bancada do PP a que se dirixe á Cámara.
Non, por moito que apliquen as medidas de coerción, por moitas multas que impoñan, por moita autoridade que gasten, non significa que teñan a razón. Máis ben pola contra, iso dá mostras de que non hai argumentos, non hai razóns.
Ningún comentario:
Publicar un comentario