Hai algunhas datas do calendario que foron escollidas para nomear todo un proxecto social e político. Un caso paradigmático é a do 18 de xullo. Todos estaríamos de acordo en que reivindicar o espírito desta data significa posicionarse contra a democracia; impoñer as preferencias e privilexios dunha minoría e apostar de cabeza polo imperialismo centralista.
Poderiamos falar doutros días do calendario con carácter. Temos por xemplo o 11-M (rexeitamento do atentado de Atocha) , o 25 de abril (Revolución dos Caraveis) , o 14 de abril (II República española), 25 de xullo (Día Nacional de Galicia),... Todas elas son efemérides ás que sería posible asignar determinados valores e que por iso mesmo son reivindicadas por diversas asociacións, partidos políticos ou mesmo estados, co obxectivo de facelas súas. Mais temos unha data, aquí en Galicia, que ten a excepcional característica de que non é reivindicada por ninguén, nin tan sequera polos seus creadores.
O 31 de xullo do 2009, despois de varios meses de continuas polémicas e sobreexposición mediática, o daquela secretario xeral de política lingüística, Anxo Lorenzo, fixo a presentación oficial dos presuntos resultados da ultra-publicitada enquisa ás familias sobre o uso das linguas na escola. Resulta realmente estraño, incluso paradoxal, que os datos desta enquisa que foi motivo de escándalo social fosen presentados con nocturnidade na véspera do comezo das vacacións, xusto cando anuncio vai quedar practicamente oculto. Máis sospeitoso aínda é que nesa presentación non se fale de intervalos de confianza, parámetros de estimación, sigmas e outros tecnicismo polo estilo, sobre todo cando finalmente este invisible a fraudulento resultado é a única xustificación que se ofrece para a implantación do decreto 79/2010, o coñecido como decreto para o plurilingüismo (remítome ao DOG dese mesmo para quen queira comprobalo). Con este acto Anxo Lorenzo xustificaba unha política lingüística centralista, negadora da realidade social dun conflito lingüístico que está a ser usado desde o goberno para masacrar a lingua galega.
Sería tamén en pleno período estival cando (non) nos enteramos da maior e brutal redución de profesorado acometida nunca pola Consellería de Educación. Mil profesores menos para o novo curso. Trátase dun espolio dos recursos públicos que en contraste obsceno son desviados para a máis resesa aposta ideolóxica do actual sistema educativo. Velaí como este verán Jesús Vázquez bota man da caixa pública para, incluso contra dun ditame xudicial, para subvencionar xenerosamente aos centros do Opus Dei que segregan ao alumnado por sexos. A evidencia irrefutable de que as cadeiras do goberno están ocupadas por un grupo de sectarios témola nesta defensa a ultranza dos declaradamente ilegal dos intereses dunha seita. Este mesmo modelo educativo é tamén o esqueleto que sustenta as decisións no que debería ser, e non é, a normalización lingüística.
Despois de que o TSXG establecera a ilegalidade de dous piares básicos sobre os que se asentaba o decreto 70/2010, o pasado 31 de xullo foi a data escollida polo actual secretario xeral de política lingüística, Valentín García, para explicar a particular maneira que se argallou para esquivar a sentenza do TSXG e así seguir mantendo intacto o decreto contra o galego. Que a decisión da SXPL se faga pública precisamente ese día é indicativo de que son perfectamente conscientes de estaren atentando contra os principios democráticos ao perverter o ditame da xustiza mediante artificios que manteñen o acurralamento do galego no ensino. Concretamente a referida sentenza prescribía que o outorgamento que lle ofrecía o decreto 79/2010 ao alumnado de usar a lingua que lle petase sería unha porta aberta para imposibilitar a aprendizaxe do galego daqueles rapaces de ambientes castelanófonos que estenderan o búnker do español aos espazos da reserva do galego. As instrucións da Xunta, no canto de respectar o establecido na sentenza do TSXG, blindan este aspecto declarado ilegal ao establecer que na avaliación a competencia lingüística do alumnado non se terá en conta.
O outro punto importante da sentenza do TSXG é sobre a ilegalidade da consulta aos pais sobre a lingua a usar nas aulas de infantil. A Xunta dá un paso atrás,.. e dous adiante. Sacou do sombreiro de copa unhas instrucións nas que para determinar a lingua a usar en infantil, será o centro quen o faga atendendo... (atención!) primeiro ao resultado da consulta aos pais, en segundo lugar á realidade sociolingüística do entorno que moi facilmente pode entenderse tamén como o resultado da consulta aos pais.
Comprobamos pois que detrás dos remorsos que se evidencian pola política lingüística argallada arredor do 31 de xullo non achamos outra cousa que un intento por agochar decisións que á sociedade lle repugnan acompañadas dunha burla declarada da xustiza polo que están contra os valores democráticos. Ademais a ideoloxía subxacente descansa sobre o garante dos privilexios dunha minoría e a anulación de todo galeguismo baixo unha héxira centralista. Cal é entón a diferenza entre o espírito do 31 e a do 18 de xullo?
Abofé que sí o 18 de xullo é moi mala data!
ResponderEliminarPois polo que estamos vendo, a do 31 de xullo tamén ten efectos nefastos
ResponderEliminar