Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 28 de setembro de 2013

Ameixas

por Ana Outón no voceiro dixital de Poio, O Castrove:

Os pais galegofalantes, eses seres raros, podemos levar un fillo cativo da man que está aprendendo aínda a falar e dar un pequeno paseo para ter axiña milleiros de anécdotas para contar. O percorrido pode ser sinxelo e curto, apenas se precisan uns cantos metros de camiño ó supermercado ou á froitería:
Saímos da casa e pechamos a porta. O fillo sinala e di: "Po, po, po". E a veciña sorrí, dálle unha gabanza e: "Cierra la puertiña, si, si, muy bien! PUER-TA, PUER-TA". Nós sorrimos amablemente e vía.
Dámos tres pasiños e o neno corre cara a un animaliño: "Ca, ca, ca". O dono, moi afable: "Ui, te gustan los perritos, eh? PEEERRO, PEEERRO".
Como é difícil afastar os nenos dos cans, collémolo no colo e andando.
Pero, claro, os cativos que xa saben andar, xa se sabe, pois queren andar. Así que os próximos dez metros dámolos baixo un insistente "cha, cha, cha".

Cruzámonos entón cunha velliña que o mira e lle fai o típico aloumiño para logo lle dicir: "Ui, quieres bajar al suelo, no? Si? Quieres bajar al suelo, filliño? SUELO, SUE-LO". Coma sempre, nós, apenas sorrimos e xa está. Hai que comportarse. Debemos ser cívicos (palabra moi de moda).
Pousamos o neno finalmente no chan e bota a correr cara a unha nena que ve na distancia e que leva un xoguete que está pedindo a berros ser arrebatado. Aí o vai: "Nena, nena, nena". A mamá, moi compracente, arráncalle o xoguete á súa filla para darllo ó noso (escena desgraciadamente típica). A nena rebenta a chorar e a mamá dille ó noso: "Oh, que le pasa a la niña? Llora la niña? Está triste la niña? Es que no le gusta compartir. Sara, hai que compartir! (...)

Bueno, le das el juguete a la niña, si? NI-ÑA, NI-ÑA, NIÑA. Sabes decir 'niña'?" Ale, arrancamos o neno por un brazo e continuamos a nosa angueira para chegar á froitería.
É verán e vai moita calor. Pasa un home cunha botella de auga e o noso, ó velo indica: "Au, au, au". O home ri e, vendo que lle quere botar a man á botella: "Quieres agua, si? A-GUA, A-GUA. No sabes hablar aún? A-GUA, A-GUA". E o noso neno insiste: "Au, au, au". O home continúa: "Au, au, perrito, au, au, perrito. Dónde hay un perrito?". En fin, é hora de lle dicir a este home que o noso fillo non está intentando ladrar coma un can, senón que está pedindo AUGA. "Ah, que le hablas en gallego, claro...". Pois claro, si, claro.
A odisea vai chegando ó seu fin e entramos na froitería. Como lle gustan todas as froitas! Non damos feito para que non lle bote a man a todo e tire con todo! Claro, está todo tan xunto que non hai maneira de afastalo de nada. Nun despiste, mentres enchemos unha bolsa de laranxas, bótase á caza dunha vermella interesante e apetitosa: "Amé, amé, amé!!". A froiteira achégase: "Hola, guapo. Te gusta la fruta, si? Que bien! Que quieres, una ciruela, si?" E o noso dálle que erre: "Amé, amé, amé". A froiteira mira para nós e xa indica: "Parece que quiere una ciruela. No sabe hablar, no? Se la puedo dar? Quieres la ciruela, si?". "Non, home, non, que non come 'ciruelas'. É que come amé, amé, amé, ameixas!!!" E como non, engade: "Ah (cun falso sorriso), es que le hablas en gallego, claro." Pois si, claro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario