Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 18 de setembro de 2013

Equipos de Normalización: Renovación versus desleixo

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística vén de renovar o aspecto do seu portal web. Para o que tiñamos o costume de remexer no antigo formato isto, nun principio, despístanos un pouco pero pronto podemos comprobar que o traballo realizado tráenos un formato máis moderno e ordenado. Eran xa tantos os recursos, anuncios e actividades que nos ofrecía a CGENDL que o anterior formato web podía despistar pola gran cantidade de propostas que nos ofrecía no primeiro acceso. Agora dispoñemos dun portal máis ordenado, cos temas clasificados en varias lapelas. O resto do espazo repártese entre unha presentación de temas destacados, unha área reservada baixo o epígrafe de Actualidade, a xanela do Twitter da Coordinadora, outra de Anuncios e unha máis sobre Noticias da prensa sobre a lingua. 
En definitiva, a CGENDL, nunha mostra máis de traballo incansable tráenos outra nova alegría, unha máis da moitas que nos leva dado desde o inicio da súa andaina hai xa máis de catro anos atrás. E, cómpre recordalo, todo isto témolo sen ningún tipo de axuda institucional.
A CGENDL foi en toda a súa historia,  o maior impulsor da dignificación do traballo dos Equipos de Normalización. De vivirmos nun país normal tería que ser recibida baixo palio nos despachos oficiais. O que temos é xusto o contrario, un completo esquecemento das insitucións.
Se, pola contra, lle botamos un ollo ao panorama ao que nos ofrece a Secretaría Xeral de Política Lingüística aos ENDL, observaremos unha paisaxe desoladora: o último recurso didáctico que nos ofrece data de hai 14 meses, a última revista escolar referenciada é do curso 2010-2011, a data do último recurso para as familias ten 17 meses de antigüidade e os últimos proxectos de ENDL recollidos no apartado de proxectos premiados datan do curso 2008-09. Incluso hai un apartado adicado a aulas virtuais que desde que foi creado este espazo web alá polo 2006, a ninguén se lle pasou pola idea procurarlle algún contido para referenciar nin tampouco suprimilo por falta de contidos. Creo que non hai mellor metáfora do que sucede na práctica real do traballo dos ENDL que estes dous portais virtuis comentados aquí. Se por unha banda a CGENDL se ve na necesidade de renovar o seu web de presentación pola enorme cantidade de contidos que nos ofrece, por outro lado a imaxe da política lingüística que desenvolve a Xunta de Galicia queda perfectamente retratada aquí abaixo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario