Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 2 de setembro de 2013

O verdadeiro bilingüismo

por Xoán Antón Pérez Lema no xornal El Correo Gallego:

TEMOS QUE LEMBRAR seguido, no que atinxe á lingua, feitos evidentes e innegábeis. Como que o galego é a lingua propia de Galicia e dunha importante-e aínda maioritaría- parte da súa cidadanía. E, ademáis, a lingua oficial deste País, canda o castelán, na que teoricamente pódese desenvolver calquera actividade oficial e/ou privada e que entende todo o mundo en Galicia, falan e len case todos e escrebe xa unha ampla maioría. A maior abastanza, o galego e o portugués pertencen ao mesmo tronco lingüístico , o que garante na práctica unha plena comprensión dos 250 millóns de falantes desta lingua nos cinco continentes e convirte un galego verdadeiramente bilingúe que practique un bó inglés nun privilexiado europeo que manexará tres das máis faladas linguas do mundo.
Haberían abondar estes argumentos para que o sistema educativo garantise unha ampla aprendizaxe da nosa lingua, o que está lonxe da realidade hoxendía. Porque aos argumentos de integración social e comunitaria e de utilidade internacional súmanse os de utilidade interna. Neste senso, malia que resulte moi difícil pensar en profesionais do servizo público (policías, bombeiros, médicos, funcionarios) descoñecedores da lingua,semella que podemos chegar ir por ese camiño.
Non faltan as supostas organizacións pro-bilingüismo que reivindican na práctica o dereito á ignorancia. É dicir, a vivir na Galicia como si vivisen en Murcia ou Cantabria. A se manter á marxe absoluta da lingua propia do País. A pechar as súas crianzas nunha burbulla que impida calquera contaminación lingüística allea ao castelán, como si o galego fose luxar a súa intelixencia, no canto de alargala.
A opción "non quero aprender galego de xeito ningún" habería conlevar un reproche social canto aos valores cívicos dunha cidadanía democrática e sería impensábel noutro Estado europeo con dúas linguas oficiais. Velaí o verdadeiro bilingüismo que, por certo, só practicamos na Galicia os que coñecemos e usamos o galego

Ningún comentario:

Publicar un comentario