“Fáltanme anos e perspectiva para definir o meu estilo”, declarou Berta Dávila, a gañadora do último Premio Repsol de Narrativa Breve tras lle preguntaren pola súa obra. Gustei moito das palabras da autora de Raíz da fenda, un poemario que nos revolve, que provoca mil e unha identificacións, que consegue non deixar indiferente ninguén. Son palabras modestas para quen conseguiu unha reedición case inmediata do seu libro, obra de quen sabe que somos un proceso en construción e que cos anos só podemos mellorar. Máis ben que debemos mellorar, esa é a nosa obriga. Esa era a obriga tamén de Xosé Ramón Freixeiro Mato cando decidiu abordar a tarefa de escribir a primeira estilística da lingua galega. E abofé que cumpriu. Berta Dávila non só nos sorprende coas súas palabras, cos seus versos, como o fará coa súa prosa, senón que o fai tamén coa súa maneira de se introducir neste mundo e de se sentir parte dunha perspectiva e dunha cadea. Os meus parabéns para unha obra que Xosé Ramón Freixeiro Mato terá que incluír no seu volume, cando chegue a reedición, porque un grande acerto da Estilística da lingua galega é a unión de textos clásicos e contemporáneos, todos a formaren parte do mesmo volume, da mesma hucha, da mesma gabeta onde irmos tirar. Mais tamén porque hai concomitancias entre algúns dos significados que se esconden baixo o concepto “estilo” e as palabras de Berta Dávila:
Porque somos as fillas dunha lingua durae forte, como a améndoa, e por iso inventamostantos nomes para convocar a fenda.
“Fáltanme anos e perspectiva para definir o meu estilo”. Anos ... de duro traballo e de moito compromiso coa necesidade de transmitir coñecemento lingüístico.... e perspectiva é o que non lle falta a Xosé Ramón Freixeiro Mato, un autor infatigábel, constante, que sei que xulga esta obra como o remate dunha etapa. Despois dunha monumental dedicación á tarefa de nos dotarmos dunha extraordinaria gramática, a escolla de se debruzar nesta obra -cuxa lectura debería ser obrigatoria para todas as galegas e os galegos de nación- significa un paso de madurez e de defensa dun xeito de se achegar á nosa lingua que partillamos desde a UDC, desde a “escola coruñesa”.
A Estilística da lingua galega ofrece un abano moi amplo de lecturas. Entre todas elas, a de maior interese é a de apostar polo goce estético, pola procura da creatividade. Velaquí un aspecto que lle falta a nosa lingua por explotar, aínda que hai algunha xente traballando nel, en clubs de lectura, en programas de dinamización, en obradoiros de escrita.... Gozar, procurar a túa maneira de expresarte, sentirte ben con ela, saber que é iso e desa maneira o que querías dicir e como, ter unha seguranza lingüística creadora.
A segunda contribución, de tanto interese como a primeira (quizais deberan ir á par, mais eu prefiro que esta figure en segundo lugar), é a de pór en relación o que se fai e o que está por facer..., ese sentírmonos parte dunha cadea, dunha serie de chanzos que temos que completar até o infinito. A lingua literaria galega contemporánea, con algúns exemplos medievais, mais fundamentalmente con citacións decimonónicas, do século XX e do XXI, esa construción -difícil, lenta, laboriosa- de onde saímos. E na análise desta tradición, Xosé Ramón Freixeiro non foxe de reparar no esforzo feito por autores e autoras que en ocasións fixeron un uso non gramatical de determinados fenómenos, pois ás veces retorceron e dificultaron a lectura xustamente por teren unha vontade de procura que non podemos perder. Iso pasou, por darmos algúns exemplos ben significativos, co futuro de subxuntivo ou coa interpolación pronominal.
Porque se todas as persoas temos ben claro iso de que para falar ben unha lingua primeiro hai que falala mal, tamén para escribila ben hai que escribila mal e, sobre todo, para conseguirmos un modelo común que recupere tantos fenómenos que ficaron no camiño (tamén por populares e orais, non só por pertenceren a un modelo de lingua culta en que non tiña cabida o uso do galego) precisamos bater con eses retorcementos, con esas posibilidades. É mellor construíren mal alumnos e alumnas unha frase con infinitivo flexionado, polo seu abuso, que non non usalo nunca. A condescendencia cos españolismos camiña á beira coa estigmatización do esforzo de quen quere mellorar e peneirar. Existe un preconcepto que converte certas persoas en censoras, sempre co bolígrafo na man, sempre dispostas a borraren palabras e a afearen os discursos. Que sería de nós sen os escritos da etapa das Irmandades, a procurar o xenio da lingua, mesmo para se equivocaren..., e rectificaren? Tamén a partir do popular, como non?, mais non só.
Hai uns cantos anos era común afirmar que a lingua estaba aí, raspabas e estaba, entre persoas galegofalantes e as que non tiñan o galego como primeira lingua mais si nos seus arredores. Todo o mundo -agás excepcións localizadas territorialmente ou familiarmente- tiña acento, entoación, o vocalismo característico galego, o “n” velar... Hoxe iso desaparece a un ritmo máis que acelerado, e aínda que sexa urxente loitarmos contra esa perda -contra a política lingüística que se está a desenvolver- temos unha importantísima base literaria para un coñecemento literario rigoroso, sobre o que Freixeiro xa fixo un traballo previo para nós.
Reclamamos unha e outra vez a necesidade de recuperar a nosa historia, mesmo lle dedicamos un ano á memoria histórica, á memoria histórica recente. Porén, existe un pouso moi pequeno na recuperación lingüística desde a literatura, sobre todo, desde a máis actual, a máis próxima, a máis viva. O estudo literario tende a afastarse, a procurar esa Idade de Ouro de que tamén falou Freixeiro, e a esquecer a contemporaneidade máis recente. A arte do esquecemento, tan frecuente na política, na vida, na literatura, na ciencia, neste ser humano que pensa que comeza unha e outra vez, é letal para nos.
A Estilística da lingua galega pon á nosa disposición unha serie de variantes e a súa valoración, algo que non todo o mundo pode abordar, algo que precisa dun fino observador da realidade lingüística. Xosé Ramón Freixeiro Mato parte do apego á realidade e a dedicar horas ao contacto directo con ela, aos dous tipos de contacto máis importantes, o da xente que nos rodea e o dos libros. Toda a súa obra acolle a lingua popular, a lingua literaria, nunha especial unión coa figura de Dieste: lingua popular e mais premeditación, dúas necesidades básicas. Velaquí un traballo de investigación para o futuro. A influencia de Rafael Dieste nas ideas sobre a lingua defendidas por Xosé Ramón Freixeiro Mato.
Unha das fortalezas da lingua está en usala coñecéndoa, sabendo das súas variantes, en adaptala, en se recoñecer nela mais actualizala e incorporarlle novos elementos. Non é bo asistirmos hoxe á instalación sistemática dun único modelo de lingua, no dos anos 70, por exemplo (“coido que neste intre derradeiro non vou apañar o rubidoiro”...), no noso particular sistema dialectal, na incorporación como propia (lexitimamente) da gheada reivindicativa, sen poder empregar outro modelo nunca, a lingua da túa cidade, do teu grupo...
A lingua está para moverse e para se ampliar. Facela durar, conseguir a súa continuidade está nas antípodas de non se interrogar sobre ela, de non modificala, de aceptar acriticamente que isto sempre foi así (e a lingua sexista, e a racista, e o autoodio...).
Podiamos utilizar a metáfora dos incendios, o caso do Monte Pindo e a súa declaración de Parque Natural, unha exixencia que reclamamos non para se converter nun museo “natural” e velo desde unha pantalla “táctil” desde a nosa casa ou desde o centro de turismo que se habilite, senón para tripar nel, para o percorrer unha e outra vez. O mesmo acontece co territorio que o rodea, o dun concello ao que lle prohiben facer a concentración parcelaria, cando é vital darlle un uso agrícola ás súas terras. A literatura usada, durada, tamén aproveitada para o coñecemento lingüístico..., e de aí de novo á rúa.
Transformar non é imitar. Mais para transformar hai que coñecer..., hai que lle dar valor ao que fixemos ao longo da historia..., e ao que estamos a facer.
Miña nai, como todas as persoas, mudou ao longo dos anos de xeito de falar, de modelo de lingua. O seu mellor galego estivo nos inicios, na vida na aldea en que naceu e viviu durante unha etapa, e nos últimos anos que pasou entre nós, cando recuperou tantas formas esquecidas e incorporou outras por lembralas a través das persoas que a rodeaban. Aconteceu nela como en tantas outras mulleres sobre as que nada se investiga, como en tantas outras mulleres que naceron arredor da Guerra civil española, algunhas mestras que tiveron que renegar da lingua e agora volven a ela, len nela, e recuperan tanta memoria lingüística soterrada, sobre as que nada se pescuda. Porque miña nai incorporou a través das súas fillas e do seu coñecemento, recuperou da infancia e da falta de presión recibida noutros momentos para non usar un galego moi marcado. Non precisamos falar do cambio de lingua, do uso do español, senón desa obrigada construción dun modelo de galego máis españolizado, máis doado para os ouvidos da xente da vila, afastado de construcións e dun léxico que ficaba na aldea..., ou na literatura de que ela bebeu a través de nós (podemos, debemos, unir mundos). Porque coas nais sempre se discute sobre como falar, que dicir, que é adecuado ou non, como recibes as palabras que se dirixen a ti... As formas, os procedementos, a propia lingua, a propia política.
As nais daquel tempo andaban a construír a linguaque habían de manter en nós
-por vontade delas propias, aínda que quizais ao seu pesar.
Xulgaban que era preciso seguir o ronsel marcadomentres lavaban os nosos ollos con macelae renunciaban... e renunciaban... e renunciaban.
Mais o noso estrañamento atravesou os cristais das xanelas
-tamén os do número 42 das casas reais, e tantos outros-,e decidimos subir os sentires en crequenas,
para non facer ruído,
até acharvos, de novo, alí, a agardardes tranquilamente o voso
[tempo de arcos da vella con roseiras nas olladas.
Chegou o momento de recoller as noutroras pegadas da memoria.Eis o único dote posíbel.Tirar as vincas dos frascos antigos e deixar neste espazo a túa presenzapara me non falares máisdas distancias desta lingua que nos une.
Nese traballo por facer, está o dunha estilística da lingua galega desde unha perspectiva sociolingüística. Xosé Ramón Freixeiro Mato ten a encomenda de comezar unha tarefa a que todas as persoas podemos contribuír.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
martes, 24 de setembro de 2013
A vontade de procura de estilo, alicerce dunha lingua normalizada
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario