por Xosé González Martínez en Mundiario:
O dicionario galego define a argallada como unha mentira dita a mantenta co único obxectivo de conseguir un beneficio persoal por procedementos espúreos. Esta definición é a que mellor lle acae a un cidadán ourensán que quixo eludir unha sanción de tráfico por estacionar en zona limitada debidamente sinalizada: “Prohibido aparcar. Agás carga e descarga”. No seu recurso perante o xulgado do contencioso-administrativo núm. 1 de Ourense argalla a súa defensa alegando descoñecer o sginificado da preposición “agás”. O texto íntegro da sentenza podese ler en www.galeguizargalicia.com.
Don Francisco de Cominges, titular do xulgado resolveu o caso ditando unha sentenza impecable, abondosa en sólidos razoamentos xurídicos nos que pon de manifesto as potestades dos concellos para utilizaren a lingua galega en todos os ámbitos da vida social, incluída a da sinalética en espazos públicos. Amais de desmontarlles as súas argalladas para buscar amparo e protección da xustiza con tal de eludir o pagamento da multa, o propio demandante nun alarde de hipocresía recoñeceu que cursou e superou a materia de galego na súa etapa formativa.
A argallada do descoñecemento de termos léxicos para atopar amparo xudicial vén sendo moi utilizada sempre que a sentenza estea escrita en lingua galega. Que eu saiba nunca se recorreu unha sentenza redactada en castelán por descoñecemento da terminoloxía empregada, nas que é moi común o estilo farragoso con períodos sintácticos longuísimos, sen puntos nin comas, inzadas de locucións latinas.
Sendo José Luís Alvés, xa falecido, maxistrado-xuíz en Vigo, tivo que resolver un caso civil por mor dun desafiuzamento. O avogado que perdeu o preito non desaproveitou a ocasión para recorrer a sentenza alegando indefensión xurídica por mor do termo “desafiuzamento” que el non entendía. Loxicamente esta argallada non lle valeu para conseguir as súas pretensións. No auto de desestimación o xuíz foi severo con aquel letrado.
Informado deste incidente procesual, días despois eu escribín un artigo recordándolle ao letrado que en 1976 escribirá na sección de “Cartas o director” da revista Teima o seguinte texto alentando a aparición dunha publicación editada íntegramente en galego: “Calquera ouservador de historia dos homes sabe que a forza dos pobos é imparable. Hai constantes históricas de identidade, de autocoñecemento, de dignidade, de esixencias sociais mínimas que veñen arriba por máis que se trate de afundilas.Quenes tentan de parar estes fenómenos vense superados polas innumerables realidades que os empuxan hastra vencelo.Señor director: non pode vostede iñoralo. Moitos atrancos agardan no camiño, moitos máis dos que nós coidamos, pero teñen que vencerse”.
No canto de felicitar ao xuíz polo uso da lingua galega na actividade xudical, como fixera co director da revista, o avogado preferíu poñerlle atrancos á normalización lin güística do órgano xurisdicional. O mesmo que fixo agora o funcionario do Concello de Ourense. As argalladas cando son esgrimidas burdamente son merecerentes da reprobación social. Polo de pronto, o maxistrado-xuíz don Francisco de Cominges, a quen lle damos os parabéns, invocando dereito impartíu xustiza cunha sentenza que fai patria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario