por Valentina Formoso nas Voces de Prolingua:
Dime, hija, hija mía lozana...No remate dun verán máis no que nais e pais falaron do moito tempo sen escola que teñen os rapaces e rapazas, do número de cadernos que fixeron para repasar (obviamente de “lengua” (castelá), de inglés e de matemáticas, quedando a nosa lingua maioritariamente excluída tamén dos deberes de verán), xa toca empezar co tema do novo curso académico e dos libros de texto.Nas vésperas de comezar o novo curso, un máis a sumar no proceso de desgaleguización do que vimos dando conta nestas Voces, non pensen, lectores e lectoras, que o tema deste artigo vai versar sobre os libros que a sociedade do futuro ten que engulir en inglés para aprender algo sobre o toxo -cada vez máis queimado- dos nosos montes. Este plurilingüismo, mal entendido e mal enfocado, xa claramente plasmado noutra “voz” por Mercedes Queixas, véndeselle ás familias como a panacea dunha modernidade que, na realidade, encobre o desleixo pola lingua propia de Galicia e pola súa promoción e normalización. Disto, máis ou menos, xa estamos ao tanto. Pero escápansenos detalles que, se cadra, por non viren orquestrados en Decretos, non lle damos a importancia que teñen, pero que -non fondo- teñen a intención de reducir a nosa cultura, non só ao tamaño bonsai, senón ao de gañota, despois de cortala polo pé.Volvamos aos libros de texto. Nun deles, o de Lingua castelá e literatura de 2º ESO da editorial SM, hai un bo exemplo destes intentos. Na páxina 128 (unidade 6) fálase do xénero lírico e os e as discentes que traballan con este material, teñen unha mostra de como se tratou o amor na poesía nas diferentes épocas da literatura (castelá). O primeiro texto, pertencente á Idade Media, está tirado, segundo reza no pé, dunha “Antología de la poesía medieval” da editorial Ágora. E de que poema da “poesía medieval española” pensades que se trata? Pois un que empeza: “Dime, hija, hija mía lozana...”, que vén sendo a tradución da famosa cantiga de amigo escrita en galego-portugués (dato que non se cita en ningures, por suposto):
Digades filla, mia filla belidapor que tardastes na fontana fríaOs amores hei...
Mais o que o alumnado pode ver e ler é:
Dime, hija, hija mía lozanapor que tardaste en la fría fuente?Amores tengo-Tardé madre en la fuente fríaporque los ciervos del monte el agua revolvíanAmores tengoTardé madre mía en la fría fuenteporque los ciervos del monte revolvía el aguaAmores tengo-Mientes, hija mía, mientes por tu amigoNunca viu un ciervo que revolviese el ríoAmores tengo
Ademais de presentaren estes versos sen ritmo nin rima, os mesmo que montaron o escándalo pola cita do artigo 5.1 do noso Estatuto ... argumentarán que este é un libro dunha editorial estatal que tanto se vende en Murcia, en Salamanca ou na Coruña e que teñen que “entendelo”... O que non escoitei aínda foi a explicación que lle dan a que aínda neste curso que pasou se lles ensinase aos estudantes de secundaria que as cantigas galego-portuguesas e as jarchas formaban parte da literatura castelá medieval,.... E que o peor deste intento de usurpación da nosa brillante lírica medieval non é que nun libro apareza unha cantiga traducida, senón que o profesorado de castelán en Galicia explique, ratifique e reafirme tal cantiga “medieval castellana” diante do alumnado... A este paso aínda teremos que escoitar que a que aparece no libro de “gallego” é tradución, ou unha copia, da de castelán...Ao lado dunha política lingüística autonómica que está triunfando no intento de arrincar o galego desde as escolas infantís ata o bacharelato, hai outras políticas máis “sibilinas” pero que cumpren a mesma función des-normalizadora para a cultura galega en xeral e para a lingua en particular. A intención é arrasar, pero con menos fume ca o que botan os montes, de aí que cause menos estupor social, mais mostra o nulo interese polo patrimonio propio: histórico, cultural, lingüístico e ecolóxico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario