Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 8 de setembro de 2013

Emanciparnos na fala

por Xosé Lois García no Sermos Galiza:


Teño un presentimento emocional sobre o galego. A nosa fala continuará emancipando as raiceiras do noso espírito libre que ela inzou e nos ordenou en seu seo e nos pariu. E despois nos aleitou no medio hostil do ruralismo, no que nos conformou comunidade ampliada no común dunha conformidade singular, na que se entronizaron as esencias que orixinaron unha individualidade antropolóxica común, onde a fala se converteu na expresión mais lexíbel dunha comunidade estábel que veu a naturalizar a nosa nación. A propósito, non falamos de atributos ou de subxacencias formativas que emerxeron dunha antropoloxía que confirmou o estar no ser.
A nosa fala é o elemento protector doutras expresión dinámicas que agrandan o contexto xeográfico (en tódolos seus matices e accidentes onde ela se enclavou e perfeccionou). Na formación de cada unha destas expresións, xorden gurgullóns e xermolos de nación fecunda e libre, dunha cultura que se manifesta nese ser tan individualizado que conforma o corpo único no que nos recoñecemos como nación e que foi capaz de vencer tódalas hostilidades externas.
A fala non só emite esas diferencias que a antropoloxía humana e social codifican dun grupo determinado ou de comportamentos sociais emanados dese corpo diversificado e cun marco propio, distinto aos que o rodean. Neste mosaico nacional, está a fala como pulmón vehicular de cada unha das células dese corpo nacional e de tódalas súas continxencias. Nelas confórmanse os matices da nosa personalidade comunal. Nela exprésanse os valores e as contundencias emancipadoras desa antropoloxía que advirte ao foráneo, ao outro, ao diferente, da autodeterminación absoluta e homoxénea, dentro dun concerto único que concentra esa riqueza que a fala acumulou todo o que nela se fixo servir a experiencia humana, dando nome ás cousas e topónimos exactos á aos accidentes da nosa xeografía.
En cada goteo expresivo e semántico que a fala concentra e determina, podemos sentir un universo sen lindes, endexamais descoñecido, porque é a fala a que nos naturalizou e nos colocou en cimentos fixos. Por tanto, estamos nun contexto orixinal, dicir fala é dicir nación. Se a fala evoluciona a nación persiste en agrandar as súas atribucións dentro do seu contexto natural. Se a fala entra en decadencia, compre falar dunha sociedade con certas doenzas, carencias e falta de estímulos por parte dunha sociedade enferma ou manipulada por grupos interesados en asfixiar, desprotexer e desmembrar tódolos concertos no que se fundamenta a nación, comezando pola fala. A isto chamamos colonialismo, que no caso galego expresa dúas temporalidades ben diferentes.
A primeira delas foi pola intervención dun Estado foráneo, o de Castela; tanto no ámbito político como eclesial, introducindo outro idioma, o castelán, que pese a todo foi incapaz de transbordar toda a súa diferencial e atípica en Galiza. Incapaz de procesar toda esa continxencia e incontinencia que se aborda dun ser e dun corpo tan compacto como é a nosa fala, espallada por imperativo totalitario e que resultou impenetrábel no universo rural galego que non sucumbiu aos parapetos de alienación e domesticación tendidos polo Estado castelán e mais tarde retribuídos co nome de Estado español.
A nosa fala foi o mais poderoso continxente de frear a prevista intervención do idioma castelán, e os que penetraron politicamente conformáronse con crear guetos en cidades e vilas (centros urbanos), concedendo privilexios ás descastadas xerarquías que posuían o poder burocrático de foros e prebendas. Unha caste pechada e dependente do Estado político e clerical: máxima referencia no dominio estatalista sobre as clases subalternas, representadas pola nobreza e a fidalguía que, tamén, foron a ponte de filtración da fala castelá, desde os Reis Católicos e de todo o lixo que trouxeron e foron agrandando as monarquías dos Austrias e dos Borbóns, cada unha delas coas súas tácticas e matices de opresión ben diferentes. Mais os dons expresivos do corpo antropolóxico non cederon e a fala ficou partillada, simplificada por esa nobreza e burguesía urbana, incipiente e virada cara aos intereses de Castela, coas referencias introducidas polo poder en Galiza. Mais o medio rural lexitimou a súa fala con ousadía e permeabilidade.
A segunda fase colonialista de agresión contra a nosa fala verifícase nos tránsitos do Antigo Réxime e nas conxuras liberais contra a diversidade antropolóxica asentada nas extensas xeografías que compoñen a península Ibérica, connotadas na diversidade das falas.
As administracións estatais utilizaron tácticas expansivas aferrándose ao “oficialismo” do castelán en documentos escritos e transferindo a fala dos funcionarios aos seus súbditos do rural, onde a idiosincrasia da fala galega era un enorme muro contra calquera agresión foránea que modificase a súa fala orixinaria.
As estratexias agresivas e violentas do poder omnímodo e colonial que se disfrazou no indebido termo “centralista”. As fórmulas conspirativas formuladas e expresadas en Galiza, contra os antecedentes dese corpo antropolóxico que conformou a nosa fala e ofrece hoxe unha neboenta ausencia nos medios de comunicación en castelán, e dunha maneira pérfida subvenciónanse polo nacionalismo español e mesmo pola Xunta de Galicia.
Este tipo de colonialismo domina e promociona uns medios de comunicación cuxas mensaxes españolistas chegan aos lugares mais remotos de Galiza, interferindo e modificando esa fala e eses modelos orixinados por ese corpo antropolóxico do que falamos. Esta introducción de valores alleos á nosa realidade non se fai dunha maneira inocente, senón que obedece a un formato integrista do españolismo, con adeptos nativos en todo Galiza que desde os seus postos de mando ou de submisión, intensifican desproporcionados modelos de integración cara a un perfil de ensino colonial único, no que se aplica un cambio de rol agresivo contra os docentes, consignado pola administración de ensino da Xunta. Unha administración transmisora e executora dos dictámenes de Madrid. Incluso a administración autonómica galega formula informes e suxestións para estrangular todo aquilo que constate nación como é o idioma.
O planeamento mais puntual de combater ese espolio da nosa identidade, precisa de abrir un amplo debate ideolóxico e unitario, do lado galego, contando con forzas de continxencia e capaces de non sucumbir ás confabulacións, contradiccións e dispersións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario