por Ana Pontón, no Sermos Galiza:
Son unha nena de aldea. Na miña casa falábase galego. Era o normal. Na escola, na igrexa, no médico falábase en español. Dicían que era normal, mais para min había algo que non encaixaba. Inxenuamente pensaba: “se somos galegos, por que non falamos a nosa lingua?” Lembro a confusión que me xeraba escoitar que o galego era unha lingua “bruta”, “un atraso”, que “non valía para nada”. Tardei en comprender a situación. Eu, como tantas nenas e nenos, vivín en carne propia a represión e o menosprezo cara o galego (“a mí háblame bien, háblame en castellano!”). Era a época dourada do bilingüismo harmónico. Fálase moito do acoso escolar, mais é clamoroso o desamparo ante este tipo de discriminacións, que lamentabelmente non forman parte do pasado. A liberdade de elección é unha quimera para moitos galegos e galegas.
É certo que houbo mudanzas no terreo legal, mais tamén é verdade que foron insuficientes, que perviven prexuízos e marxinación para a nosa lingua. A normalización é aínda labor pendente. Vivir en galego na Galiza é tarefa heroica, imposíbel. Mais hai quen teimudamente insiste en inverter a realidade e sementa a falsa idea de que o español está perigo. O obxectivo da mentira é claro: só pretenden manter a subordinación, discriminación e exclusión do galego. O mesmo transfundo de todos aqueles que pregoan, desde as súas privilexiadas e subvencionadas atalaias mediáticas, que o que precisa o galego é deixalo en paz! En realidade, o que queren dicir é “deixade morrer en paz ao galego!. Esconden a súa ideoloxía nunha falsa neutralidade. É unha vella táctica do poder e dos poderosos.
O galego é unha cuestión política de primeira orde. Fixádevos senón no interese do PP por combater a normalización de vasco, catalán ou galego. Nós fomos campo de probas do exterminio. Os resultados son demoledores. A verdade, estou pensando claramente en apuntarme á teoría da liberdade de elección. Pregúntome como farán as autoridades públicas para garantir que toda a oferta cultural, televisiva, radiofónica ou editorial se faga en igualdade de condicións para o galego e o castelán! Reprobarán aos xuíces que se negan a empregar o galego? Derrogarán a norma que impón que toda a sinaléctica de tráfico estea en Español? Ergueran a súa voz contra a norma que impón para a etiquetaxe ou o comercio o uso do español? Garantirán que o galego ocupe no ensino espazo idéntico ao castelán?
Honestamente é ben triste o que pasa co galego. Penso moitas veces en como me sentín de pícara. Cavilo en cantos nenos e nenas, adolescentes ou adultos, se sentirán raros ou avergoñados por usar a nosa lingua propia. Indígnome cando o Goberno Galego se converte nun instrumento ao servizo da marxinación do galego. Sinto auténtica repulsión cando leo ao Jesús Vazquez afirmar que as persoas que defenden o galego “están fora da legalidade”, “non son demócratas” e “apoian o terrorismo”. É evidente que o Conselleiro de Educación hai tempo que perdeu a vergoña. Descoñezo se tivo decencia nalgún momento. Supoño, que para Feijóo, isto tamén “é un chiste”. Rir por non chorar!
Porén, non perdo a esperanza e acredito na conciencia de milleiros de galegas e galegos que defenden, loitan e aman ao galego. A lingua precisa de apoio e recuperación de usos e espazos sociais. O seu devir non depende en exclusiva da actuación dos gobernos, mais todos e todas sabemos que estas inflúen decisivamente. Sábeo ben o PP, por iso aplica con saña a súa política de exclusión e marxinación. Mais como dicía Castelao “son uns imperialistas fracasados” e a todos os que proclaman que abandonemos a defensa do idioma dígolles, que non conten comigo para formar parte dos que pregoan o “silencio dos cemiterios” para o galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario