Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 20 de abril de 2016

30 anos da Mesa pola Normalización

En abril de 1986, a AELG, AS-PG, Federación de AA. Culturais Galegas e co apoio da Associaçom Galega da Língua convocouse un “Encontro sobre o estado actual da normalización lingüística” que reuniu a case 500 asistentes. Entre as resolucións finais, acordouse constituír unha Mesa para a Normalización Lingüística que se encargase de poñer en práctica as conclusións daquel encontro.
Algúns puntos das propostas para o ensino eran estes:
I) Qué no próximo curso se imparta, como mínimo, o 25% de todo o ensino en galego; nos centros en que este obxectivo estéxa logrado, o novo obxectivo será, para o vindeiro curso, o 50%. Nestas procentaxes non se inclue, claro está, a asignatura de Língua e Literatura Galega.
II) Que o idioma de toda, absolutamente toda, a Administración educativa en Galiza, sexa o galego en exclusividade
III) Formación de equipos en todos os Centros que dinamicen e apoien o proceso normalizador; recoñecimento a efeitos laborais das horas ocupadas neste labor. Supresión do actual sistema de cursiños de galego que constituen unha rede caciquil máis preocupada en implantar a política lingüística da Xunta que en capacitar seriamente aos asistentes e incorporá-los á prática galega.
VII) Aumento da calidade e cantidade do material didáctico en galego sen discriminacións editoriais, ideolóxicas ou normativas. Promoción e introdución de material didáctico portugués para subsanar as caréncias que actualmente hai e por ser unha garantia de protección da nosa prática lingüística.
VIII) Galeguización do curriculum; que as disciplinas de Xeografia e Historia se fagan desde unha óptica galega non dependentes nen inmersas no ámbito español.
De total actualidade, non?
A principios deste mes A Mesa celebrou este aniversario. Con este motivo, o presidente da asociación, Marcos Maceira foi entrevistado no programa Área Pública da TVG.
Este pasado luns, o anterior presidente da Mesa, Carlos Callón, adicou o seu vídeo semanal tamén a este tema.
Nestes tempos, nos que a lingua e os seus falantes, estamos sofrindo un redobrado ataque, son moi necesarias todas as asociacións de defensa da lingua. Por iso, á pioneira, parabéns neste aniversario. Espero volverllo a dar cando cumpra o medio século, e agardo que daquela a situación do galego sexa mellor que a actual.

P.S.: “Os avanzos para o galego nestes 30 anos lográronse grazas ao compromiso da sociedade co seu idioma”, entrevista a Marcos Maceiras no Sermos Galiza

Ningún comentario:

Publicar un comentario