Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 3 de abril de 2016

Abril de libros

por David Otero, no Galicia Hoxe:

Non hai dúbida de que todos os meses de todos os anos serán de libros. Pero abril éo de maneira especial en dous días. Por unha parte o dous sendo o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL e pola outro o vintetrés DÍA MUNDIAL DO LIBRO. Dous días aos que lles aplicar maiores tons, fermosos gustares e saberes enormes, no andar marabilloso das lecturas polos soportes de non pasar endexamáis os tempos que son os libros. Velaí pois que neses obxectos tan feitos nosos aos que lle chamamos libros, neles, podemos vivir actividades de altas voltaxes, ben doces ou ben amarguechas por veces, chamadas lecturas (verdadeiros exercícios dos pensamentos) e así podernos sentir vivos en moreas de mundos inmedibles ou pequeniños, sempre amorosos, elásticos, que nos axudarán a facer máis sensible, sostible e habitable, este noso cheo de pobos con culturas e linguas de seu.

Os libros materializan soportes necesarios para neles activar lecturas desexadas nas propostas creativas, afectivas, das nosas escritoras e dos nosos escritores. Velaí pois os libros como valores de uso que nos agardan sempre para que nós nos poñamos con eles de camiño (a por múltiples universos) e así nas ilusións, nas meluras das fantasías, a lecturas de a toda pastilla, activas e activadas, creativas, nos afirmemos lectoras e lectores desde a nosa cultura e lingua para chegar ás outras dos demáis pobos establecendo abrazos amorosos de igualdade que proclamen universalidade. Velaí pois como cos libros, na lectura, a intuición faise posible.
Botámoslle unhas lecturas? Veña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario