O 20 de maio do 1936, o xornal El Compostelano publicaba varias noticias sobre o Seminario de Estudos Galegos. Entre todas elas destacaba unha pola súa significación para a normalización da nosa lingua. Tratábase da presentación ante o Seminario dun libro de iniciación á astronomía titulado "Astronomía a ollo ceibe", o primeiro texto de divulgación científica en galego.
Daquela estábase comezando a entender a importancia e a necesidade do emprego do galego en todo tipo de ámbitos, e o autor do escrito, o párroco lalinense D. Ramón Mª Aller Ulloa, enxergábase como un dos precursores deste movemento normalizador. Porén, dous meses despois, o golpe de estado frustraría esta iniciativa. Nunca se acharía o volume orixinal.Habería que esperar ao ano 1948 para que, a instancias doutro matemático, amigo e discípulo de Aller, Enrique Vidal Abascal, se publicase, agora en castelán, "Astronomía a simple vista". Ao repasarmos as datas dos exemplos das observacións desta edición (un observatorio solar caseiro no 1939, a elaboración dun mapa estelar deste mesmo ano, unha estrela fugaz no 1931 ou a construción dun observatorio por 0,5 pesetas no 1920) todo nos fai pensar que este libro non é outro que o que Aller ofrecera ao Seminario a década anterior.Neste contexto é de agradecer a iniciativa da publicación do libro "Astronomía a ollo ceibe", presentada estes días coincidindo co 50 aniversario do falecemento do astrónomo de Lalín. O proxecto, coordinado polo director do observatorio da USC, Ángel Docobo, foi sustentado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) e a Editorial da USC. O traballo de tradución, eu máis ben diría que de restauración, da publicación de 1948, realizouno Celia Rozas, quen tivo a sensibilidade e o bo criterio de recuperar o título orixinal do libro.Como en moitas outras ocasións, puidemos comprobar como nun campo de flores comezana inzar os toxos. Poñámonos a arrincalos antes de que a eira se poña a monte.Non vou ser eu quen lle explique aos responsables da Consellería de Educación cando a palabra pobo é un castelanismo, prefiro que o fagan os alumnos dun instituto de Rianxo. Por ser quen son os autores, o feito de que na nota de prensa emitida pola Consellería se cometa este erro é significativo. Denota un desleixo imperdoable. Con todo, é o menor dos agravios cometidos arredor dese acto. Que unha Consellería de Educación ou unha SXPL, que promulgan un decreto que prohibe o uso do galego nas materias científicas, queiran retratarse como facilitadoras da nova publicación do volume de Aller é unha contradición nada menor. A utilidade principal do libro está precisamente no seu uso nas clases de física e matemáticas. Entón, cal é a mensaxe que nos transmite a Administración? Que debemos facer os profesores destas materias? Ir á procura da versión publicada en plena ditadura? Se lle facemos caso ao decreto 79/2010, a resposta a esta última cuestión tería que ser afirmativa.De sermos respectuosos coa memoria, a cerna da presentación da edición en galego do libro de Aller debería ter sido o que non foi: un acto de desagravio no que, xunto con D. Ramón, se honrara a todos os que coma el, estaban comprometidos nun incipiente proceso de normalización esnaquizado pola guerra, a ditadura e os seus epígonos. No entanto, nas notas de prensa oficiais só se informa que se trata dunha tradución do libro "Astronomía a simple vista". Ao silenciárense as razóns que levaron a que o libro orixinal, e en galego, non se publicara, estase reescribindo a historia e ocultando e adozando a férrea vocación aniquiladora de todo o que arrecendera a galego levada a cabo durante o franquismo (e non só).O máis insoportable de todo é que aínda temos que escoitar na voz do conselleiro de educación, Román Rodríguez, as gabanzas a D. Ramón como "precursor do uso do galego no eido científico". Non podemos ver nesta estridencia outra cousa que as mesmas razóns que sustentan o silencio ao que se facía referencia no parágrafo anterior. Hai unha cadea que engarza a censura do enorme dano á lingua que supuxo a ditadura coa xustificación dunha política lingüística, a actual, agresiva e redutora co galego. Velaí onde reside o exacto sentido da seguinte afirmación: o decreto de plurilingüismo é unha lei de fondas raíces franquistas.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
martes, 5 de abril de 2016
Toxos e flores na presentación de "Astronomía a ollo ceibe"
Velaquí unha cousa que escribín para as Voces de ProLingua;
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario