http://www.hoxe.es/
Cooperativa HOXE é unha sociedade creada alá polos anos 70 por un grupo de gandeiros e labregos que tiñan como fin común facer rendibles as súas explotacións gandeiras familiares.
Como o seu nome indica, en COOPERATIVA CRIADORES DE GANDO SELECTO E COMERCIALIZACIÓN DE PRODUTOS AGRARIOS “HOXE”, eran moitos os camiños que se tentaban emprender e así tamén foron moitos os atrancos que se atoparon nos primeiros anos de vida, empezando pola escolla do propio nome. Pódese dicir que o nome de HOXE foi acordado logo de que se reunisen en asemblea xeral tres veces e non fosen quen de poñerse de acordo sobre cal era o máis axeitado. Polo tanto decidiron que de “HOXE” non pasa, e así quedou o de HOXE.Empezaron querendo ser tan diferentes que decidiron facer un queixo ruso Yaroslavl, queixo duro e salgado. Ese queixo é totalmente diferente dos galegos tradicionais, brandos e cremosos, e pronto chegaría a liorta entre os socios debido a que os números non daban porque non eran quen de comercializalo, e acabouse estragando antes de vendelo.Logo desta bancarrota, chegaría a segunda etapa da cooperativa, con moitos menos socios, que levantaron as débedas pouco a pouco, e foron facéndose un oco no mercado ó longo de moitos anos de loita porque as débedas deixaran moita ferida na economía da cooperativa.Canto ó uso do galego na cooperativa, isto veu nunha etapa máis recente; pero recente chámolle a hai polo menos 20 anos. E quizais fun eu o cabecilla desta teima, como sinal de identidade e orixe galega dos nosos queixos.Xa tiña o nome da empresa en galego, xa tiñamos marcas con nomes galegos como HOXE, NENO, DEZA, e todo o demais non deixou de ser un reforzo da identidade que xa tiñamos.Tampouco podería ser doutra maneira, porque os nosos gandeiros falan en galego, os traballadores falamos en galego, e cando vexo unha vaca da HOXE paréceme que tamén pensa en galego.Polo tanto para nós é moi doado o uso do galego na empresa: dános orixe, dános identidade e por encima vende, segundo pensamos nós.Nunca tivemos nin unha soa queixa dos nosos consumidores pola utilización do galego; todo o contrario, os consumidores en xeral, aínda non sendo de aquí, entenden que usar o galego dálles unha ORIXE ós nosos queixos.Ás nosas marcas galegas de antano HOXE, DEZA, NENO uníronse outras novas como A QUEIXEIRA, LENDAS DO DEZA, CREMOSIÑO NAI, PRIORATO DE CARBOEIRO, NABICIÑA HOXE, etc. todas con denominación en galego.Na actualidade vendemos a meirande parte do noso queixo nas superficies galegas e tamén en tendas tradicionais. Fóra de Galicia vendemos un pouco en grandes cidades como Madrid, Barcelona e outras, onde os galegos deixaron a súa cultura do bo comer. Tampouco alí tivemos nunca problemas co idioma.
Ningún comentario:
Publicar un comentario