Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 14 de febreiro de 2017

Un programa de Radio Abrente

Onte foi o Día mundial da radio, o mellor momento para compartir estre programa radiofónico realizada polo alumnado do Colexio Abrente (Sanxenxo). Normal que a serie de programas de radio que realizan se chame Radio Abrente.
Teño a seguridade de que todo aquel que non se puxera a sacar adiante un programa de radio escolar, non é quen de imaxinar o traballo que ten que haber detrás. Preparación e mantemento dunha sala de gravación, elaboración dos contidos, a procura de momentos e persoas para entrevistar,  a escolma de cortes musicais, o proceso de gravación e edición....
Foi grazas a un chío de Música en galego que me chegou a noticia deste programa que ben podería emitirse por calquera canle radiofónica, se non fose porque a maior parte do espazo radiofónico está tomado por emisoras que renegan da nosa lingua, unha constante no noso esquilmado panorama social. Esperemos que o futuro veña da man dos rapaces que podemos escoitar neste podcast que presentaban con estas palabras: "Queremos informar sobre a situación de risco que sofre, as causas e consecuencias. O mesmo tempo animar a profesorado, alumnado e familias a falar na lingua de Rosalía de Castro e mantela viva entre todos."




A escaleta do programa é a seguinte:

  • 1º de primaria cantan "O Mercado" de María Fumaça.
  • 2º de primaria din palabras bonitas en galego.
  • 3º de primaria refráns e frases con retranca.
  • 4º e 5º de primaria, frases para animar a falar a nosa lingua, eslogans.
  • 6º rap da lingua.
  • 1º da ESO, poema.
  • 2º da ESO, poema.
  • 3º da ESO, entrevista a Laura Sáez, da editorial Patas de Peixe.
  • 3º e 4º da ESO, presentan o programa cunha reflexión sobre o galego.
Parabéns a todos os que fan posible este pequeno milagre.

Ningún comentario:

Publicar un comentario