Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 2 de febreiro de 2017

Sempre Castelao

por Xosé Lois García, no Sermos Galiza


Estamos no mes de Castelao. O 30 de xaneiro de 1886 naceu e o 7 de xaneiro de 1950 faleceu. Dúas efemérides conxuntadas nun mes iniciático que nos envolve arredor de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, dunha maneira pragmática e na descuberta dunha nación que aínda moitos galegos descoñecen e outros negan, chamada Galiza. Sen Castelao posiblemente non houbese ese segundo Rexurdimento -neste caso, un rexurdir político-patriótico- que se manifesta no intenso legado da obra de Castelao, no que se configuran temarios e abordaxes que contemplan a problemática nacional e social do noso país. Con frecuencia, Castelao é o gran descoñecido para os galegos, refírome a que aínda o seu ideario está exento dun exercicio de lectura que nos faga reflexionar sobre as problemáticas que laceran á sociedade galega mais desprotexida e tamén a unha toma de conciencia nacional. Isto non quere dicir que a imaxe de Castelao sexa descoñecida para os galegos, dado que con frecuencia a vemos nos medios de comunicación, tantas veces terxiversada e dunha maneira superficial e sen contido do que a súa personalidade e obra esixen. Mais a mediocridade histriónica que desgoberna Galiza elixiu ese escenario para ocultar, dunha maneira grotesca, as esencias vivas da ideoloxía nacionalista que emerxeron do ideario de Castelao.

Naqueles corenta anos de ditadura en que Castelao estaba prohibido, incluso mencionalo, xurdiu unha xeración moza que rubricou o final dos desencontros oficializados pola censura, ao grito: “Castelao é Noso”. Xusto en 1975, no XXV cabodano do seu pasamento, retomouse a reivindicación do pensamento negado de Castelao, manifestado no Sempre en Galiza. Un firme alegato para restituír unha patria negada: testamento vital para comprender e corrixir as diversas fórmulas en que o vello colonialismo esnaquizou o máis elemental das nosas esencias nacionais. Comezando pola destrución do noso idioma que aínda prosigue. Neste caso, Castelao foi moi firme e determinante, ao sinalar: “E xa hora de decir que Galiza será forte en Hespaña cando se negue a falar castelán e fale fortemente a súa lingua. Un galego pode falar o castelán co mesmo interés co que fala calquera outra lingua estranxeira; pero encanto un galego fale o castelán como lingua propia deixa de ser galego sen que por eso chegue a ser castelán”.
No marco dos conflitos, aínda non dixeridos e asumidos pola actual sociedade galega, como o estado da lingua e dos atributos que definen a unha nación, están fundamentados no Sempre en Galiza. Sobre o segundo punto, considerou: “A ‘nación’ para nós, é un grupo humano etnicamente diferenciado, que cobre un territorio característico, que fala unha lingua propia e rexe a súa vida moral e física por tradicións e costumes peculiares”. Noutro indicativo similar ao texto anterior, confirmou: “Os galegos non discutimos o dereito de Galiza a ser unha nacionalidade, porque Galiza xa é unha nacionalidade. Discutimos o dereito que, como tal, se lle debe, i exercemos un deber cando reclamamos ese dereito”.

No Sempre en Galiza hai elementos dialécticos sobre os dereitos de Galiza, como nación, que non teñen sido superados pola actualidade política (por tanta pausa e escalofrío que produce o aparcamento de temas vitais) na que temos que manifestar que aínda resoa o discurso do deputado, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, no Parlamento español, o 18 de setembro de 1931, sinalando: “...el galleguismo [tamén nacionalismo] es simplemente un caso de dignidad colectiva que ha resonado en el pecho de los intelectuales que tienen corazón, en el de los que pretenden suprimir la miseria cotidiana del vivir labriego y marinero, y en el de los que sueñan con llevar ideas y sentimientos nuevos a la corriente universal”. O nacionalismo -no pensamento de Castelao- continúa sendo un vehículo de dignidade e de liberación das clases traballadoras. Neste sentido ten significado e contido na loita de clases e de nación.

O Sempre en Galiza non é a Biblia no sentido dogmático ou unha adhesión de fe, é froito dunha análise que Castelao realiza sobre Galiza, que comezou a escribir no período da guerra civil, entre Valencia e Barcelona en 1937. A situación desa contenda non limita a Castelao en manifestar un sentimento profundo polo pobo galego baixo o poder militar e falanxista. Nesa situación hai unha meditación de longo contido sobre unha Galiza ceibe e liberada, que manifesta cun fervor de mágoa existencial que por veces sae da propia realidade. O sentimento que Castelao manifesta pola Galiza é mais poderoso que aceptar derrotas e claudicar. A afortunada xeira de realizacións que se proclaman neste libro, para aquel presente e para futuros que agora tamén son presente, ten vixencia na praxe que esixen os problemas conxunturais que precisan solución no noso país.

En 1940 remata de escribir en Nova York a segunda parte do Sempre en Galiza, no inicio manifesta un interesante apelo á resistencia patriótica, indicando: “Eu son fillo d-unha Patria descoñecida, porque ninguén soupo dar sona e creto internacional âs nosas reivindicacións patrióticas. Perdeunos a modestia e o afán do bó parecer ante os demais hespañoes, que nunca quixeron comprendernos. ¿Estamos ainda a tempo de comezar de novo? Estamos, pol-o menos, no comezo d-unha nova etapa de loita pol-a Liberdade, e cicais conveña cancelar as vellas normas”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario