Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 9 de febreiro de 2017

XXX aniversario de Luar na lubre (1986-2016)

por Esperanza Martiño Davila, nas Voces de ProLingua:


O pasado sábado 28 de xaneiro de 2017 tivo lugar no auditorio de Abanca de Compostela un concerto moi especial; o gaiteiro e membro fundador Bieito Romero (1964), comentou a inusual continuidade deste grupo folk coruñés despois de trinta longos anos...
O auditorio ten unha capacidade de aproximadamente setecentas butacas e as entradas esgotáronse, boa mostra do éxito do grupo galego máis internacional, éxito corroborado polas máis de 300.000 copias vendidas dos seus traballos, os numerosos premios e tamén polos discos de ouro a "Plenilunio" e "Cabo do Mundo", por superaren as 50.000 copias vendidas.
Puidéronse escoitar cancións famosas coma "O son do ar" (1988), catapultada internacionalmente polo británico Mike Olfield no seu CD Voyager (1996), xunto coas premiadas "Tu gitana" do cantautor portugués Zeca Afonso (1929-1987) e "Chove en Santiago", un dos Seis poemas galegos (1935) escritos por Federico García Lorca (1898-1936), o poeta "mártir" andaluz, que foi interpretado polo cantautor madrileño Ismael Serrano. Outra das cancións foi "Nau", da que reproduzo parte da letra, por interesante:
Nau de soños, nau de espranzas
nau de infinda veleidade
o que esquece as súas raíces
perde a súa identidade.

Como agradecemento aos cálidos e numerosos aplausos do público, Luar na Lubre interpretou tres cancións finais: a irlandesa "Os animais", a tradicional -do século XVIII- "The Sailor´s hornpip" e mais "El derecho de vivir en paz" do cantautor chileno Víctor Jara (1932-1973), asasinado pola súa militancia comunista. Esta derradeira foi cantada para lembrar o elemental dereito á existencia de persoas caídas en desgraza coma os refuxiados e, en xeral, todos os pobres do mundo.
O grupo folk ten estudado atentamente os cancioneiros tradicionais, con especial querencia aos da Costa da Morte. Procura unha música de raíces enxebres para insistir en que "a música é un dos factores culturais máis importantes para a afirmación do dereito á diferenza enriquecedora do pobo galego".
O ateigado concerto, de case tres horas de duración, rematou con todo o público posto en pé, ovacionándoo. Xente vida de diversos lugares de Galiza e tamén de Portugal despediu calorosamente un grupo que está para iniciar unha xira por diversos lugares do Estado e do mundo. Profeta tanto na súa terra como fóra dela, Luar na Lubre levou, leva e levará consigo a música e lingua de Galiza polo mundo. (E chegados aquí, un breve inciso: hai moitos anos que a emprego nas aulas como un ameno reforzo para as clases de lingua).
Desexamos moitísima sorte no futuro a Luar na Lubre, na íntima convicción de que a vai ter sen dúbida. Xa como remate, velaquí unha belísima cantiga tradicional, "Fisterra", interpretada maxistralmente co acompañamento das voces da coral ourensá De Ruada: 
Fisterra vai na proa
Camariñas vai no mare
Santa Uxía de Ribeira
Póboa do Caramiñale
(Retrouso)
Eu tamén choro (bis)
cando non me alumean
meu ben
Eses teus ollos (bis)
cando non me alumean
meu ben
Eu tamén choro
Se queres que brile a lúa
pecha os ollos meu amore
que mentras os tes abertos
a lúa pensa que hai sole
Para sardiñas Aguiño
para bolos Castiñeiras
para rapazas bonitas
Santa Uxía de Ribeira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario