por Víctor F. Freixanes, en
La Voz de Galicia:
Ten razón o conselleiro cando di que o problema do galego non é nestes momentos o seu coñecemento, senón o seu uso nas novas xeracións, que son a garantía de continuidade . Os modelos urbanos seguen ignorando a lingua, ou marxinándoa a espazos moi concretos de liturxia e representación, fóra de círculos militantes e ideoloxizados, e non hai no horizonte deseño político ningún que afronte o tema. Deseño político, digo ben, pois de política se trata, o que non quere dicir política partidaria. E falo de modelos urbanos porque no discurso histórico da modernidade (mesmo da nova modernidade global e tecnolóxica do século XXI), o modelo urbano é o modelo dominante fronte ao modelo rural ou tradicional, que aínda sendo moi significativo non é o que debuxa o futuro.
Espazos urbanos para o galego. Fixen a proba cos meus alumnos e alumnas na facultade, tanto na Facultade de Ciencias da Comunicación como na Facultade de Dereito. No primeiro caso, nos traballos, nas sesións practicas e nas probas finais do cuadrimestre, o 79 por cento dos estudantes (mozos e mozas de 20 anos) utilizaron espontaneamente a lingua para expresarse por oral e por escrito (45 de 57), e fixérono con corrección, cun nivel moi aceptable. No segundo caso, a porcentaxe foi máis igualada.
Certo que o profesor fala galego e transmite a coherencia natural do uso do idioma. Pero a liberdade de elección era absoluta. Certo tamén que estamos en Santiago de Compostela, seguramente a cidade con máis práctica galegofalante entre a xente nova, non só na vida académica, tamén na vida social, cultural, política e mesmo en bastantes lugares de lecer (a zona vella). Cando no ano 68 cheguei por primeira vez a Santiago dende a miña vila do Lérez para estudar Filosofía e Letras, unha cousa que certamente me chamou a atención foi o viva que estaba a lingua na rúa: os camareiros preguntaban en galego con absoluta normalidade, nas casas de comidas e nas pensións as padroas falaban galego e outrosí a xente do común, fóra dos ámbitos de representación oficial. Non digamos os paisanos que viñan todos os xoves a facer a feira a Santa Susana.
«Pois agora tamén», advírtenme os mozos. ¿E logo? Na cafetería da facultade séntese a lingua, pero no discurso urbano e, sobre todo, no discurso da socialización (andar de amores, por exemplo) manda o castelán; que é código da televisión, a lingua do cine, os medios de comunicación de masas, a publicidade, as industrias do lecer, o consumo, a lingua das expectativas profesionais, a lingua do poder real (non a representación litúrxica do poder). Por máis que avanzamos, que en termos cualitativos non podemos negar que avanzamos, non demos virado a tendencia histórica: o discurso dunha modernidade que foi desprazando o idioma ou a territorios de resistencia ou a espazos case que etnográficos, testemuña dun patrimonio valioso que dá a sensación de que non sabemos que facer con el. Aí é onde debemos actuar, e sospeito que aí é onde os mozos e as mozas como os da miña clase esperan tamén que actuemos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario