Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 4 de outubro de 2019

Como mentir coas estatísticas do galego. 1

O escritor norteamericano Darrel Huff publicou no ano 1954 un libro de éxito, How to Lie with Statistics (Como mentir con estatíticas) no que debullaba como manipular as estatísticas para "causar sensación, deformar, confundir e simplificar inxustificadamente". Así Huff daba exemplos de distintos casos nos que se usaban diversos tipos de engano. Dificilmente podería imaxinar este escritor que o seu tratado podía adicarse en exclusiva a un único acontecemento, sustentado por un único actor. En efecto, o nivel de desvergonza da Xunta en relación aos datos sobre o estado da lingua galega é insuperable. Nunha serie de entradas vou mostrar a adulteración que, desde o goberno galego, se fai dos datos obtidos polo IGE na enquisa quinquenal de coñecemento e uso do galego

Nesta ocasión comenzaremos coa última cifra deste cartel, divulgado desde as altas instancias da Secretaría Xeral de Política Lingüística. aos poucos días de publicarse os datos do IGE. Parece que se fai referencia a que houbo un aumento, +3,95%, da lectura en galego. Polo contexto enténdese que as cifras indican incrementos dos resultados da enquisa do IGE do 2018 respecto da anterior, do 2013. Se facemos a comparativa entre os datos destas dúas enquisas sobre a lingua dos libros que lemos os galegos, vemos que non houbo cambios. O máis prudente sería afirmar que neste aspecto a situación segue igual. Entón, de onde sae esa cifra de +3,95%? Non se trata de ningún incremento, fai referencia á porcentaxe de persoas que len máis en galego que en castelán (datos 2018). A gráfica explica moi ben tanto a mentira do cartel como a febleza do mundo editorial en galego, moi condicionado por unha lei zombie, que frustra o seu potencial.


En todo caso o mellor é ir á fonte limpa e consultar os datos da porcentaxe de persoas segundo a lingua que usan para ler libros:

Se alguén ve o aumento que eu non vexo, prégolle que mo explique.
Continuará.

2 comentarios:

  1. Pensando como un alumno de 1º de ESO, ese + non indica aumento senón simplemente que non é un número negativo. Logo habería que decatarse de que neste contexto o valor mínimo posible é 0%. Non teñen vergonza...

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Pois xa verás cando remexa no resto das cifras do cartel. Non hai ningunha que se salve.

      Eliminar