Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 25 de marzo de 2010

Lingua e futuro

A editorial Laiovento acaba de publicar o libro Lingua e futuro, coordinado por Goretti Sanmartín. Seguindo o ronsel de 55 mentiras sobre a lingua galega, este volume reúne dez artigos doutros tantos autores e autoras, que, segundo a coordinadora, tentan "ofrecer alternativas á situación da lingua na actualidade e dilucidar "a onde imos, desde un punto de vista empírico".

Carlos Amoedo e Filipe Antonio Díez analizan o borrador do decreto do galego na educación non universitaria, -nun texto cuxa primeira versión foi xa difundida por internet-, mentres que Mariló Candedo pon de relevo como as "bases" do novo decreto se afastan do obxectivo da normalización do galego. Candedo repasa os antecedentes da situación actual da lingua no ensino, e avalía as "bases" do decreto a partir dos informes sobre as mesmas da RAG, o Consello da Cultura Galega, a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística, a plataforma Queremos Galego e o marco legal: Carta Europea das Linguas, Plan Xeral de Normalización e Lei de Normalización...

mércores, 24 de marzo de 2010

Catharina

"empecei nun curso de galego que era moi ghodido porque te enseñaban o galego a partir do castelán"
Cath Müller ten 26 anos, estuda filoloxía inglesa e é alemá, pero leva 3 anos vivindo en Bastiagueiro. Cando veu vivir aquí decidiu aprender a falar en galego sen ter moita idea de falar en castelán.

Feijóo contra Feijóo

O Padre Feijóo abreulle as portas ao galego en Galicia. Era partidario de impartir as clases en galego e criticaba á Igrexa por ser axente activo na substitución lingüística. Feijóo elevou o galego á condición de lingua cando asegurou que o galego non era o dialecto de ningunha outra fala.
Alberto Núñez Feijóo pechoulle as portas ao galego en Galicia. É partidario de impartir as clases en castelán e louva á Secretaría Xeral de Política Lingüística por ser axente activo na substitución lingüística. Feijóo rebaixou o galego á condición de patois cando falou en castelán ao Clúster da automoción en Vigo.
Preguntámonos para que serve que o parlamento aprobe hai pouco máis dun mes que o Parlamento galego aprobara que todos os cargos públicos deben someterse "á necesidade de facer uso público, tanto oral como escrito, da lingua galega no desempeño da súa responsabilidade pública". Con que autoridade moral lle van pedir aos profesores de ciencias que o vindeiro curso impartan clase en castelán aqueles que non cumpren os mandatos que eles mesmos aproban?

Un bodegueiro sería mellor secretario xeral de medios


Antonio Cajide, o dono de bodegas Sameirás, nunha entrevista á Nosa Terra, declara que 'Non ten sentido presentar un viño galego en castelán', e ben estaría que o secretario xeral de medios, Alfonso Cabaleiro, escoitara os argumentos deste bodegueiro que demostra ter máis sentidiño ca el.
O bodegueiro, no caso de ser el o secretario xeral de medios, diría: "non ten sentido presentar un anuncio galego en castelán". Mais tamén pode ser que o actual secretario xeral, Alfonso Cabaleiro abusara do ribeiro Sameirás, e por iso declare que "A Xunta ten que velar polo uso das dúas linguas", ao 50% non? Pois de acordo, que a Cope, a Ser e Onda Cero, emitan un 50% da súa programación en galego.
A argumentación do Goberno do PP é que a TDT da TVG tamén se ve nas comarcas veciñas da autonomía, polo que podería resultar útil tirar do castelán para chegar a esa poboación.
Cómpre ter en conta que, en todo caso, nesas comarcas (Bierzo, Sanabria, Eo-Navia, etc.) gran parte da poboación fala galego e, en todo caso non tería problema algún en enteder as cuñas neste idioma. Cómpre ter en conta, en todo caso, que a presenza do galego na radio é ínfima. A radio do meu cohe colle 40 cadeas, delas só dúas emiten en galego (Radio galega, e Radio galega música), un 5%. Insisto, un 5%, que moi distinto a un 50%.

Primavera en tristeira flor lingüística

por Manuel Vidal Villaverde, en Galicia Hoxe

Álvaro Cunqueiro solicitaba mil primaveras máis para a lingua galega. El era basicamente (ou fundamentalmente?) un poeta. Os advenedizos de agora, os arribistas, os galegófobos e os lingüicidas aínda non abriran , moitos deles e delas, digo, aínda non abriran os ollos e a diglosia facía estragos e derrames entre os habitantes da entón silenciada nación galega, condenada a sobrevivir nos foxos. O fascista ditador aínda estaba vivo e morreu matando. Nós recordamos moitos tristeiros sucedidos, dende Moncho Reboiras, Sánchez Bravo, Xosé Humberto Baena, Julián Grimau, Salvador Puig Antich, etc. Aínda que non todos do bando do galeguismo, si eran militantes antifascistas, que loitaban por unha España plural e republicana. O senecto senador Fraga Iribarne, ministro de Información e Turismo, ministro da gobernación do Estado español hexemónico e egocéntrico, calou e calará estas cousas na posibilidade das súas memorias, e cando non dirá que Franco non era tan malo nin tan fascista como dicimos nós. Vázquez e Varela, e Anxo Lorenzo andan, como dixo Alonso Montero recentes, "a dar paus de cego", cal lombrigas desmemoriadas, como non podía ser doutra maneira. O secretario xeral de Política Lingüística vai de experto en sociolingüística e en cuestións xerais do idioma galego, iso si, con certos atrancos que meten medo e, inocentemente ou non, mesmo lle vén dar razón á galegófoba presidente de Galicia Bilingüe, que como xa dixemos aquí o outro día, despois do Decretazo do "experto" presidente da Comunidade eremitoria galega, dixo "esto ya pinta mejor".
O alicerce da aprendizaxe da nosa lingua está entre os tres e os seis anos, como moi acertadamente dicía esoutro día o sociólogo e amigo Fermín Bouza Álvarez. Pero estes van ao revés, e ser un país con un alto grao de analfabetismo tanto en galego como en castelán, introducen o inglés medio e medio dese atoldado río idiomático. Ou sexa, que grazas á política do PP español en Galicia, e aos seus acólitos, independentes e/ou advendizos ou arribista, como se dixo arriba, pola arte do birlibirloque, fannos -quere- trilingües, case, case, políglotas, o move a risa e fai estourar en múltiplas gargalladas aos lingüistas de maior prestixio da nosa negada nación. "A priori, sempre sospeito dunha persoa de dereitas cando fala de cultura. Que lles parece tamén a moitos de vostedes Desván de los Monjes en troques de Sobrado dos Monxes? É, quero dicir eu tamén que non é menos certo que Roberto Varela aterrou na pista do goberno galego ás ordes de Madrid sen saber de que ía ou iría a cousa, e agora xa o vemos. Certamente, amigo Alon- so Montero, é máis digno de lástima que doutra cousa, aínda que nós-outros, Xesús, nos negamos a axudalo a mellorar, porque a ignorancia, cunha tenacidade máis que inaudita, nega e negará todo canto descoñece, e resultaría traballo ímprobo axudar a saír da súa cegueira a un culto ou cultos coma estes que enseñorean a nación galega en nome de España co seu castelán devido en español grazas á escola filolóxica española, cuxo pai foi Ramón Menéndez Pidal, que deturpou todo cando lle veu en gana, dende Mio Cid ata as orixes da lingua vasca. San Millán de la Cogolla, ou sexa, o Códice Emilianiense, non indica nada verbo do nacemento do castelán, e son máis de mil anos de mentiras e intento de asimilación baixo prohibición dos incompetentes en materia lingüística?
Ese decreto pretendido é máis que estrafalario, estólido, estuto, perverso e altamente ignorante; a súa aplicación feriría de morte o idioma galego, xa de por si secularmente maltratado. A diglosia continuaría no seu grao máis humillante. Que nos expliquen por que Matemáticas, Física e Química, poñamos por caso, non se poden explicar no idioma da nosa nación? Non esquezan o agravio que se lles fai aos docentes se esta babecada vai adiante, e tampouco poñan en dúbida a férrea vontade do pobo galego, farto de inxurias ou de ofensas. A loita, señores do Partido Popular, continúa, non o esquezan, máis alá desta tristeira primavera do enunciado. A nación galega non é unha tenda en rebaixas de verán.

A viaxe de Vázquez no seu ‘pirandárgallo’

por F. Rodil Lombardía, xornalista, no Xornal de Galicia

Non sei se Xesús Vázquez, o conselleiro de Educación, non irá camiño de se converter noutro don Juan de la Coba y Gómez, “périto agrimensor”, inventor do “trampitán”, linguaxe eminentemente musical, de uso propio, sen intención comunicativa, en opinión dos estudosos, que tan só usaba e supostamente entendía o extravagante inventor ourensán que viviu no século XIX.
Despois de observar as contradicións nas que incorren o conselleiro Vázquez e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, cada vez que abren a boca para defender o anteproxecto do galego, semella que na Consellería de Educación están a falar unha sorte de “trampitán” que ten confundidos a editores, profesores, país, alumnos, e a todos nós. Confusión á que nin sequera escapan os membros desa liga activa e ansiosa que chaman Galicia Bilingüe.
‘Liberdade’ é o vocábulo que, a modo de florete diálectico, esgrimen, cada vez que teñen ocasión, conselleiro e secretario xeral na defensa do controvertido anteproxecto, e para intentar manter á raia a cantos se declaran contrarios a un enxendro politico, saído, como se do rei Ubu se tratase, dunha arroutada electoral, a todas luces imprudente.
A ‘liberdade’ á que recorren a cotío os mosqueteiros da Consellería de Educación ten sen dúbida ínfulas “trampitanas, un tanto surrealistas, esperpénticas, que lonxe de achegar un argumento de valor na defensa do pretendido decreto, máis parece incensar a cerimonia da confusión á que todos asistimos perplexos.
Desa ‘liberdade’ un tanto libertaria, que pon en solfa a autoridade dos mestres, preocupa o feito de que os alumnos poidan comprar o libro dunha asignatura en calquera lingua, independentemente do idioma en que a determinada asignatura se imparta. Vén ser algo así como se á clase de francés levaramos o libro de inglés. Ou se aqueles que un día estudamos grego, dos que xa quedamos poucos, seguiramos a clase polo “florilegio latino” de Luis Penagos.
O estupor da Asociación Galega de Editores non é para menos. Non lles parece razoable que un profesor estea dando unha asignatura en galego a un alumno que segue as mesmas ensinanzas por un libro escrito en castelán e fai as preguntas no mesmo idioma, ou á inversa. Ese concepto, ata o de agora inédito, de ‘liberdade’ soa a ‘coña’ mariñeira.
Pero haberá a quen lle pareza natural canto acontece. Visto doutro modo, tamén é verdade que na patria do autor dos esperpentos, poñernos esperpénticos non debera desentoar.
Que ninguén se estrañe pois se o conselleiro de Educación acomete outros inventos xa inventados (o enxeño escasea) polo conspicuo mestre Juan de la Coba y Gómez. Por exemplo, o ‘pirandárgallo’, do que uns din que era un xigantesco paraguas que, aberto no Polo Norte, impedía que chovese no planeta Terra (o enxeño tería sido de moita utilidade este inverno). Outros din que o célebre ‘pirandárgallo’ era un globo aeróstatico que, embarcado nel, unha vez elevado sobre un punto, permitía viaxar sen moverse do sitio, aproveitando o movemento de rotación da Terra.
Eu xa teño as miñas dúbidas se os responsables de Educación non estarán embarcados no ‘pirandárgallo’, pensando que navegan os aires, e sen moverse do sitio.

Para animar en galego, sen escusas nin atrancos

A Asociación Xuvenil Amencer, de Ourense, editou esta pequena marabilla, para animar a falar en galego. Non hai escusas.

Galega

Mirade que cousas fan Suso, e os seus alumnos de Ética e Filosofía do Dereito, o célebre grupo eticolmeiro.
Hai algúns días os do eticolmeiro lanzáronse á campaña e Haití, ao pouco, encheron os corredores do noso centro de parecidos razoables, e agora comenzan a preocuparse pola situación social da lingua galega e crean vídeos como o que presentamos aquí. Zunantes, tremede!

martes, 23 de marzo de 2010

En nome da liberdade...

por Alfredo Iglesias Diéguez, en Galicia Hoxe

Permitídeme que volva insistir na cuestión do dereito das familias a decidir a lingua na que se impartan as diferentes materias de ensino en Galicia, pero a euforia manifestada polos que defenderon esa proposta da Administración educativa, celebrada como unha conquista de novos espazos para a liberdade, obrígame a reflexionar sobre o uso da liberdade que fai a dereita liberal.
Comezarei cunhas preguntas retóricas, algunhas formuladas con evidente ironía: por que dende a esquerda non se defende esa concesión ás familias precisamente como unha conquista da liberdade? Por que non loitamos dende a esquerda para lograr unha ampliación dese espazo de liberdade facéndoo extensivo a outros ámbitos, tales como a supresión da obrigatoriedade do ensino, deixando en mans das familias a decisión de enviar ou non as súas crianzas á escola -unha medida coa que se eliminaría o fracaso escolar drasticamente, pois quen non quixese estudar non tería que estudar e por definición o abandono non computaría como tal-. Por que non facer extensivo ese espazo de liberdade á libre elección de centros, materias de estudo e mesmo ao profesorado que imparta a materia -outra medida que tamén limitaría o fracaso escolar, pois cada quen estudaría só aquilo que lle gustase ou que soubese que ía aprobar-. Ou, en fin, por que non deixar a elección do idioma de impartición da materia en mans do alumnado, para que decida en cada clase o primeiro día de curso?
Pois ben, dende a esquerda non loitamos por conquistar eses novos espazos de liberdade porque somos conscientes de que a educación é a ferramenta que as sociedades modernas puxeron en mans das administracións democráticas para lograr tres obxectivos fundamentais: primeiro, a formación dunha cidadanía crítica e formada, non só de traballadores e traballadoras facilmente explotables nin de crentes, como queren o capital e a Igrexa; segundo, garantir a integración e cohesión social do pobo; e, terceiro, garantir a promoción social de xeito individual de todas e cada unha das persoas que integran a sociedade. Ora ben, para lograr eses obxectivos é imprescindible que o alumnado de Laxe e mais o de Vigo, por exemplo, teña acceso aos mesmos contidos, impartidos por un profesorado igualmente preparado e cuns medios ao seu alcance iguais, fundamentais para que poida construír xuízos críticos liberados de prexuízos e manipulacións ideolóxicas, que lle permitan, precisamente, actuar en liberdade.
Dun xeito clarificador dos intereses da dereita, pola contra, aquilo que si debía ser decisión libre das familias: a xornada escolar está en mans das empresas do transporte, que teñen a última palabra respecto disto, digan o que digan as familias. En definitiva, a dereita non ten máis que un obxectivo, someter o pobo, para o que é impresicindible desenvolver dúas estratexias paralelas: desmantelar o ensino público e atacar o principio identitario básico dun pobo: a lingua, pero un pobo sometido, aínda que sexa en nome da liberdade, non é un pobo libre.

O galego, un erro?

por Ruth Fernández Fernández, en Galicia Hoxe

Semella que non hai prexuízos sobre o galego. Iso opinaba o conselleiro de Educación nunha entrevista publicada o sábado neste xornal. Non obstante, a realidade parece outra, cando se lles pregunta a moitos rapaces castelanfalantes, que aínda ven o galego como sinónimo de atraso e ruralidade. Con este panorama social e o novo Decreto da Xunta de Galicia a lingua de Pondal rematará por desaparecer en poucos anos, por extinguirse, polo menos nos contornos urbanos. Semella unha ofensa para os amantes da lingua galega ler afirmacións tan tallantes coma esta: "Elevar a presenza do galego nas aulas é o grande erro". Realmente temos "unhas condicións de bilingüismo cordial que se gozan na rúa"? Realmente a inmersión lingüística leva cara ao odio polo galego? Asústome ao ler cousas así. Parece ser que dende o 2007 se perderon falantes... Quixera ver esas cifras. Parece que o decreto do bipartito provocou un rexeitamento cara ao idioma propio de Galicia nas xeracións máis novas... Eu pertenzo a esas novas xeracións e levo con orgullo a lingua que aprendín no berce.
Do mesmo xeito, o secretario xeral de Política Lingüística aseguraba estes días que non se van cambiar as porcentaxes do Decreto do Plurilingüismo, aínda que se constate un retroceso no coñecemento do galego, cando o que se busca é un "equilibrio entre o galego e castelán nos centros educativos". Aínda que o da escola é un dos ámbitos máis propicios para suplir a escaseza de galego noutros eidos (internet, medios de comunicación...) non se baralla compensar esa ausencia cunha maior porcentaxe nas aulas, nin de lonxe.
Máis preocupados pola introdución de linguas estranxeiras coma o inglés que de afianzar a propia, camiñamos por un deserto, por terra de ninguén. Cando se consultou as familias para decidir as linguas, a cantidade de galego ou castelán que querían para os seus fillos? Van agora decidir en que medida se dan as integrais en matemáticas ou cando maduraron intelectualmente para analizar un poema de Góngora? Van ter poder de decisión para marcarlle ao profesorado cantas clases teóricas ou prácticas deben existir en cada materia ou como deben avaliar os seus fillos? Non entendo ese papel directo das familias. Consúltase a unha porcentaxe nun momento histórico X, pero os nenos que veñan detrás e se beneficien dos libros durante os seguintes catro anos serán vítimas da decisión doutros pais.

Destrozando a lóxica

Xa oín quen dicía que a famosa frase "estoy entre la espalda y la pared" é de Roberto Varela, o conselleiro de cultura que estamos a sufrir.
Non é de estrañar, pois di cousas peores, como o que soltou hoxe no parlamento:
"Teño dereito a ler sen darme conta, pero non mentín"
Non teño palabras.
Teño dereito a ler sen darme conta. Estraña forma de ler, para un conselleiro de ... cultura. Ler sen decatarse, sen saber o que se le. Un ler de máquina. Ler como len os rapaciños... que non saben ler, que xuntan letras e comenzan a relacionalos cos sons. D con E con S, DES, V con A con N, VAN, DES-VAN. E así, ata DES-VAN-DE-LOS-MON-JES.
Pero non mentín. "Hai que ser estúpido para pensar que eu vou dicir Desván de los Monjes", espetoulle o conselleiro Roberto Varela a parlamentaria nacionalista Carme Adán cando esta lle reprochou o emprego de toponimia sui generis na súa intervención en Fitur (Galiciaé do 8 deste mesmo mes). Non sabemos se hai que comentar algo máis. De todas formas, ímolo facer.
Ao cretense Epiménides atribúselle a famosa sentenza: " todos os cretenses son mentireiros". A cousa consiste en pescudar se esta frase é certa ou falsa, é un exemplo clásico cando se estuda a lóxica de proposicións. Se é certa Epiménides di verdade, pero polo mesmo contido da frase, como Parménides é un cretense, non pode decir verdade. Mais se a frase é falsa, débese cumprir a contraria, que os cretenses din verdades, polo que a frase dun deles debería ser certa. A proposición é contradictoria, destroza a lóxica, e así o fan moitos outros exemplos autoreferenciais como "esta frase é falsa" ou "a frase anterior é verdadeira".
Agora Roberto Varela proporcíonanos outro clásico: "pero non mentín". Se esta frase fose certa, a información de Galiciaé, e do resto dos medios, estaría completamente errada. Nós mais ben tendemos a confiar no que coincidiron os periódicos ao darnos a noticia, que realmente Roberto Varela dixo que non dixera Desván de los Monjes. Postos neste suposto, a proposición en cuestión "pero non mentín", non é unha mentira, son dúas!. Estou escachando de risa pensando a ver como van arranxar os lóxicos esta cuestión.

Antonte, hoxe, mañán.

Hoxe A Xunta comeza a publicitarse en Galiza en español
Antonte, na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que forma parte do goberno galego, reproducían as palabras de Anxo Lorenzo :“Eu creo que estamos todos nesta liña –reafirmou o responsable de Política Lingüística–; na liña de que é necesario instar á utilización da lingua oral, con calidade, para que poida servir de modelo de referencia"
Hoxe o Goberno defende o seu 'dereito' a non usar o galego nos anuncios que paga na autonomía, unha aposta polo español inédita mesmo na era Fraga. "A Xunta ten que velar polo uso das dúas linguas", e ás veces incluso das tres. O importante é reducir, acoutar, minimizar o galego.
Hoxe íomos pola radio:"La Xunta informa ...". Así comezan moitas das cuñas sobre o apagamento analóxico que está a emitir a Xunta de Galiza a través de, polo menos, unha das cadeas privadas de radio máis importantes de Galiza. Deben ter razón, como non podemos oir ningunha cadea de radio en español, convén que, cos nosos cartos, cos destinados ao goberno galego, paguemos todos para que a lingua omnipresente o sexa un pouco máis, e a reducida, a minorizada, tamén o sexa un pouquiño máis.
O Goberno ten a obriga legal de usar o galego como lingua de traballo e de promocionar o seu uso a novos eidos. De feito, até hoxe e mesmo na era Fraga, a Xunta sempre se publicitou exclusivamente no idioma propio dentro de Galiza.
E mañán? Isto?:

O Valedor do Pobo contra o pobo sen valedor


Quen defende ao pobo galego?
Quen defende ao pobo?
Quen defende ao galego?
Quen é o valedor do pobo?
Quen é o valedor do galego?
Pois de seguro que este señor,Benigno López, non.

O Anxo Exterminador e o Xan das Bolas

por Marga Romero, escritora, na Nosa Terra

Un meu amigo alemán deses que dominan varias linguas, entre elas o galego, a primeira da Península que aprendeu e que lle abriu as portas do portugués, do español e do catalán, que lle axudaron co italiano. Pois este amigo, que segue os vieiros que sobre Galiza chegan pola rede, dime perplexo, diante das manobras dun sociolingüista aducido e dos, por moito que lle pesen, disques dun experto diplomático: isto semella unha historia de Monty Python. Algo diso hai. Os dous un pouquiño coma Brian, merliños brancos, que reciben os presentes dos Reis Magos, nunha simple confusión ou nunha falsa ilusión. Quen pensaba que podía ser peor? O certo é que mentres agardamos a súa crucifixión, os xerentes da empresa privatizada “Galicia, buey de paja”, rematan coa lingua, coa cultura, coa sanidade pública con todo. Porque o Anxo Exterminador pasou de profesor de sociolingüística, coma proban os seus apuntamentos que se poden conseguir na Universidade de Vigo, a eliminador da palabra “normalización” e colaborador dos extraterrestres. Non aprendeu nada en Catalunya. Porque o diplomático demostra que hai xente que vai polo mundo para usar maleta e di e non sabe o que di, porque non sabe onde está Sobrado dos Monxes nin escoller colaboradores que atinen nos discursos, porque no fondo non é máis ca un personaxe de Xan das Bolas. O Exterminador mente con premeditación e gustaríalle queimar os seus apuntamentos. O novo Xan das Bolas mente coma un neno cachado nas patacas na Quinta Avenida e pide perdón por mentir sen intención. Hai que botalos.

Galego esforzado

Extraemos da web da Secretaría Xeral de Política Lingüística a seguinte declaración do seu máximo representante, Anxo Lorenzo nunha das súas múltiples intervencións de consenso mediático:

“en xeral, na Cámara, e tamén por parte dos altos cargos, houbo sempre un esforzo por utilizar o galego”. “Sen ir máis lonxe –indicou o secretario xeral– hai unhas semanas o propio Parlamento de Galicia aprobaba unha moción co acordo das tres forzas parlamentarias de instar os altos cargos e parlamentarios a utilizar a lingua galega como forma de dignificala e de prestixiala oralmente”.
“Eu creo que estamos todos nesta liña –reafirmou o responsable de Política Lingüística–; na liña de que é necesario instar á utilización da lingua oral, con calidade, para que poida servir de modelo de referencia, tendo en conta o feito de que estamos nunha comunidade con dúas linguas oficiais e onde funciona, como se recolle na Lei de normalización lingüística, un principio de non discriminación por razón de lingua”.

Pois ben, non hai que dar moitas voltas para ver como se esforza un alto cargo, a conselleira de sanidade Pilar Farjas, falando para a TVG, esforzado medio galego, sobre o novo hospital de Vigo.


Extraemos da bitácora A Carta Xeométrica a seguinte declaración do seu máximo respresentante, Fontán, nunha das súas escasas intervencións de senso mediático:

“Eu creo que estamos todos nesta liña –reafirmou o responsable do taboleirodocolmeiro–; na liña de que é necesario instar á utilización da lingua oral nas clases de matemáticas, con calidade nas clases de física e química, para que poida servir de modelo de referencia nas clases de tecnoloxía, tendo en conta o feito de que estamos nunha comunidade con dúas linguas oficiais e onde funciona, como se recolle na Lei de normalización lingüística, un principio de non discriminación por razón de lingua, nin tan siquera a galega”.

luns, 22 de marzo de 2010

Galicia e o 'buraco in progress'

por Manuel Rivas, escritor, o pasado venres 19-3-2010, no xornal El País

Se tivese que escoller agora dúas viñetas de Castelao, unha sería a do gato cínico que recita a Bécquer: "Volverán las oscuras golondrinas en su balcón los nidos a colgar... Pero aquela que papei o ano pasado, esa non volverá." E a outra? A outra é aquela na que aparecen unha nai e un meniño e a muller pregunta: "Por que non queres ir á escola?". E o rapaciño di: "Porque sempre me preguntan o que non sei".
Cómpre a liberdade de circulación na estrada: esquerda ou dereita por votación dos condutores
Son dúas pequenas obras mestras de humor e humanidade que refulxen en todo tempo. E que deberían terse proxectado en power point no Parlamento autónomo mentres se debatía o "estado da nación".
O gato paródico ten hoxe o seu correspondente no cinismo político. Verbo do modelo lingüístico no ensino, o gato do Goberno papou unha boa andoriña e esa xa non volverá. A andoriña papada pódese ver como unha alegoría do que era un consenso básico laboriosamente construído. E perdido de golpe. O verdadeiro anarquismo quería ser a "máxima expresión de orde". En cambio, a anarco-dereita medra co caos.
Tamén a outra viñeta preséntase hoxe cun alto sentido paródico. Se falamos de "liberdade de escolla" ao xeito pueril e irresponsábel en que o emprega a neo-dereita, a primeira liberdade debería ser a que reclama o neno: a de ir ou non ir á escola. O rapaz desa viñeta é un pícaro entrañábel. Aí está a refinada intelixencia e a vontade de estilo popular. No decreto que o Goberno teima en aprobar, podemos ver o reverso caricaturesco desta viñeta. A desvalorización da función docente e a invitación a exercer "a liberdade de non saber". Agora o pícaro pode ir á escola tranquilo, coñecedor de que o seu "dereito a non saber" está por riba dos deberes escolares, e que o seu "non querer saber" está avaliado polos que mandan e por un fato de pais fronte aos sospeitosos valedores da función docente.
Non hai en todo o orbe mundial un decreto máis marxista. Por suposto estou a falar do que ocorre no disparatado Camarote dos Irmáns Marx. Podería darse a circunstancia matemática, e non é broma, de que o voto dun só pai inclinase o modelo lingüístico dunha escola infantil perante catro anos. E en primaria e secundaria, tal como está feito este decreto, pode darse con toda normalidade este diálogo entre profesor e alumno.
-Desculpe por molestalo, prezado alumno, mais agradecería inmenso que vostede teña a amabilidade de responder a esta miña pregunta en galego xa que estamos en clase de Coñecemento do Medio. Podería dicirme, por favor, un nome en galego deste insecto coleóptero de nome científico Lampyris nocticula e en castelán coñecido como luciérnaga?
-Ni entiendo lo que dices ni entiendo por que me preguntas lo que no sé. A mi no me vas a practicar tú la inmersión y hay un decreto que dice que en el aula puedo hablar la lengua que me sale de los huevos y escribir los exámenes en la que me salga de los cojones. Paso de ti, tío.
-Paso-de-ti. Magnífico! Xa temos un novo nome para o vagalume. Lucecú, vella, lucerna, corcoño... e Paso-de-ti!
A trapallada ten a súa propia lei, moi semellante á da gravidade. Ou perseveras na trapallada ou saes decididamente da trapallada. Non hai xeito de saír da trapallada tentando convertela en media trapallada, pois o que resulta é que media trapallada equivale ao final a trapallada e media.
Isto é o que está a pasar con este decreto sobre a lingua no ensino. E o encirrado debate vén ser unha grande metáfora do que está a pasar neste país.
Durante meses estiveron dándolle voltas á agulla de marear polos famosos tres terzos. Algúns avisamos que era unha trapallada, e ademais unha trapallada inviábel. Mais todos tivemos que andar nesa nora, a dar voltas como os cabaliños dun carrusel de feira. Agora, de súpeto, esquécese a xenial ocorrencia dos tres terzos e lánzase un discurso de recambio: o do presunto equilibrio. Que pasou co inglés? Outra "andoriña" no papo? Pois pasou que se xogaba de farol, o caso é que viraramos na nora, que viviramos na miraxe, mentres na realidade se estaban a recortar os orzamentos das escolas oficiais de idiomas en toda Galicia. En aparencia, hai correccións. Mais non son por vontade propia, autocrítica ou procura do consenso. É o test da realidade o que vai corrixindo o absurdo. Pero, claro, a realidade non dá feito con tanto absurdo. Quere que lle boten unha man. Por exemplo, o absurdo xira agora arredor de dous eixos que se asentan na falsidade: o das materias "troncais" e o poder determinante dos pais. No currículo educativo non existen materias "troncais". Non hai materias de primeira e outras de segunda. É un disparate! En que criterios pedagóxicos se fundamenta a decisión de que todos os estudantes de Galicia teñan que aprender á forza matemáticas en castelán?
¿E que dicir do poder discrecional dunha parte dos proxenitores para decidir sobre o ser ou non ser dunha lingua que é patrimonio común? Neste país, todos pagamos o ensino público (e o privado concertado!), é dicir, todos somos pais e nais. Mesmo o presidente e os conselleiros que non teñen fillos, tamén eles, nunha sociedade democrática, tamén eles son pais e nais. Non, non é a liberdade o que se instaura, senón o caos. Non é a cordialidade o que se implanta, senón a rifa permanente. Non sei se viñamos dun "bilingüismo cordial", mais si dunha "tranquilidade relacional" que agora pode estoupar. Dise que había un compromiso electoral, mais nunca se especificou o contido da reforma. E aínda que para afagar orellas fanáticas se fixese algunha promesa, o gobernante ten a obriga de revisala cando esa promesa vai contra o espírito do Estatuto, da Constitución e da Carta Europea das Linguas.
E se non se fai así, se non se volve á sensatez dun gran consenso lingüístico, que garanta a protección do galego, o que cómpre é espallar o modelo Camarote dos Irmáns Marx a todos os eidos da sociedade. Que se decrete a "liberdade" de pagar impostos, taxas e multas. A "liberdade" de circulación automobilística a esquerda ou dereita por votación dos condutores en cada estrada e cada catro anos. Que os clientes das caixas de aforro teñan dereito a votar en urnas e sucursal a sucursal (que menos!) se apoian ou non unha fusión. E que, dunha vez por todas, decidamos en votación se na catedral de Compostela está enterrado o apóstolo Santiago ou o herexe Prisciliano.
A educación é o núcleo de abastecemento de esperanza dun país. O que se fixo perante un ano enteiro non só foi perder o tempo senón espallar en todo o corpo docente, en mestres e profesores, a síndrome do burn-out, o queime, o chamado "infarto da alma". A relación dun bo gobernante co seu país debería semellarse a do artista coa súa obra. Velo como un work in progress. Unha obra aberta. Mais a forma que agora mesmo ten o país é a dun buraco in progress. Aborrecían a "inmersión" e, mira por onde, estamos todos mergullados nun Camarote absurdo, ocupados en facer buracos no baleiro.

A voltas coas agresións á lingua de noso...

envíannos este artigo da nosa admirada Pilar García Negro, en Terra e Tempo:

Ando a facer limpeza de papeis, documentos varios, ordenación de libros e labores semellantes, que me ratifican a idea de como as cousas falan e devólvennos millenta episodios do pasado, unha memoria que se obstinan en nos facer presente... Todo o mundo sabe, aliás, que os libros son seres que se reproducen (e esperemos que non morran), así que os achados que facemos lévannos de uns a outros, nunha historia de nunca acabar. Pois ben, cóubome atopar un simpático retallo de prensa que paso a descreber. Trátase dun "Vocabulario gallego-castellano", publicado nun suplemento de La Voz de Galicia, do 3 de Xaneiro de 1993, tamén como este 2010, Ano Santo ou Xacobeo. Non resisto a tentación de reproducir algúns dos seus benéficos consellos:

Lo primero que debe tener en cuenta el viajero que visita Galicia es que en esta tierra son dos las lenguas oficiales, y tan usada es una como otra. Pero aun así, una cosa es saberlo y otra defenderse mejor en un idioma que, aunque fácil de entender, tiene sus particularidades. Para empezar, la mayor parte de la población puede expresarse en perfecto castellano, aunque algunos sectores tienen prejuicios para usar la lengua de Cervantes. Pero también es necesario aclarar que el español de Galicia tiene giros y calcos propios que le vienen más de su propio idioma que de cualquier otra costumbre lingüística. Y por si el futuro peregrino quiere hacer sus pinitos en el idioma de Rosalía, o si se ve en el trance de usarlo, a continuación se citan algunas de las frases más socorridas del lenguaje común (eso sí, siempre que se tenga la precaución de pronunciar la "x" de raxo como la "ch" francesa o la "sh"inglesa.

A seguir, figura toda unha serie de frases breves ou de palabras, relacionadas sobre de todo coa comida ou cos saúdos, que xa nos abstemos de reproducir, agás unha, xenial: "Non entendo = no entiendo", que é, claro está, a proba do nove de que si se entende...

Cando, hoxe, dezasete anos despois, tamén ano xacobeo, reiteramos que o galego, a lingua propria da Galiza, está a padecer unha neoofensiva destrutora que se vehicula a través dunha ideoloxía fabricada a mantenta para aínda apiorar máis o seu estado e conseguir que os seus donos, os galegos, contribuamos máis eficazmente á súa exclusión, ao seu desaparecemento, cando recordamos esta insidia programada, referímonos a como si houbo e si hai unha política da lingua, teledirixida desde Madrid e executada no satélite galego obedientemente e que ten de todo menos de inocente. É, por suposto, unha política da lingua que visa o exterminio da diferenza galega, dirixida a dar por natural a súa inferiorización, e a aplicar constantemente a imposición do español como única lingua válida de iure e de facto.

No anaco de prensa que reproducimos, a cantidade de ideoloxía negadora do galego nel infiltrada é tan evidente que case nos resulta humorística, a tal ponto se retorce a realidade e se vulneran as evidencias. Primeiro: nada teman os visitantes españois a Galiza; aquí, agás algúns exaltados, todo o mundo cumprirá co sagro deber da hospitalidade (mal entendida), isto é, todo o mundo se submeterá ao mandato non escrito de ocultar o seu idioma galego perante o español. Segundo: o problema non está na obvia subordinación do galego, senón na existencia dun grupo rochoso que odia o español, isto é, de seres son normais (léase nacionalistas consecuentes coa práctica do idioma galego). Terceiro: inevitabelmente, o español (lingua-lingua, lingua verité) falado na Galiza está contaminado ou coloreado con modismos que o forasteiro (español, por suposto; ao turista sueco ou alemán se la refanfinflan..., porque, evidentemente, non os vai captar, mais, ollo, o que importa é non ofender os sacrosantos direitos do español, en calquer lugar da España política, por tanto, tamén, na terra, perdón, na propriedade galega...) é conveniente que coñeza, non vaia ser que manchen de máis a correcta intelección do castellano falado polos nativos. O consello de pronunciar o "x" é conmovedor: imaxinemos a pronuncia tan simpática que daría pronunciar sempre como "queixo" palabras como "exame", "texto", "exclusivo"..., mais xa sabe que o galego non ten cultismos, só voces populares...

Naturalmente, todos estes benéficos consellos non están dirixidos aos forasteiros senón a nós, aos nativos. Cómpre reforzar, por se non estiveren dabondo claras, as seguintes leccións diglósicas e pro-diglósicas:

1ª. O galego, en todo lugar e circunstancia, debe se submeter ao español.

2ª. Arredémonos como do demo dos perigosos, insensatos e recalcitrantes nacionalistas, que teñen a ocorrencia de, aquí, na Galiza, manteren o galego por toda a parte.

3ª. Mágoa que a asimilación na Galiza non cerrase o seu percurso e, aínda, vaia por Deus!, sobreviva o galego. Cómpre sobrelevalo con paciencia e resignación: uns cantos consellos prácticos serán de grande utilidade.

Todo o que antecede debe facernos pensar en como non podemos renunciar de nengunha maneira á batalla pola lingua nativa e nacional da Galiza, pola lingua de noso, mais tamén en como é vital que nos dotemos e distribuamos socialmente a nosa propria ideoloxía, esta si, favorábel á expansión e mellora do galego nos seus usos sociais e públicos. Mal favor nos faremos a nós mesmos se caímos na trampa de nos defender de mentiras propaladas pola contra do galego e non devolvemos a ofensa en forma de ataque e non á defensiva: quen é o fautor da imposición, que idioma está imposto, quen ten-temos problemas para que o noso idioma exista en público etcétera. Mais de todo isto falaremos nunha próxima entrega.

Hai que defender a lingua

por Carlos Callón, presidente da Mesa, en Galicia Hoxe

Hai que defender a lingua como sexa", comeza un coñecido poema de Manuel María. Estamos nun momento histórico crucial para levar a cabo o mandato dese verso: botar man de todas as nosas forzas para defendermos a lingua con todos os recursos da convicción e da presión democrática. Vivimos hoxe nunha verdadeira encrucillada na que nos toca definir se imos permitir que destrúan o idioma propio do país ou se, polo contrario, imos ser a xeración que soubo facerlle fronte a esta lexión de enterradores.
A táctica do goberno de Alberto Núñez Feijóo é apurar ao máximo no primeiro tramo da lexislatura todas as medidas máis agresivas contra a lingua galega. Así, consegue matar dous paxaros coa mesma pedra. Por unha banda, amósalle resultados aos sectores máis extremistas do seu partido, os que o auparon á presidencia da sucursal galega do PP e á presidencia da Xunta. Pola outra, pretende cansar a base social máis activa na defensa do idioma, enviando a mensaxe de que as mobilizacións non serven para nada e que o futuro da lingua está decantado sen remedio.
Debemos ser conscientes de que esta batalla vai ser longa, ao menos para toda a lexislatura, e baixo ningún concepto nos podemos permitir desfalecer. No peor dos casos, non llo imos pór fácil; mais non estamos no peor dos casos.
Xa houbo varias contas que lle saíron bastante furadas a Alberto Núñez Feijóo á hora de aplicar o seu plan de enterro do galego. Quixo comprar vontades no mundo cultural fichando un sociolingüista que tiña certo prestixio para que dirixise o proceso de desmantelamento da oficialidade do noso idioma. A confusión nalgúns sectores durou semanas, mais hoxe todo o mundo ten claro que o papel de Anxo Lorenzo como enterrador do galego só pode ser visto con vergoña allea.
Pensaba tamén Núñez Feijóo que as mobilizacións en defensa da lingua de Galiza serían "cos mesmos de sempre" e encontrouse coas maiores manifestacións en defensa da cultura propia de toda a historia da nosa nación. Unha delas, lembrémolo con orgullo, foi a terceira maior concentración da historia democrática do noso país.
Aínda que o neguen publicamente, o propio PP sorpréndese nos seus comités de dirección por tal afluencia, que nin eles foran capaces de conseguir perante crises como as dos incendios, a pesar da súa reputada maquinaria organizativa. Tamén lles causou abraio ver a tremenda mobilización de xente nova nos actos convocados contra o decretazo, especialmente a manifestación nacional que concluíu o pasado 21 de xaneiro na praza máis emblemática do país, a praza do Obradoiro.
Botaba contas o actual presidente da Xunta de que, xa que todos os estudos indicaban que os índices de falantes nas cidades caen en picado, era posíbel subir o nivel das agresións até niveis inéditos. E encontrouse con milleiros de falantes habituais de español subscribindo manifestos en contra da súa política lingüística, participando en folgas e secundando actos do máis diferente tipo, baixo a exclamación de que a lingua galega é cousa de todas e todos. Para máis inri, as estatísticas que se coñeceron sobre o nivel de rexeitamento do decretazo demostran que é máis repudiado nas áreas urbanas, que aínda estando máis desgaleguizadas non secundan nin comprenden tal nivel de ataque contra o idioma propio do país.
Confundiuse Alberto Núñez Feijóo en moitos dos seus cálculos á hora de ponderar a aplicación do plan que lle dixeron que tiña que aplicar contra a lingua galega. Pensaba que con ter o apoio dos principais medios, das principais corporacións empresariais e o poder institucional da Xunta xa lle abondaría, mais aínda resistimos con moitísima forza. Da nosa mobilización constante, intelixente e entusiasta depende que se continúe confundindo.
A plataforma Queremos Galego convocou concentracións de urxencia a semana pasada en contra do decretazo, nas cales se leu o manifesto en forma de decálogo que indico a continuación. Cómpre difundirmos o máximo posíbel esta información, para que se coñeza a verdade que a propaganda oficial quere ocultar e maquillar.
Estes dez motivos para recusar o decretazo estarán tamén presentes no macroconcerto que a plataforma cidadá organizou para o vindeiro 17 de abril en Pontevedra.
Decálogo contra o decretazo
A plataforma Queremos Galego, constituída por case 700 entidades do máis diferente tipo, chama a sociedade a unha mobilización constante até a retirada deste decretazo contra a lingua galega.
Rexeitamos o decretazo presentado polo goberno de Alberto Núñez Feijóo polos seguintes motivos:
1.- Porque non garante que os estudantes finalicen cada etapa educativa coas destrezas lingüísticas tamén en galego.
2.- Porque as nenas e os nenos das cidades e principais vilas non terán ningún contacto co galego até cumpriren os seis anos. Toda a escolarización en educación infantil será na chamada "lingua materna" maioritaria das familias.
3.- Porque é unha proposta feita de costas á sociedade galega. Non coñecemos outro goberno democrático do mundo que conte cun rexeitamento unánime a unha reforma educativa e que siga adiante a pesar de ter en fronte a todos os sindicatos, todas as asociacións estudantís e -excepto unha- todas as asociacións de nais e pais.
4.- Porque aplicar este decretazo vai supor enfrontamentos nos centros. A Xunta fai deixamento das súas funcións e traslada o problema ao profesorado, ao estudantado e ás familias, que serán parcialmente consultadas.
5.- Porque estas consultas parciais ás familias son pura propaganda da Xunta, pois en infantil preguntarase pola lingua familiar para que o ensino só se imparta no idioma da maioría e en primaria preguntarase cada catro anos por cal bloque de materias se pode impartir en galego. Neste disparatado deseño non se tiveron presentes nin criterios pedagóxicos nin o dereito a unha educación en igualdade.
6.- Porque este decretazo vulnera leis básicas (a Lei de normalización lingüística), acordos unánimes do Parlamento (o Plan xeral de normalización da lingua galega) e tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos (a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias).
7.- Porque este decretazo estabelece que a Consellaría de Educación pase a fomentar a edición de libros de texto en español e en inglés, a pesar de contaren cun mercado editorial fortísimo. A Xunta diminuirá así os fondos económicos para a promoción de material pedagóxico en galego, a pesar de ter serias carencias aínda en moitos ámbitos.
8.- Porque abre as portas a que se expediente ao profesorado que imparta en galego algunhas materias, como matemáticas, física e química e tecnoloxía.
9.- Porque con esta norma pasamos a ser a única comunidade do Estado español na que se limita que algunhas materias non poidan ser nunca impartidas na lingua propia e na que se posibilitará que os nenos e as nenas non o escoiten na escola (salvo como actividade extraescolar) até faceren os seis anos.
10.- Porque é unha agresión á dignidade da nosa cultura que haxa un goberno da Xunta que ande ás patadas coa lingua propia do noso país.
Ante esta situación, cómpre continuarmos cunha mobilización intensa, á cal está chamada o conxunto da sociedade, tanto falantes de galego como falantes de castelán. O goberno de Núñez Feijóo quere acelerar a extinción do galego, levándonos a un marco legal preautonómico. De nós depende evitalo!
Paremos o decretazo contra o galego!

O acento galego

por Francisco Castro, escritor, na Nosa Terra

Nos últimos anos temos asistido –nomeadamente a partir do traballo publicitario de certo supermercado– a un tipo de información que, en teoría, quere sacar peito do feito de que tal ou traloutra cousa sexa galega. Aquí entran dende o que xa deduciron vostedes que me refería ao “vivamos como galegos” ás campañas históricas en plan Galicia Calidade ou as típicas para atraer ao turismo para aquí (ulos non sei cantos millóns de visitantes que ía traer o Xacobeo, por certo?). A mensaxe sempre é a mesma: Galicia mola.
Este tipo de campañas teñen moito que ver con algo que facemos decote, que é, en canto nos deixan, sacar peito para subliñar a galeguidade de calquera asunto (a das Caixas, sen ir máis lonxe). Sexa “o ben que se come en Galicia”, ou “o noso clima privilexiado” ou a produtora de Cela 211 subliñando que a película “é unha produción galega”.
Vale, de acordo, está moi ben.
Non obstante, nunca, aínda nunca, pero nunca, nunca, vin unha soa campaña nin a ninguén defendendo en público o acento galego. As sete vogais. A nosa prosodia singular. Falamos da paisaxe, do clima, dos monumentos, do que sexa, e presumimos sen problema de todo iso. Non obstante, acho que nunca na vida ninguén asumiu a defensa do noso xeito particular de falar e de abrir e pechar vogais. De feito, sabemos que algúns actores e actrices e presentadores/as teñen sido obxecto de presión para “disimular” o seu acento galego (co ben que queda o andalú, arsa, arsa mi niña, ole, ole!, quen quere o acento galego na telemadrícañí?).
Sen dúbida, isto quédanos, coma un remanente do pasado franquista e dos xandasbolas do cine. Así que eu quero, pero xa, que a Xunta organice unha campaña en defensa do acento galego.
Porque se falamos de autoestima e de presumir, tamén precisamos que se coide e celebre e poña en público isto. A lingua é todo. Tamén como a dicimos.

Profesores de galego en cataluña contra o decreto

Profesores de lingua galega en Cataluña rexeitan o anteproxecto de decreto
Os docentes, que forman parte do Proxecto Galauda, insisten en que a reforma é un grave paso atrás para o idioma propio.
Manifestamos que:
1. Unha parte substancial da identidade galega e da súa cultura baséanse na lingua de seu, o galego. Preservala é irrenunciable, e a escola é un dos lugares fundamentais para acadar este fin.
2. En Galicia nunca houbo unha imposición da lingua galega, nin a hai agora. Argumentar o contrario é falso e demagóxico.
3. A lingua minorizada actualmente en Galicia —na maioría dos sectores sociais— é a lingua galega, e este decreto vén afondar na discriminación do uso do galego. Os argumentos cos que se nos quere convencer de que o castelán está en perigo son unha falacia destinada a confundir a poboación.
4. O Consello de Europa, nun informe do 2008, confirmou que en Galicia non se cumpren os dereitos mínimos do idioma galego e, segundo os estudos publicados pola Real Academia Galega, nos últimos dez anos reduciuse á metade o número de persoas que falan habitualmente galego.
5. O galego non pode ser relegado a lingua de segunda no ensino. A lingua galega non só é útil para facer literatura, oral ou escrita, senón tamén para o estudo das ciencias e das humanidades en xeral. Calquera materia do ensino universitario e non universitario debería ter o galego como lingua vehicular e da súa didáctica.
6. Lexislar para reducir o emprego da lingua galega no ensino non universitario é empecer o seu futuro como idioma vivo oficial de Galicia, espoliar o patrimonio do pobo galego e un ataque a unha cultura milenaria.
7. A promoción do galego na escola non supón romper a convivencia social dos cidadáns de Galicia. Así mesmo, o estudo do inglés ou doutra lingua estranxeira nunca pode supor unha diminución do idioma galego na escola primaria e secundaria.Finalmente, manifestamos que defender o galego mediante declaracións de apoio ou manifestos de adhesión por parte de institucións, de partidos políticos ou de entidades públicas ou privadas, non significa politizalo: significa exercer a imprescindible liberdade de expresión, unha mostra de lealdade aos nosos devanceiros e un compromiso cos dereitos das xeracións vindeiras.