Desde o 2017 a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas celebra unha xornada no mes de novembro destinada a estudantes de grao/máster co fin de divulgar a investigación matemática. É Habelas Hainas. Trátase dunha serie de presentacións curtas, duns 20 minutos, ao estilo das Ted talks.
Sempre tiveron a boa idea de gravar as sesións en vídeo, pero a mala decisión de colgar os resultados nunha plataforma de vídeos da USC sustentada co fenecido Flash Player. De aí que, cando menos polo momento, as dúas primeiras xornadas fiquen tras o muro da obsolescencia dixital.
Agora a edición do pasado 26 de novembro 2020 témola na canle de You Tube da Facultade de Matemáticas. Dalgunhas conferencias hai dúas versións, procurei recoller aquí a que ofrece unha mellor visualización e son.
A xornada comezou con Existimos e... somos únicos?, por Jorge Rodríguez López . Seguro que algunha vez oíches falar do teorema do punto fixo
De seguido Ana Suárez Gamarra trata unha teima miña: a Carta Xeométrica de Domingo Fontán coa conferencia Seguindo os pasos de Fontán. na que presenta un traballo sobre o cálculo da altitude no famoso mapa.
Rodrigo Mariño Villar, baixo o título Rebozarse na lama . A súa intervención dou pé a algunha intervención sobre as posibilidades do traballo de investigación e as oportunidades dos programas de doutoramento, se as houbera.
Co título Un complemento ortogonal, Daniel Cao Labora tratou da relación entre as matemáticas e a música
Maribel Borrajo García falou sobre a validez e fiabilidade das probas diagnósticas con E se patentamos unha moeda como proba diagnóstica?
A xornada rematou con Bourbaki, o matemático poldavo, por Jesús Conde Lago quen, como é evidente polo título, tratou sobre ese gran matemático, existira ou non.
Nos anos anteriores xa nos chegaron diversos e moi orixinais calendarios do IES Chano Piñeiro (Forcarei) (2018: ano de Forcarei, 2019: ano de Cerdedo, 2020: ano do Lérez). Desta volta as lendas de Terra de montes son as protagonistas dun calendario que se nos presenta en vídeo.
Un gran traballo de posta en valor do entorno no que vive o alumnado que acude ao centro.
Velaquí o resultado da política lingüística da Xunta, e de España. Os reporteiros da cadea La Sexta fixeron o experimento de pedirlle a tradución ao galego de varias frases a rapaces da Coruña. O resultado foi un desastre total. Hai algún mozo galego que coñeza palabras de uso tan común como "maceira" ou "porco"?
O descoñecemento total da nosa lingua por parte das novas xeracións no que o funesto decreto contra o uso do galego no ensino ten moita culpa. Pois, que viva o Xacobeo!
Procurando materiais para animar ao uso do noso idioma, dei co vídeo de Miguel López, médico de familia (El Salto TV). Sempre o uso, paréceme valiosísimo. Este logroñés demostra non só que o galego é útil e que calquera que teña vontade pode falalo, senón que mesmo nos di que cómpre falar no mesmo idioma có doente para atendelo como é debido.
Xa van alá once anos (e un día) desde que fixera a primeira entrada deste blogue. Un total de 4780 entradas publicadas das que 139 foron as do ano 2020, o que indica unha diminunción importante con respecto a outros anos.
O número de visitas aproxímanse ás 710.000, o que fai un total dunhas 80.000 neste último ano.
Na parte dereita do blogue hai un blogroll de 'Ciencia' con 65 ligazóns e outro titulado 'A miña lista de blogues' con outras 732 con referencias de blogues de normalización ou ben de bibliotecas escolares. Máis abaixo hai unha lista de 482 etiquetas xerais das que as máis frecuentes son
Quizais alguén enxerque nesta lista a razón de que Anxo Lorenzo, o precursor do funesto decreto de prohibición de galego no ensino, me teña bloqueado no seu Twitter. Por outra banda, está claro que 'Alberto Núñez Feijóo' fai referencia á mesma persoa que 'Feijoo', polo que este tería que ser o 3º na lista. Aínda hai outra lista de etiquetas, esta última centrada en lugares e que comencei a elaborar hai relativamente pouco tempo polo que só ten 152 referencias. Velaquí as máis frecuentes:
Nesta nova noite de Reis volvo a sentarme diante da pantalla para escribir estas palabras. Desta vez fixen un cambio que case ninguén notará con respecto a outros anos. Resulta que o camelo que me acompaña como identidade agora mira cara o outro lado; mira cara adiante e aí xa está avistando un futuro prometedor no que os nosos fillos recibirán, por fin, as clases de matemáticas en galego. Será o comenzo dunha nova era na que, por fin, comenzaremos a dar pasos cara a normalización.
A raíz da lei Celaá desenvolveuse unha agria polémica sobre a defensa do español incluso en Galicia. Que o castelán está perseguido en Galicia é unha das trolas máis maledicentes das que se crearon en toda a nosa historia.
A Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) é unha organización sen ánimo de lucro, formada por un colectivo de profesionais do mundo da comunicación en Galicia que ten como obxectivo a formación Social mediante as ferramentas de comunicación. Acaban de presentar unha iniciativa titulada Dicionarios audiovisuais de ida e volta na que, a partir de historias de persoas de distintos países, achégannos parte da súa cultura a través dunha expresión na súa lingua natal ao tempo que escollen unha expresión nosa que lles sexa útil para o mellor coñecemento da nosa cultura.
Neste vído é Mame quen nos presenta o seu relato sobre Senegal.
Do grupo de Facebook de Tradutores TED ao galego, recollo este vídeo coa seguinte presentación:
Nos próximos 80 anos poderían desaparecer ata 3.000 linguas, o que practicamente silenciaría culturas enteiras. Nesta breve charla, o activista lingüístico Daniel Bögre Udell mostra cómo pobos de todo o mundo están encontrando novas maneiras de rescatar as súas linguas ancestrais e reconstruír as súas tradicións. Anímanos a todos a investigar as linguas dos nosos ancestros e afirma que "reclamar a túa lingua e aceptar a túa cultura é un xeito poderoso de ser ti mesmo".
Enaire, empresa pública dependente do Ministerio de Transportes, vén de expedientar unha traballadora após ser recoñecido na inspección de traballo o seu dereito ao uso do galego nun centro laboral situado na Galiza. Para Enaire a utilización do galego é unha conduta sospeitosa de “acoso ascendente” contra a dirección.
Aló polos anos 70 do século pasado pensaron moitos que facer o galego lingua oficial lle daría o prestixio que precisaba e curaría os problemas todos. Algúns conformábanse con que o galego virase monumento nacional e os máis “románticos” pensaban que os galegos estaban rabiando por falar en galego e que Franco non lles deixara. Non se quixo ver que había unha fuxida do galego como había unha fuxida da aldea. As dúas cousas ían xuntas, pois que, co andar do tempo, o galego ficara acurrunchado nas aldeas e desprezado como elas. Pasaron os anos e estase a ver que a doenza non curou, que o galego se fala menos cada días e que se segue así vai morrer. Será a culpa dos galegos, que somos deixados e non sabemos defender o noso? Ou será que non se fixo un diagnóstico acertado da situación da lingua? Porque o que non se quixo recoñecer foi que o galego non estaba en bo estado, e esa evasión da realidade non deixou remedialo. Que sucedería se a alguén cunha doenza grave lle dixeran que tiña unha catarreira de nada? Que sería como ter tose e rañar o lombo. A doenza agravaría e o doente morrería.
Xa que a Xunta non fai o seu traballo no eido da normalización lingüística, teñen que ser outras institucións as que ocupen ese espazo.
A Real Academia Galega e a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela co obxectivo de conectar a mocidade co idioma puxeron en marcha unha campaña que contará con cinco pezas audiovisuais protagonizadas por mozos e mozas que son exemplo da Galicia con máis talento e que empregan o galego en todos os contextos da vida, da creación e do desenvolvemento profesional.
Cando a TVG comezou a emitir os programas de #Dígocho Eu, non me parecía que fose a ter nin moito nin moi bo percorrido porque nun principio parecía unha restra de tiróns de orellas por falarmos mal a lingua. Ficou claro que a miña apreciación estaba errada. Co tempo os vídeos foron diversificándose, pero sobre todo, contan cunha xornalista, Esther Estévez, cunha moi boa dicción e desenfado diante das cámaras. Todo apunta non só cara unha lingua de calidade, senón, por esta vía, cara a normalización.
O éxito do programa fixo que se meteran na aventura do Tik Tok, onde alcanzaron novas cotas de éxito. Neste vídeo resúmese o máis visto
O aire humorístico dos vídeos fundaméntase na esaxeración das características propias da fala do Morrazo, que presuntamente a fai incomprensible a calquera que non sexa autóctono, ou incluso aos que sendo dalí, renunciaron dalgunha maneira a selo. Toda unha crítica ao auto-odio. Tamén unha aposta pola revindicación das falas nunha época de uniformización. Non pode haber unha lingua viva se non acolle a unha boa manchea de falas.
Na segunda das Xornadas de Educación Plurilingüe organizadas polo Consello da Cultura Galega propoñíase un debate moderado por Manuel Bragado, mestre, editor e activista cultural no que tamén participaban Valentina Formoso, profesora no IES do Milladoiro
María López Sández, profesora de Ensino Secundario e profesora asociada da área de Didáctica da Lingua e da Literatura da USC e Xaquín Loredo, do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega
Existe o falso mito de que o castelán é a lingua común a todo o Estado español, a lingua que vertebra e exerce de elemento conector entre todos os seus habitantes. Digo falso porque nos queren facer crer e sentir (a través das súas continuas mensaxes) que esa lingua é tan propia das comunidades que posúen lingua de seu como a súa.
Nestes tempos de maior entoación da igualdade e da non violencia, convén pensar no deber de seguir na construción (e non na desfeita) dunha sociedade galega máis xusta, equitativa, que determine o marco soberano que consolide e posibilite máis logros e máis proxectos. Un destes (logro e proxecto) é a nosa lingua hoxe condicionada a uso condicionado. Maltratada de moitas maneiras. Inimiga a combater. E así este goberno de Galicia (ao cubo) teima en disgregar vontades colectivas a través do medo e do odio, si, desa emoción retrógada, cruel e terrible, nacida da sede de poder para desangar a cidadanía, poñendo os dereitos lingüísticos deste pobo a dieta de fame decretada. Un mal remedio que nos fai sufrir violencia para a nosa lingua, nun chulesco uso de poder que, dicíndose democrático, fai maltrato dela e deste pobo. Velaí como nos negan o uso pleno da nosa lingua. Soamente por horas como a toque de queda. Non podemos vivila. Hai que poñer outro prato á mesa para o español. Tanto odio á nosa lingua que dá en violencia estúpida. Un odio refinado a cara de “boiños”, o do sentidiño cordial, que semellando amor, o que trata e de anestesiar. Un odio moi rendible, co que buscan a desaparición da discrepancia, anulando a igualdade e a soberanía da lingua.
Non sei que máis podemos dicir, agora que as dereitas españolas converten a lingua nun instrumento de mobilización opositora, aproveitando a palabra «vehicular», que só ten significado como metáfora. O ministro Wert meteu ese termo na lei de educación do PP para combater o seu uso na lei catalá. Dende hai dous séculos, a lingua única foi un instrumento de construción nacional dos estados, aínda así nalgúns, nomeadamente no español, sobreviviron ou resistiron outros idiomas, nomeadamente o galego e o catalán. Porén, o respecto a outras linguas dentro dos estados é un asunto recente, posterior a Carta dos Dereitos Humanos de 1948. Claro que en España, por razóns obvias, ese respecto retrasouse moito máis. A lingua de Castela, estendida polos vellos territorios coloniais ultramarinos, foi lingua do Imperio, pero xa non o é, agás na testa capitidiminuída dos imperialistas fracasados.