A principios dos anos oitenta tiven coñecemento da actividade dunha asociación barcelonesa comprometida coa normalización da lingua catalá na cidade de Barcelona. Comezaran o seu labor, dunha forma moi intelixente no campo da hostalería. Querían que os restaurantes da cidade contasen coa carta de menús tamén en catalán. Hai moitísimo tempo que os cataláns saben aquilo que dixera Castelao: “unha lingua non nace por vontade dos homes, senón por necesidade do seu progreso”. E así lles vai.
A acción consistía en xuntarse as fins de semana os dez membros da asociación coa disposición de cear xuntos nalgún restaurante. Xa sentados acercábase o camareiro ao que lle indicaban a sua intención e pedían a carta dos menús:-Pero non teñen a carta en catalán?-Non, non a temos, pero díganme o que queren e solucionamos o problema.-Perdoe, moitas grazas, si non a teñen non imos cear. Coas mellores formas e discreción íanse do restaurante.
Así ata visitar ducias e ducias de establecementos durante unhas poucas horas nas fins de semana. Na volta de seis meses tódolos restaurantes tiñan a carta en catalán.Algo tan sinxelo e eficaz sería desexable na nosa “Barcelona” e en moitas outra cidades. Pero entre nós o desleixo e o pouco coidado é o que predomina. Así nos vai.En Redondela andaríamos agora con estas, e de que maneira!!! Recentemente o Concello vén de pór en marcha unha campaña de promoción da lingua galega na actividade comercial e empresarial á que lle desexamos o mellor dos éxitos. O obxectivo principal é apoiar e salientar os establecementos que usan o galego como lingua habitual e animar a outros a que dean o paso e desenvolvan a súa actividade na nosa lingua. De entrada cabe loar a iniciativa e tamén a disposición do comercio e das empresas que se sumen á campaña pola defensa e uso dos dereitos lingüísticos dos consumidores. Temos que superar iso da lingua dos empresarios e a lingua dos traballadores, a dos comerciantes e a dos consumidores. As linguas son de tódolos habitantes dunha nación e cultura; a propia de Galicia é o galego, de tódolos galegos, e todos temos o dereito de o coñecer e usarmos, en tódolos ámbitos da nosa vida. Segundo o dicionario da Real Academia Galega, a publicidade é unha acción que consiste en dar a coñecer ao público un produto, unha opinión, unha noticia ou unha persoa, cun fin determinado.Os principais obxectivos dunha campaña publicitaria terán que ser: informar, persuadir e recordar. Deberá contar tamén con outros requisitos: boa calidade, ser atractiva e crible. Sobre esta última condición vénme agora á memoria un anuncio publicitario que vin un día no interior dun restaurante de Lugo, dicía: "aquí come o dono". E comía! Persuadiume. Ofrecíame credibilidade e proximidade, como así foi, de tal forma que, os días que estiven na cidade fun comer sempre ao mesmo restaurante. Digo isto porque todos temos visto moitos "predicadores" e "publicistas" que nos din una cousa e logo fan outra moi distinta. Unha contradición un pouco malvada, non si? Creo que á maioría dos consumidores o que máis nos interesa da propaganda é a credibilidade, é dicir, que a publicidade do produto, o continente e o contido do mesmo, garden coherencia; de non ser así, teriamos que falar de publicidade enganosa; e haina."Publicidade redondelá" é unha campaña que, necesariamente, deberá contar, cando menos, cos requisitos sinalados, ademais de obedecer ao que di a Ordenanza Reguladora do Galego no concello de Redondela. En todo caso, parabéns a tódolos establecementos adheridos á campaña. Celebraremos a incorporación dos que se sumen e aplaudiremos o día que o Concello dea exemplo do que predica. É unha perversidade que a "empresa" máis importante do municipio, a que debe ser espello para poder dar exemplo, sexa a primeira en incumprir a Ordenanza do Galego e a Lei de Normalización Lingüística. Véxase a rotulación interior e exterior da casa do Concello e doutros edificios municipais. Desobedecen a ordenanza porque "os rótulos e sinalizacións da casa do Concello e dos outros edificios públicos serán redactados en lingua galega". Obsérvese, por outra banda, o que está pasando coas empresas que xestionan servizos do Concello: eluden a ordenanza porque "os servizos da oficina e demais unidades administrativas que teñan unha relación co público máis intensa promoverán o uso do idioma galego mediante a utilización como lingua normal de comunicación e información á cidadanía dos seus dereitos lingüísticos (...) o disposto no presente artigo tamén é de aplicación ás empresas ou entidades que presten e realicen servizos públicos municipais por concesión, arrendamento ou concerto de calquera tipo de contrato". Mírese tamén a rotulación viaria de competencia municipal: quebranta a ordenanza no punto en que di que "os rótulos e sinalización da rede viaria municipal serán redactados en idioma galego". Perverso e inmoral, ademais de desprestixiar "a marca" Concello de Redondela, á que tantos esforzos e recursos adicamos durante tantos anos. Hai que predicar co exemplo señorías do goberno e da oposición.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
mércores, 12 de marzo de 2014
Compromiso e desleixo
por Andrés Coruñago Laxe nas Voces de Prolingua:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario