Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 10 de marzo de 2014

A educación: dereito ou mercadoría?

A educación: dereito ou mercadoría?. Estamos diante doutro libro que recolle unha multiplicidade de mans e cerebros, todos eles con experiencia e coñecemento do mundo educativo. A coordinadora é Mariló Candedo Gunturiz, presidenta da Nova Escola Galega explica o obxectivo fundamental desta obra:


manter activo o debate e a mobilización cidadá que non quere renunciar á conquista democrática que representa a educación pública

Baixo esta premisa preséntanse 12 traballos que ofrecen outras tantas reflexións sobre aspectos fundamentais cando do que se trata é de analizar a situación educativa actual, face a unha contrarreforma asentada no desmantelamento dun servizo público esencial para o desenvolvemento social.
Nun dos capítulos, do que a autora é a propia Mariló, apúntanse as principais características da LOMCE:
  • Anticipación da segregación do alumnado aos 13 anos. Este aspecto terá como corolario o descarte de boa parte do alumnado cara a FP básica. Fundaméntase na culpabilización do propio alumnado do seu fracaso escolar.
  • Xerarquización, simplificación e recentralización do currículo. Volta á lei Villar-Palasí. Fundaméntase enque só importan os resultados, sen ter en conta as circunstancias (recursos, ratio, ambiente social,...)
  • Autonomía pedagóxica e modelo de gobernanza. Establécese co claro obxectivo de facilitar a privatización do ensino. 

Noutro dos capítulos repásase a dimensión dos recortes en educación que está tendo como consecuencia un empeoramento da calidade educativa e un encarecemento do que debería ser o dereito á educación mediante a conxelación de bolsas,  redución da cobertura dos programas de axuda para libros de texto, repagamento dos comedores escolares, encarecemento das escolas municipais de música, redución da financiación dos programas de formación do profesorado, dos programas contra o abandono escolar,...
Cocha Fernández repasa os tópicos falsos da FP: en Galicia o 60% do alumnado da secundaria post-obrigatoria cursaba FP vs. un 52% que é a cifra en Europa. Tamén comenta a complicada implantación da publicitada FP dual e tufo privatizador e de recurte dos dereitos dos traballadores co que vén adubiada.
No libro tamén hai espazo para unha panorámica da escola infantil (0-3anos), a educación inclusiva e a atención á diversidade, a autonomía dos centros educativos coa LOMCE, as perspectivas do ensino universitario, ou tendencia ao desmantelamento da educación social nun contexto de crise económica.

As reválidas na LOMCE
Para invitar á lectura deste libro non hai nada mellor que ler un artigo dun dos co-autores, Xosé Ramos Rodríguez, que foi publicado no dixital Praza Pública baixo o título "As reválidas na LOMCE, ou como segregar o alumnado".  Efectivamente, a LOMCE establece toda unha serie de obstáculos/reválidas que ao tempo que son un desprezo pola labor do profesorado terán como efecto a curto prazo a defenestración do labor pedagóxico ao poñelo ao servizo desas probas. No canto de espazos para aprender, teremos fábricas de pasantías.
Para que o caramelo sexa máis gorentoso, se o artigo de Xosé Ramos é moi clarificador, mellor é aínda ler a súa achega a este libro: "Alcance das avaliacións e o seu alcance na LOMCE"

A normalización usurpada
Valentina Formoso é a autora dun capítulo adicado ao estado da normalización lingüística no ensino. Nunhas poucas páxinas repasa o esencial da súa historia nos últimos 20 anos, destacando que pasamos do "a modiño" (en palabras de Agustín Fernández Paz) á involución.
No ano 2004 aprobárase co consenso de toda a sociedade o PXNLG. Sobre esta base redactouse o decreto 124/2007 que establecía un mínimo dun 50% de docencia en galego, un impulso do galego como idioma base na educación infantil e abríaselle paso á liñas de galego. Rachado o consenso, e cunha gran oposición social, o decreto 79/2010 abre unha vía involutiva establecendo un máixmo do 50% en galego, a prohibición expresa do seu uso na ciencia e a tecnoloxía e a apertura dun panorama desolador cunha imaxe negativa para o uso da lingua, excluíndoo das escolas infatís urbanas e  pervertendo incluso o ditame do TSXG que ditaminou que nin as familias podían escoller a lingua do ensino nin o alumno tiña liberdade para empregar na aula a lingua que lle petase.

Ningún comentario:

Publicar un comentario