Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 18 de marzo de 2014

Non impartimos cursos Celga

Este é un exemplo da escurantista e revanchista forma de actuar da Consellería de Educación. No día de onte, 17/03/14, recibiuse no meu centro unha chamada do  Gabinete de Normalización de Pontevedra, dependente da Consellería de Educación, ofrecéndolle ao profesorado de Lingua e Literatura Galega do noso centro a impartición dos cursos Celga que se programan na Estrada. E ao dar resposta negativa, a quen chamarían despois? ao IES de Forcarei? ao de Cacheiras?, ao CPI de Cuntis? Con que criterio se fan as contratacións co diñeiro público? Non derivará este tipo de actuacións na calidade dos cursos Celga? Por que non se ten en conta para nada o criterio da experiencia da impartición nos anos anteriores?
Se eu puidese dar os cursos, negaríame a impartilos. Así que o menos que podo facer é recoller esta entrada do ENDL As Ferreiras:

Velaí que a Consellería, deixa de ofrecer os cursos preparatorios Celga ao profesorado en paro e cos que segundo o informe da Inspección de Traballo mantén unha relación laboral. Concretamente, a Inspección Provincial de Traballo da Coruña, despois dunha inspección á Secretaría Xeral de Política Lingüística, comprobou que o profesorado que viña impartindo os cursos Celga non estaba dado de alta na Seguridade Social, non se cotizaba por el como corresponde e non tiñan recoñecidos os seus dereitos laborais. En consecuencia a Xunta terá que asumir unha forte sanción económica e debería reformar a escurantista metodololxía de contratación coa que actúa.A Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) fixo unha proposta para a mellora da planificación dos Celga na que incluía a creación dunha lista pública e transparente de profesorado colaborador na que se valorara obxectivamente a experiencia e a formación para a impartición destes cursos e se abrira o camiño á profesionalización no sector.
En vista do exposto, considerando que esta forma de realizar contratos para a adminstración pública carece da transparencia e as garantías necesarias, e en solidariedade co profesorado especializado na formación de galego para a acreditación Celga, o profesorado do noso centro rexeitou o ofrecemento da Consellería.

Máis:
CIG-Ensino denunciará por improcedentes os 476 despedimentos de docentes do Celga, no Sermos Galiza

2 comentarios:

  1. Moitas grazas pola vosa solidariedade e humildade. Grazas por axudarnos nesta tan grande inxustiza!! GRAZAS

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A actitude da Consellería é completamente miserable.
      Espero que teñades éxito nas vosas reivindicacións.

      Eliminar