Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 27 de marzo de 2014

Carta de Mero a ProLingua

por Baldomero Iglesias Dobarrio nas Voces de Prolingua:
Amigas e amigos de Prolingua, alédome que vos gustase a canción. Grazas. A idea de botar man da música e da palabra é para ofrecer un aloumiño, unha canción, un afago de desexos e tenrura.
Vén de lonxe a idea, pois as cantigas non nacen por xeración espontánea e hai que maduralas. Neste caso eu sabía o que quería facer, tiña que servir para colaborar coa iniciativa encomiable que un día soñamos, e tantos outros antes ca nós tamén soñaron. Así é como se fai uso, desde a noite dos tempos, de dous elementos de xuntoiro e cohesión social que prevalecerán xuntos -se nós temos vontade- e seguirán sendo vieiro para que os que veñan detrás saiban quen son e quen fomos, e para que os que estamos neste estado resistente poidamos celebrar os grandes encontros da estima na nosa orixe.Servirán para alentar momentos de desespero, pero virán tempos e intres de vento favorable. A luz os delatará e terán que pagar as súas moitas ruindades. A singradura da palabra é firme, e así debe seguir, como amosamos naquela primeira reunión en Compostela. E non pode ir a menos por moito que nos queiran mandar mequetrefes e ruindades.A música vai emparellada aos sentimentos profundos de orgullo e pertenza, honra de ser. É un camiño empedrado que está invadido de desestabilizadores alleos a nós e que tamén nos abafa. Naquela primeira reunión de Compostela eu deime conta de que aquel acto en defensa do Noso non era novo, polos anos e polo meu camiño trazado nesta andaina, xa vin esa escena en moitas ocasións. Era o nacemento dunha grande reflexión na que ao principio todo serían boas palabras, ...despois virían novas lecturas e distintas posicións, e chegaría quen decantando posicións e mesmo ideas, amosasen a incomodidade, aparecendo tamén os xa cansos de termar da escota da vela ou desencantados.Eu con esta canción que vos fixen, quixen dicirvos que non pode haber canseira, que non podemos derrotarnos -baixo ningún concepto, que debemos erguer con dignidade a Nosa Cultura e empezar pola Palabra que nos une. A música irá con ela. Vós ben o sabedes, esa é a chave que nos abrirá o porvir, a Liberdade. Agora, como di a canción, CANDO AMAR É PECADO, cómpre máis que nunca non perder o leme das cousas, saber onde estamos e quen son os inimigos. Ninguén nos pode castigar por amar o noso. Cómpre seguirmos xuntos, sen deixar que nos dividan, ...porque son moi hábiles -diso entenden- e saben que esnaquizados temos moita menos forza.Eu matinei esta cantiga, en letra e música, coa axuda e interpretación dos/das de A Quenlla, para dar fe das vosas boas intencións, sempre ergueitas e dispostas, que vos deben encher de honra e de contento; pero tamén da Nosa Responsabilidade para seducir e gañar adeptos para a causa da Cultura, sen venderse a ninguén e moito menos ao poder que nos despreza. Partimos desta única palabra de nós, da nosa música, da nosa paisaxe e xeografía humana, a Nosa -algún día será Nosa en posesión- Matria, Patria e Casa. E con estes elementos debemos vencer a batalla do abuso, a intromisión e a invasión que nos aniquila.Apertas de buxo e sempre convosco.Mero.


Letra da canción
Como unha fonte manancial que nace en pedra fai fluírna flor das augas un rumor levado en notas dun cantar,así se trenzan ao falar as nosas verbas co sentire pintan cadros en papel para que poidan describirsoños, ideas, brillos, luz, bicos dos beizos nun caudal.Sobre os silencios, esta voz, que o corazón fai latexar.O noso pecado é orixinal, selo de orgullo e cicatriz,dunha ferida sempre sentida que vén de lonxe e aínda hoxeestá a sangrartras do desprezo en tanta dor, pola traizón e a usurpacióndo noso ser, do noso estar,sen enfadarnos nin esixir!E o noso Pobo ha requirir o seu dereito de medrarcun horizonte en posesión, pobo e nación, lingua é porvir.A Nosa Lingua é unha nai para chorar ou para rir;que nos conforta e fai feliz pois é a patria natural.Se hai quen se ofende ao recibir pois que se obrigue para dar:falar galego é amarse, amar; ninguén de nós ha permitirquitarlle a terra a esta raíz e desprendernos deste chan,desta razón fundamental, fundamental para existir.E aquel que veña ha respectar, deixarse honrar e engaiolarpolo de aquí,que perda o medo e, en igualdade, use esta voz, participandosen destruír.pois nós queremos preservar, todo o que é noso compartir,sen inimigos contra os que ir, mais co deber de resgardar!Queremos ser donos de nós, sen renunciar, ...nada é hostil,o noso idioma natural é este río que flúe ao mar!

Ningún comentario:

Publicar un comentario