Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 15 de marzo de 2014

O “Adiós ríos, adiós, fontes” da St. Mary’s Primary School



por Xela Cuñarro Otero explicando o que hai detrás deste marabilloso vídeo,  nas Voces de Prolingua:

Non me lembro da primeira vez que escoitei falar de Rosalía de Castro. Crecín con ela, a súa poesía acompañoume ó longo da miña vida, sempre da forma brillante e perfecta na que só ela soubo cantar e entender a alma e a forma de sentir da súa xente, de todos/as nós. Hai dez anos, mentres estudaba o bacharelato no I.E.S. María Soliño en Cangas, tiven a sorte de que un dos mellores mestres que tiven me ensinara outra Rosalía máis: a técnica, os recursos, a teoría. A descrición e a reivindicación, a sensibilidade e a forza. A perfección.

Por todo isto, á hora de pensar nunha escritora que ensinarlles ás nenas e ós nenos da escola na que traballo en Irlanda do Norte (St. Mary’s Primary School), a decisión non foi difícil. Entre toda a obra de Rosalía, escollín “Adiós ríos, adiós fontes” non só por ser un dos seus poemas máis coñecidos e populares, senón tamén porque trata da emigración, un dos moitos trazos que nos une co pobo irlandés. O alumnado e todo o profesorado da escola comprenderon o poema perfectamente e falaron nas clases de canta xente da que coñecen vive e traballa noutros países: parentes, achegados, amigos... Durante as dúas semanas que durou o proceso de preparación e gravación deste proxecto toda a comunidade escolar fixo un traballo encomiable, recitando para a cámara os versos da nosa galega máis universal en galego e en inglés. Foi fundamental para a realización deste traballo o labor da Fundación Rosalía de Castro, impulsores do proxecto Rosalía é Mundial.
Unha vez acabado o poema comezou a súa difusión, e dende a escola (e eu persoalmente) estamos encantados co recibimento que tivo en ambos os países, o Atlántico de por medio. A escola recibiu mensaxes de agradecemento dende Galicia e tamén de galegos espallados por todo o mundo.
E este artigo para Prolingua é froito do seu traballo tamén, do esforzo por participar e crear unha peza noutra lingua, que non é a deles, pero que agora, dalgunha forma, si o é.
Faltaba incluír o idioma irlandés no poema e, grazas a Una Walsh e Kevin Murphy, historiadores locais; o centro social en Mullaghbawn (que realiza un traballo diario fundamental de recuperación e promoción da historia e cultura locais) e ás mestras Anne Morrow e Ciara Crawley, pronto haberá outra versión do poema, na que este idioma si estará presente.
Só me queda agradecer dende aquí o apoio recibido por parte de todas as persoas que compartiron e se emocionaron con este vídeo. A obra de Rosalía segue e seguirá tendo vixencia, porque fala dunha verdade profunda e certa, que chega de forma directa á alma.

Ningún comentario:

Publicar un comentario