Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 16 de marzo de 2011

Unha obra monumental

por Pilar García Negro, no Xornal, referíndose á obra "Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria" que se vai presentar mañán na miña vila, ás 20:30 horas na Sala de Exposicións de Novacaixagalicia:


2011 ficará na historia da literatura galega como un ano particularmente fecundo en investigación e ensaio, debido á publicación dunha obra que, tal e como intitulamos, non dubidamos en cualificar como monumental na non fácil (re)construción da nosa historia nacional. Referímonos a Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), da autoría de Francisco Rodríguez, un acreditado especialista na obra da nosa autora fundacional.
Mais tal obra, que vén de se editar pola AS-PG e que está a ser apresentada por diferentes cidades da Galiza e mais Madrid, culmina un longo periplo de investigación, documentación, procura hemerográfica, confirmación de fontes, anovación de perspectivas con novo instrumental analítico… que arrinca desde hai varias décadas. Con efeito, temos que nos remontar a varias atrás do século pasado, en concreto a 1970, cando podemos ler o primeiro artigo do autor sobre Rosalía de Castro, mesmo anterior á publicación do seu magnífico estudo sobre Curros Enríquez e a súa particular evolución ideolóxica.
Mais será en –e a partir de– 1980 cando se abra paso o inicio da que ben podemos denominar “Nova Rosalía”, o deseño da súa vera effigies, sintomaticamente a máis fiel á súa propria textualidade, ao que ela depuxo e escrebeu, non a que, ortopedia violenta mediante, se desfigurou, para rebaixala a símbolo xibarizado e admisíbel dentro de Galiza e dentro de España. Após varios artigos divulgativos e decisivos estudos publicados no ano 1985 –en que se celebrou o centenario do falecemento da escritora–, no 15 de xaneiro de 1988, Francisco Rodríguez defende, nun Paraninfo da Universidade compostelana ateigado de público, a súa Tese de Doutoramento, que deu en libro publicado aquel mesmo ano, cun título, por reducionista, abertamente desafortunado: Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro. Na realidade, como se encargaron de subliñar algúns membros (Ricardo Carvalho Calero, Claude Henri Poullain, X. R. Barreiro) do tribunal que xulgara aquela tese doutoral, aquela obra marcaba un antes e un despois nos estudos sobre a nosa autora.
Con efeito, tendo realizado un minucioso e prolixo repaso da bibliografía rosalianista anterior, esta obra contiña novidades hermenéuticas e interpretativas primordiais: en primeiro lugar, o seguimento e análise completa de toda a obra rosaliana, en verso e en prosa, en galego e en español; en segundo lugar, o debuxo rigoroso do pano de fundo histórico en que ela se insire; en terceiro lugar, a construción dunha biografía profunda, extraíbel –tal e como Murguía pedía– dos seus proprios textos.
Era, en fin, last but not least, a primeira obra rosaliana que se preocupaba de analisar e valorar o feminismo da autora como principio organizador da súa obra, aspecto que hoxe semella que todos aplauden e celebran mais que, insisto, é nesta obra onde ten a súa orixe circunstanciada, referida ás novelas, aos ensaios, ao “Conto gallego” e, por suposto, á súa obra poética.
O volume recentemente publicado baséase naquela obra primicial, mais dista moito de ser unha reedición ampliada. Nas súas máis de setecentas páxinas incorpora abundante e nova documentación, corroborante desde logo de teses anteriores, que nola apresentan como unha escritora profisional, muller enérxica e profundamente culta, abertamente contestataria na súa denuncia dos poderes civís, militares e eclesiásticos, así como redactora, sen dúbida, dunha nova semántica para a tríade revolucionaria francesa de que parten todos os escritores do XIX.
Toda a correspondencia dirixida a Murguía onde ela aparece resulta dun grande valor para trazar o seu retrato oblicuo, ao igual que textos xornalísticos contemporáneos, ou o seguimento da súa relación amical con mulleres ou dedicatarias de poemas seus, nun exercicio de filoxinia e de sororidade aínda non dabondo subliñado.
En suma, un libro imprescindíbel, apto para moitos públicos sensíbeis e desexosos de melloraren o seu coñecemento sobre a personalidade galega por antonomasia, aquela cuxa correcta valoración é clave para entendermos a contemporaneidade galega e, inclusive, todos nós.

martes, 15 de marzo de 2011

Catro días versus catro meses

2 de setembro do 2010. A Secretaría Xeral de Política Lingüística anuncia a convocatoria para a presentación de proxectos dos Equipos de (Normalización e ) Dinamización Lingüística e gábanse de que ao facerse ao inicio do curso escolar "vai permitir unha axeitada platificación do seu traballo e van poder contar cos recursos económicos precisos para desenvolvelo". Tratábase de impulsar o labor dos equipos.

3 de novembro do 2010. A Secretaría Xeral de Política Lingüística anuncia que dá ata o 13 dese mesmo mes para achegar as facturas correspondentes ás actividades desenvolvidas durante o primeiro cuadrimestre do curso. Un prazo de 10 días, menos 3 das fins de semana, un total de 7 días, 6 se lle quitamos o día do aviso. En definitiva, que os Equipos de Normalización dispoñían  deses catro días para desenvolver aqueles proxectos dos que non tiveran noticia de se terían asegurado un presuposto para poder realizalos, neses catro días debían contactar coas persoas e empresas necesarias co fin de obter as facturas baixo a promesa de que pronto as cobrarían. E fixérono neses catro días.

15 de marzo do 2011. Finalizando o segundo trimestre do curso, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, aínda non lles entregou aos centros seleccionados precisamente o 3 de novembro segundo a resolución do artigo 14 da convocatoria de axudas e que, tal e como di o artigo seguinte,  recibirían "un anticipo á conta do 25% do importe total concedido" co fin de que se poideran realizar actividades no primeiro trimestre do curso. E que di a Secretaría Xeral catro meses despois?. Nada.
Os centros de ensino, restando cartos doutras partidas tiveron que asumir eses gastos, entre 87 e 500 €, segundo as características do centro. Esta é a forma de actuar da SXPL, por unha banda anuncia que fomenta a planificación do traballo e que vai facer achegas anticipadas para a normalización nos centros de ensino, e na realidade o que fai é poñer trampas ao seu traballo e retarda inexplicablemente as achegas prometidas.

O triángulo de Sierpinski

Veño de engadir un novo medio na columna da dereita, o que, tal e como andan as cousas, é unha porta aberta á esperanza e ao optimismo. Trátase do dixital Que pasa na costa, convén botarlle un ollo. Vou contar como din con el.
Eu andaba remexendo pola arañeira da rede, nas miñas cousas, cando atopei unha activade do IES de Ponteceso sobre matemáticas, claro. Chamoume a atención que estiveran á procura de 3267 = 11*11*3*3*3 latas. Con elas pretenden facer un modelo do triángulo de Sierpinski, que non sería outra cousa que o que quedaría do triángulo que se pode ver pegado neste post se continuáramos realizando os pasos que se ven ata o infinito.
Resulta que o tal triángulo de Sierpinski pareceume unha boa metáfora do proceso histórico de substitución do galego. Ao principio temos o triángulo cheo, todos falan en galego, despois do primeiro paso, sacámoslle un anaco, ou se preferides, a clase social dominante abandona a nosa lingua. Despois doutro paso, a cada un dos triángulos lle sacamos o seu anquiño correspondente ou, continuando a analoxía, os habitantes das grandes vilas e das cidades son agora os que se mudan ao castelán,... Claro que, desde un punto de vista estritamente matemático tamén podemos comenzar a encher os ocos triangulares, poñendo en cada un deles, por exemplo, primeiro un triángulo que ocupe o seu centro, e despois 3, un cada un dos tres oquiños máis pequenos que van quedando, e despois 9 máis, e 27, e 81,...

luns, 14 de marzo de 2011

ガリシアへ行こう!

ガリシアへ行こう!é o blogue en galego dun xaponés, Masashi Oki, que desde Tokio, na súa nova casa, á que acaba de mudarse,  nos conta as súas impresións sobre a terríble situación que están a sofrir naquelas latitudes.
Masashi que acaba de casar,  enviou tamén un artigo que o Xornal publicou hoxe.
Vía CiberIrmandade da Fala.

Están bébedos

A Consellería de Sanidade  quere contratar unha campaña de publicidade para a prevención do alcolismo entre os menores de idade cun custo dun millón de euros e solicitou que as ofertas que realicen as axencias de publicidade interesadas se presenten só en castelán. Que é o que di a isto a Secretaría Xeral de Política Lingüística, presunta promotora e defensora do galego  nos diversos ámbitos da sociedade e moi especialmente na administración autonómica? Non di nin dirá nada, todo isto lle parece ben. Non se pode esperar outra cousa dunha administración que para promocionar o uso do galego, prohíbe o seu uso no ensino e reduce aportacións ás políticas de fomento e normalización.
A miña tese é que por certos departamentos dalgunhas Consellerías andan algo bébedos, se non, non se explica.
E se aínda hai alguén que non me crea, que llo pregunte á guardia civil.

Lois Pereiro: 3 novos vídeos

Desde o Caderno da Lingua, tres novos vídeos arredor de Lois Pereiro:



“Falar de bilingüismo ‘restitutivo’ é unha aberración”

vai un anaco da entrevista de Manuel Vidal Villaverde a Pilar Pallarés, no Galicia Hoxe:

Imos iniciar estas conversas, como case sempre, e de maneira ininterrompida, pola lingua: estado da cuestión. A lingua,  o idioma, como ti ben sabes, é para moitas e moitos de nós o principal sinal identitario que temos. Segue vixente, vivo, aí, aquí, malia os “depredadores”  estranxeiros, colonizadores e indiferentes cuxa actitude cara ó idioma galego é desprezo, entre outras cousas, porque dende a súa patética ignorancia e alienación propia dos colonizados, consideran que é unha lingua dun status inferior a calquera outra que non sexa –por esta orde– castelán-español, inglés, francés, etc. É, sobre todo, unha pseudo-argumentatio propia da ignorancia en particular activa. O chamado modelo consensuado da xa antiga e estreita Lei de normalización lingüística, tal incumprida como  violentada, foi substituída polo inconcibíbel decretazo, unha andrómena aínda vixente que quixo ser cínica e estultamente adxectivada con distintos e fracasados binomios: bilingüismo harmónico, cordial, etc., que non supón outra cousa que unha actitude idiota e polo tanto debemos de considerar inconsciente, e menosprezo ao galego. Unha “xenérica” ollada ao panorama, lonxe da estatísticas da badoca da impostura –se non de todos, si dalgún– ha sociolingüista á mantenta, o camiño está a se emporcar, e estigmatizar e enigmatizar. Da organización Galicia Bilingüe é mellor obviala, tanto polas súas histéricas mensaxes públicas como pola súa irredutíbel estulticia, cunha
visión apocalíptica invertida e impresentábel. En fin,  Pilar, vou parando nesta introdución, para que ti, verbo dela, fagas a túa concordando ou en desacordo con esta miña proposta, non é?

O idioma é desde logo  un dos principais sinais de  identidade,mais non sei se o principal,porque exemplos como Irlanda esixen matizar esa afirmación Na Galiza ese sinal de identidade nacional é tamén marca de clase. Esa foi a vía (a conciencia de clase,a labrega dos avós e a obreira dos pais pola que eu cheguei a perciber a opresión lingüística e a necesidade de loitar en contra. Sen divagacións: o idioma propio deste país é o galego. Como consecuencia do proceso de construción dun Estado centralizado e das medidas legais, coercitivas e punitivas tomadas  para o facer efectivo, estivo e está a ser substituído polo español, primeiro horizontal e logo verticalmente, isto é , afectando a todas as clases sociais. Moitos, desde o Rexurdimento, cremos que ese proceso de substitución é reversíbel, que a historia pode ser rectificada, como tan ben dixo Carvalho Calero. Mais para iso é preciso non só un labor de resistencia, senón mudar a situación desde o poder. Non se fai. Coido que mal andamos mentres   o uso da lingua dependa do voluntarismo, de efusións sentimentais ou de conversións ideolóxicas. Non se fala un idioma porque sexa máis fermoso ou máis entrañábel que outro, senón porque é útil socialmente. Para iso é preciso ir substituíndo o español polo galego. Ningunha comunidade necesita dúas linguas para a comunicación interna. O bilingüismo social non existe. Falar agora, desde posicións supostamente defensoras do galego, de “bilingüismo restitutivo” é unha aberración (ou unha maneira de se agarrar ao postiño en tempos politicamente adversos). E deixar que o español continúe a ser o idioma dominante e o galego un ornamento, unha criatura curiosa que se garda nunha reserva ou se saca só para usos rituais e liturxias ocas que en nada modifican a realidade. Poderiámonos consolar coa boa saúde que a nosa lingua desfruta nun país tan novo e dinámico como Brasil, mais queremos que tamén teña futuro aquí, no territorio no que naceu.

"No me hables en gallego"

por Carlos Callón, no Galicia Hoxe:


Pódense dar varias circunstancias en que nos soliciten ou mesmo exixan que nos mudemos para o castelán. Mesmo talvez declaren que non nos entenden, aínda que algunhas veces nin tan sequera sexa verdade.
As situacións que se nos poden dar son basicamente catro: que esteamos a realizar unha xestión cunha administración, que a xestión sexa cunha empresa, que nos encontremos nunha situación de debilidade en que nos poida traer consecuencias negativas non mudarmos de idioma ou, por último, que esa debilidade sexa só aparente e teñamos dereitos lingüísticos recoñecidos mesmo a nivel legal.
Na Administración
Se somos unha cidadá ou un cidadán que vai ou chama a unha administración (calquera: local, autonómica ou estatal con dependencias en Galiza), temos dereito a falar en galego e mesmo a que nos respondan nesta lingua. Unha petición para que deixemos de usar o noso idioma non é admisíbel baixo ningún punto de vista, polo que se nos acontecer tal cousa é recomendábel que formulemos a correspondente queixa. Lembremos sempre -igual que o fixo Bieito Lobeira hai poucos días, nunha actitude exemplar- que o artigo 54.11 da Lei 7/2007, do estatuto do empregado público, sinala que o persoal funcionario e laboral que está ao servizo das Administracións e entidades públicas "garantirá a atención ao cidadán na lingua que o solicite sempre que sexa oficial no territorio". Fagámolo!
Nunha empresa
As empresas que prestan os seus servizos en Galiza, segundo a lei 1/2010, "deberán ofrecer aos seus destinatarios a posibilidade de manter a comunicación oral e escrita en lingua galega". Segundo isto, non fica claro de vez que teñamos o dereito legal de que nos respondan en galego, mais si é nítido que, como mínimo, deben comprendernos. Iso é así tanto na atención presencial como na telefónica e chamen desde onde chamaren os traballadores desa compañía. O relevante é que a empresa oferta os seus servizos en Galiza, polo que incumpren a lei se nos instan para mudar de idioma. Nese caso, deberemos realizar unha queixa.
Un veciño do concello de Teo chamou á empresa Unión Fenosa debido a unha avaría que afectaba a cincuenta familias. Como a teleoperadora lle puña evasivas sobre a responsabilidade da compañía, o veciño pediu falar cun superior e presentar unha reclamación. "A mí me habla en español, si no le importa, porque yo soy española, ¿de acuerdo?", foi a repentina contestación da telefonista. O afectado fíxolle notar nese momento que el en ningún momento estivera a falar outro idioma que non fose o galego e que non manifestara antes ningún problema de comprensión. Esta traballadora de Fenosa continuou na súa liña de mala educación: "Me habla en castellano o acabamos la conversación".
Coñecemos este diálogo grazas a que o veciño, ofendido pola actuación da empresa, solicitou unha copia da gravación da conversa. Fenosa inicialmente tentou non proporcionarlla, a pesar de ser a súa obriga por lei, mais o veciño recorreu á Axencia Española de Protección de Datos (agpd.es) e logrou ter esa gravación no seu poder. Ese é un camiño que podemos percorrer no caso de nos encontrarmos nunha situación semellante, para, coa gravación xa no noso poder, darlle moita máis forza á queixa oficial que presentemos. Se non quixermos realizar todas esas xestións, cando menos deixemos constancia da nosa protesta e fagámoslla saber á Mesa pola Normalización Lingüística para que actúe.
En situacións de debilidade
Unha situación máis difícil en que nos poden reclamar que deixemos de falar en galego podémola encontrar se somos unha vendedora ou un vendedor, se nos xogamos o posto de traballo, se estamos nun exame oral, etc. En fin, se estamos nunha situación que se pode considerar de subordinación lingüística, debemos valorar a nosa resposta segundo a receptividade da persoa interlocutora, a súa verdadeira comprensión do galego, o nivel de tolerancia que amose cara ao noso idioma, o efecto que poida ter na nosa situación persoal, académica ou laboral, etc.
Comezando en galego xa amosamos un importante compromiso. Despois, segundo o contexto, debemos valorar en cada caso que é o que podemos facer. É comprensíbel que nalgunhas destas ocasións, tras a correspondente petición, teñamos que abandonar por un momento o noso idioma.
Tamén haberá casos en que poderemos continuar en galego: aludindo á doada intercompresión entre a lingua de Galiza e o castelán e amosando con amabilidade que, se tiver calquera dúbida ou dificultade, se axudará con dilixencia a resolvela. Decatémonos de que hai xente que nos pode pedir que non falemos en galego porque pode pensar, a priori, que non vai entender este idioma, mais que finalmente si o comprende.
Hai uns meses convidáronme a impartir unha conferencia en Palma. Nun primeiro momento, ía só coa intención de dar un primeiro saúdo en galego, para que non houbese problemas de comprensión. Mais os asistentes animáronme a que continuase neste idioma. Entre as 60 persoas alí presentes non había máis de cinco que escoitasen antes a lingua de Galiza. Houbo algunha palabra ou expresión que me decataba de que tiña que explicar para que non se perdese o matiz informativo ou expresivo, mais polo resto non houbo ningún problema de intercomunicación. Dá para pensar, non si?
Sexa como for, observemos que se todo o mundo falase en galego coa excepción de que a interlocutora ou interlocutor pedise que se cambiase de lingua, estariamos nunha situación moi diferente da que nos encontramos na actualidade. Mesmo que teñamos que mudar de idioma, podemos finalizar despedíndonos cun cordial e afectivo "até logo".
Falsa subordinación lingüística
Hai casos de aparente subordinación lingüística que non debemos considerar como tales. Por exemplo: no posto de traballo temos dereito a falar en galego coa clientela, coa xefatura, coas compañeiras e compañeiros, etc.; cando estamos nun xuízo, aínda que estivésemos como acusadas ou acusados, tampouco se nos poderá ordenar que deixemos de falar o noso idioma; un exame oral en calquera colexio, instituto ou universidade en Galiza temos tamén todo o amparo legal para o facermos en galego; etc. Non esquezamos que temos dereitos! Exerzámolos!.

domingo, 13 de marzo de 2011

A utilidade dos polinomios

Cando alguén que non me coñece se entera de que eu son profesor de matemáticas sempre ten a mesma reacción. Mírame de esguello, en moitos casos incluso cun pouso de odio, e pregúntame:
- Mira, ...e iso dos polinomios, serve para algo?
Daquela eu teño dúas alternativas. Podo coller amenazadoramente un lapis e un papel no que comence escribindo uns garabatos como os da imaxe para aclararlle os conceptos dos que lle vou falar. Comentaríalle se lembraba os monomios, as expresións que aparecen na primeira fila. Basta con escribir uns poucos para poder imaxinar infinidade deles. Despois virían os binomios que non son outra cousa que sumas de dous monomios; e finalmente os polinomios ou sumas de tres ou máis monomios. Podo continuar así cun discurso de máis de media hora no que lle fale de sistemas de  de numeración , de calculadoras, de bits, ou incluso de aproximacións de funcións, da construción de galiñeiros, da fabricación de caixas ou do avance da ciencia e a tecnoloxía,  pero sei que non paga a pena porque sei que o meu interlocutor deixaría de prestarme atención aos vinte segundos de eu comenzar, así que sempre me decanto pola segunda opción e contéstolle:
- Os polinomios? Os polinomios non serven para nada.
Entón na face do meu interlocutor debúxase un pequeno sorriso que demostra claramente que, por fin, obtivo un triunfo sobre as matemáticas, sobre esas odiadas matemáticas que nunca entendeu moi ben. Probablemente a razón de que a min me pase case o contrario débese a que tiven moi bos profesores de matemáticas. Despois de reflexionar moito sobre as súas forma de impartirme a docencia concluín que o feito de que impartiran as súas aulas en galego estaba no cerne do seu bo facer docente. Deste xeito cada vez que escoito falar do plurilingüismo a min véñenme á cabeza indefectiblemente ducias de imaxes de polinomios e é por isto que eu penso que o entendemento que eu teño de certos conceptos sociolingüísticos é máis acertado do que teñen outras persoas que eu teño por máis preparadas ca min como poden ser os rexedores da Consellería de Educación ou da SXPL.
Precisamente para saber como desde a Xunta entenden algúns dos conceptos básicos da sociolingüística fun ao seu web, concretamente ao apartado de linguas. Probei a premer na pestana de lingua estranxeira e enseguida puiden comprobar que se a comparaba coa de plurilingüismo, os seus contidos son indistinguibles. Aínda máis, se premía nas outras pestanas, na de bilingüismo, por exemplo, podía ver que aquilo era un totum revolutum; isto é, que para Anxo Lorenzo e Jesús Vázquez é o mesmo o plurilingüismo que o bilingüismo. E cando desde a  Xunta se fala de bilingüismo todos sabemos que unha das linguas é o inglés e que a outra non é o galego. Polo tanto, e tendo en conta que o ensino do inglés é máis unha disculpa que un interese serio, así como o plurilingüismo se converte en bilingüismo, éste fica reducido ao monolingüismo. En castelán, claro. Eis aquí a política lingüística da Xunta de Galicia.
Agora xa sei que cando alguén me volva a preguntar pola utilidade dos polinomios, xa nunca máis poderei contestar: "Os polinomios? Os polinomios non serven para nada."

O candidato di 'Riveira'

por Cris Moss, no Xornal:


Sen ánimo de polemizar cun asunto que nesa vila esperta rapidamente as suspicacias, parece ser que se o PP revalida a alcaldía manterá o costume de que o Concello siga a empregar o nome de Riveira para referirse á principal poboación do Barbanza.
O novo candidato popular, o de momento aínda voceiro parlamentario da formación Manuel Ruiz Rivas, xa está empregando pancartas nas rúas con esa grafía unida á súa imaxe.
O certo é que o nome oficial, o que rexistra a toponimia legal da Xunta de Galicia, di que a vila do Barbanza é Ribeira e non Riveira. Pero Ruiz Rivas debeu de pensar que resulta máis fácil chegar aos seus concidadáns empregando a grafía máis local, aínda que sexa incorrecta.

sábado, 12 de marzo de 2011

Presentación na Estrada do libro "Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria"

Este xoves 17 de Marzo, ás 20:30, na Sala de esposicións de Novacaixagalicia da Estrada, Xosé Luna presentará a Francisco Rodriguez, quen nos achegará á figura de Rosalía de Castro da man do seu novo libro "Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria". Organiza a A. C. Vagalumes.

Redución contra normalización

Agora xa non lle chaman normalización. Velaquí a evolución do orzamento da SXPL destinado á normalización do galego nos concellos.Aínda que agora, como a palabra normalización está prohibida polos zunantes da Xunta, usan outras formas retóricas para ocultar a falta de normalidade no uso do galego nos diversos ámbitos sociais. Neste caso a forma que adoptou a SXPL é a de "promoción do uso", porén, tal e como podemos ver moi claramente na gráfica, trátase da "redución do uso".

Vía As miñas historias

venres, 11 de marzo de 2011

Carvalho Calero vetado na web da Consellería de Educación

Sistemáticamente na web da Consellería de Educación aparecen as novas da Secretaría Xeral de Política lingüística. Pode que só sexa unha curiosidade, unha casualidade, ou pode ser que haxa un intento deliberado e un tanto trapalleiro de agachar a figura de Carvalho Calero pois na lista de noticias da SXPL aparece a referencia á homenxe que por medio da figura do presidente Feijóo se lle fixo ao ilustre estudoso da literatura galega coa entrega á familia dunha obra facsimilar promovida non só pola secretaría xeral, senón tamén pola Consellería de Educación e da man da Editorial Galaxia e que, nin máis nin menos  " é a homenaxe da Xunta de Galicia a Ricardo Carvalho Calero co gallo do centenario do seu nacemento".
Supoño eu que con este ocultamento non querían esconder a participación do presidente na lembranza de Carvalho Calero. Ou si?

P.S.: unha curiosidade, na dirección do apartado de actualidade da SXPL é http://www.xunta.es/linguagalega/noticias  porén, a da Consellería de Educación é http://www.edu.xunta.es/web/news. Curioso versus: noticias contra news.

As Illes Balears (e Galiza), laboratorios para o lingüicidio españolista?

por Antoni Lluís Trobat Alemany, en Terra e Tempo:

Ás veces, só fai faltar botar unha ollada máis ou menos analítica á realidade dos distintos pobos que vivimos encabidos na estrutura administrativa do Estado Español, para darse conta que, os inimigos dos nosos dereitos nacionais, empregan fórmulas moi similares en cada un dos nosos países.

As Illes Balears, o país catalán insular, foi un territorio que na década do sesenta do século pasado pasou dunha estrutura social pre-moderna baseada na agricultura de secaño (xamais houbo revolución industrial nin unha burguesía nacional no século XIX, coma se pasou en Catalunya e no País Valencià, que encabezase a reivindicación colectiva) á post-modernidade froito do bume da industria turística. Un turismo que a converteu en lugar de veraneo das clases traballadoras británica, alemá e escandinava no marco do "estado do benestar" construído polos socialdemócratas europeos despois da Segunda Guerra Mundial. E que, paradoxalmente, serviu ás Balears para desenvolverse economicamente, por unha banda; pero tamén para agredir brutalmente a súa contorna natural (o que os urbanistas e ambientalistas chaman "balearización") e transitar do dominio das  vellas clases altas ligadas ao poder español a unha nova situación controlada por un emerxente lóbi de empresarios hoteleiros e construtores moi vinculado, tamén, ás elites político-económicas de Madrid.

Nese contexto, xa desde o inicio da autonomía en 1983, a vida política estivo hexemonizada por unha AP (despois PP) con dúas almas (unha, españolista e españolizada, ultra e próxima a Madrid, "do barrete"; e outra, máis "da boina", rexionalista, centrista, enraizada no campo mallorquino e catalanoparlante). Fronte a esta dereita (cuxos conselleiros de turismo e de economía eran, en palabras do sociólogo da UIB Joan Amer, os "conserxes" de lóbi hoteleiro) e a un PSIB-PSOE débil e que cultivaba os seus votos nos ghettos de inmigración do sur de España chegados para traballar na industria turística a partir do sesenta, a alternativa e única oposición estivo, desde sempre, representada por unha sociedade civil forte e polo nacionalismo progresista, veiculado desde 1976 pola Federación PSM-Entesa Nacionalista (constituída polo Partit Socialista de Mallorca, o Partit Socialista de Menorca e a Entesa Nacionalista i Ecoloxista d'Eivissa).

Unha sociedade civil vertebrada a partir de dous movementos sociais fundamentais: o ecoloxismo, a partir da organización GOB , un caso único en Europa, onde os movementos de carácter ecoloxista adoitan estar atomizados e ser de carácter local e influídos polo fenómeno nimby (not in my back yard), e que constitúe un auténtico motor de mobilización cidadá en defensa do medio ambiente e doutro modelo socio-económico respectuoso co territorio do país; e o movemento en defensa da lingua e a cultura catalás, que ten a súa expresión integral na Obra Cultural Balear (OCB) nada en 1962 e que muscula e vertebra todas as expresións activistas da sociedade balear en defensa da lingua, a cultura e o autogoberno (xa sexa en ámbitos tan diversos como a mocidade, a educación, o pensamento, o movemento asociativo ou o mundo do traballo).

Durante a lexislatura 1999-2003 tivo lugar a primeira experiencia política de goberno alternativa ao PP, o chamado "Pacte de Progrés" no que o PSM tivo un papel destacado e os avances sociais, ambientais e culturais foron importantes. Despois veu o desastre, auspiciada polo lóbi de empresarios turísticos, que acusaron o goberno de esquerda plural de "atacar a principal industria económica de Balears" e o 25 de maio de 2003 o PP encabezado por Jaume Matas, ex-ministro español de Medio Ambiente do executivo Aznar e aliñado co sector máis españolista, obtiña unha soada vitoria. Empezaba, pois, unha "lexislatura horribilis" da que apuntarei só o que afecta as agresións contra a lingua propia do país: decreto de trilinguismo na escola (que coa escusa de introducir o inglés impuña o castelán e reducía a un terzo as horas de catalán); rebaixa do requisito de catalán na función pública; peche de medios radiofónicos na lingua propia; creación dunha RTV autonómica con menos do 50% de programación en catalán; ruptura de relacións coas institucións culturais comúns do resto dos Països Catalans, etc.

Hai uns meses, Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, estivo en Mallorca convidado pola OCB  e puido intercambiar impresións de dúas realidades que, en definitiva, a dereita española e o estado non consideran moi diferentes. Unhas políticas, as vividas en 2003-2007 en Balears e a día de hoxe en Galiza, que só teñen un obxectivo perfectamente deseñado: a eliminación progresiva dos nosos idiomas.

xoves, 10 de marzo de 2011

Pillado contra Lorenzo


Teríamos que pensar por que Anxo Lorenzo non ten problema ningún cos que reducen, atacan e ofenden ao galego, mentres que non deixa de ter enfrentamentos con aqueles que si defenden, sen hipocresía, a nosa lingua. Significativo que suceda isto cun secretario para a política lingüística, e indicativo de cal é a dirección desta.

Parabéns, Galipedia

por Xavier Gómez Guinovart, facendo algo que sempre está ben, felicitando aos anónimos mantedores da Galipedia,  en Terra e Tempo:

O éxito da Wikipedia, unha enciclopedia en liña aberta e de creación colaborativa, tras dez anos de funcionamento, é o mellor exemplo das posibilidades da colaboración masiva na rede Internet. Con 18 millóns de artigosenciclopédicos en máis de 200 linguas, 400 millóns de visitantes cada mes, 28 millóns de persoas usuarias rexistradas en todo o mundo, 80.000 editores activos (con 5 ou máis edicións por mes) e máis de 10.000 moi activos (con 100 ou máis edicións por mes), a Wikipedia é unha das páxinas máis visitadas do mundo, ocupando neste momento a oitava posición na clasificación de Alexa.

A clave do seu éxito é, sen dúbida, a participación: na Wikipedia calquera usuario, rexistrado ou non, pode editar a enciclopedia, creando un artigo novo ou revisando un artigo xa existente. Este proceso de elaboración cooperativa dos artigos enciclopédicos permite que a xente que así o desexe poida contribuír a mellorar cos seus coñecementos os contidos da Wikipedia. Por outra banda, a elaboración colectiva dos contidos dunha mesma entrada obriga á discusión e á necesidade de consenso entre as persoas que participan na súa redacción, o que redunda tamén na mellora da calidade das entradas.

Evidentemente, este proceso de elaboración dos artigos da Wikipedia, alicerzado na liberdade de edición e que permite o anonimato, posibilita usos indebidos, como a eliminación de páxinas da enciclopedia por diversión ou a inclusión de entradas falsas, con publicidade, con insultos ou con contidos inapropiados, usos todos eles para os que a comunidade da Wikipedia acuñou a denominación de vandalismo. O vandalismo na Wikipedia é un dos seus principais problemas e, ao mesmo tempo, unha consecuencia ineludíbel dos seus propios principios. Para que a Wikipedia non perda o seu valor e a súa utilidade, os actos vandálicos deben ser controlados dun xeito activo, e de feito existe unha gama de ferramentas informáticas que permiten automatizar totalmente ou parcialmente ese control. Con todo, o mantemento necesario da Wikipedia, a nivel de contidos, ten que ser asumido por un grupo de usuarios comprometidos que asumen o papel de administradores. Entre as súas funcións principais inclúense a vixiancia e corrección dos actos vandálicos e a xestión do consenso na redacción das entradas nas que se dá algún conflito.

A Wikipedia en galego, tamén chamada Galipedia, arrincou o 8 de marzo de 2003, pouco máis de dous anos máis tarde do que o fixera o proxecto inicial de Jimmy Wales, así que cumpre nestes días os seus oito anos de existencia. Neste período de tempo, cos datos do 7 de marzo de 2011, a Galipedia atinxiu os 68.846 artigos -unha cifra que a sitúa na posición 41entre as 279 linguas oficiais na Wikipedia- e os 25.975 usuarios rexistrados, incluíndo 9 administradores. Co gallo do seu oitavo aniversario, a Galipedia asumiu o reto de chegar aos 70.000 artigos, e con ese fin convoca unha maratón galipédica durante o próximo sábado 12 de marzo. 

Comparada coas outras dúas enciclopedias galegas, a Galipedia aínda ten que percorrer un longo camiño para chegar ás 145.000 entradas da Gran Enciclopedia Galega ou ás 200.000 daEnciclopedia Galega Universal. Destas dúas, a Enciclopedia Galega Universal de Ir Indo é a única que posúe unha versión -de pago- para consulta en web. A Galipedia é, por tanto, a única enciclopedia galega en liña de consulta gratuíta. Cunha perspectiva situada á marxe da lóxica empresarial dos custes e das ganancias, a Galipedia, coas súas virtudes e defectos, ofrece un lugar de referencia para a compartición libre e desinteresada do coñecemento e para a identificación e difusión global da nosa lingua e da nosa cultura. Os éxitos da Galipedia serán os nosos éxitos. Parabéns, Galipedia.

O português no ensino da Galiza

por Néstor Rego Candamil, no Terra e Tempo:

Mais uma vez, o Partido Popular agiu como era previsível e opôs-se à proposição não de lei do BNG que visava à introdução do português no sistema educativo da Galiza. Não hesitou o PP no rejeitamento da iniciativa, embora as declarações  prévias de Feijóo face ao pedido do embaixador de Portugal ("Tudo o que for abrir a Galiza ao mundo e incorporar línguas estratégicas são uma oportunidade que não podemos perder", junho 2009) e   a continuada apologia das vantagens do multilinguismo fizesse pensar o contrário.  E apesar também de que a proposta propunha a introdução do português como segunda língua estrangeira, portanto com um status similar ao do francês ou alemão.  Não admira a posição do PP, longe disso, surpreenderia outra. Há tempo que ficou claro para quem quiser ver, que o  famigerado plurilinguismo é apenas um pretexto na estratégia de eliminação do galego no ensino e de desgaleguização do nosso País.  

A proposta do BNG vinha precedida por um pedido à Conselharia de Educação, assinada pela totalidade dos sindicatos do ensino, do nacionalista CIG aos estatais CCOO, UGT, STEG, CSIF e ANPE, para a regularização e expansão do ensino do português no sistema educativo galego, criando vagas da especialidade de língua portuguesa e listagens de substituições, a começar pelo secundário. Rara unanimidade que se explica pela simplicidade e bom senso do pedido: se damos a opção de estudar como segunda língua estrangeira francês ou alemão, por que não português? Mas, como vemos, o sentido comum do PP não é assim tão comum. 

Não é esta a ocasião de entrarmos para debater qual a consideração com que o português tem de assentar no sistema educativo galego. Sem ser, com certeza, a que muitos gostariam, o pragmatismo levou os proponentes (sindicatos, 
Associação de Docentes de Português na Galiza, BNG) a optar pela solução de incorporá-la como língua estrangeira, por considerar que é a opção possível no atual quadro jurídico. E, felizmente, há sobre isso consenso em todos os apoiantes da iniciativa. No entanto, como estamos a ver, não vai ser fácil, pelo menos  enquanto persistam as resistências políticas do espanholismo e as reservas de muita oficialidade da cultura galega.

Aliás, foi esta a fórmula que permitiu que já se viesse lecionando português em diferentes centros de ensino primário e secundário. Com efeito, hoje na Galiza, e graças à vontade e esforço voluntário de alguns professores e professoras de galego que decidiram agir face à inação ou mesmo aos obstáculosda administração, são já por volta de 30 centros docentes e 2.500 alunos que recebem aulas de português no ensino básico e secundário. O número de centros que ministra português vai aumentando de ano para ano, mas não os meios disponibilizados pela administração para lecioná-lo. Em contrapartida, na Estremadura espanhola, onde mais de 10.000 pessoas estudam português no sistema educativo, a aprendizagem desta língua foi promovida pela Junta sob um lema bem eloquente: "Estuda português, abrir-te-á muitas portas" Mas, é claro, a diferença da Galiza, o português não representa na Estremadura nenhum problema, quer político, quer lingüístico. 

Voltando ao sentido comum, as vantagens de estudar português são evidentes, e nem é preciso qualquer confessionalidade reintegracionista para vê-las. À partida, a vantagem de capacitar os alunos galegos na correta utilização de uma língua em que é possível relacionar-se com perto de 250 milhões de pessoas e que cresce em interesse e utilização pelo papel estratégico que desempenham países lusófonos como o Brasil. Mais ainda num contexto em que as relações económicas, comerciais  e culturais começaram a se intensificar e precisam crescer. Particularmente no que diz respeito à cultura, que tem em Portugal e no Brasil espaços naturais de expansão e ainda, em termos económicos, um mercado imenso por explorar. 

Além disso, mesmo para  aqueles que não considerem que português e galego são a mesma língua ou que o padrão português é já um standard ótimo para o galego, não há dúvidas sobre os efeitos benéficos do ponto de vista lingüístico. A começar pelo valioso reforço que supõe para assentarmos um modelo de língua de qualidade.  Aliás, com toda certeza, o estudo do português contribuiria para os alunos e alunas valorizarem a própria língua, para a depurarem de erros e castelhanismos, para acederem a uma cultura muito rica e pouco conhecida pela juventude e ainda para se descolonizarem mentalmente, deixando de considerar o espanhol como referência e medida de todas as coisas. São precisamente estes aspectos que, decerto, considera perigosos o governo do Partido Popular. Não é por casualidade que argumentasse a rejeição da iniciativa nacionalista aduzindo tratar-se duma proposta assentada num "complexo ideológico".

Tem afirmado a professora Pilar Garcia Negro que a lusofobia que existe na sociedade galega não é mais do que uma expressão da real galegofobia que sofremos, do auto-ódio que descobrimos a cada dia como plenamente vigente em parte da nossa cidadania. Não vamos poupar a Feijóo deste complexo, mas suspeitamos que na oposição à proposta do BNG se junta também a avaliação do "risco português", e portanto a clara decisão de evitar um reencontro normal da Galiza com Portugal e a lusofonia que, julga, com razão, irá contribuir para fortalecer a identidade e a consciência nacional do nosso povo. É assim que perfeitamente se compreende que a primeira decisão que adotou como presidente da Junta em relação à "Euro-região Galiza- Norte de Portugal" foi a inclusão na mesma de Castela-Leão, tentando com isso apagar qualquer possibilidade de se converter num espaço favorável à consolidação da identidade lingüística ou cultural comum. 

Mas, senhor Feijóo, a pesar de você o estudo do português continuará a crescer, como progredirá também a incorporação da Galiza ao seu espaço cultural e lingüístico natural, a lusofonia. Ou, se quiserem, a galeguia, como propôs denominá-lo o escritor brasileiro Luiz Ruffato. Com certeza, amanhã vai ser outro dia.