Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 24 de abril de 2011

De pobos e linguas

por Antón Dobao, n´A Nosa Terra, o pasado 20/04/2011, no cerne na cuestión:


Non sei moi ben se os pobos constrúen linguas ou se son as linguas as que constrúen pobos. Ou se a relación entre linguas e pobos é moito máis complexa do que pensabamos. En calquera caso, se existise formalmente un Pobo Galego como suxeito político en plenitude, é dicir, como orixe dun novo poder constituínte, sabería que facer coas linguas que circulan polo seu territorio. As posibilidades serían múltiples. Ningunha consistiría na exclusión, en fixar como obxectivo o exterminio lingüístico, a glotofaxia como práctica e horizonte. Todo o contrario.
As políticas lingüísticas dos últimos 30 anos son monolíticas. Abanéanse entre o laissez faire que caracterizou a era fraguiana, coa súa protohistoria, e a reconquista simbólica da era Feixóo, unha resposta desmedida á timidez algo covarde do bipartito. Talvez non pretenden esparexer os anacos exánimes dunha lingua que, guste ou non, conformou Galicia durante séculos e que a seguirá conformando mesmo no improbabilísimo caso de desaparecer, pero é patente a abundancia de quites totalitarios nas guerras lingüísticas coas que goza este novo nacionalcatolicismo sociopolítico e cultural: o desprezo, a vulgarización, a mentira como premisa, a distancia entre linguas chamadas de cultura e linguas que seica non o son, a defensa cínica dunha liberdade de elección condicionada, e un moi longo etcétera. Un mal disimulado complexo de inferioridade convida a certos individuos e grupos a se deleitaren coas imaxes dos seus corpos deformadas por espellos cóncavos. Conta Álvaro Cunqueiro que Omar Pequeno decidiu crecer máis de nove cuartas para converterse en xigante e así escapar dos marcos dos espellos deformantes. Os exterminadores, ao contrario, excítanse na deformidade propia porque soñan que así se imitan a aqueles seres superiores que gozan da inmensa fortuna de non coñecer máis lingua ca o castelán, que debeu ser o idioma no que Deus ordenou a imposibilidade de Babel. E nestas, as políticas lingüísticas agresivas viñeron a substituír as tolerantes. Eles, que odian a Charles Darwin, defenden unha selección natural lingüística (condicionada, madia leva) e converten a supremacía e a subalternidade en cuestións de fe ao tempo que desexan expulsarnos do templo da ciencia, á que tamén desprezan, por certo.
Pola nosa parte, antes andabamos preocupados porque só nos toleraban; agora parecemos arelar que nos toleren porque decidiron sinalarnos e excluírnos. Quizais esta mudanza de perspectiva é o seu maior triunfo. Para invalidalo, nós precisamos unha cartografía nova, ou sexa, ante todo negarnos a percorrer os carreiros que nos deixaron as súas invasivas plantacións de eucaliptos. Discutirmos sobre monolingüismo, bilingüismo ou plurilingüismo é innecesario, pois será difícil un futuro de individuos monolingües, pero ademais disólvenos nas súas selvas, ensarillados na terminoloxía que manexa o seu discurso cínico de eliminación. A solución final. Unha guerra empeza a perderse cando se renuncia ao propio discurso e cando se recoñece a inminencia da derrota. Os discursos da catástrofe lingüística teñen que dar paso xa a novos contidos e novas formas de comunicación cos falantes. O galego non é unha lingua moribunda por moito que ese sexa o desexo íntimo dalgúns. O galego somos os seus falantes.
Cómprenos un debate franco que conduza a todas as forzas normalizadoras a tácticas e estratexias eficaces, máis aló de lugares comúns xa desgastados, e que sitúen os falantes como verdadeiro suxeito de toda política normalizadora, sexa oficial ou de base. Só arredor do falante real se poderá construír un futuro máis brillante para a lingua que nos configura. Sería bo que este maio que aí vén servise para reestruturar forzas e atacar os retos do futuro con determinación, coa belixerancia necesaria e co optimismo que nos ofrecen as nosas razóns. Entre elas, a máis importante: sermos nós, ou sexa, os homes e mulleres configurados por unha lingua. Nin máis nin menos.

sábado, 16 de abril de 2011

Matemáticas en galego




Esta unidad interactiva requiere la máquina virtual de Java J2RE.

O Ministerio de Educación acaba de publicar o que desde o meu punto de vista é o mellor material de matemáticas existente na arañeira da rede hoxe en día... en galego (acceder desde aqui). Sonche paradoxos aos que a política galegófoba do goberno da Xunta vai ter que enfrentarse a partir de agora: mentras que desde a Consellería de Educación se prohíbe a impartición das aulas de matemáticas na nosa lingua, desde o MEC, alleos á política lingüística contra o galego, manteñen un programa de divulgación e mellora dos seus materiais.
O MEC desde hai tempo promove a publicación dos seus recursos noutras linguas, especialmente en galego, euskera e inglés. No caso que nos ocupa trátase de 60 unidades didácticas que tratan todo o temario da ESO. O exemplo que puxen aquí é só un dos centos que podería escoller de entre todo ese material. Para unha descripción das unidades didácticas  aquí está  unha breve explicación elaborada por Xosé Eixo, ao que aproveito para agradecerlle todo o traballo e interese mostrado pois el é o principal responsable de que hoxe poidamos dispoñer de todo estes recursos.
Eu fago unha invitación especial aos poucos que poidan caer por aquí para que remexan e espallen este material entre o profesorado galego.

Se non vedes a aplicación que está aquí engadida como exemplo pode ser por non terdes instalada a máquina virtual de JAVA ou plugin DESCARTES
Outros requisitos: Flash Player 7 ou superior, Acrobat Reader

venres, 15 de abril de 2011

O galego é a chave

Maxicamente novo

por Henrique Monteagudo en El País: 


Anda por Galicia adiante o músico galego Roi Casal e o seu grupo presentando un novo disco, intitulado Maxicamente vello. Tiven a fortuna de asistir en Compostela á súa estrea no pasado mes de febreiro. Coñecín persoalmente a Roi cando, en pleno fragor da ofensiva contra o galego, o colectivo Galego Patrimonio da Humanidade organizou en Compostela un comicio cívico que Roi e o seu grupo amenizaron coa súa música, para deleite da asistencia. Ocorréusenos convidalos (iso de convidalo é un falar, pois actuaron de balde) despois de ver en YouTube a súa feliz versión do ourilucente poema de Manuel María dedicado ao idioma galego, texto que dá título ao devandito álbum, e que Roi difundira na rede naqueles atreboados momentos. Foi escoitar aquela marabillosa canción e mercar fungando Lendas douradas, un disco onde se ofrecen, entre outros tesouros, dúas auténticas xoias, senllas versións de poemas de Rosalía: Ninfa das frescas augas, chea de feitizo, e Tecín soia a miña tea, un illó de emoción.


- A mocidade creativa. Pero non é do caso tecer un panexírico do novel músico de Catoira, non por defecto do seu mérito, senón porque non procede neste lugar. Cando saiamos, oufegando de enerxía, do seu concerto, demos en matinar no seu talento artístico e mais no exemplo que acababa de ofrecer dunha mocidade preparada, afouta e emprendedora, e na inmensa (e non sempre valorada) achega da música -isto é, dos músicos e as músicas-, na revitalización, espallamento e impulso á cultura galega, moi especialmente entre a xente nova. Sobre este segundo tema habemos de voltar noutra endeita. Reparemos arestora na mocidade creactiva (activa + creadora).
A nosa, demasiado ben o sabemos, é unha colectividade mergullada no pesimismo, cun serio déficit de autoconfianza e bombardeada afeito por mensaxes denigratorias: trasantonte Rosa Díez, estoutro día Montilla, onte a Marta de Gran Hermano, hoxe o túzaro castejano... Todo un orballo de menosprezo que nos enchoupa arreo. Incluso as forzas que pretenden activar a cidadanía galega recaen de cando en vez nas mensaxes catastrofistas: o galego baixa en picado, está no peor momento da súa historia, non pára de recuar. Seicasí, perante un panorama tan desalentador, remanece o milagre da xente nova, tan competente canto comprometida, que non se conforma co derrotismo, que evita o fácil recurso á pipela, que se nega a deixarse levar pola corrente, que quere abrir o seu propio camiño.
- Que xurdan cen escolas. Velaí o estudantado universitario, que é quen de rachar coas cadeas da inercia e do dirixismo sectario, e constrúe navíos en que singrar polos seus propios roteiros: Movemento Estudantil Universitario, Liga Estudantil Galega, Mocidades Federalistas Europeas... Que se abran cen flores e que abrollen cen escolas! Escolas diversas, capaces de achegaren matices necesarios e plurais puntos de vista a un diálogo aberto e ilustrado, escolas prestas a colaborar para avanzarmos en común. Todo o contrario do pensamento uniformizado, fósil e unanimista ao que se aferran os que non saben como afrontar os novos esixentes desafíos, que só acertan a repetir consignas gastas e esconxuros rituais. A incapacidade para debullar serenamente os erros do pasado é a mesma que impide mellorar as propostas para afrontar os retos do presente.
Lamentablemente, padecemos unhas elites dirixentes, uns líderes políticos e uns gobernantes enchoídos nos seus intereses de casta e carentes de amplitude de miras, e por tanto incapaces de inspirar un país no que non acreditan. Xentes que no canto de aguilloar, articular e orientar iniciativas cidadás, se entregan a desanimar, confundir e pechar os camiños. Pois o que haberá que facer é demostrar a Galicia, con argumentos, con feitos e con propostas, que somos país, e que somos quen de superar as dificultades que temos por diante. E para isto, nada máis convincente que a forza do exemplo. Acabamos de citar a Roi Casal. Reparemos agora, por sinal, en Jorge Coira e o seu brillante filme 18 comidas. Unha película de baixo presuposto e case sen promoción publicitaria, pero que apampa o público, ao mostrarnos unha Compostela distinta, atópica e heteroxénea, e por iso máis verdadeira. É que, por certo, dá toda unha lección de sociolingüística: puro tecnicolor idiomático, altamente recomendable para os nostálxicos do branco e negro. Non a perdan, se é que aínda non a viron!
- Os científicos novos e o galego. E falando de lingua e de achegas renovadoras, batemos en Jorge Mira, o flamante catedrático de electromagnética e coordinador do programa de divulgación científica ConCiencia. El e o seu equipo acaban de publicar un artigo no New Journal of Physics, titulado A importancia da semellanza interlingüística cara ao bilingüismo estable en situacións de competencia entre dúas linguas, onde presentan un modelo matemático capaz de predicir a evolución das situacións de contacto lingüístico. Un modelo que xa adiantaran o mesmo Mira e Ángel Paredes nun contributo publicado en 2005 na revista Europhysics Letters, xa daquela moi celebrado. O cal, por certo, nos lembra que na primeira liña de defensa do galego cando o blietzkriegidiomático comandado polos señores que agora gobernan Galicia e disque mañá rexerán España, estiveron os xoves investigadores galegos en física de partículas residentes no CERN de Xenevra.
O traballo máis recente de Mira e o seu equipo -destacado entre outras institucións polo mítico MIT, a Sociedade Americana de Física e o Institute of Physics Publishing-, está a ter un impacto extraordinario na comunidade científica internacional. Resumindo ao máximo (o texto completo en inglés pódese baixar de balde da rede), os investigadores sosteñen que a supervivencia futura do galego é posible a condición de que se estabilice un numeroso grupo bilingüe, o que vén facilitado porque as linguas en competencia son bastante similares. Boas novas para o galego, non si? Unha das mellores recensións que lin en Internet titúlase precisamente How languages can live together without killing each other [Como poden vivir xuntos dous idiomas sen matar un ao outro]. Pois seica a súa conclusión de que o bilingüismo constitúe a solución máis viable de futuro para o galego lles valeu acedas críticas aquí en Galicia. En troques, o seu traballo espertou grande interese en países como Cataluña, Flandres ou Québec. O traballo, por certo, está a outorgar unha insólita visibilidade internacional á nosa lingua.
Volvendo ao rego, apunto: nunha situación de contacto de linguas, a innovación pode fornecer unha vantaxe decisiva. Para gañar o futuro, un idioma precisa vivir asociado ás novidades. Por iso, o porvir do galego, coma o do país, vaino deseñar esa xente creactiva que non recúa ante os atrancos, non renuncia a pelexar e ten competencia e afouteza para afrontar os desafíos contemporáneos con intelixencia, con imaxinación e con esforzo. Xente como Roi, como Coira e como Jorge Mira. Para tanto, cómpre que o país, apostando por eles e por elas (noutra entrega falaremos das mulleres), saiba, queira e poida apostar por si mesmo. Falta fai.

xoves, 14 de abril de 2011

A miña patria

Non é a primeira vez que escapo do tema da lingua neste blogue, e se o fago é únicamente para falar precisamente deste blogue, en concreto do seu nome.
A 'Carta Xeométrica' foi elaborada polo matemático Domingo Fontán. Acabo de ver aquí e aquí unha nova aplicación informática que nola achega con moi boa resolución, trátase dos fondos cartográficos do IGN. Unha boa mostra disto é esta captura de pantalla que puxen aquí, na que aparece un anaquiño do mapa de Fontán, precisamente o da aldea da que el era natural: Porta do Conde, do concello pontevedrés de Portas, próximo a Caldas de Reis. Pódese comprobar que Fontán, lonxe de renegar das súas orixes, explicitou na súa mellor obra  a  reivindicación da autoría da Carta Xeométrica que lle levou dezasete anos da súa vida. Así, Fontán asina o traballo precisamente indicando que a aldea de Porta do Conde era a Patria do Autor.
Únicamente coa forza do sentimento da terra pode explicarse o enorme traballo que fixo Domingo Fontán pois el sen axuda foi quen de facer un mapa científico debuxando a face de Galicia cando na altura a única referencia que había era
Cada quen ten a súa patria, e o primeiro paso para non renegar dun mesmo é poñer os pés no chan e non renegar dela. E se hoxe padecemos o mal da galegofobia debemos procurar a súa orixe no desprezo e descoñecemento da nosa xeografía, pois aquel que non sinte a terra, non fai outra cousa que odiala en todas as súas formas.

Máis información sobre Domingo Fontán: Fundación Domingo Fontán, e Domingo Fontán, Domingo Fontán, matemático sublime (artigo en El País o 1/04/2011) Porta do Conde, capital da cartografía de Galicia (artigo en Lecer do 10/04/2011), Domingo Fontán na actualidade (artigo en Lecer do 11/04/2010),

Académicas, en plural

por Helena González, profesora da Universitat de Barcelona e unha das impulsoras do manifesto O xogo das cadeiras, no Xornal

e a Academia Galega é unha institución básica para a vertebración da nación e a defensa da lingua, non hai comparación posíbel. Non vale espellarse noutras academias para concluír coa vara de medir patriarcal: “Nosoutros, máis; temos máis mulleres”. Na Euskaltzaindia hai cinco, tres delas elixíronas por xunto en 2007 –é posíbel!–, e unha ocupa o cargo de vicepresidenta. Así que “nosoutros”, máis ben menos. Ademais, só unha decidida incorporación das mulleres, en plural, poderá situar a Academia Galega á altura destes tempos, que reclaman a representación paritaria nas institucións e o recoñecemento do labor desenvolvido nos distintos ámbitos da lingua.
No seu día aplaudimos a incorporación das catro académicas aínda vivas. A decisión tiña tanto de recoñecemento individual como de significación simbólica, porque as cadeiras sempre representan algo máis. E se cadra houbo quen recibiu na rúa Tabernas cada aplauso coa satisfacción dos deberiños feitos con fartura. “Muller incorporada, demanda superada!”, deberon pensar. Marran algúns académicos o tiro cando se laian de que esiximos dúas académicas máis en razón das cotas de igualdade e que iso prexudica a institución. De esixirmos o que en xustiza corresponde, aínda faltaría un bo cacho para acadar a representación paritaria e habería que refundar a corporación xa. Marran, e con toda a intención, porque de feito quen aplica as cotas de desigualdade son os académicos cando afirman: “Unha académica aínda, pero dúas… dúas!?”.
Por que dúas é demasiado e dou­s semella normal? Os feminismos aprendéronnos que os discursos do poder sempre aparentan normalidade e universalidade. O patriarcado institucional e o discurso nacionalista tenden a actuar co paraugas totalizador: antepoñen, como causa común, a defensa da nación e a lingua –urxente e fundamental, niso cadramos–, a outras causas imprescindíbeis pero que se relegan por secundarias ou só dunha parte, como lle ocorre ao recoñecemento e a implicación das mulleres en todos os ámbitos da vida pública. Por que hai que elixir?
As mulleres tamén producimos nación, lingua, ciencia, pensamento crítico, activismo social, desde posicións diferentes e mesmo encontradas. Nas institucións, porén, parece que unha muller representa todas as mulleres e deste xeito considéranse reemprazábeis, como se non tivesen traballo de seu, opinión diferenciada ou postura ideolóxica. E os homes? Aí a cousa cambia. Seica cadaquén representa unha traxectoria, unha eira do saber, da creación ou dos posicionamentos políticos que atravesan a cultura galega.
As institucións teñen que incorporar as mulleres, en plural e con pleno dereito, porque é de xustiza que participen nos debates e se corresponsabilicen das decisións. Agora a Academia Galega pode seguir co seu “xogo das cadeiras” ou responder con resolucións. Precisan unha lista?
Mulleres, en plural, na Academia Galega!

mércores, 13 de abril de 2011

Onomástica (III)

por Xosé Ramón López Boullón, no Galicia Hoxe:

Estes días o Concello de Santiago de Compostela está a presentar o xogo didáctico Atopando Compostela, un xogo de mesa sobre a toponimia do concello, para entreterse e aprender coa toponimia, promovido pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Santiago e creado por Etnoga, Patrimonio Cultural, empresa de servizos de xestión integral, co asesoramento e a elaboración dos contidos deste enredo de preguntas e probas por parte da Asociación Galega de Onomástica.
Un dos aspectos importantes ao que hai que referirse constantemente e en cada oportunidadde que se teña é que a transformación demográfica e a progresiva desaparición dos modos de vida tradicionais ameazan gravemente a conservación deste patrimonio inmaterial.
A perda de toponimia tanto no medio rural coma no urbano é preocupante. Boa parte dos topónimos menores só teñen vida na fala ou na memoria de persoas de idade, e con cada persoa que morre ou que abandona a súa actividade desaparecen moitos nomes de lugar.
No ano 2001 a Real Academia Galega, nun informe dirixido ao Goberno e ao Parlamento de Galicia, alertaba sobre este feito, nun diagnóstico que sinalaba que o abandono da actividade agraria, o xigantesco proceso de urbanización e diversas intervencións como obras públicas ou concentracións parcelarias poñen en perigo de desaparición irreversible unha gran parte deste tesouro. Nese informe pedíase unha acción institucional intensa que salvase este tesouro. Falábase dunha emerxencia. Precisábase dun proxecto máis ambicioso que permitise salvar canto antes a microtoponimia antes de a perder para sempre.
Un dos obxectivos deste xogo, amais de ampliar e precisar o coñecemento sobre a toponimia en xeral e os topónimos de Santiago de Compostela en particular, é valorar os nomes de lugar como elementos de singular importancia no patrimonio cultural que hai que protexer e conservar como calquera outra creación humana que sobrevive no tempo atravesando as xeracións e os séculos, segundo palabras de Gonzalo Navaza, presidente da Asociación Galega de Onomástica; porque os topónimos humanizan o medio físico dotándoo de memoria compartida, de tradición, de cultura. Necesítase unha maior sensibilización cara a este patrimonio e precisamos dunha lei como a canadense. Unha lei que recolla, cando menos, as recomendacións que Nacións Unidas elaborou en 2004 e que tipifique polo miúdo calquera aspecto que permita a conservación da nosa toponimia e da nosa antroponimia.
Galicia posúe un valioso patrimonio toponímico tanto en número como en variedade e antigüidade. Hai que frear o abuso de nomes honoríficos e conmemorativos nas vías urbanas, de nomes que non significan nada na zona na que se impoñen, nas novas áreas urbanas, nas novas urbanizacións, nos polígonos industriais e que deixan soterrados, esquecidos, moitos nomes que poderían conservarse e seguir identificando os novos espazos no canto de levar nomes monotemáticos, tales como o de capitais europeas, en Fontiñas, de sabios científicos, no Polígono do Tambre ou de árbores sen máis como é o caso da urbanización dos Tilos ou do Polígono do Milladoiro, próximos a Santiago..

martes, 12 de abril de 2011

Golpe á lingua

Non me gusta deste vídeo o excesivo protagonismo que se lle dá á zunia, porén a primeira parte é de visión obrigada xa que nos lembra as orixes da ofensiva para ilegalizar a nosa lingua. Para ter sempre  presente.

luns, 11 de abril de 2011

`Unha lingua non se falará se non se coñece e non se ensina a amala como algo natural'

Manuel Vidal Villaverde entrevista á estradense Antía Otero, escritora e actriz; a entrevista completa, aquí.

Idioma, cuestións lingüísticas. O noso idioma, Antia, para non botar a perdelo, entre políticos profisionais e lingüistas “acelerados”, alcumaron pseudoadxectivos que van dende o harmónico, natural, restitutivo, e outros que agora non me veñen á cabeza. O trilingüismo proposto polo goberno do PP, téñoo por un aténtico disparate, un despropósito, sempre “dentro do contexto” que se propón. O bilingüismo galego-español; español-galego, dadas as circunstancias históricas que deberían de saber ben os diletantes ou aprendices de sociolingüistica é hoxe en día imposíbel. Só a inmersión lingüística e a discriminación positiva a favor do galego ata acadar unha máis que hipotética correlación de forzas ou equilibrio, sería –polo menos para min, o normal-. Ollo que non falo de opcións persoais! O que ti e máis eu falemos outros idiomas ademais do galego, portugués e castelán, non significa absolutamente nada verbo desta miña exposición. O sorprente “bilingüismo restitutivo” que propón o compañeiro Henrique  Monteagudo, é algo que eu respectosamente non acredito, en cuxo texto atopo graves contradicións nos termos que un dende logo non asume, e por suposto non acepta. Cal é, xa que logo, Antía, a túa reflexión a propósito desta miña non curta introdución?
Para comezar, colocar os adxetivos: harmónico, restitutivo ou (o que é resulta aínda máis insultante ) natural...a un feito que realmente está creado, milimetrado e consensuado para relegar o galego baixo o termo bilingüismo ao terreo etnolóxico, é querer facernos pasar por parvos. É obvio que unha lingua non se falará se non se coñece e se non se ensina a amala como algo natural (e agora eu si emprego o de natural ) e iso dada a situación, non é posible sen ter en conta unha discriminación positiva a favor do galego. Eu nacín no 82 e sei que a miña xeración puido desenvolverse con máis (ou menos!) naturalidade en galego, pois foi no 83 cando se acordou a Lei de normalización que se actualizou e aprobou por unanimidade no 2004 co Plan xeral de normalización...  Pero igual que vivín esa realidade tamén coñezo que no 83, antes de se acordar dita lei, na Estrada (a vila onde medrei) houbo mobilizacións en apoio a un mestre e unha mestra aos que querían sancionar por impartir as aulas en galego. E pregunto: Estamos lonxe de que iso volva ocorrer?... Ás veces penso que se os que nos gobernan (azuzados polos que os gobernan a eles), seguen a pensar que, polo simple feito de ocupar un cargo, poden esnaquizar o camiño que con esforzo e compromiso outros e outras foron abrindo, o dano será.... (tan grande que me custa pensalo)

En defensa da LNL

Impecable artigo de Manuel Bragado no Faro de Vigo encol da vacina á zunia que nos invade. Acompaño a ligazón para asinar a Carta Aberta de ProLingua.


“A secular e florecente vella lingua dos galegos está sometida desde hai séculos, e especialmente hoxe en día, a un proceso de progresiva degradación e esmorecemento que ameaza a súa propia supervivencia precisamente na súa terra de nacemento, consecuencia dun longo proceso histórico. (…) A actual situación da lingua dos galegos é problemática e incerta. A coexistencia dos dous idiomas, galego e castelán, só legalmente cooficiais a partir da aprobación do Estatuto de Autonomía, é conflitiva e asimétrica, e agocha unha pugna desigual onde o galego sofre unha profunda subordinación. (…) As actuais relacións asimétricas entre o galego e o castelán esixen, en aplicación do espírito e a letra do artigo 5º do Estatuto de Autonomía, que o galego teña un apoio proporcionado ao grao de subordinación que actualmente sofre a fin de que no futuro o seu uso normalizado e pleno faga innecesaria toda medida tutelar.”
Esta escolma de tres textos sobre a situación da lingua dos galegos forma parte da exposición de motivos da “Proposición de lei de normalización lingüística en Galicia” presentada en 1981 polo deputado vigués de Esquerda Galega Camilo Nogueira. Tres textos que non perderon actualidade nin vixencia e que no marco do recoñecemento que o daquela recente Estatuto de Autonomía, tamén de 1981, viña de facer do galego como lingua propia de Galicia, abriron no Parlamento galego un proceso de debate xeneroso entre os seus grupos que levou dous anos despois a aprobación por unanimidade (AP, UCD, PSOE, PCG e EG) da Lei de normalización lingüística (Lei 3/1983, de 15 de xuño). Un fito senlleiro para a historia da nosa lingua co que se propoñía conseguir mudar a súa deriva histórica e a súa postración social. Un importante consenso político que, dende aquela, permitiu forxar os alicerces sobre os que se desenvolverían o “pacto”, “acordo” ou “consenso” (tanto nos ten a palabra escollida) arredor das políticas lingüísticas e de fomento do emprego do galego acometidas polos diversos gobernos, tanto os presididos polos populares, como aqueloutros de coalición de socialistas, galeguistas e nacionalistas.
Un “acordo” ou “consenso” –que dende entón non fora cuestionado nunca polos seus asinantes, deica a virada actual asumida polo Partido Popular de Galicia presidido por Alberto Núñez Feijóo– baseado en catro principios de acción positiva asumidos amplamente pola sociedade galega como eixos da súa convivencia lingüística. Primeiro, a cooficialidade de ambas as dúas linguas, o que supón procurar a súa igualdade xurídica real e desenvolver idéntica competencia nas dúas linguas do conxunto da cidadanía. Segundo, o carácter do galego “como lingua propia de Galicia”, o que a recoñece como sinal identitario e patrimonio principal do país. Terceiro, a necesidade de políticas de promoción do galego –necesarias por atoparse o noso idioma nunha situación de partida de clara desigualdade con respecto ao castelán– para garantir a súa presenza social en todos os ámbitos sociais, con especial atención aos da administración, o ensino e os medios de comunicación. E cuarto, o respecto ao principio de individualidade, que supón que cada cidadán utilice a lingua da súa preferencia nas súas comunicacións non institucionalizadas.
A Lei de Normalización Lingüística permitiu, pois, chantar os alicerces dun “acordo” histórico –non sempre executado polos diversos gobernos coa mesma convicción e entusiasmo– actualizado en 2004, e consensuado tamén en sede parlamentaria por PPdeG, PSdeG-PSOE e BNG, no “Plan Xeral de Normalización Lingüística”. Unha excelente actualización do consenso, esfarelada polo actual Goberno tras a aprobación unilateral do “Decreto de plurilingüismo” (2010) e da “Lei de  convivencia e participación” (2011), medidas coas que os populares pretenden contentar a aqueles sectores negacionistas que non queren ter contacto ningún coa lingua galega.
Tras as declaracións dalgúns candidatos populares sobre a posibilidade de mudar os topónimos dalgunhas poboacións –o artigo 10º da LNL establece que a súa única forma será a galega–, é oportunísima a iniciativa da plataforma apartidaria Prolingua (www.prolinguagalega.org) que solicita ao presidente da Xunta o seu compromiso público de non promover nin acometer ningunha reforma da Lei de normalización lingüística que non se produza co mesmo consenso e unanimidade coa que a Lei foi aprobada no seu día. Unha modificación unilateral da LNL, como a que enuncian algúns candidatos populares, suporía un abuso de poder inadmisible, dada a escasa lexitimidade democrática e moral que se contén no feito de modificar por maioría simple o que se adoptou por unanimidade en 1983. O futuro da lingua de todos os galegos, un patrimonio da humanidade ao noso coidado, non pode ser comprometido por unha presada de votos.

domingo, 10 de abril de 2011

Coruño contra galego

Para explicar de onde procede e ao que responde a zunia das cidades creo que nada mellor que o monólogo que lle acabo de roubar a Xano Cebreiro do seu blogue. Quico Cadaval ilustra moi ben que o cerne das actitudes galegofóbicas responde a unha educación nunha identidade pailán, polo que é fundamental facer xusto o contrario do que nos indican os gobernanes da Xunta para identificar e atallar o problema. Cómpre facer ver a estulticie que se esconde detrás das actitudes galegofóbicas, velaquí vai unha dose.



E este discurso pode aplicarse a todas as cidades e vilas que un queira