Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 3 de maio de 2023

O trauma franquista e a memoria da lingua

No vídeo podemos achegarnos a algunhas ás ideas que tranmitiu Carlos Callón na súa participación das IV Xornadas Contra a Impunidade Franquista que se celebraron os días 11 e 12 de novembro do 2022.

xoves, 27 de abril de 2023

A reflexión sobre a lingua na sociedade: alén dun contido curricular, unha necesidade estratéxica. Propostas para a docencia

A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Lingua, e a Universidade de Vigo, a través da súa Área de Normalización Lingüística, lanzan unha guía dirixida a impulsar unha reflexión crítica entre a mocidade respecto da situación social do galego. Este documento ten as súas raíces na Xornada "Lingua galega e sociedade na Educación Secundaria" (sesión da mañá, sesión da tarde
) desenvolvido o pasado mes de novembro. 

A reflexión sobre a lingua na sociedade: alén dun contido curricular, unha necesidade estratéxica by kiarqu2458 on Scribd

mércores, 26 de abril de 2023

Xornada "Lingua galega e sociedade na Educación Secundaria". Sesión de tarde

Pola tarde, a xornada Lingua galega e sociedade na Educación Secundaria celebrada o 16/11/22, tivo o seu acto de apertura, coa participación da deputada provincial de Lingua, María Ortega, quen subliñou que a escola, tanto primaria coma secundaria, é "o alicerce do futuro do idioma", xa que é a poboación máis nova a que "vai facer que a lingua se manteña, permaneza viva e se asente máis do que está". Para Ortega é fundamental unha revisión fonda da actual política educativa verbo da lingua galega nos centros públicos e privados e desenvolver iniciativas para potenciar o uso do galego tamén fóra das aulas. Salientou que non se pode aceptar a situación actual, que conduce na práctica a un abandono progresivo do galego, e subliñou que o corpo docente da lingua galega é fundamental para a promoción da lingua na mocidade. Nese sentido, deu os parabéns a todas as profesoras e profesores involucrados no estudo da UVigo, porque “a pesar de ser minoría”, permiten avanzar no ensino do idioma, sacar conclusións, tomar decisións e chegar a solucións que muden a situación actual. Tras este acto, a xornada continúa con tres novas mesas, centradas no ensino-aprendizaxe sociolinguístico no ensino obrigatorio desde distintas perspectivas, tomando como punto de partida os datos obtidos nas entrevistas realizadas a unha trintena de docentes no marco deste proxecto. 

Doce profesores e profesoras de instituto (representantes dos IES Salvaterra do Miño, IES Fonmiñá, IES Terra de Turonio, IES Alexandre Bóveda, IES Pedro Floriani, IES San Paio, IES Chapela, IES Coruxo, ES Monte Carrasco, IES Johan Carballeira, IES Castelao, e IES de Poio) interviron ao longo da tarde nas tres mesas de debate que completan unha xornada que pode seguirse de xeito virtual e que foron moderadas por Ramallo e os tamén investigadores da UVigo Xabier Benavides e Luís López Alonso. 

 Na mesa titulada "situación e problematización desde o ensino" participaron

  • Esther Álvarez Fernández (IES Salvaterra do Miño) 
  • María Mercedes Torres Hermida (IES Fonmiñá) 
  • Marta Dacosta Alonso (IES Terra de Turonio) 
  • Patricia Lamoso Ferreira (IES Alexandre Bóveda) 
  • Modera: Fernando Ramallo (Universidade de Vigo) 

Na mesa titulada "A praxe (e o ensino da) sociolingüistica na materia Lingua galega e literatura" participaron:

  • Andrea Expósito Loureiro (IES Pedro Floriani) 
  • Eva García Rei (IES San Paio) 
  • Tamara Rial Montes (IES Chapela) 
  • Xosé Ramón Alonso Priegue (IES Coruxo) 
  • Modera: Xabier Benavides da Vila (Universidade de Vigo)

martes, 25 de abril de 2023

Xornada "Lingua galega e sociedade na Educación Secundaria". Sesión de mañá

O xoves 17/11/22 celebrouse a xornada Lingua galega e sociedade na Educación Secundaria, organizada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra. Os actis desenvolvéronse en sesións de mañá e tarde.  

O primeiro bloque está deseñado para debater ao redor da sociolingüística predominante na docencia e a investigación universitarias ademais de para profundar nas posibilidades, debilidades e fortalezas do ensino-aprendizaxe sociolingüístico das e dos futuros docentes de lingua galega. En resumo, trátase de sacar conclusións a partir dunha pregunta chave: Como as universidades galegas están a formar nos saberes sociolingüísticos hogano? Participarán Bieito Silva Valdivia da USC e Xosé Henrique Costas González da Uvigo baixo a moderación de Fernando Ramallo (UVigo).

sábado, 22 de abril de 2023

É túa, pásaa

 

Vídeo musical da campaña de Alingua "É túa. Pásaa!, o lema da campaña da asociaciación no ano 2023,  Esa expresión xa comezou a colocarse nas fachadas dalgúns edificios municipais e continuará facéndose popular como retrouso do tema musical da campaña. Trátase dunha creación orixinal de Fátima Pego, recoñecida cantante e comunicadora, e Grande Amore.

venres, 21 de abril de 2023

"Non son paleta [por falar galego], seralo ti"


Segunda situación do programa da TVG, "Xente marabillosa"
Nesta ocasión a actriz María Mera protagoniza a situación de cámara oculta. Destaco dúas frases dela:
"o galego é o que me dá de comer" e "intento educar ás miñas fillas en galego,  QUE É MOI DIFÍCIL"    

xoves, 20 de abril de 2023

"¡No queremos que aquí se hable en gallego!"


Primeiro vídeo do progerama de cámara oculta "Xente marabillosa".
Neste caso fórzase unha situación de imposición lingüística nunha tenda na que dúas clientas se posicionan contra a discriminación que está a sufrir a empregada dunha tenda. 

luns, 3 de abril de 2023

A santa subvención

 
A Cofradía de la Santa Cruz da Estrada recibe anualmente xenerosas subvencións, tanto do Concello como da Secretaría Xeral de Política Lingüística. 

Basta un pequeno paseo polo perfil de facebook da organización para comprobar que a pretendida normalización é un completo fracaso. O galego só aparece, e daquela maneira, forzado nos impresos xenerosamente subvencionados. Ano tras ano a SXPL desvía fondos públicos para pagar a extravagancias relixiosas dun grupo de veciños refractarios á lingua galega. O desleixo e desprezo pola lingua pódese ver no recorte do cartel no que anuncian as súas actividades. 

"Misa de COFRADES, acto de incorpoarción de nuevos cofrades y simpatizantes"

Nisto consisten as subvencións da SXPL á normalización. No desvío de cartos públicos a amiguiños que, por outra parte, son inimigos declarados da lingua galega. Velaquí, espida, a política lingüística do PP.

domingo, 2 de abril de 2023

Unha lingua para o futuro

 por Víctor F. Feixanes en La Voz de Galicia:

Alumnas de secundaria dun instituto da Coruña pregúntanme polo futuro da lingua galega e amósanme a súa preocupación: «por que o idioma perde falantes? Os nosos avós aínda o falan na aldea, pero os nosos pais xa non». Os pais viñeron vivir á cidade contra finais do pasado século, en realidade xa se criaron na cidade, aquí se coñeceron. Elas, as mociñas, criáronse en castelán. Só cando van á aldea, visitar os avós, senten a lingua arredor, e quixeran que as cousas non fosen así. «Como podemos recuperar o galego?», preguntan.

 

venres, 31 de marzo de 2023

As calculadoras prohibidas

 

Por fin temos un modelo de calculadora que permite traballar coa súa configuración en galego. Onte presentábaa CASIO na Facultade de Matemáticas da USC. Na presentación estaban representantes CASIO, François Vilaprinyó e Elou Bernal, o presidente de AGAPEMA (Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática), Julio Taboada e a decana da Facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez Cendón. Pero tamén estaba Valentín García, o Secretario Xeral de Política Lingüística.

Pregúntome que facía alí este último. No portal da Xunta dise que actuaba como representante da Consellaría de Educación, a mesma que mantén unha liña ideolóxica de exclusión do galego no ensino mediante o mantemento e defensa dun decreto que prohíbe o uso do galego precisamente nas materias científicas. En concreto o artigo 13.1 do decreto 79/2010 di que 

"artigo 13.1. Os materiais e libros de texto das materias impartidas en galego e en castelán estarán redactados na lingua en que se imparta a materia."

Isto significa que nas aulas de Matemáticas, de Física e de Tecnoloxía estaría prohibido desa calculadora. 

Como habería que cualificar a unha persoa, Valentín García, que acude como vedete principal ao acto de presentación da calculadora que el mesmo prohíbe.

luns, 27 de marzo de 2023

Modo galego, actívao

 
A experiencia de 21 días de compromiso lingüístico é unha das accións promovidas pola Real Academia Galega e o Concello de Ames no marco do programa 'Modo galego, actívao'. A iniciativa contou coa participación entre finais de febreiro e o mes de marzo de 2023 de preto de 3000 nenos e nenas das escolas de infantil e primaria do municipio máis poboado da zona periurbana de Santiago de Compostela. 
 A proposta que consistiu en animar os cativos e cativas a se expresar en galego dentro e fóra das aulas, contando coa implicación do profesorado e o monitorado das actividades complementarias de xestión municipal, e apelando tamén á complicidade das familias. 
 'Modo galego, actívao!' continuará ao longo do curso con novas actividades para abordar distintos aspectos nos contextos de socialización infantil.
Vía RAG

venres, 24 de marzo de 2023

Axuntar estrea web

 


Onte, que o profesor Xosé-Henrique Costas publicaba este artigo sobre as estratexias de exterminio do galego en Asturias, a asociación Axuntar esteaba espazo web. Nela destacamos varios apartados.

Como é habitual neste tipo de xanelas ao público, explícase que é Axuntar;

asociación prá normalización del galego de Asturias, é úa iniciativa que ten como obxectivo a conservación e promoción del uso da lingua propia da comarca asturiana del Eo-Navia que, dende ámbitos filolóxicos, responde al xeotipo galego e forma parte claramente del bloque oriental del antedito idioma, diferenciando que úa cousa é a lingua e otra a política e a frontera administrativa.

Tamén teñen un apartado sobre as actividades que desenvolven, un novo formato para a bitácora que viñan mantendo ata o momento, así como un espazo para os socios, outro de contacto e un último de afiliación

Ademais deste portal manteñen un perfil activo en varias redes sociais que se poden ligar desde o mesmo portal.

luns, 20 de marzo de 2023

O galego é a lingua propia e (co)oficial


 por Xoán Antón Pérez-Lema en Nós Diario:

O profesor de Dº Constitucional Blanco Valdés ven de rexeitar nun outro xornal galego o dereito dos territorios autónomos do Estado para esixir determinados coñecementos das línguas oficiais distintas do castelán para o seu acceso ao emprego público. O profesor da USC mesmo afirma que calquera persoa que só coñeza o castelán habería poder traballar en calquera emprego e lugar do Estado sen que se lle requira coñecemento ningún dunha outra língua oficial.

 

luns, 13 de marzo de 2023

Otero Pedrayo e Ribadeo

Vídeo documental realizado por un equipo do IES de Ribadeo Dionsio Gamallo. Concedeúselle o II Premio Otero Pedrayo, na categoría de estudantes de ESO e BAC, modalidade de grupos. 

O traballo informa basicamente de tres aspectos que relacionan a Otero Pedrayo con esta zona: as publicacións de Otero Pedrayo no xornal "El Aldeano" de Castropol, a correspondencia de Otero Pedrayo a Dionisio Gamallo Fierros que se conserva no arquivo familiar, e unha serie de artigos de Gamallo Fierros sobre Otero Pedrayo co gallo sa súa xubilación da Universidade de Santiago. Trátase de contido pouco coñecido, no caso das colaboracións na prensa, e inédito no caso do epistolario de Otero a Gamallo.
Na comunicación da decisión nas redes sociais, a Fundación Otero Pedrayo comenta o seguinte: “O premio ao mellor traballo en grupo recaeu no IES Dionisio Gamallo Fierros polo seu traballo sobre Otero Pedrayo e Dionisio Gamallo Fierros. Presentaron un vídeo documental no que aportan e comentan material autógrafo e bibliográfico moi pouco coñecido ata o de agora e que deixou ao xurado totalmente abraiado”.

domingo, 12 de marzo de 2023

A política lingüística, baixo a toga


 por Marcelo Otamendi, en Nós Diario:

Algún día, e tal como imos non teremos que esperar moito, os cruzados que a xustiza española ten na maxistratura en Hego Euskal Herria decidirán, como no seu día decidiron en Catalunya, que nas escolas do modelo D, 25% das materias deberán impartirse en castelán. E entón será tarde, xa que non aprobamos os exames que nos impuxeron anteriormente eses mesmos maxistrados, e, nalgúns casos, porque non nos presentamos ao exame. 

sábado, 11 de marzo de 2023

En perigo

 


por Francisco Rodríguez en Nós Diario:

En ambientes con conciencia lingüística é notoria a preocupación por as enquisas e a propia experiencia detectaren un retroceso acelerado dos usos do galego nos últimos anos. Hai un sector importante que pensa que unha reintegración da normativa na do portugués sería un antídoto infalíbel para combater este devalar. Convertería o galego nunha lingua de dimensión internacional e constituiría unha eficaz defensa para manternos afastados da mímese do español e das súas perturbadoras consecuencias.

 

sábado, 4 de marzo de 2023

40 anos da Lei de Normalización Lingüística. Falamos dela ou non convén?

 


por Xosé Henrique Costas, no Nós Diario:

Neste 2023 amoréanse as conmemoracións de feitos sobranceiros na nosa cultura: fanse cen anos da fundación da Irmandade Nacionalista de Vigo, con Manuel Antonio de motor e leme daquel pailebote de ilusión; cen anos máis do pasamento de Murguía, soñador da Real Academia Galega (RAG) e artífice da nosa historia enxergada desde nós; e por riba fanse outros cen da fundación do Seminario de Estudos Galegos, o SEG eliminado polo franquismo, para cuxo aniversario Xunta, Consello da Cultura e universidades anuncian diversos actos conmemorativos.

 

A isto engádeselle que as Letras Galegas deste ano están dedicadas a ese exemplar “obreiro do galeguismo” que foi D. Paco del Riego –o noso “Xoán XXIII” –, pois con el chegou aire fresco a unha RAG nifosa. Moi vencellada a D. Paco, cúmprense 60 anos da creación desa gran biblioteca nacional galega que é a Fundación Penzol, e esta semana xa se inaugurou unha exposición fermosa e patriótica deste acontecemento.

 

Tamén se fan 40 anos da aprobación por unanimidade da Lei de Normalización Lingüística de Galicia, norma esmiolada polo Tribunal Constitucional e moi deficientemente aplicada polos sucesivos gobernos –agás na época do bipartito–, que debía ser a cerna da revitalización do idioma nos diferentes eidos sociais.

 

A lembranza da figura senlleira de Murguía principiou o día 2 na Coruña e continuou en Santiago e Padrón (por certo, inexplicable a ausencia de Henrique Rabuñal). Non deixamos de nos abraiar lendo as hipócritas declaracións dos verdugos do idioma nestes actos. É que a cortesía institucional implica o consentimento e aceptación do lingüicidio perpetrado pola Xunta? Non hai ninguén neses actos que diga nada?

 

Os lingüicidas, e os que consenten que a lingua se esborralle nas escolas, tamén os veremos este ano a louvaren a figura ciclópea de D. Paco, a profanaren a súa memoria, a súa idea dunha nación culta e dunha lingua con futuro. Botaranlles ducias de loureiros aos fundadores do SEG e volverán depositar flores na tumba de Castelao ou Rosalía ao mesmo tempo que as nosas fillas na Coruña só reciben en galego a materia de Lingua Galega, ou que os nosos cativos en Vigo perden a lingua da casa despois de tres meses de aulas por non teren ningunha escola que lles garanta o idioma do país. E todos felices?

 

Sen conmemoracións
Non lin nin ouvín nada sobre conmemoracións oficiais dos 40 anos da entrada en vigor da LNL. Se cadra xa hai abondas celebracións este ano. Ou se cadra unha análise rigorosa da LNL deitaría luz sobre que se puido aproveitar esta lei e non se quixo facer porque non houbo nin hai vontade política. Certo é que ao abeiro desta lei houbo tímidos avances, e en 2004 mesmo se aprobou por unanimidade un Plan xeral de normalización lingüística elaborado durante anos por 200 especialistas e ignorado logo con prepotencia polos gobernos de Feixoo. Cunha LNL desaproveitada, o retroceso social do idioma nestes 40 anos foi implacable e, coa política lingüística da Xunta actual e a pasividade caladiña de certa intelectualidade galega, imparable.

 

"Biligüismo bueniño"
Nun país normal, despois de 40 anos cumpriría unha actualización desta norma. Daquela eu pediría unha cousa: que se suprima o artigo 13.3: “Os alumnos non poderán ser separados en centros diferentes por razón de lingua. Tamén se evitará a separación en aulas diferentes”, porque se demostrou letal para a lingua e antagónico co 13.1. “Os nenos teñen dereito a recibir o primeiro ensino na súa lingua materna”.

 

Para lles garantirmos aos nosos pequenos o dereito a un ensino e a primeira socialización na súa lingua, non os podemos deixar “diluír lingüisticamente” nas contornas onde o castelán é a lingua única/maioritaria. Todos coñecemos centos de casos de crianzas que abandonan o galego aos poucos meses de escolarización. O sistema actual de “bilingüismo bueniño” non garante a conservación nin a adquisición fluída do idioma nos nosos fillos. A LNL quere revisada.

 

Isto que pido non é ningunha arroutada, é o que lle vén pedindo o Consello de Europa á Xunta desde hai 25 anos: garantir un ensino na lingua minorizada para quen o desexe.

 

Mais a LNL tamén é medios, sanidade, xustiza, empresa administración... Interesa falar da LNL? Ou todo se nos irá en centenarios, fotos, inauguracións, sorrisos e discursos quedabéns de ganchete dos verdugos do idioma que, coma sempre, fagocitarán mediaticamente a iniciativa, o esforzo e a ilusión patriótica de tanta xente que cre no país? Falamos da LNL ou non convén?

En lingua castelá?


 por Marta Dacosta no Nós Diario:

Leo o anuncio do I Premio Dona Urraca de Novela Histórica, unha loábel iniciativa, pois, como sabemos, ás veces cómpre incentivar a produción literaria desde un punto de vista de xénero, literario e non só, de perspectiva e mesmo de temática. E apoiar a creación literaria dirixida a visibilizar e recrear as nosas mulleres na historia é desde logo un obxectivo necesario que merece o noso aplauso.

 

xoves, 2 de marzo de 2023

(P)Orcinus, a app da Consellaría do Mar que destroza a toponimia

*Ría de Muros y Noya, *Puerto del Son, *Puebla del Caramiñal, *Villanueva de Arosa, *Isla de La Toja, *Bayona, *Rianjo...
Non é que a app Orcinus, financiada por Portos de Galicia (Consellaría do Mar), se nos presente só en castelán, é que ademais usa un mapa no que destroza a toponimia galega con exemplos como os relatados anteriormente. 
A app foi concibida para o a xeolocalización de candorcas polos navíos que permita unha navegación  máis segura. Non temos noticia da súa efectividade no medio mariño pero o que podemos certificar é que a  Consellaría do Mar está manifestamente de costas á lingua galega. A mostra de falta de coidado e sensibilidade co galego é apabullante. Non só o galego está excluído da app, senón que o trato que se fai no mapa desta aplicación é un instulto á dignidade do pobo galego.
A xente que está ocupando as nosas institucións trátanos cun desprezo tal que por ningures veremos desculpas, a conselleira do mar non só non dará marcha atrás senón que reforzará aos resposables desta desfeita e o secretario xeral de política lingüística non só reincidirá en que a normalización non sexa cousa súa, senón que confirmará outra vez pola vía dos feitos que o seu obxectivo é minar o estatus do galego sen que se note demasiado. Que pareza un accidente.
A nova chegoume por esta vía

Medrar en galego

 


por Marcos Maceira en Nós Diario:

O 21 de febreiro celebrouse o Día internacional da lingua propia (materna na denominación da UNESCO que, aínda deixando clara a intención de promover as linguas minorizadas e a importancia da transmisión interxeneracional, resulta un termo confuso por obviar que as linguas son feitos sociais que se desenvolven en sociedades e realidades concretas e que, por tanto, traspasan as relacións familiares e moito máis as maternofiliais). Asistimos en tal día á celebración da efeméride sen que os festexos obriguen a nada máis que aos propios festexos. Ningunha mención oficial a cal é a situación da transmisión do galego, de que facer para reparala ou as obrigas e garantías que os poderes públicos deben dar ao respecto.