Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
sábado, 28 de febreiro de 2015
Nós cantar cantamos
O curso pasado no IES Pintor Colmeiro fixemos unha colaboración co IES Ramón Mª Aller Ulloa chamada "Nós cantar cantamos" que consistía na recollida e divulgación de 36 poesías doutras tantas autoras para construir un taboleiro colgando unha cada día e así unir o Día de Rosalía co Día da Poesía.
O equipo de poetas é de luxo. E as ilustracións, outra marabilla; foron realizadas nas aulas do Bacharelato de Artes de 2º BAC do IES “Ramón Mª Aller Ulloa”. O libro que recompila todo este traballo é unha alfaia máis nese Día de Rosalía que xa brila máis que ningún outro na constelación das celebracións do ano.
O título do poemario fai referencia ao poema de Cantares: "Eu cantar cantei"
Outras publicacións arredor do Día de Rosalía:
Olá, novo consenso!
por Miguel Penas, na Praza Pública:
Fevereiro de 2015 pode ser um mês que marque um ponto de inflexom na história da nossa língua no atual território da Galiza. Começou com umha importante mobilizaçom social em favor do galego e finalmente termina com bom sabor de boca, fruto da assinatura dum acordo de colaboraçom entre o Presidente do governo galego e o Chefe de Estado português. Parece evidente que a língua importa, ainda na Galiza do século XXI.
Velada poética. A nosa casa da lingua
por Manuel González Prieto, nas voces de Prolingua:
Pra haber bon pan, ten que haber boa sementeira
Onde o rapaz sachou, nunca millo faltou
Quen pranta e cría, ve alegría
Si queres ter que comer, tes que sementar e coller
Si ques ter bon viño, inxerta de boa cepa
Xunto á auga pon carballeiras e verás que logo medran
Unha palla non fai palleiro, pero axuda o compañeiro.
O saber popular
venres, 27 de febreiro de 2015
Día de Rosalía con Antía Cal
Este vídeo é outro adianto do documental "Tita" no que se fai un retrato da pedagoga Antía Cal, unha mestra que trouxo a Galicia a innovación pedagóxica que se traballaba Escolas de Verán Rosa Sensat. Nese audiovisual explicarase por que a súa obra ‘O libro dos nenos’, escrita en 1958, estivo oculta ata o día de hoxe. O libro permanece aínda inédito, e espérase que a Deputación de Lugo o publique nesta primavera, 60 anos despois de que fose escrito.
Antía Cal fundou en Vigo no ano 1961 a Escola Rosalía de Castro, pioneira na introdución do galego no ensino.
xoves, 26 de febreiro de 2015
Arredor de Rosalía. Proxección de "I ante aquel silencio mudo"
Con motivo do “Día de Rosalía” a Asociación Cultural “Vagalumes” ten previsto levar a cabo a proxección de “I ante aquel silencio mudo”, curtametraxe sobre Rosalía de Castro na que, fronte á idea máis xeral e convencional da nosa poeta nacional, se descubre agora unha Rosalía comprometida, rebelde e, como aparece no vídeo, conscientemente galega.
Arredor desta proxección levarase a cabo un coloquio e a lectura do manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) deste ano a respecto da conmemoración rosaliana.
Este acto terá lugar o vindeiro sábado 28 de febreiro na sala de exposicións de Abanca na Estrada ás 20:30 h. A entrada é libre e gratuíta. Estarán á venda exemplares deste vídeo para quen tivera interese.
mércores, 25 de febreiro de 2015
De noite e de día
por Mercedes Queixas, no Sermos Galiza:
Podería suxerir este título unha reflexión sobre o paso do tempo ou sobre o rutinario movemento de rotación terrestre que regula os nosos hábitos diúrnos e nocturnos.
Podería, se cadra, incitar a procura dunha opinión ao redor de certo investimento público galego de máis de 300.000 euros en aproximadamente 50 segundos de promoción turística (6.000 euros por segundo) enlatados, sen ningún tipo de identificación xeográfica, en abstracto e onde se aterra en helicóptero, no comezo e final do videoclip dun cantante de orixe española e asentado en Miami, neto de galego mais sen vínculo coñecido con esta terra, que renova os usos tradicionais dun mosteiro para achegalos a unha xuventude rendida ao culto ao corpo so pretexto de moito dance de calores e baías. A versión oficial do goberno é que este impresionante clip terá un impacto mundial, pois representa a imaxe de Galiza como un pobo moderno e alegre cunha mocidade preparada para todo (!)
martes, 24 de febreiro de 2015
"Eu son Rosalía" da Bandeira a Silleda
Estes de arriba son os meus futuros alumnos. Eles son Rosalía.
Estes outros, os de abaixo, son os meus alumnos de agora, e que pronto o deixarán de ser. Eles tamén son Rosalía.
luns, 23 de febreiro de 2015
Deixemos de reclamar o Día Das Letras Galegas para Carvalho Calero: dediquémosllo!
por Manuel López Foxo, no Sermos Galiza:
Levamos quince anos, si, quince anos!, agardando un acto de elemental xustiza: que a Real Academia Galega recoñeza a inmensa figura de don Ricardo Carvalho Calero, que promova o seu estudo e divulgue a súa obra. E nada. Nin ao cumprírense os 50 anos da publicación da 1ª edición d´A xente da Barreira, nin os 50 anos da 1ª edición da súa Historia da Literatura Galega Contemporánea, nin os 50 anos da súa entrada na Universidade de Compostela como profesor de Lingua e Literatura Galegas, nin os 50 anos do seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, nin tampouco ao cumprírense os 10, os 20 ou os 25 anos da súa morte… Nada. Xa cambiou catro veces a RAG de presidente e a institución da rúa Tabernas segue sen recoñecer a quen entrou nesa institución en 1958, nada menos que da man de don Ramón Otero Pedrayo, don Florentino López Cuevillas e don Xesús Ferro Couselo, a quen incluso tivo a oportunidade de ser nomeado presidente da Real Academia Galega tras a morte de Sebastián Martínez Risco e a quen en 1971 redactou as Normas Ortográficas da Academia Galega. Nin o seu vello amigo Francisco Fernández del Riego conseguiu desde a presidencia da Academia que lle dedicasen o Día das Letras Galegas, tendo que deixar o cargo con esa grande frustración persoal. De verdade, pode haber maior sectarismo que o que unha maioría de académicos da RAG exerce coa figura de Carvalho Calero? Podemos seguer a agardar algo dunha institución cultural que entre as súas normas non escritas ten a de non dedicarlle endexamais o Día das Letras Galegas a quen ousou defender unhas teses lingüísticas diferentes ás normas que aprobaron en 1982 a Real Academia e o Instituto da Lingua Galega?
venres, 20 de febreiro de 2015
A lus do mundo, tralas pegadas de Díaz Castro
A lus do mundo é tamén un proxecto que podemos consultar na rede. Foi seleccionado pola Fundación Barrié para participar na Convocatoria de Proxectos Escolares. Contou ademáis coa colaboración da Asociación Cultural Xermolos e o Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Universidade da Coruña.
Estamos diante dun espazo web no que podemos destacar os seus roteiros. En dous deles, o de Guitiriz e o de Vilariño dos Cregos, aldea natal do poeta, o instituto ofrece visitas guiadas polo propio alumnado. Pola contra, o terceiro roteiro é un paseo virtual polos arquivos, vídeos e audios, sempre xirando arredor de Díaz Castro.
Tampouco podemos deixar de consultar a variedade de recursos didácticos que con ilusión e esforzo nos achegan desde o IES Poeta Díaz Castro(Guitiriz) . Non podo deixar de facer referencia aos de matemáticas, coas aportacións dese espíritu inquieto que é Víctor Pollán. Nun deles faise un achegamento con datos e gráficas á educación e analfabetismo durante o século XX en Galicia.
Un traballo que se agradece e que ofrece unha mostra do bo facer nun traballo colaborativo de moitos profesionais do ensino, neste caso, desde Guitiriz.
Estamos diante dun espazo web no que podemos destacar os seus roteiros. En dous deles, o de Guitiriz e o de Vilariño dos Cregos, aldea natal do poeta, o instituto ofrece visitas guiadas polo propio alumnado. Pola contra, o terceiro roteiro é un paseo virtual polos arquivos, vídeos e audios, sempre xirando arredor de Díaz Castro.
Tampouco podemos deixar de consultar a variedade de recursos didácticos que con ilusión e esforzo nos achegan desde o IES Poeta Díaz Castro(Guitiriz) . Non podo deixar de facer referencia aos de matemáticas, coas aportacións dese espíritu inquieto que é Víctor Pollán. Nun deles faise un achegamento con datos e gráficas á educación e analfabetismo durante o século XX en Galicia.
Un traballo que se agradece e que ofrece unha mostra do bo facer nun traballo colaborativo de moitos profesionais do ensino, neste caso, desde Guitiriz.
mércores, 18 de febreiro de 2015
Sr. Presidente (I)
Quen se dirixe a Vde é un galego, mestre con corenta anos de servizo, entre aldeán e urbano, pois nacín en Compostela, pero a tribu élle do Ribeiro alto, Punxín e San Amaro. Estou contento e feliz de ir de camiño a dicirse, como Manuel María, aínda que el xa o fixo en vida, galego normalizado e xa que logo todos os días esperta na marabilla de sentir ( un pouco máis que onte) como se vai construíndo Galicia e en especial o Pobo do Galego e por iso, se o tiver Vde a ben, referirlle o que segue para que me dea atención ( e grazas pois de antemán se así for).
martes, 17 de febreiro de 2015
A nosa identidaz
por Pilar García Negro, no Sermos Galiza:
Cadroume ouvir un corte radiofónico do recentemente nomeado conselleiro de Cultura e de Educación, onde mencionou a lingua galega e a cultura como elementos fundamentais da nosa identidaz. Para nada vou facer identificación automática ou mecánica deste castelanismo con este novo cargo público. Ben sei o asentadas que están as “verdá” ou “verdaz” e tantos castelanismos máis, e o difícil que resulta desterralos. Non hai máis que atender á dificultade extrema que encerra a palabra “crise” para o presidente da Xunta, que sempre a usa como “crisi” ou directamente “crisis”. Temos que ser benevolentes. Hai que recoñecer que o galego é para algúns galegos o idioma de máis difícil adquisición ou fixación. O galego non ten a culpa, claro está. Tena unha exigua ou nula motivación, porque a identidade pretendida é outra e, daquela, o galego público impostado é un postizo, unha especie de sublingua que pouco importa falar ben ou mal. O actual conselleiro citado ten unha magnífica fonética. Mágoa que sexa utilizada -doutro xeito, endexamais sería nomeado- e vaia servir ás políticas que esmagan na práctica o alto valor concedido nominalmente á lingua e á cultura.
Gallego
por Félix Jorquera, no Sermos Galiza:
O líder de Podemos en Uruguai, Jorge Castrillón, referiuse hai uns días nunha entrevista ao termo gallego, como paleto. Anteriormente a este episodio, o director de cine Pedro Almodóvar e a líderesa de UPYD, Rosa Díez, tiveran tamén desplantes ao noso pobo con declaracións desafortunadas.
domingo, 15 de febreiro de 2015
De blogues.32
![]() |
| Da Wikipedia |
- A historia de cando Séchu Sende fixo ouigha co espíritu de Castelao, 30/01/15, por Belén Quinteiro, no blogue De cando Manuel Antonio se mudou á miña bañeira
- TVG pide a una presentadora que no utilice la ‘gheada’, 01/02/15, en marlou
- Manifesto RAG: “O galego dá vida, pola vida do galego”, 01/02/15, por Carmela Castro, no Bico da Ría
- Wert: educar sen atender á tribo, 03/02/15, por Francisco Castro na Canción do náufrago
- Uns e ceros, 04/02/15, por María Alonso Fernández e Bruno Dacosta Fernández, en matemáXicas
- Martín Códax, Enrique Iglesias e a chuva, 05/02/15, en GzMúsica.com
- Cantas máis?, 06/02/15, por Sarela Betanzos Freire, no Bico da Ría
- O que ouvem os portugueses quando ouvem galego?, 06/02/15, por Marco Neves en Certas palavras
- Coca mallorquina vexetal, 08/02/15, en Bolboretas no bandullo
- Toponimia galega Eo-Navia, 09/02/15, na Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo
- O GALEGO A ÚNICA BANDEIRA, 09/02/15, por Francisco X. Fernández Naval, na noite branca
- Un consenso sobre educación e galego?, 11/02/15, por Francisco Castro na Canción do náufrago
- O galego esfúmase a cada pouco un pouco máis, 11/02/!5, por Andrea de la Iglesia, en Lingua de Negueirós
- Porque insistem os galegos em falar galego?, 11/02/15, por Marcos Neves en Certas palavras
- Mapa da Terra Eo-Navia., 12/02/15, por Suso Acevedo en El toupo que fuza
- COMO SE APRENDE UNHA LINGUA, 12/012/15, por Helena Villar Janeiro en Galego na rede
- Por que non derogar o decreto do plurilingüísmo?, 13/02/15, por Francisco Castro na Canción do náufrago
Unha lingua de pobres, pailáns e bloqueiros
por José Luís Sucasas, na Praza Pública:
Logo e 35 anos do actual sistema monárquico parlamentario e no que se atinxe a Galiza, o BNG xa é considerado un partido da “casta”. Aos bloqueiros pódenos gustar máis ou menos que así nos consideren; eu diría que máis ben menos, xa que ingresamos no sistema “por imperativo legal” e sen acordar cos principios xerais do movemento, pero coa esperanza de traballar pola causa nacionalista dende o interior das institucións. Dende o comezo da súa andaina, o BNG fixo da lingua o seu estandarte e paseou o pendón en tódalas procesións. E fíxoo con tanta ansia e determinación que conseguiu inserir nos miolos da xente a imaxe de parella única, eterna e indisoluble: BNG e Lingua Galega; ou Lingua Galega e BNG, que tanto monta monta tanto. Póñovos un exemplo: Xosé Crespo, o alcalde de Lalín, subiu ao seu feisbu un artigo meu en Praza coa seguinte introdución: “Chamoume a atención este comentario, na revista dixital do BNG Praza Pública do Concelleiro do BNG José Luís Sucasas ....” Como Praza utiliza o galego, daquela é unha revista do BNG, debeu ser o seu razoamento municipal. E ollo, Crespo é do PP e galegofalante, dou fe.
venres, 13 de febreiro de 2015
O mapa dos xacementos arqueolóxicos de Silleda
Un dos piares do proxecto premiado co Antonio Fraguas no IES Pintor Colmeiro (Silleda) é a xeolocalización da toponimia do Concello de Silleda. Ao introducir no mapa da microtoponimia de Silleda os xacementos arqueolóxicos do concello polo que superáronse os 1000 topónimos identificados.
Neste mapa que presentamos nesta entrada están identificados petróglifos, mámoas e castros. De consultardes o mapa da microtoponimia tamén os acharedes. Hai que agradecerlle ao arqueólogo Israel Picón a súa colaboración para a localización destes importantes xacementos.
Para facer un breve percorrido por algún destes lugares pódese consultar esta entrada do blogue do instituto público de Silleda. É enorme o traballo que está a realizar Xoán Carlos García Porral xunto co Departamento de Lingua (Fe Fernández, Xesús Cociña, Mª Xosé Ledo e Mª Luz Núñez ). Agora ademáis contamos coa colaboración dun bo grupo de alumnos de 2º de bacharelato que están engadindo novas entradas no mapa; eles son David Varela Salgado, Samuel Rodríguez López, Carlos Mato Rodríguez e Jorge Méndez Bértolo.
Disco raiado, baby!
excelente artigo de María Reimóndez, no Sermos Galiza:
Hai algún tempo circulaba polas redes un vídeo dunha muller nunha película tipo anos 40 que se achegaba irritada a un tocadiscos do cal non deixaba de saír o último (e insoportable) tema de Enrique Iglesias, levantaba a agulla con aceno brutal e dicía: «Hasta el coño ya!». Esta imaxe véuseme moito á cabeza nos últimos días que tanto se falou de tan importante artista por estes medios nosos e hoxe enfíame ben con outras cuestións que andan vira que vira en canto se abre o «debate sobre a lingua» en certos medios (que adoitan ademais ter pouca tradición en usala, será por iso).
xoves, 12 de febreiro de 2015
Parabéns para ti
A quen lle habería que lle dar os parabéns é aos autores desta inicitiva: a Mesa pola Normalización Lingüística e o concello de Carballo por acertar cun evento de especial recordo nas nosas vidas, sobre todo na dos máis pequenos, e que no seu momento culminante, no que lle cantan ao agasallado a canción de felicitiación, acaba sendo en castelán ou en inglés.
Para facilitar que nenas e nenos, e tamén maiores, celebren e feliciten os aniversarios en galego, impulsouse desde Carballo a gravación dunha canción co seu correspondente videoclip. Esta proposta feliz e festeira contou coa colaboración do Coro Vagalume.
Un pasiño máis para a normalización. Ben feito!
Agora estaría ben que os medios, sobre todo os públicos, difundiran esta boa nova. Veremos se sucede así.
Lingua e Cultura
Mercedes Queixas fai a súa aportación á xornada Fagamos contas. 35 anos de autonomía, como nos foi?, organizada pola Fundación Galiza Sempr een ideas.gal:
Facer contas dos círculos concéntricos que, como pobo, fomos quen de nacer e medrar no nobelo destes trinta e cinco anos.
Apuntamentos encol da manifestación de Queremos Galego
por Manuel Mera, no Sermos Galiza:
A mobilización do pasado domingo a prol do galego foi un éxito de participación. Foino malia que os medios de comunicación máis importantes silenciaron en boa medida a convocatoria, e cando se viron obrigados a comentala, fixérono dándolle sobre todo a voz á Xunta do PP para desalentar a protesta. Foi acertado que Queremos Galego anunciase a manifestación con moita antelación, para xerar así expectativa e ademais puidese chegar a toda a base social do nacionalismo, que ten un metabolismo moi lento ao carecer de medios de comunicación de masas propios. Mesmo, neste caso, resultou secundario que a consigna e máis o cartaz necesiten dun intérprete para entender cal era o obxectivo da convocatoria.
mércores, 11 de febreiro de 2015
Presume de galego
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)





