Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 4 de maio de 2010

Outro conflito lingüístico.2


O raro é que non o haxa. O infrecuente son os estado monolingües. Desta volta tócalle o comentario a Timor-Leste, no Índico. Se alguén oíu falar algunha vez deste país, seguramente o identifique coa Comunidade de Países de Lingua Portuguesa, e aí acábase o conto. No entanto, ademais do portugués, tal e como lemos en Vieiros, o outro idioma oficial do país na actualidade é o tetun, unha das linguas orixinarias da illa, fortemente influenciada polo portugués desde que este se asentou en Timor-Leste a mediados do século XVI. É por iso que hai quen defende que o propio tetum podería asumir en exclusividade o papel de lingua oficial.
Pero aquí tampouco acaba o conto, existen outras quince linguas nacionais: ataurense, baiqueno, becais, búnaque, cauaimina, fataluco, galóli, habo, idalaca, lovaia, macalero, macassai, mambai, quémaque e tocodede.
Acabamos? Aínda non. O inglés e o indonesio teñen estatuto de linguas de traballo nas disposicións transitorias da Constitución.

luns, 3 de maio de 2010

Os libros nadan mal


por Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización, en Galicia Hoxe

Cando se soubo o nome do novo conselleiro de Cultura afirmouse que Alberto Núñez Feijóo cazara un merlo branco: un home con carreira diplomática, de talante dialogante e altas capacidades para a xestión. Para os optimistas por necesidade, era a mostra de que o novo presidente da Xunta non ía ser tan fero contra a cultura galega como el mesmo se pintara nos seus agresivos discursos; para os optimistas ben informados, semellaba máis ben que a anunciada política galegófoba ía executarse con luvas brancas e narcotizantes a eito.

No entanto, pasados os meses, o que sorprende é que Roberto Varela continúe a pesar da súa demostradísima incompetencia como xestor e -grazas á mobilización social, que non foi allea ás súas provocacións- ao seu fracaso como anestesista. Calquera observador imparcial, sexa cal for a súa adscrición ideolóxica, sabe que o cargo de conselleiro de Cultura de Galiza lle queda moi moi grande a este home. Indo só a un indicador mensurábel, podemos observar que nestes 30 anos de autonomía ningún responsábel desta área no Goberno galego acumulou no seu caixón tantísimas solicitudes de dimisión chegadas desde tantos lugares en tan pouco tempo. Nin Ánxela Bugallo, a pesar dos titulares sensacionalistas que a perseguiron, nin Pérez Varela pondo a tiro a Carmiña Burana.

Botando a ollada a pouco máis dun ano atrás, un pensa que foi o que levou a Núñez Feijóo a fichar esta persoa para pór rostro á súa política cultural. Sería talvez porque sabe inglés? Ben se ve que con autoodio e con complexos non se toman as mellores decisións!

Mais vaiamos ao miolo da cuestión. Alguén sabe cal é a política cultural deste goberno? Se atendermos os discursos e a propaganda, veremos que sobrancea unha idea en negativo: a de desprotexer institucionalmente a cultura galega. Aí é onde se inseren as declaracións do conselleiro asegurando que "la cultura gallega está bien, pero limita", que "la cultura gallega está acomplejada y ensimismada", os chamamentos que ten realizado ás editoras en galego para que aposten por outros idiomas (eufemisticamente, pola "edición trilingüe") e a súa colaboración na extensión da mentira de que a cultura galega está hipersubvencionada, cando a verdade é que é unha das que menos apoio público ten de toda a Unión Europea e, incontestabelmente, a que menos amparos institucionais ten de todo o Estado español, a anos luz das culturas española, catalá ou vasca.

En teoría, neste ano 2010 o labor da Consellaría de Cultura incardínase en dous proxectos estrela. Por unha banda, o Xacobeo, cuxo evidente bluf na xestión e nos resultados se tenta disimular varrendo as miserias cara ao Goberno central. Ademais, aínda que non o notemos en nada, este foi proclamado como o Ano do Libro e da Lectura. O lema que poderían ter escollido é: "Temos dereito a ler sen darnos conta".

A frase que propoño como slogan é outra das xenialidades do propio Roberto Varela, que asegurou no Parlamento que el dixo nun acto "Desván de los Monjes" ou "Toro" -en troca de Sobrado dos Monxes e Touro- porque foi o que os seus colaboradores lle escribiron nun discurso (ao que parece que lle pasaron un tradutor automático e despois non revisaron). "Teño dereito a ler sen darme conta!", reprochoulle ao PSOE e ao BNG polas súas críticas, inaugurando así un novo dereito humano, aínda que seguro que sen ser consciente de tal inauguración (el ou quen lle escribise esa resposta parlamentaria). Pois xusto así nos pasa a nós co Ano do Libro e a Lectura: que estamos nel sen darnos conta.

Mais o problema non é só en concreto coa cultura galega, non. A ignorancia e o desprezo que manifestan estes gobernantes pola nosa cultura en particular o que espella é un problema global: a carencia dun proxecto construtivo, en positivo, e de coñecementos sobre políticas culturais serias e efectivas.

Talvez un dos mellores e máis tristes exemplos estea nos festexos organizados para o Día do Libro por parte do Goberno galego. O 23 de abril, no chan de cadansúa praza das cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo escribíronse varios versos do poema Negra sombra de Rosalía de Castro. Para iso, a Consellaría utilizou "cerca de 100.000 libros ou 14 toneladas de mercancía", segundo estimou, literalmente, unha das notas oficiais enviadas aos medios de comunicación. A Xunta informou de que eses quilos de libros os doaron para o evento unhas indefinidas "diferentes entidades e institucións". Ese mesmo comunicado, emitido tres días antes do evento, sinala que "como colofón ao acto, simultáneo nas prazas máis representativas das cidades galegas, os libros entregaranse o mesmo día 23 aos viandantes que se acheguen á hora de deconstruír os tapices de libros ou ás asociacións que os soliciten con antelación e os recollan". Sabiamos que nesta Consellaría de Cultura non se destila amor pola lingua galega e que os actos de promoción dos libros neste idioma son realizados con desgana, mais o deste día debe pasar á historia do disparate universal.

O caso é que na xornada se cumpriu o prognóstico do refraneiro, que asegura que "en abril, augas mil". Os libros, ordenados baixo a chuva para formar palabras e versos, quedaron enchoupados, nun espectáculo tan dantesco como vergoñento. Manuel Rivas, que está a ser un dos mellores cronistas da desfeita cultural deste goberno que non nos merecemos, ten no episodio do 23 de abril de 2010 bo material para unha novela, que talvez podería levar aquí por título Os libros nadan mal.

Ante unha chafallada de tal calibre, a Xunta de Galiza debería dar explicacións públicas. Cren que repartindo libros por quilos, sen criterio, se fomenta o achegamento a bibliotecas ou librarías? A que grupos sociais ía destinada esta acción e que carencias se pensaba suplir con ela? Por que estes 100.000 volumes poden ser gratis e os manuais do ensino obrigatorio asegura o Conselleiro de Educación que non poden selo? Se a pretensión inxenua era achegar a cultura a novos espazos, por que xustamente se organizou nas cidades, onde existen máis infraestruturas e máis posibilidades de acceso á oferta editorial? Cantos destes 100.000 libros foron destruídos pola auga? Por que a Consellaría non preveu esta eventualidade anunciada polos servizos meteorolóxicos e continuou coa acción propagandística, aínda que esta supuxese -como ao final aconteceu- inutilizar milleiros de obras? Que pasou con todos os libros destruídos pola chuva? Foron parar ao lixo ou a un colector de reciclaxe? Saben as entidades que doaron as obras que ían para esta finalidade e que terían un tratamento tan coidadoso? Imitará a acción a Consellaría de Sanidade e, para festexar o Día da Saúde ou outro semellante, tamén vai agasallar medicamentos á rapañota á xente que pase por algunhas rúas a determinada hora dese día?

Cómpre mobilizarse contra tanto disparate. O 17 de maio, na praza do Obradoiro, reclamaremos unha mudanza profunda na política educativa, cultural e lingüística. Movámonos!

O galego no senado

por Rafael Cuíña, empresario, en Vieiros

Teño na miña mente un debate estes días, entre o que me gustaría que fose unha realidade, e a coherencia ideolóxica dese pensamento.

Miren, con sinceridade considero que a institución do Senado do Estado é absolutamente innecesaria na súa concepción actual, pola súa evidente inutilidade e falla de practicidade, aínda que non tanto dende un punto de vista constitucional, como cámara de representación interterritorial. Se o gran problema para admitir a utilización do galego na chamada “cámara alta” é o custe financieiro, entón é cando empezan a aflorar no debate matices.

Sen ir máis lonxe, penso que é moito máis necesaria a promoción do galego, artellando unha rede similar ao Instituto Cervantes, aínda que proporcional, co galego no exterior, especialmente naqueles países nos que maior concentración de emigrantes temos, e que os seus descendentes por non estar en contacto directo coa Galicia dos seus pais, poden correlo risco de perdela posibilidade de coñecer e utilizar a súa lingua nai. Sempre será unha medida moito máis interesante que gastar 600.000 euros en que unha aeronave leve o nome “Galicia”, ou nin lles conto sobre a absoluta dilapidación da cifra de un millón de euros, na campaña explicativa do chamado “decreto do galego”. Se algúns buscan unha austeridade necesaria para o conxunto das políticas económicas, o que teñen que facer é ter claro o que é loxicamente prioritario, e o que non.

Por iso non teño claro a necesidade de incorporar no Senado o servizo de tradución ao galego, euskera, catalán e valençiá, nunha cámara na que todos se entenden no idioma castelán situada xeograficamente na capital do Estado, aínda que recoñezo que é perfectamente discutible esta tese. Se eu son dos que non tolera que no Parlamento galego, algúns deputados utilicen o castelán de xeito provocador, máis que por unha suposta liberdade pola cooficialidade dos dous idiomas, non sei ata que punto é coherente esixir a posibilidade da utilización do galego en unha institución situada en Madrid. En cambio, si considero necesario a posibilidade de utilización no Parlamento europeo do galego, xa que nesta asemblea non existe un entendemento idiomático común como si sucede no Senado, porque estarán de acordo vostedes comigo, que sería curioso ver a Iñaki Anasagasti utilizando o servicio de traducción castelán-euskera ao non dominar esta lingua, coño recoñeceu nunha recente entrevista.

Pero o que é, dende un punto de vista de estatutario, unha obriga, é a promoción da lingua galega nas distintas institucións. De aí que teña no meu interior un debate entre o que considero lóxico e racional, e o que me gustaría, que non é outra cousa que a liberdade de utilización do galego no Senado, de xeito ideoloxicamente egoísta. De forma que quero deixar aberto o debate para o lector sobre este artigo, considerando necesaria a desaparición do Senado por custoso e inútil, e non necesariamente por ese orde; e afirmando que o PSOE trata de abrir un debate para desviar atencións sobre problemas actualmente máis graves, convertendo en oportunista o que non debería ser. Pero o certo é que incoherentemente o que me gusta é a posibilidade de utilizar o galego tamén naquelas terras, e que me fai lembrar cando sendo cativo meu pai dábame a paga que me correspondía, e despois chegaba a madriña co agasallo “extra” de vinte pesos máis por detrás...

Ou non?

domingo, 2 de maio de 2010

O verdadeiro lema do 17 de maio


Pois polo que vexo, se queredes saber cal é o verdadeiro lema da manifestación convocada por Queremos Galego para o 17 de maio, ides ter que enterarvos neste blogue.
Aqueles despistados que por esas leis non escritas da fatalidade acabedes caendo nestas liñas e teñades a forza de espíritu de poñervos a ler esta mensaxe saberedes o que o resto dos amantes do galego continuarán ignorando. Estes últimos irán á manifestación pensando que o fan baixo un lema cando o certo é que o verdadeiro lema é outro.
Non sei o interese que poidades ter pola lóxica, concretamente polos seus símbolos. Os que son polo menos tan vellos coma min e cursaran no seu día o bacharelato, seguro que lembran, aínda que só sexa confusamente, aquelas divertidas leccións de lóxica de proposicións da materia de filosofía. O que xa non é tan seguro é que teñan coñecemento da lóxica de enunciados. A clave está neste último tipo de lóxica.
Na lóxica de enunciados xógase cos cuantificadores universais, un deles é o cuantificador da existencia e que se escribe como vedes aquí, como un E invertido. A notación débeselle a Giuseppe Peano, de principios do século XX, un matemático moi curioso que escribía os seus tratados nunha interlingua da súa invención que chamaba latino sine flexione. Non podo imaxinar nada máis poético: unha lingua sen literatura e chea de tratados de lóxica matemátca.
O asunto é que este símbolo, o cuantificador existencial, non nos interesa. O que si ten importancia para o noso existir é o chamado cuantificador universal, que é aquel que se le "todo"ou "para todo". Deste xeito, con esta clase de símbolos poderíamos establecer enunciados tales como "para todo x, tal que x é un libro, existe un y, tal que y é o seu autor", o que traducido significaría que todo libro ten o seu autor.
Eu non sei quen inventou este símbolo, como vedes é un A invertido, e as wikipedias din que vén do "All" inglés. Para min que se equivocan, e tendo en conta que entre os alemáns estaban entre os lóxicos e matemáticos máis destacados dos primeiros anos do XX, ben podía ser que o símbolo viñese do alemán "Allgemeinheit".
En todo caso, o lema está claro: "O galego, todo o noso existir"

Sempre en galego

“Por escribir 'allo' con 'lh' non podo ter menos dereitos que quen o fai con 'll'”

entrevista a Valentim Fagim, presidente da AGAL, en Vieiros

Vieiros: Logo se van cumprir 30 anos da aprobación do Estatuto de Autonomía. Aínda que en liñas xerais a lingua goza de máis espazos e de maior prestixio o certo é que a perda de falantes incluso se acelerou...
Valentim Fagim: En cidades como Vigo ou A Coruña xa non é cuestión de que non se fale, é que mesmo un cidadán medio ten un contacto cero co galego. A explicación histórica sabémola todos e é que cando a xente vai do rural cara aos ámbitos urbanos non había mecanismos para garantir que esas persoas conservasen a lingua. A cuestión é: como lle damos a volta a iso? Como conseguimos que unha persoas e Vigo, da Coruña ou de Pontevedra, fale o que falar, como mínimo teña un contacto? Aí é onde temos diferentes tácticas uns e outros. Uns pensamos que xogar a que o galego só se faga no ámbito de España non é intelixente e non é moi eficaz e outros pensan o contrario. Como conseguimos que unha persoa de 20 anos de Vigo pase de contacto cero a contacto 20? Penso que aspirar a moito máis a curto e medio prazo non é moi factíbel.

Hai quen pensa que as “guerra normativa” dos anos 80 enfebleceron en certa medida a normalización. Foron tan importantes neste sentido?
Eu penso que si que foi importante. Houbo unha serie de persoas que teñen unha responsabilidade. Non se chegou a un acordo porque unha das partes non quixo ceder e iso non axudou. Durante moito tempo houbo unha tentativa de “filoloxizar” a sociedade galega e iso é absurdo. O tema da lingua é moi simple: é para comunicar...

E superouse iso? A lingua non segue demasiado restrinxida ao ámbito filolóxico, ao campo dos expertos?
Na Galiza hai cinco persoas que tocan un botón e deciden. Penso que iso non é bo.

As espadas seguen en alto ou cada bando xa ara polo seu lado?
Os anos 80 marcaron a moita xente. Eu penso que as novas xeracións non están pola vía do enfrontamento normativo. A análise é outra: eu son galego, teño unha visión estensa e útil, como dicía Castelao, e aspiro a vivir con normalidade na miña lingua. A min, sinceramente, a cuestión filolóxica cada vez interésame menos, interésame máis sociabilizar. Se o sistema educativo lle mostrase ao alumnos que o galego é estenso e útil, mesmo que use a norma oficial, mais que llo mostrase, iso xa sería unha bomba en termos sociolóxicos.

Descarta unha saída dialogada...É posíbel enterrar a guerra normativa definitivamente? Pode haber un acordo?
Hai un campo intermedio entre uns e outros que penso que é bo para o cidadán medio. Para o cidadán é bo saber que ten acceso á lingua portuguesa, que ten acceso a un mercado laboral...Tanto uns coma outros pensamos que é bo e por aí podiamos remar. Hai seis ou sete meses o presidente da Xunta colocou aquela frase de que co inglés comunicamos con 500 millóns de persoas, co castelán con 400 e co galego con 200. Na Galiza este é un feito paradoxal, precisamente os que comunicamos con 200 temos menos dereitos cós que non comunican con 200. Isto é un pouco disparatado. Penso que podemos remar en dúas dirección. A primeira que o portugués está ao seu alcance (aí creo que non hai dúbidas) e a segunda é que por eu escribir 'allo' con 'lh' non podo ter menos dereitos que quen o fai con 'll'.

Parece que hai un 'revival' do reintegracionismo na rede. Estamos diante do 'Reintegracionismo 2.0'?
(Gargalladas) Eu penso que si. As posibilidades de internet son espectaculares. A rede é hiperaberta. Nós na Agal lanzamos hai pouco unha tenda en liña, isto está feito por nós. Non temos ningún tipo de barreira ou censura e avanzamos moito. Se un observador externo seguise a rede pensaría que en Galiza escriben todos así, cando non o é, claro.

Cando caeu do cabalo, abandonou o 'ñ' e abrazou o reintegracionismo?
Eu até os 19 anos falaba castelán. Eu son vigués e alí era moi difícil dar o paso. Dei o paso en Santiago, aquí consigo falar o galego a tempo completo. Comezo a investigar e por unha cuestión meramente intelectual e pragmática decántome polo reintegracionismo. Un día estou na ducha e comezo a cantar Caetano Veloso (Eu sei que vou-te amar) e digo se eu canto isto é evidente que é a miña lingua (risas).

Como convencería a Ferrín que abandonase a norma oficial?

(Gargallada) Eu penso que Ferrín xa é inconvencíbel. Deixámolo aí.

Unha cousa que me chamou a atención é que dicías nunha entrevista anterior que neste país é imprescindíbel o humor no día a día...
Se alguén en Galiza quere vivir a tempo completo en galego e non ten humor sería imposíbel. Se non tes ese humor sofres bastante. O obxectivo da vida é ser felices e para iso fai falta moito humor.

Semella que o mundo lusófono non mira moito para Galiza...
O grao de descoñecemento é mutuo. Quen tiña máis responsabilidade para variar a situación é o Goberno galego, mais non se fixo demasiado.

É curioso que o embaixador portugués no Estado Español saliente as relacións comerciais Galiza-Portugal. Parece moito máis difícil o intercambio cultural...
Cada un debería mirar para si. Por exemplo, a RAG que está a facer nese sentido? O propio presidente da Xunta? Nós na AGAL estamos a facelo, a Academia da Lingua Portuguesa tamén...Mais a cuestión é que estamos a facer todos e todas?

Comparte a teoría de Camilo Nogueira que o mellor portugués do mundo se fala na Costa da Morte?
(Gargalladas) Ese tipo de frases están ben, pero en Portugal tamén se di que se nunha ou noutra zona.

Cal é o reto do reintegracionismo?
Divulgar e chegar ao máximo número de persoas posíbeis. O obxectivo básico é que o cidadán medio galego saiba que grazas ao galego accede ao mundo lusófono.

Existe reintegracionismo fóra das cidades?

Sempre estamos pensando nas cidades e quizais sería bo comezar a pensar nas vilas onde aínda se fala galego.

Canta veces pensou Valentim neste ano: onde me metín?
Moitas (risas). Hai moita paixón e iso é bo, temos pouco capital financeiro pero si humano.

Como vives o conflito do decreto?
Nós temos un debate constante sobre este tema: É mellor que o galego siga desaparecendo na invisibilidade ou que se poñan as cartas enriba da mesa? O único bo do que está pasando é que as cartas están descubertas. Antes sabiamos que non se cumpría o 50%. Feijoo tirou a máscara e agora obríganos a falar máis entre nós e facer tácticas conxuntas. Esa é a parte positiva.

É posíbel ese diálogo fluido entre as diferentes persoas que defenden o galego, independentemente de normativas?
Eu penso que naquelas áreas onde podemos cooperar debemos cooperar. Hai que falar sen preconceitos e sen actitudes de prepotencia.

Eloxio da amizade


por Camilo Nogueira, ex-deputado do BNG, no Xornal de Galicia

Suso de Toro anunciaba este día que abandonaba a condición de escritor de oficio e regresaba á de profesor no Instituto onde comezou a traballar hai máis de vinte anos. Sentiu a necesidade de reflexionar sobre a súa aventura da literatura como profesión e o por que do remate. Fai un alto depois de ter escrito máis libros que anos hai que comezara a traballar como educador e cando con Sete palabras nos dera unha das súas mellores obras. Creo que son o enxeñeiro que aparece nun liña desa obra, chamándoo desde Santiago, perturbándoo desde o “outro mundo” seu, cando estaba á beira da casa que fora dos seus avós en Formariz, entre Toro e Fermoselle, procurando as raices paternas da sua personalidade.

Desde 1977 partillamos anos de chamadas e conversas e ­unha angueira política, aínda inacabada, na que a cultura ocupa un lugar principal. Daquela el comezaba e eu xa en Santiago tivera a experiencia de Vigo. Continuabamos as tradicións do movemento nacional galego e da esquerda democrática europea, no momento crucial da queda da ditadura.

Comprobo que a súa primeira novela, Caixón desastre foi publicada en 1983, durante a primeira lexislatura do Parlamento de Galiza, e a segunda, Polaroid, en 1986, na seguinte. Cando terminou a terceira lexislatura, xa enchera con outros libros, o último deles Tic Tac en 1993, un ciclo que contribuía a revolucionar a literatura galega. Con Suso de Toro, emerxía a literatura da Galiza urbana, recollendo toda a tradición dos precursores do século XIX e da primeira parte do XX, mais tomando nota da mudanza que se producía na sociedade galega, abríndose ao mundo como sempre. No houbo para min nin para os nosos compañeiros unha cuarta lexislatura no Parlamento. Nese momento o meu amigo empeñouse en facer un libro sobre todo o que pasara, facendo intervir tamén moitas voces que viviran directamente aquela época.

Desde aquel 1983, co fito recente de Home sen nome, unha dura aproximación ao tempo da Guerra Civil, furando na personalidade dos individuos que a provocaron ou a padeceron, Suso de Toro construíu unha obra singular, tendo parte como poucos en a literatura propia ser un territorio liberado. A súa obra está entre as mellores da historia da literatura galega e entre as máis atrevidas en procura dunha personalidade. Constituíu un elo necesario e precioso na liña creativa reiniciada por Rosalía de Castro en 1863.

Neste tempo problemático e de incomprensión, no que a independencia de espírito e de propósitos é posta baixo sospeita e no que a literatura, e non só ela, está sometida ao monopolio mediático, Suso de Toro quere deixar de ser empresario autónomo da escritura; di que garda os seus papeis e que retorna á vida de profesor. Está ben, se el así o decide, mais non está demostrado que ter outra profesión esmague a expresión literaria. De Kafka a Valente, coa manchea de escritores e escritoras que o acompañan aquí nese labor imprescindíbel, a vida literaria está inzada de persoas que tendo outro traballo deixaron unha pegada literaria indelébel. Depois de todo, el mesmo xa o fixo deste xeito en boa parte do seu tempo de escritor e a todos nos convén un tempo de reflexión, como o que el se outorga. Porén, coido que depois de ter matinado, entre Santiago e o mar de Louro, máis pronto que tarde encetará a segunda parte da súa obra literaria, coa xente e os días como norte.

El para min responde ás palabras do Eclesiastés: “Un amigo fiel, amigo seguro / quen o atopa, encontra un tesouro”.

A galego regalado...


por Noela Rey Méndez, periodista, no Xornal de Galicia

O vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, a plataforma Queremos Galego proponse volver encher o Obradoiro de cidadáns que ergan os seus berros en defensa da lingua. O BNG está tamén detrás desta convocatoria, na súa calidade de membro da plataforma. De maneira que os nacionalistas, unha vez máis, póñense á cabeza, como organizadores e convocantes, da defensa do galego na rúa.

Nesta ocasión, ademais, teñen o apoio do PSdeG, que se uniu á iniciativa como formación externa á plataforma, xa que non se quixo integrar en Queremos Galego, o mesmo que decidira cando se organizara o movemento social Nunca Máis. Non estaría de máis, por certo, que se involucrasen os socialistas dunha forma máis clara e contundente a prol da lingua. Está ben que desta vez se coloquen tras o cartaz para esixir o respecto polo idioma propio, pero unha política de máis compromiso cada día e en cada ocasión non viría nada mal. Pero o dito, o importante é que o Obradoiro fale de novo.

Os amantes de Aguiño


Acabamos de ver que os do Colexio Público de Aguiño son amantes da lingua. A razón está na nota de prensa que copiamos aquí. Todo o noso apoio para eles,
do Paraugas da lingua (CENDL do Barbanza)

O Consello Escolar do Colexio Público de Aguiño, onde está representada toda a Comunidade Educativa: Equipo Directivo, profesorado e familias, denuncia que, por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística, este curso suprimiunos a maior parte da axuda que recibíamos para potenciar o uso e valoración do galego a través de distintas actividades. Concretamente baixaron a axuda de 2500 euros a 833 euros, o que implica tan so unha media de 4 euros por alumno/a frente ós 12.5 euros dos que gozábamos en cursos pasados. O recorte de gastos en Educación afecta á calidade dos distintos procesos de ensino-aprendizaxe do noso alumnado. Este recorte xunto co Decreto do Plurilingüísmo é outra das actuacións da Consellería en contra da potenciación da nosa lingua. Esta medida deixa ó Colexio Público de Aguiño nunha situación de precariedade no ámbito lingüístico.

sábado, 1 de maio de 2010

Manifesto Correlingua

Faltan poucos días para que comence o Correlingua deste ano. Xa sabedes que esta vez non vai ter aportación ningunha da Xunta. Boa forma de facer políticas normalizadoras!
O noso centro este ano non participa, e vendo a pinta que colle todo isto, xa nos está dando pena o non facelo.

Hai dúas semanas que presntaron o manifesto que foi realizado por alumnos de 2º da ESO, concretamenta polo grupo de 2ºB do IES Porta da Auga (Ribadeo). Parabéns mozos!

“Galiza, a forza do noso amor non pode ser inútil”

A nosa proposta é clara, díxonola Manuel Antonio:
“A nosa fala é nosa, pospola a calquera outra é unha forma de suicidio”
Libraremos a batalla se libres quixermos ser
facéndolle honor ao seu lema, evitando o xenocidio.

Feixoo co seu “Decretazo”
pretende facernos memos
vendéndonos trilingüismo
para evitar o galego

O xogo non será fácil, os adversarios son traidores,
pero temos xuventude,
somos moitos, somos fortes;
xogamos no noso campo e temos por adestradores
a Pondal, a Rosalía, a Daniel e Airas Nunes.

Rompamos as barrreiras,
xa estamos fartos:
Falar queremos galego
como os nosos antepasados.

Zoa no ar un tempo de represión.
Mais Galiza, non teñas medo, que te imos defender
“Nunca máis” permitiremos que eses verdugos crueis
amordacen a túa lingua, nos repriman por ser fieis.
Formamos un bo equipo disposto a te protexer.

A vitoria está cantada, o xogo témolo nós.
Xa toca a “Alba de Gloria” do noso querido Daniel
oxalá que co seu “Ollo de vidro” el nos estea a ver
e poidamos redimilo do seu destino tan cruel.

Dabondo nos maltrataron
nos anos da Ditadura
á que pretenden regresarnos
vendéndonos inter-cultura.

O inglés, ninguén dubida,
lingua moi útil é,
que sen minguar a nosa propia,
ninguén rexeita aprender.

Nunca aprenderás a hablar”.
“Hable bien, sea patriota”
“Eso no es un can, que es un perro,
la laverca es una alondra”.
Con esas armas proclamaron a vitoria.
Minguando a nosa estima,
ensumindo a nosa gloria.

O nó que sen atar nos una
é o nó que nós queremos,
o que nos trouxo hoxe aquí:
A defensa do galego.

Somos unha xeración
de galegos preparados,
a gramática coñecemos,
da nosa historia sabemos.
Por usar a nosa lingua
quen se atreve a insultarnos?
Se nos deixamos gañar,
non seríamos desleixados?.

O correlingua camiña contigo,
Uxío, do Courel a Compostela
polas terras liberadas,
esas que vós liberastes
coa arma das vosas palabras.

A nosa gran Rosalía xogou no Olimpo moi soa
e por iso foi alcumada como “a pobriña da tola”.
Semente foi dunha estirpe de poetas emprendedoras
que coa súa lingua tecen a arma máis poderosa.

Mal de linguas din algúns, os que non queren entender
que a multitude de linguas é en si un grande ben
do que goza a humanidade para chegar a comprender
a complexidade do mundo no que lle tocou nacer.

O dito ben dito queda. Xa é a hora da despedida.
Agardamos terche aclarado algunha das túas dúbidas
para que a partir de hoxe na casa, cos amigos e amigas
fales galego por sempre, que o galego tamén liga.

Rematamos esta historia
Berrando ben alto e forte
Para que todos nos oian:
“Galiza, a forza do noso amor non pode ser inútil”

Queremos galego na escola!

A ofensiva da dereita contra o galego


O autor deste artigo acaba de ser elixido membro da RAG, en Galicia Hoxe dan un perfil del.
por Henrique Monteagudo, en fundación dez de marzo.

Finalmente, a Xunta de Galicia deu forma ao anunciado proxecto do novo decreto “do plurilingüismo”. Este proxecto chega despois dun longo e tenso debate social e dunha serie de sucesivas mobilizacións cívicas que atinxiron unha extensión e intensidade sen precedentes, e logo da presentación ao público dunhas ‘Bases’ que mereceron un amplo rexeitamento das institucións consultadas pola Xunta (Real Academia Galega e Consello da Cultura Galega), e de practicamente todos os sectores atinxidos. As presentes liñas están escritas con posterioridade ao acordo do Consello Escolar de Galicia, mediante o cal este manifestou a rotunda oposición da meirande comunidade educativa ao dito proxecto, e antes do pronunciamento do Consello Consultivo de Galicia, que é de agardar que acabará sinalando os aspectos do mesmo manifestamente discordantes coa legalidade.

O que vén é un texto redactado, pois, coa esperanza de que finalmente ese proxecto sexa retirado polo goberno galego, e o Partido Popular se aveña a constituír, tal como propuxo o Consello da Cultura Galega e asumiron os partidos da oposición, unha comisión no Parlamento de Galicia para a discusión dun novo proxecto elaborado por acordo dos tres grupos parlamentarios, unha comisión que tamén debería oír distintos axentes sociais (especialmente da comunidade educativa) e expertos e abordar un programa de desenvolvemento consensuado do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado unanimemente polo mesmo Parlamento en 2004, e ratificado tamén unanimemente en 2008. O que segue non é un estudo sobre o decreto en si mesmo, senón unha reflexión sobre o contexto político-lingüístico en que este aparece.

1. O contexto sociolingüístico

Ao mesmo tempo, o presente escrito foi rematado aos poucos días da difusión nos medios de comunicación dos resultados da enquisa do Instituto Galego de Estatística, en que se recollen datos sobre coñecemento e uso do idioma galego correspondentes a 2008, comparables cos que o mesmo IGE recolleu en 2003. Sen entrar nunha análise demorada deses datos e pasando por riba dos moitos matices que ofrecen (pois isto non cabería na presente reflexión), cómpre chamar a atención sobre tres aspectos relevantes:

1) O descenso do uso habitual do galego, que pasa de ser a lingua habitual do 61 % da poboación (2003) ao 56 % (2008), o que implica unha perda porcentual de aproximadamente un punto por ano. Sen entrar en cálculos estatísticos requintados, esta tendencia colócanos nun horizonte de pouco máis de seis décadas de vida real para o idioma do país. Xa que logo, queda pouco tempo para reverter unha deriva que nos leva directamente á desaparición do galego a finais do século XXI.

2) A caída do galego como lingua inicial (isto é, aquela en que se aprendeu a falar) noutros cinco puntos porcentuais no conxunto da poboación residente en Galicia (do 52% ao 47%; no grupo de poboación máis nova, de 5 a 14 anos, a perda é aínda máis brusca, pois pasamos do 32% ao 25%). Esta caída, de primeiras, revalida o sombrío prognóstico que debuxa o dato recollido no parágrafo anterior. Porén, neste caso o dato negativo vén dalgún xeito compensado por un notable incremento dos bilingües iniciais, isto é, das persoas que declaran ter aprendido a falar simultaneamente nas dúas linguas, desde o 16% (2003) ao 23% (2008) da poboación xeral, un incremento que é especialmente significativo entre os máis novos (na faixa entre 5 e 14 anos de idade, pásase do 20% de 2003 ao 34% de 2008).

3) O notable incremento da presenza do galego no sistema educativo, que pasa de menos do 39% en 2003 ao 61% en 2008, o cal dá un bo índice do progreso que experimentou o uso do idioma nos centros durante s anos pasados, e concretamente, do positivo impacto da política lingüística no ensino impulsada polo goberno de coalición PSdG/BNG, pois ao noso entender o fenómeno de incremento do bilingüismo inicial que sinalamos no parágrafo anterior é inseparable desta progresiva galeguización do ensino.

En grandes liñas, o que nos indican os datos que acabamos de resumir é que o idioma galego precisa máis ca nunca de políticas de protección e que estas se revelan eficaces no medio prazo, xusto o contrario do que vén propugnando o Partido Popular e facendo a Xunta desde que este partido gañou as eleccións. O que non ten sentido é facer unha lectura en clave inmediatista, tal como algún portavoz do PP realizou en días pasados. A evolución da situación sociolingüística dun idioma ten que observarse a medio e longo termo, e só neses termos se poden avaliar os efectos das políticas dos gobernos, que terán efectos na medida en que manteñan unha mínima continuidade e coherencia ao longo dun período prolongado (ademais de acerto, claro está). Estas observacións sobre a situación sociolingüística xeral serven de pórtico acaído ás liñas que veñen a seguir, nas que imos esbozar unha rápida análise do contexto xeral da política lingüística en Galicia en que aparece este decreto.

2. O problema lingüístico de Galicia: do diagnóstico ás políticas

Na miña opinión, na raíz do debate lingüístico está o seguinte feito: a lexislación e tradición de política lingüística en Galicia, desde o Estatuto aos nosos tempos, está fundada nunha determinada visión da realidade, ou máis concretamente, nunha determinada formulación do problema lingüístico do país; a partir desa diagnose prescribíase unha determinada solución. Tal diagnóstico consiste en constatar o maltrato histórico que o galego sufriu por parte do Estado español, e sinalar como ese maltrato o abocou a un proceso de substitución que o sitúa no camiño dunha lenta pero inexorable extinción. A solución prevista para ese problema consistiu no seu pleno recoñecemento como lingua propia de Galicia e oficial das súas institucións, e na imposición aos poderes públicos dun ‘mandato de normalización’, que os obriga a soster políticas para a súa defensa e promoción. En liñas xerais, tanto o devandito diagnóstico coma a correspondente solución eran amplamente compartidos pola maioría da sociedade e polos grupos políticos que a representan, aínda que é certo que existiron e aínda persisten grandes diferenzas nos detalles e importantes desacordos puntuais.

O devandito prognóstico está expresado con concisa claridade no preámbulo á Lei de Normalización Lingüística aprobada no Parlamento de Galicia en 1983, co voto favorable de Alianza Popular (no goberno naquel momento), a Unión do Centro Democrático, o Partido dos Socialistas de Galicia / PSOE, Esquerda Galega e Partido Comunista de Galicia, isto é, de todo o arco parlamentario presente. Paga a pena citar ese preámbulo:

“O proceso histórico centralista acentuado no decorrer dos séculos, tivo para Galicia dúas consecuencias profundamente negativas: anular a posibilidade de constituír institucións propias e impedir o desenvolvemento da nosa cultura xenuína […] Sometido a esa despersonalización política e a esa marxinación cultural, o pobo galego padeceu unha progresiva depauperación interna […] que foi constantemente combatida por tódolos galegos conscientes da necesidade de evitar a desintegración da nosa personalidade. A Constitución de 1978, ao recoñecer os nosos dereitos autonómicos como nacionalidade histórica, fixo posible a posta en marcha dun esforzo construtivo encamiñado á plena recuperación da nosa personalidade colectiva e da súa potencialidade creadora.Un dos factores fundamentais desa recuperación é a lingua, por ser o núcleo vital da nosa identidade. A lingua é a maior e máis orixinal creación colectiva dos galegos, é a verdadeira forza espiritual que lle dá unidade interna á nosa comunidade. […] A presente Lei, de acordo co establecido no artigo 3 da Constitución e no 5 do Estatuto de Autonomía, garante a igualdade do galego e o castelán como linguas oficiais de Galicia e asegura a normalización do galego como lingua propia do noso pobo.”

Con moitos defectos, numerosos puntos discutibles e bastantes reparos, algúns moi serios, que se poden apoñer ás medidas adoptadas e a actuacións concretas que se emprenderon, aquela filosofía inspirou todos os gobernos da Xunta de distinto signo, de Alianza Popular / Partido Popular ata as coalicións nucleadas arredor do PSdG/PSOE, e nomeadamente ao Manuel Fraga que en 2003 puxo en marcha o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que aprobou o Parlamento de Galicia no ano seguinte. Neste sentido, coidamos que a etapa que vai de 1983 a 2007, coas súas indubidables sombras, debe ser valorada globalmente en positivo, pois en vinte anos a conciencia lingüística do país se fortaleceu en grao considerable, mentres se ía debuxando un proxecto de convivencia amplamente compartido, que se marcaba como obxectivo de futuro a plena recuperación do galego nun marco de bilingüismo equitativo.

Así e todo, para non caermos nunha enganosa idealización do pasado, temos que sinalar algúns dos aspectos máis criticables dese pasado. Por caso, a Xunta de Galicia demorou moito en pór en marcha accións de promoción do galego verdadeiramente eficaces, en parte porque faltaba unha tradición de políticas de normalización, e por tanto existía unha grande falla de coñecemento experto sobre o asunto (unha lagoa que tamén tardou moito en cubrirse, e a duras penas), pero nunha maior parte por causa do morno compromiso co idioma de amplos sectores do PP e do PSOE co galego. Por outra banda, o sector maioritario do nacionalismo tardou en incorporarse a ese consenso, e fíxoo con notables reparos de fondo, e despois de sementar polo camiño unha notable confusión (lembremos por exemplo as estériles discusións sobre a normativa lingüística). En todo caso, os procesos de normalización lingüística deben entenderse como procesos de aprendizaxe social, con todas as enormes complexidades que isto comporta, de maneira que non é tan importante que existise un consenso de partida como que se chegase a forxar un consenso de chegada. Ese consenso de chegada está expresado no acordo normativo de 2003 e, sobre todo, no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004.

Porén, dun tempo a esta parte, as direccións do Partido Popular de España primeiro, e de Galicia despois, distanciáronse radicalmente desa diagnose, formulando o problema dun xeito non distinto, senón totalmente contraditorio con ela. O Partido Popular de España levaba xa desde os tempos de Aznar promovendo un discurso agresivamente nacionalista e recalcitrantemente centralista; pero esa onda demorou en impoñerse en Galicia: foi un renovado PPdeG, adoecido pola perda dun poder que consideraba natural e exclusivamente seu, fuxindo da sombra de Fraga e renegando de calquera atisbo da súa previa tradición rexionalista/ galeguista, o que puxo fin bruscamente, en 2007, a aquela etapa de consenso sobre a lingua. E velaí a nova formulación do ‘problema’, deseñada nos laboratorios FAES e publicitada primeiro polos medios de dereitas madrileños e despois polos galegos: o que había que resolver non era a discriminación do galego; pola contra, o problema era a ‘imposición’ do galego. Ante este diagnóstico, o remedio non podía ser outro que a deslexitimación social do idioma do país, paso previo para xustificar a súa desoficialización, e, finalmente, impulsar a súa desprotección. Esta estratexia conducía inexorablemente a rachar consensos laboriosamente fraguados e a crear un clima de confrontación civil, pero isto non preocupou aos estrategas do PP, se o Partido obtiña os ansiados réditos políticos e electorais que se prevían.

En efecto, a deslexitimación social das políticas de normalización do galego comezou co Partido Popular na oposición, desde a cal soubo manexar habilmente as resistencias de determinados sectores sociais ás medidas impulsadas polo goberno progresista/ nacionalista (por certo, coa involuntaria complicidade dese goberno, que actuou con inexplicable torpeza neste terreo). Ao noso parecer, esas resistencias teñen bases reais, sobre as que axiña volveremos a ollada, pero foron convenientemente magnificadas e manipuladas ao servizo dos intereses do PP, coa complicidade duns grupos tradicionais de poder afeitos a mediatizar as decisións políticas máis importantes e molestos coa relativa autonomía do goberno de coalición socialista-nacionalista.

3. As resistencias á normalización do galego e a oposición á política do goberno PSdG-BNG

As dificultades reais teñen que ver cunha serie de problemas, que van desde a persistencia de arraigados prexuízos contra o galego en amplas capas sociais (asociación deste idioma co atraso social ou co radicalismo político, temor aos perigos do bilingüismo, desconfianza sobre a idoneidade do galego para determinadas materias, alimentada polas polémicas normativas, etc.), ata as dúbidas de moitos membros da comunidade educativa sobre a conveniencia pedagóxica de ensinar en galego nos contextos castelanfalantes, pasando por aspectos tales como o grande esforzo que para o profesorado e o estudantado dalgúns centros, sobre todo urbanos, supuña aplicar o decreto de 2007, coa súa esixencia do 50% da docencia en galego, que ademais debía abranguer as materias máis importantes. A verdade é que nin o goberno nin as dúas forzas políticas que o sostiñan (PSdG e BNG) souberon explicar correctamente esa norma, nin tampouco impulsar as imprescindibles medidas de acompañamento e apoio para implementala. A última observación dá para falar das insuficiencias dos proxectos e discursos glotopolíticos do PSdG e do BNG, asunto que non nos ocupará longamente neste artigo, pero sobre os que voltaremos brevemente máis adiante.

Pero unha cousa son as dificultades reais, que son innegables e deben ser analizadas e ponderadas con todo coidado, e outra a resistencia organizada e articulada politicamente. Onde residiu o cerne desta resistencia? Ao noso entender, o núcleo duro constituíuno a patronal do ensino privado e concertado (excluíndo unha parte significativa dos centros relixiosos) e unha porción importante das capas sociais que constitúen a clientela preferente desa rede educativa (isto é, sobre todo, as clases alta e media-alta urbana). Noutras palabras, sectores sociais minoritarios e privilexiados, moi poderosos, aos que se asocia tamén a sintonía ideolóxica con importantes medios de comunicación, cando non a propiedade deles. Lembremos algúns pronunciamentos públicos sobre o galego que foron moi relevantes e que ofrecen pistas ben indicativas, como o do Círculo Financeiro de Vigo ou a Confederacións de Empresarios de Pontevedra, lembremos a recente votación sobre o anteproxecto do Decreto no Consello Escolar de Galicia, que mostrou branco sobre negro os apoios con que este contaba no sector educativo, e finalmente lembremos o papel dos dous diarios máis importantes da Coruña e Vigo en todo o debate sobre a lingua ata hoxe mesmo, e moi especialmente durante a pasada campaña electoral.

En resumo, trátase dos grupos e axentes sociais que na idade contemporánea tiveron o protagonismo na marxinación do galego e na implantación e difusión do castelán, e que por tradición se miran constantemente no espello da capital do Estado. As correntes progresistas da sociedade galega tenden a esquecer que unha parte substancial das elites dirixentes de Galicia só teñen ollos para o que acontece en Madrid, e están dispostas a emular calquera cousa que xurda alí, aínda que sexan ficcións que nada teñen que ver co noso país, como a da ‘persecución del castellano’.

Doutra banda, non se pode entender a campaña contra o galego do Partido Popular de Galicia se non se relaciona co proxecto de renacionalización e recentralización promovido polo Partido Popular de España, un proxecto plenamente compartido pola actual cúpula dirixente do PPdeG, con Alberto Núñez Feijoo á cabeza, que varreu implacablemente calquera residuo do vello proxecto rexionalista e vagamente galeguista de Fernández Albor, Fraga e Cuíña. Non é que a dirección do PP de Galicia asuma unha estratexia que vén ditada desde Madrid, é que ela mesma participa na elaboración desa estratexia, por máis que a modulación concreta dela e a xestión das contradicións que lle poida xerar en Galicia (comezando polo interior do propio partido) lle corresponde a Feijoo e Rueda e o conxunto da dirección do partido. Pero, en definitiva, non se poden entender nin os discursos nin o programa lingüístico do PP de Galicia sen ter en conta que as liñas as marca a dirección do PP en Madrid, que leva facendo da ‘defensa do español’ (e simultaneamente, do ataque ao catalán, o eusquera e o galego) e da reconstrución de España (e ao tempo, da erosión das autonomías, especialmente da catalá e a vasca) un eixes principalísimos da súa política, coa esperanza de obter grandes réditos electorais na España central.

4. O estratexia do Partido Popular. O invento da ‘imposición do galego’

Para xustificar a súa campaña contra o galego, Feijoo e o Partido Popular tiveron que explotar ata o límite a consigna sobre a ‘imposición do galego’. Esta noción ten unhas implicacións moito máis fondas do que puidera parecer a primeira vista, pois, como dixemos, presupón unha reformulación radical da problemática lingüística do país, que implica borrar ou desfigurar aspectos fundamentais da realidade, e manipular preconceptos implantados no imaxinario colectivo durante séculos de marxinación da lingua propia. Poñamos un exemplo. A comezos de maio de 2009, acabado de estrear o cargo, o Conselleiro de educación aseguraba que el non percibía que en Galicia existisen prexuízos contra o galego. O propio conselleiro, ao día seguinte da presentación do novo proxecto, a mediados do marzo pasado, sentenciou nunha entrevista xornalística que “vivimos nunha sociedade onde non falamos da desigualdade” entre o galego e o castelán. El saberá quen son os que non falan desa desigualdade e por que non o fan, pero o certo é que o feito de que algúns se neguen a falar dela non fai que sexa menos real do que é. Sexa como for, por descaro ou por ignorancia, o conselleiro nega puras evidencias, coma a persistencia de arraizados prexuízos contra o galego e a inocultable posición privilexiada do castelán nunha serie de aspectos decisivos da vida civil, desde o estatus social aos medios de comunicación.

Pero se a realidade tanxible e comprobable é negada, no seu lugar propálase un artefacto denominado ‘imposición del gallego’. Un día alguén nos terá que explicar como é que un idioma pode ser ‘imposto’ no país en que non só ten recoñecemento oficial senón que está declarado legalmente como ‘propio’ (como fai o Estatuto de Autonomía de Galicia). Imponse o castelán en Valladolid? O francés en Xenevra? O portugués en Lisboa? Volveremos sobre esta falacia, cando tratemos da súa xemelga, a ‘liberdade lingüística’.

Outra peza, non menor, das manobras de falsificación da realidade, é toda a propaganda intensamente publicitada contra a ‘inmersión lingüística’. En primeiro lugar, este termo expresa de forma moi significativa a parcialidade do punto de vista de quen o ataca: para os/as estudantes galegofalantes, recibir a súa docencia en galego consiste en tanta inmersión como para os castelanfalantes de Madrid ou Segovia recibiren as súas clases en castelán, ou os lusofalantes de Braga recibila en portugués. Doutra banda, ter unha porción substancial das súas clases en galego é, certamente, inmersión para os alumnos castelanfalantes de Galicia. Pero resulta que o modelo de ensino preferentemente en galego (isto é, de inmersión, parcial ou completa) é o que mellor garante o obxectivo de que todos os/as estudantes de Galicia, sexan falantes de castelán ou de galego, acaben cunha competencia suficiente e semellante nos dous idiomas. Existe unha ampla bibliografía académica, fundada na investigación e experimentación en diversos contextos, que así o demostra de xeito contundente.

5. O discurso ultraliberal e a falacia da ‘liberdade lingüística’

Pero quizais a xoia máis elaborada de todo ese aparello discursivo-propagandístico forxado nas fraguas da FAES aznarista e nos laboratorios de Galicia Bilingüe e alegremente propalada polo PP e importantes medios de comunicación españois e galegos, sexa o da ‘liberdade lingüística’. Esa noción responde á aplicación, tan rigorosa como forzada, ao dominio da linguaxe, de concepcións ultra-liberais (ou, máis exactamente, pseudo-liberais) no terreo da política, a economía e a sociedade. Tal concepción propugna a existencia de individuos totalmente isolados e arrincados das súas condicións sociais de existencia, individuos que se realizan como seres plenamente libres ao actuaren nun mercado desregulado. Aplicada ás linguas, esa visión sostén que cada individuo escolle, ou debe poder escoller, a lingua que fala, no marco dun ‘mercado’ lingüístico libre, no que loxicamente, por efecto dos xogo da libre concorrencia, se imporá o idioma que máis vantaxes comparativas ofrece. Sobre estas premisas, distínguese linguas étnicas (asociadas a identidades impositivas de comunidades regresivas e pechadas) de linguas cívicas (asociadas á participación na libre cidadanía en sociedades abertas e progresivas), e sostense que a problemática das linguas remite exclusivamente aos dereitos dos individuos, ao tempo que se rexeita o recoñecemento da existencia de dereitos lingüísticos colectivos.

Pois ben, as dicotomías sobre as que repousa o pensamento pseudo-liberal, que contrapoñen o individual co colectivo e o étnico co cívico, están completamente fóra de lugar cando tratamos de linguas. Cada lingua é ao tempo e inseparablemente un fenómeno individual e colectivo, expresa simultaneamente a identidade dos grupos sociais (non só das nacións, tamén outras identidades: de xénero, de grupo de idade, de clase social, de profesión, de procedencia xeográfica, etc.) e de cada un dos individuos, e posibilita, máis aínda, é condición indispensable, para a participación de todos e cada un dos cidadáns e cidadás, a través do diálogo e a comunicación, na integración nunha cidadanía común e na conformación da opinión pública. Non hai maneira de aprender e utilizar unha lingua calquera (fóra das mortas) que non sexa mediante a interacción social, e por iso carece de sentido a noción dun idioma que fose lingua de un só individuo illado.

Igualmente, a noción de que os individuos escollen libremente a lingua que falan é, salvo casos excepcionais, completamente ficticia, pois, en principio, cada persoa aprende a falar na lingua (ou no seu caso, linguas) coa que está en contacto nos primeiros anos da súa vida, por simple inmersión no medio social en que se desenvolve, e só en casos especiais ten a posibilidade de optar máis tarde por falar outra ou outras linguas. Dixemos optar por, pero mesmo cando se dá esta segunda posibilidade, non acostuma ofrecerse como unha opción que o individuo é libre de escoller ou non; máis ben, serán as condicións ambientais (e particularmente, do mercado de traballo ou as oportunidades de integración e promoción social) as que o apuxarán a usar esoutra lingua. Por outra banda, en condicións normais unha persoa non abandonará a súa primeira lingua, na que aprendeu a falar, a favor doutro idioma; isto farao só se se sente obrigada a facelo (por exemplo nos casos de emigración), e moi raramente por decisión voluntaria e espontánea.

Do mesmo xeito, a idea segundo a cal as dinámicas de relación entre as linguas e as opcións lingüísticas dos individuos estarían reguladas por un mercado lingüístico libre constitúe unha completa falacia, que ignora os complexos aspectos culturais, sociais, políticos que poñen en relación unhas linguas (ou mellor, comunidades lingüísticas) con outras e os factores que poden levar os individuos e comunidades a abandonar a súa lingua orixinal para adoptar unha distinta. Ademais, as diferenzas entre as linguas remiten ao final a desigualdades de todo tipo (social, económico, político, cultural) das súas comunidades de falantes. Por outra banda, o punto de vista economicista impón un reducionismo inaceptable sobre a complexa realidade multidimensional das linguas, coas súas compoñentes psicolóxicas, sociais e culturais: os idiomas son moito máis ca produtos de mercado, do mesmo xeito que as persoas somos moito máis ca simples actores económicos, consumidores ou forza de traballo.

A noción de que o castelán se difundiu a custa das outras linguas de España simplemente porque os e as falantes das segundas lle deron voluntaria preferencia á primeira constitúe unha monstruosa falsificación histórica, que ignora as relacións de forza entre os grupos sociais e nacionais, unhas relacións que condicionaron as políticas lingüísticas dos poderes públicos e dos non tan públicos (non só o Estado, senón as grandes compañías, as empresas de comunicación, os bancos, etc.). A barbaridade chega á negación das políticas de imposición do castelán promovidas polo Estado, que durante longas e recentes etapas da nosa historia adoptaron modalidades brutalmente represivas: pénsese só nas ditaduras de Primo de Rivera (1923-31) e sobre todo franquista. Os galegos e galegas, nin como individuos nin colectivamente, tiveron nunca a opción de escoller libre e voluntariamente o castelán e abandonar o galego. Máis ben, o abandono do galego é consecuencia directa dunha política de marxinación de efectos devastadores sobre a sociedade galega, e en particular sobre as clases populares de Galicia.

6. A falsidade do ‘mercado libre’ das linguas. Dereitos lingüísticos individuais e colectivos

Os partidarios da suposta liberdade lingüística insisten nos dereitos dos falantes, contrapoñéndoos aos dereitos das linguas (isto é, das comunidades de falantes). Pero eles non reivindican nin poderían reivindicar os seus dereitos (supostamente vulnerados pola lexislación favorable ao galego) como castelanfalantes en Galicia en canto individuos isolados nun mercado libre. Reivíndicanos como grupo social e en nome dunha Constitución que declara o castelán lingua oficial do Estado (e que, por certo, proclama o deber dos cidadáns dese estado de coñecer esa lingua: a previsión máis impositiva en materia de lingua de todo o entramado xurídico-legal español). Se esa reclamación se fixese a título puramente individual, teriamos tamén que recoñecer os dereitos dos falantes do árabe, do inglés, do romanés, do bérber e de todas as linguas dos inmigrantes, turistas e visitantes.

Pero todos nos decatamos que unha cousa o dereito que ten todo individuo a falar, aprender e usar libremente calquera lingua, que un dereito humano básico que debe ser respectado en calquera parte do mundo e en calquera situación, e outra cousa moi distinta é a realidade inescapable de que dependendo do lugar ou ocasión en que un se atope, determinada lingua é ou non é útil (ou máis útil ou vantaxosa ca outra) para a comunicación e a integración sociais. Aínda máis, todos nos decatamos, porque puramente evidente, de que unha cousa son os dereitos individuais que ten todo falante de calquera lingua, e outra distinta son os servizos que as administracións públicas e as empresas están obrigadas a prestar aos cidadáns, usuarios ou consumidores en tal ou tal outra lingua, cousa esta depende do arraigo social das linguas e/ou da regulación oficial do uso de tal e tal outra lingua nunha serie de ámbitos sociais (administración, xustiza, sistema educativo, etc.). Por iso, a noción de ‘mercado lingüístico libre’ só pode ser tomada como unha metáfora máis ou menos enxeñosa, pero nunca coma unha clave explicativa dos mecanismos e das dinámicas sociais de relacionamento entre as linguas e os seus falantes.

En definitiva, como de xeito natural se aprende a lingua ou linguas do contexto social en que o individuo nace e se desenvolve, e como o uso da lingua esixe necesariamente interlocutores aos que dirixirse e redes sociais a través das cales comunicarse, tratándose de idiomas carece de sentido a dicotomía que opón o individual e o colectivo. E tanto pola inevitable asociación das linguas con tradicións culturais e identidades de grupo, como polas esixencias da organización da comunicación social, o recoñecemento e o uso público das linguas vén necesariamente establecido e regulado (de xeito máis ou menos explícito e máis ou menos rigoroso) por diferentes poderes sociais, e nomeadamente o estado.

De aí a falacia da noción de ‘imposición do galego’: se o galego é plenamente oficial en Galicia, e se a nosa lexislación, democraticamente debatida e aprobada, sinala como un obxectivo a normalización do seu uso social, simplemente, carece de sentido falar de ‘imposición’. O que en realidade acontece é que hai persoas e estamentos sociais privilexiados que aspiran a vivir, traballar e desenvolverse en Galicia ignorando a existencia do galego. Como nun momento dado, iso comezou a resultarlles un tanto incómodo, botáronse a falar de ‘imposición’. Se o común dos cidadáns e cidadás de Galicia, pola forza das cousas, ten que saber e usar o castelán, independentemente de que a uns ou outros lles resulte máis ou menos cómodo, iso non é ‘imposición’; iso é ‘liberdade’ grazas ao ‘mercado lingüístico’. Niso consiste o bilingüismo equilibrado que propugna o PP.

Por tanto, nas condicións concretas de Galicia, o lóxico, o sensato e o que recolle o noso marco xurídico-legal é que hai dúas linguas plenamente oficiais, galego e castelán, e que os seus falantes deben ser iguais en dereitos e en deberes. Para tanto, e dado que esa igualdade recoñecida nas leis é un obxectivo de futuro e non unha realidade efectiva no presente, e na súa condición de lingua propia de Galicia, o galego debe ser obxecto de especial respecto, apoio e promoción. Os cidadáns e cidadás de Galicia deben saber manexar de xeito competente e efectivo as dúas linguas, para poder comunicarse e interaccionar normalmente (sobre todo no medio laboral e nos ámbitos públicos) en ambas; o cal, dadas as circunstancias de posición social e de circulación privilexiada do castelán nos grupos de estatus, nos medios de comunicación e na vida pública, e a escasa presenza do galego en certos ámbitos (como os principais núcleos urbanos), esixe unha presenza preferente do galego no sistema educativo non universitario. A iso se reduce toda a leria do equilibrio, a liberdade lingüística e a imposición do galego.

7. . Por un modelo flexible para o ensino. A necesidade dun novo discurso sobre a lingua

Non é este lugar para detallar un modelo lingüístico para o ensino alternativo ao debuxado polo proxecto de decreto que quere impoñer o goberno do PP. Porén, deixemos dito que ese modelo ten que responder fielmente ao espírito e os principios recollidos na nosa lexislación, e, naturalmente, tamén ás aspiracións da maioría do país. En particular, coido que ese modelo debe marcar un marco xeral e común, e ao mesmo tempo debe dar unha certa marxe de flexibilidade aos centros, en función dos distintos contextos sociolingüísticos e educativos.

O marco xeral vén sinalado polo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que simplemente precisa dunha adaptación flexible: educación infantil na lingua materna dos rapaces e rapazas (que debe determinar o Consello Escolar a partir de diversas fontes de información, entre as cales, do profesorado), con presenza dun mínimo do 30% de galego nos contextos castelanófonos; educación primaria, secundaria obrigatoria e bacharelato cun mínimo do 50% en galego, con facilidades e apoios para os centros que superen esa porcentaxe, e con procedementos regulados, baixo control das autoridades educativas, para os centros que non cheguen a ela e se comprometan a facelo nun prazo determinado. A promoción do uso vehicular da lingua estranxeira, nunha estratexia de fomento do poliglotismo, debe centrarse na Universidade, no Bacharelato e nos últimos cursos da ESO, e debe ter carácter voluntario e gradual. A participación das familias nestes asuntos, coma na xeneralidade dos demais atinxentes á educación, debe facerse a través dos canles establecidos, como os consellos escolares de cada centro.

Afirmamos antes que os erros da política lingüística do goberno de coalición derivan de eivas dos proxectos e discursos dos partidos que o sostiveron. Esas eivas merecen tamén unha breve reflexión, pois da súa superación pende a posibilidade dunha alternativa de goberno no futuro. Para resumir, diremos que o Partido Socialista non se aplicou suficientemente a elaborar un proxecto propio e un discurso coherente, que supere as contradicións internas sobre este asunto que en ocasións resultan sangrantes (lembremos a xeito de ilustración figuras como o ex-alcalde da Coruña Francisco Vázquez) e que vaia alén dun compromiso xenérico, máis ou menos vago, co galego. Unha posición que máis veces das desexables se concreta nun cómodo tacticismo, guiado polo criterio (que nalgunha ocasión dá no cravo pero a maior parte das veces é discutible ou claramente erróneo) de procurar situarse na equidistancia entre o PP e o BNG. É unha verdadeira mágoa, porque o PSdG está en óptimas condicións de construír un discurso e un programa lingüísticos ao tempo integradores e comprometidos co galego, sobre os que pode pivotar no futuro unha política lingüística que sexa ao mesmo tempo eficaz para a recuperación da lingua nun marco de convivencia e que conte cunha ampla aceptación social.

Canto ao BNG, os seus problemas proveñen máis ben da adhesión pertinaz dunha boa parte tanto da súa dirixencia canto da súa militancia, a unha serie de axiomas que teñen bastante de dogmáticos e que lle dificultan considerablemente as posibilidades de conseguir un asenso social máis amplo. Nocións tales como que o conflito lingüístico entre o galego e o castelán é inevitable, mesmo positivo, e que por tanto debe formentarse, que a normalización só se conseguirá cando se alcance o monolingüismo en galego, que o bilingüismo é unha trampa, ou que só o nacionalismo está verdadeiramente comprometido coa lingua. Co devandito alíase unha sobrevaloración, ao menos no discurso de certos dirixentes, dos problemas da corrección e da norma lingüísticas, e unha achega histórica pouco lucida ao confuso debate normativo. En definitiva, o nacionalismo veu padecendo unha propensión sectaria a apropiarse do idioma e da cultura de xeito monopolizador e en proveito propio, cunha perspectiva partidista. Todo o devandito pexa seriamente a eficacia do seu abnegado compromiso e do seu encomiable labor de militancia e de activación social a prol do galego. O discurso e o proxecto lingüísticos do nacionalismo están necesitados dunha fonda revisión, fundada nunha análise realista e nunha visión máis ampla e aberta, e apoiada nunha reflexión ilustrada, da que saian propostas asumibles pola maioría da sociedade.

Dito o dito, non hai dúbida de que ambas as forzas políticas levan feito esforzos importantes nos últimos tempos no sentido de impulsar e dar unha cobertura política, cada unha desde a súa propia posición, pero procurando salientar os puntos de encontro, á resposta social que se veu producindo á política lingüística do Partido Popular. O resultado está á vista: unha mobilización social ampla e con grande eco popular, que de feito xa conseguiu facer recuar a dirección do PP nos seus designios máis radicais. Pero o reto continúa aí, pois este partido non abandonou a súa estratexia de acoso e derruba do galego, que pode endurecer a pouco que se lle presente a oportunidade, e doutra banda os partidos da oposición teñen aínda moito camiño por percorrer ata articular unha alternativa sólida, o cal resulta imprescindible para corrixir o rumbo desastroso que vén marcando o PP. Temos moito camiño por andar para conseguir un discurso e un proxecto político-lingüístico capaz de suscitar un amplo consenso político e social, coherente e eficaz. Oxalá poidamos percorrelo, acompañados/as da maioría da sociedade galega, antes de que sexa demasiado tarde.

Bertamiráns, 18 de abril, 2010

Salvemos a cabo Seixas

por Xosé Ramón Freixeiro Mato, en Terra e Tempo

A TVG é un instrumento fundamental e imprescindíbel para a preservación da nosa identidade e, en particular, da nosa lingua. Ese foi mesmo o obxectivo que xustificou a súa creación. Por iso debemos estar vixiantes co seu cumprimento e sermos esixentes co tratamento que reciben os temas relacionados con esa identidade lingüística. Tamén acho que unha TVG con ampla audiencia é unha das mellores armas para a normalización do galego e, por tanto, non partillo as actitudes de descualificación xeralizada dos programas que emite. Neste sentido, debo dicir que hai series feitas con moita dignidade e que, en xeral, manteñen unha alta calidade lingüística. Fórono no seu tempo "Mareas vivas" ou "Pratos combinados", por exemplo, e hoxe estano a ser "O Padre Casares" ou "Matalobos". Mais acho nelas algo que, desnecesariamente, atenta contra eses valores que debe defender a nosa televisión pública. Trátase dalgúns nomes ou apelidos de personaxes que adoptan unha forma castelanizada ou deturpada, como é o caso de "Josito" na primeira das series citadas e da cabo "Seijas" na segunda. Dirase que son formas hoxe utilizadas no país, mais tamén o son igualmente "calle", "abuelo" ou "bueno", que con moito bo criterio non aparecen nestas series.

Paréceme especialmente grave o caso de "Seijas", bárbara deturpación dun apelido tan galego como "Seixas", da mesma base etimolóxica (latín saxu) que "Seixo" ou "Seixal". Dármoslle carta de natureza galega na TVG a esa forma falsificada "Seijas" é asumirmos a posición de colonizados e convertermos en irreversíbel un proceso legalmente rectificábel, alén de atentario contra a nosa dignidade individual e colectiva, pois se a toponimia é importante, tamén ten moita importancia a antroponimia, tanto os nomes propios como os apelidos, con frecuencia vinculados á toponimia. Os nomes propios son máis efémeros e dependen moito das modas, en canto os apelidos permanecen na transmisión xeracional; de aí a súa especial importancia. A toponimia foi felizmente restaurada na súa maioría, mais a antroponimia aínda non. A ruptura da harmonía entre ambas pode producir situacións esperpénticas: Juan Villanueva vive en Vilanova, Luís Teijeiro naceu en Teixeiro ou aquel famoso Soy Rajoy y voy a Raxoi a unha junta de la Xunta.

A nosa antroponimia presenta tal grao de alteración e deturpación que se converteu nunha das máis estragadas dentro do conxunto dos idiomas romances, afectando de forma moito importante aos apelidos e de modo case completo aos nomes de pía: Paio, por exemplo, tan frecuente noutros tempos, desapareceu practicamente. Se desfigurar ou ignorar propositadamente os nomes ou apelidos é unha maneira de menosprezar ou degradar as persoas, deturpar ou traducir como criterio xeral a toponimia e a antroponimia dun país é unha forma eficaz de o humillar e colonizar, contribuíndo para anular a súa personalidade e para borrar a súa memoria histórica. Que ficará dun pobo con historia de seu cando se consiga eliminar toda a toponimia e a antroponimia tradicionais e se substitúan por outras deturpadas ou estranxeirizantes?

A preservación do propio nome é un dereito básico. A ninguén se pode privar, contra a súa vontade, do nome e dos apelidos que recibiu de seus pais. Mais iso foi o que historicamente aconteceu na Galiza. Podemos afirmar que tal alteración dos nomes e apelidos das persoas galegas en tempos pasados atentou contra a memoria histórica do país, contra a identidade das persoas e inclusive contra os dereitos humanos. Se unha persoa se apelidaba Teixeiro, por exemplo, a transmutación en Teijeiro foi un atentado directo contra a súa identidade, pois o apelido é un medio de identificación dun individuo como pertencente a unha familia e a unha comunidade, singularizándoo entre outros moitos; cando nacemos recibimos un nome e uns apelidos que nos converten en seres únicos dentro do universo, como unha nova estrela do firmamento; o propio nome reafirma a nosa personalidade singular, como poetizou Manuel Antonio: EU SON! / O meu nome / acenderá unha estrela nova / en cada constelación.

A negación do propio nome é igualmente unha forma de degradación da persoa, rebaixando a súa autoestima e a orixinar complexos de inferioridade. A bárbara castelanización, ou en moitos casos pseudocastelanización, dos antropónimos foi imposta na Galiza como consecuencia da xeral imposición dunha lingua allea a partir de fins da Idade Media. Nese proceso de imposición lingüística desprestixiouse o idioma galego e decreceu a autoestima dos galegofalantes, chegando algunhas persoas a renegaren dos seus apelidos e a colaboraren na deturpación castelanizadora.

O obxectivo era borrar as marcas máis visíbeis da existencia dunha comunidade con lingua e cultura de seu; e iso produciu nuns casos a castelanización da forma galega (Puente por Ponte), mais noutros moitos casos o que se conseguiu foi a simple deformación pseudocastelanizadora da forma lexítima (Teijeiro, Ameijeiras, Seijo, Seijas) ou a bárbara hibridación (Carvajal). A castelanización é, pois, o obxectivo, mais non sempre se logra, tanto por dificultades propiamente lingüísticas como pola ignorancia dos axentes deturpadores. Na castelanización dos apelidos seguíronse as mesmas pautas que na toponimia, coas correspondentes equivalencias e ou traducións: Souto -> *Soto, Outeiro -> *Otero, Montouto -> *Montoto, Salgueiro -> *Salguero, Cabaleiro -> *Caballero. Tamén se produciron numerosos híbridos: Carballo -> *Carvajo, Soutelo -> *Sotelo. Igualmente, a alteración deturpadora dos apelidos galegos afectou aos formados por un sintagma composto de preposición de + artigo + substantivo mediante a falsa segmentación da contracción da preposición co artigo (da Ponte -> *De Aponte, da Cuña -> *De Acuña), mediante a eliminación da preposición con aglutinación do artigo ao substantivo (do Campo -> *Ocampo, do Pazo -> *Opazo), mediante a eliminación da preposición e o artigo (do Barro -> *Barro) ou pola simple tradución (da Fonte -> *de la Fuente).

Moitos dos nosos apelidos foron deturpados aínda a finais do século XIX, cando se xeneraliza a inscrición nos rexistros civís, por un funcionariado castelanizado que normalmente era analfabeto en lingua galega e que cometeu auténticas barbaridades no desempeño do seu labor, con interferencias da ortografía castelá e tendo tamén en conta a ausencia naquela altura dun estándar culto do galego. Como imos, entón, dar por válido agora un procedemento corrompido desde o inicio? Hai que outorgar carta de natureza a unha aberración histórica pola simple razón de que xa está feita? De ningunha maneira. Felizmente, grazas tamén á batalla dada no Congreso polos deputados nacionalistas galegos, comprometidos coa lingua, hoxe é posíbel restaurarmos os nosos nomes e apelidos, xa sen problemas legais que o impidan. Non se debería, pois, repetir nunca máis aquela lamentábel situación, contada por Lesta Meis nun breve artigo publicado n´A Nosa Terra no ano 1924, e que tantas veces se debeu repetir en diferentes lugares do país, cando unha señora chega a un xulgado dicindo que se chama 'Fulana Meixide' e o funcionario lle espeta aquilo de que Usted se llamará Fulana Meigide.

Cada un de nós ten hoxe a oportunidade e a responsabilidade individual, xa sen impedimentos legais, de recuperar para si propio e para os seus familiares máis próximos a forma auténtica do seu nome e apelidos, contribuíndo desa maneira a devolver ao país esa parte de identidade colectiva perdida e a súa memoria histórica. Así como a restauración toponímica é unha competencia e unha responsabilidade dos poderes públicos, a restauración antroponímica depende directamente, hoxe por hoxe, da vontade individual. Neste sentido, sería bo que as persoas máis comprometidas coa defensa do galego e da nosa identidade -estou a pensar no profesorado de lingua e literatura galegas ou en deputados/as e dirixentes nacionalistas- desen exemplo e mudasen os "Blanco", "Otero" ou "Teijeiro" nos lexítimos Branco, Outeiro ou Teixeiro.

Todas aquelas persoas que teñen un nome ou apelido deturpado e que realizan os trámites para a corrección desa anomalía, están contribuíndo para restabelecer o equilibrio ecolingüístico necesario e a dignidade do país e de si propias. A recuperación da forma galega auténtica non só non dá problemas como mesmo evita moitos, se se quixer usar habitualmente, para alén da propia satisfacción persoal de vermos corrixida unha desviación histórica e de recuperarmos unha denominación que nos reconcilia coas nosas propias raíces, cos nosos antepasados e coa memoria histórica do pobo galego no seu conxunto, a contribuírmos de paso para a dignificación colectiva.

Os poderes públicos -tamén a TVG- deben ser exemplares a este respecto. Salvemos a cabo Seixas! E con ela salvemos todo o noso rico patrimonio antroponímico.

Consellos escolares contra o decreto.

Recollido da Coordenadora de Equipas de Normalización de Ferrolterra.
A CIG-Ensino enviou este correo a todos os centros de ensino.
Prezadas amigas, prezados amigos:

A partir de hoxe ides recibir no voso centro unha proposta para levar aos Consellos Escolares na que participamos CIG-Ensino, CCOO, UGT e STEG. Trátase dunha proposta que parte do resultado acadado no Consello Escolar de Galiza, onde as organizacións sindicais que pertencemos a ese órgano, CIG, CCOO e UGT, xuntamente cos MRPs, CONFAPA, representantes estudantís, representantes da universidade e representantes da administración local do BNG e PSOE promovimos unha emenda á totalidade que foi aprobada por 24 votos a favor, fronte a 16 en contra (os emitidos polos representantes da Administración, Congapa, Anpe, a patronal dos centros privados, a patronal dos empresarios e persoas nomeadas pola Consellaría).

É importante que o Consello Escolar do voso centro acorde apoiar esta proposta e, de ser así, pregámosvos que nola fagades chegar á CIG (fax 981575839).

En todo caso, comentámosvos cales foron as achegas que a CIG-Ensino propuxo para que se recollesen e que contaron co apoio da UGT, mais que, finalmente, non foron asumidas por todas as organizacións:

- A CIG-Ensino propuxo que esta acción fose subscrita, non só polas organizacións sindicais, senón tamén por todas as entidades, MRPs, ANPAS e estudantes, que promoveron a retirada do borrador no Consello Escolar. Fixemos esta proposta porque entendemos que sen a participación de todas estas entidades o resultado acadado non se tería dado e, ademais, son entidades que están nos propios Consellos Escolares dos centros aos que nos imos dirixir.

- Ademais a CIG-Ensino propuxo os seguintes puntos para engadir ao modelo de resolución para os Consellos Escolares:

* O borrador non atendeu as propostas que desde distintas instancias, sindicatos, anpas, profesorado, organizacións estudantís, movementos de renovación pedagóxica, universidades, equipos de normalización, traballadores e traballadoras da normalización lingüística, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura, etc., foron realizadas recomendando o cumprimento do Plan Xeral de Normalización do ano 2004, do que emana o actual Decreto 124/2007.

* Non recolle as recomendacións do Consello de Europa para dar cumprimento á Carta Europea das Linguas Minorizadas, nin dará cumprimento ao recollido na Lei de Normalización Lingüística.

* É unha proposta que facilita que o alumnado de Educación Infantil non teña contacto coa nosa lingua até chegar á etapa de Primaria.

* Obriga a impartir en castelán as materias de Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía, desprezando o traballo realizado polos centros até o de agora e trasladando a mensaxe de que o galego non é unha lingua útil para a ciencia.

Paremos o decretazo

por Luís Davila,