Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 2 de maio de 2010

“Por escribir 'allo' con 'lh' non podo ter menos dereitos que quen o fai con 'll'”

entrevista a Valentim Fagim, presidente da AGAL, en Vieiros

Vieiros: Logo se van cumprir 30 anos da aprobación do Estatuto de Autonomía. Aínda que en liñas xerais a lingua goza de máis espazos e de maior prestixio o certo é que a perda de falantes incluso se acelerou...
Valentim Fagim: En cidades como Vigo ou A Coruña xa non é cuestión de que non se fale, é que mesmo un cidadán medio ten un contacto cero co galego. A explicación histórica sabémola todos e é que cando a xente vai do rural cara aos ámbitos urbanos non había mecanismos para garantir que esas persoas conservasen a lingua. A cuestión é: como lle damos a volta a iso? Como conseguimos que unha persoas e Vigo, da Coruña ou de Pontevedra, fale o que falar, como mínimo teña un contacto? Aí é onde temos diferentes tácticas uns e outros. Uns pensamos que xogar a que o galego só se faga no ámbito de España non é intelixente e non é moi eficaz e outros pensan o contrario. Como conseguimos que unha persoa de 20 anos de Vigo pase de contacto cero a contacto 20? Penso que aspirar a moito máis a curto e medio prazo non é moi factíbel.

Hai quen pensa que as “guerra normativa” dos anos 80 enfebleceron en certa medida a normalización. Foron tan importantes neste sentido?
Eu penso que si que foi importante. Houbo unha serie de persoas que teñen unha responsabilidade. Non se chegou a un acordo porque unha das partes non quixo ceder e iso non axudou. Durante moito tempo houbo unha tentativa de “filoloxizar” a sociedade galega e iso é absurdo. O tema da lingua é moi simple: é para comunicar...

E superouse iso? A lingua non segue demasiado restrinxida ao ámbito filolóxico, ao campo dos expertos?
Na Galiza hai cinco persoas que tocan un botón e deciden. Penso que iso non é bo.

As espadas seguen en alto ou cada bando xa ara polo seu lado?
Os anos 80 marcaron a moita xente. Eu penso que as novas xeracións non están pola vía do enfrontamento normativo. A análise é outra: eu son galego, teño unha visión estensa e útil, como dicía Castelao, e aspiro a vivir con normalidade na miña lingua. A min, sinceramente, a cuestión filolóxica cada vez interésame menos, interésame máis sociabilizar. Se o sistema educativo lle mostrase ao alumnos que o galego é estenso e útil, mesmo que use a norma oficial, mais que llo mostrase, iso xa sería unha bomba en termos sociolóxicos.

Descarta unha saída dialogada...É posíbel enterrar a guerra normativa definitivamente? Pode haber un acordo?
Hai un campo intermedio entre uns e outros que penso que é bo para o cidadán medio. Para o cidadán é bo saber que ten acceso á lingua portuguesa, que ten acceso a un mercado laboral...Tanto uns coma outros pensamos que é bo e por aí podiamos remar. Hai seis ou sete meses o presidente da Xunta colocou aquela frase de que co inglés comunicamos con 500 millóns de persoas, co castelán con 400 e co galego con 200. Na Galiza este é un feito paradoxal, precisamente os que comunicamos con 200 temos menos dereitos cós que non comunican con 200. Isto é un pouco disparatado. Penso que podemos remar en dúas dirección. A primeira que o portugués está ao seu alcance (aí creo que non hai dúbidas) e a segunda é que por eu escribir 'allo' con 'lh' non podo ter menos dereitos que quen o fai con 'll'.

Parece que hai un 'revival' do reintegracionismo na rede. Estamos diante do 'Reintegracionismo 2.0'?
(Gargalladas) Eu penso que si. As posibilidades de internet son espectaculares. A rede é hiperaberta. Nós na Agal lanzamos hai pouco unha tenda en liña, isto está feito por nós. Non temos ningún tipo de barreira ou censura e avanzamos moito. Se un observador externo seguise a rede pensaría que en Galiza escriben todos así, cando non o é, claro.

Cando caeu do cabalo, abandonou o 'ñ' e abrazou o reintegracionismo?
Eu até os 19 anos falaba castelán. Eu son vigués e alí era moi difícil dar o paso. Dei o paso en Santiago, aquí consigo falar o galego a tempo completo. Comezo a investigar e por unha cuestión meramente intelectual e pragmática decántome polo reintegracionismo. Un día estou na ducha e comezo a cantar Caetano Veloso (Eu sei que vou-te amar) e digo se eu canto isto é evidente que é a miña lingua (risas).

Como convencería a Ferrín que abandonase a norma oficial?

(Gargallada) Eu penso que Ferrín xa é inconvencíbel. Deixámolo aí.

Unha cousa que me chamou a atención é que dicías nunha entrevista anterior que neste país é imprescindíbel o humor no día a día...
Se alguén en Galiza quere vivir a tempo completo en galego e non ten humor sería imposíbel. Se non tes ese humor sofres bastante. O obxectivo da vida é ser felices e para iso fai falta moito humor.

Semella que o mundo lusófono non mira moito para Galiza...
O grao de descoñecemento é mutuo. Quen tiña máis responsabilidade para variar a situación é o Goberno galego, mais non se fixo demasiado.

É curioso que o embaixador portugués no Estado Español saliente as relacións comerciais Galiza-Portugal. Parece moito máis difícil o intercambio cultural...
Cada un debería mirar para si. Por exemplo, a RAG que está a facer nese sentido? O propio presidente da Xunta? Nós na AGAL estamos a facelo, a Academia da Lingua Portuguesa tamén...Mais a cuestión é que estamos a facer todos e todas?

Comparte a teoría de Camilo Nogueira que o mellor portugués do mundo se fala na Costa da Morte?
(Gargalladas) Ese tipo de frases están ben, pero en Portugal tamén se di que se nunha ou noutra zona.

Cal é o reto do reintegracionismo?
Divulgar e chegar ao máximo número de persoas posíbeis. O obxectivo básico é que o cidadán medio galego saiba que grazas ao galego accede ao mundo lusófono.

Existe reintegracionismo fóra das cidades?

Sempre estamos pensando nas cidades e quizais sería bo comezar a pensar nas vilas onde aínda se fala galego.

Canta veces pensou Valentim neste ano: onde me metín?
Moitas (risas). Hai moita paixón e iso é bo, temos pouco capital financeiro pero si humano.

Como vives o conflito do decreto?
Nós temos un debate constante sobre este tema: É mellor que o galego siga desaparecendo na invisibilidade ou que se poñan as cartas enriba da mesa? O único bo do que está pasando é que as cartas están descubertas. Antes sabiamos que non se cumpría o 50%. Feijoo tirou a máscara e agora obríganos a falar máis entre nós e facer tácticas conxuntas. Esa é a parte positiva.

É posíbel ese diálogo fluido entre as diferentes persoas que defenden o galego, independentemente de normativas?
Eu penso que naquelas áreas onde podemos cooperar debemos cooperar. Hai que falar sen preconceitos e sen actitudes de prepotencia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario