
por Camilo Nogueira, ex-deputado do BNG, no Xornal de Galicia
Suso de Toro anunciaba este día que abandonaba a condición de escritor de oficio e regresaba á de profesor no Instituto onde comezou a traballar hai máis de vinte anos. Sentiu a necesidade de reflexionar sobre a súa aventura da literatura como profesión e o por que do remate. Fai un alto depois de ter escrito máis libros que anos hai que comezara a traballar como educador e cando con Sete palabras nos dera unha das súas mellores obras. Creo que son o enxeñeiro que aparece nun liña desa obra, chamándoo desde Santiago, perturbándoo desde o “outro mundo” seu, cando estaba á beira da casa que fora dos seus avós en Formariz, entre Toro e Fermoselle, procurando as raices paternas da sua personalidade.
Desde 1977 partillamos anos de chamadas e conversas e unha angueira política, aínda inacabada, na que a cultura ocupa un lugar principal. Daquela el comezaba e eu xa en Santiago tivera a experiencia de Vigo. Continuabamos as tradicións do movemento nacional galego e da esquerda democrática europea, no momento crucial da queda da ditadura.
Comprobo que a súa primeira novela, Caixón desastre foi publicada en 1983, durante a primeira lexislatura do Parlamento de Galiza, e a segunda, Polaroid, en 1986, na seguinte. Cando terminou a terceira lexislatura, xa enchera con outros libros, o último deles Tic Tac en 1993, un ciclo que contribuía a revolucionar a literatura galega. Con Suso de Toro, emerxía a literatura da Galiza urbana, recollendo toda a tradición dos precursores do século XIX e da primeira parte do XX, mais tomando nota da mudanza que se producía na sociedade galega, abríndose ao mundo como sempre. No houbo para min nin para os nosos compañeiros unha cuarta lexislatura no Parlamento. Nese momento o meu amigo empeñouse en facer un libro sobre todo o que pasara, facendo intervir tamén moitas voces que viviran directamente aquela época.
Desde aquel 1983, co fito recente de Home sen nome, unha dura aproximación ao tempo da Guerra Civil, furando na personalidade dos individuos que a provocaron ou a padeceron, Suso de Toro construíu unha obra singular, tendo parte como poucos en a literatura propia ser un territorio liberado. A súa obra está entre as mellores da historia da literatura galega e entre as máis atrevidas en procura dunha personalidade. Constituíu un elo necesario e precioso na liña creativa reiniciada por Rosalía de Castro en 1863.
Neste tempo problemático e de incomprensión, no que a independencia de espírito e de propósitos é posta baixo sospeita e no que a literatura, e non só ela, está sometida ao monopolio mediático, Suso de Toro quere deixar de ser empresario autónomo da escritura; di que garda os seus papeis e que retorna á vida de profesor. Está ben, se el así o decide, mais non está demostrado que ter outra profesión esmague a expresión literaria. De Kafka a Valente, coa manchea de escritores e escritoras que o acompañan aquí nese labor imprescindíbel, a vida literaria está inzada de persoas que tendo outro traballo deixaron unha pegada literaria indelébel. Depois de todo, el mesmo xa o fixo deste xeito en boa parte do seu tempo de escritor e a todos nos convén un tempo de reflexión, como o que el se outorga. Porén, coido que depois de ter matinado, entre Santiago e o mar de Louro, máis pronto que tarde encetará a segunda parte da súa obra literaria, coa xente e os días como norte.
El para min responde ás palabras do Eclesiastés: “Un amigo fiel, amigo seguro / quen o atopa, encontra un tesouro”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario