por Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización, en Galicia Hoxe
Cando se soubo o nome do novo conselleiro de Cultura afirmouse que Alberto Núñez Feijóo cazara un merlo branco: un home con carreira diplomática, de talante dialogante e altas capacidades para a xestión. Para os optimistas por necesidade, era a mostra de que o novo presidente da Xunta non ía ser tan fero contra a cultura galega como el mesmo se pintara nos seus agresivos discursos; para os optimistas ben informados, semellaba máis ben que a anunciada política galegófoba ía executarse con luvas brancas e narcotizantes a eito.
No entanto, pasados os meses, o que sorprende é que Roberto Varela continúe a pesar da súa demostradísima incompetencia como xestor e -grazas á mobilización social, que non foi allea ás súas provocacións- ao seu fracaso como anestesista. Calquera observador imparcial, sexa cal for a súa adscrición ideolóxica, sabe que o cargo de conselleiro de Cultura de Galiza lle queda moi moi grande a este home. Indo só a un indicador mensurábel, podemos observar que nestes 30 anos de autonomía ningún responsábel desta área no Goberno galego acumulou no seu caixón tantísimas solicitudes de dimisión chegadas desde tantos lugares en tan pouco tempo. Nin Ánxela Bugallo, a pesar dos titulares sensacionalistas que a perseguiron, nin Pérez Varela pondo a tiro a Carmiña Burana.
Botando a ollada a pouco máis dun ano atrás, un pensa que foi o que levou a Núñez Feijóo a fichar esta persoa para pór rostro á súa política cultural. Sería talvez porque sabe inglés? Ben se ve que con autoodio e con complexos non se toman as mellores decisións!
Mais vaiamos ao miolo da cuestión. Alguén sabe cal é a política cultural deste goberno? Se atendermos os discursos e a propaganda, veremos que sobrancea unha idea en negativo: a de desprotexer institucionalmente a cultura galega. Aí é onde se inseren as declaracións do conselleiro asegurando que "la cultura gallega está bien, pero limita", que "la cultura gallega está acomplejada y ensimismada", os chamamentos que ten realizado ás editoras en galego para que aposten por outros idiomas (eufemisticamente, pola "edición trilingüe") e a súa colaboración na extensión da mentira de que a cultura galega está hipersubvencionada, cando a verdade é que é unha das que menos apoio público ten de toda a Unión Europea e, incontestabelmente, a que menos amparos institucionais ten de todo o Estado español, a anos luz das culturas española, catalá ou vasca.
En teoría, neste ano 2010 o labor da Consellaría de Cultura incardínase en dous proxectos estrela. Por unha banda, o Xacobeo, cuxo evidente bluf na xestión e nos resultados se tenta disimular varrendo as miserias cara ao Goberno central. Ademais, aínda que non o notemos en nada, este foi proclamado como o Ano do Libro e da Lectura. O lema que poderían ter escollido é: "Temos dereito a ler sen darnos conta".
A frase que propoño como slogan é outra das xenialidades do propio Roberto Varela, que asegurou no Parlamento que el dixo nun acto "Desván de los Monjes" ou "Toro" -en troca de Sobrado dos Monxes e Touro- porque foi o que os seus colaboradores lle escribiron nun discurso (ao que parece que lle pasaron un tradutor automático e despois non revisaron). "Teño dereito a ler sen darme conta!", reprochoulle ao PSOE e ao BNG polas súas críticas, inaugurando así un novo dereito humano, aínda que seguro que sen ser consciente de tal inauguración (el ou quen lle escribise esa resposta parlamentaria). Pois xusto así nos pasa a nós co Ano do Libro e a Lectura: que estamos nel sen darnos conta.
Mais o problema non é só en concreto coa cultura galega, non. A ignorancia e o desprezo que manifestan estes gobernantes pola nosa cultura en particular o que espella é un problema global: a carencia dun proxecto construtivo, en positivo, e de coñecementos sobre políticas culturais serias e efectivas.
Talvez un dos mellores e máis tristes exemplos estea nos festexos organizados para o Día do Libro por parte do Goberno galego. O 23 de abril, no chan de cadansúa praza das cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo escribíronse varios versos do poema Negra sombra de Rosalía de Castro. Para iso, a Consellaría utilizou "cerca de 100.000 libros ou 14 toneladas de mercancía", segundo estimou, literalmente, unha das notas oficiais enviadas aos medios de comunicación. A Xunta informou de que eses quilos de libros os doaron para o evento unhas indefinidas "diferentes entidades e institucións". Ese mesmo comunicado, emitido tres días antes do evento, sinala que "como colofón ao acto, simultáneo nas prazas máis representativas das cidades galegas, os libros entregaranse o mesmo día 23 aos viandantes que se acheguen á hora de deconstruír os tapices de libros ou ás asociacións que os soliciten con antelación e os recollan". Sabiamos que nesta Consellaría de Cultura non se destila amor pola lingua galega e que os actos de promoción dos libros neste idioma son realizados con desgana, mais o deste día debe pasar á historia do disparate universal.
O caso é que na xornada se cumpriu o prognóstico do refraneiro, que asegura que "en abril, augas mil". Os libros, ordenados baixo a chuva para formar palabras e versos, quedaron enchoupados, nun espectáculo tan dantesco como vergoñento. Manuel Rivas, que está a ser un dos mellores cronistas da desfeita cultural deste goberno que non nos merecemos, ten no episodio do 23 de abril de 2010 bo material para unha novela, que talvez podería levar aquí por título Os libros nadan mal.
Ante unha chafallada de tal calibre, a Xunta de Galiza debería dar explicacións públicas. Cren que repartindo libros por quilos, sen criterio, se fomenta o achegamento a bibliotecas ou librarías? A que grupos sociais ía destinada esta acción e que carencias se pensaba suplir con ela? Por que estes 100.000 volumes poden ser gratis e os manuais do ensino obrigatorio asegura o Conselleiro de Educación que non poden selo? Se a pretensión inxenua era achegar a cultura a novos espazos, por que xustamente se organizou nas cidades, onde existen máis infraestruturas e máis posibilidades de acceso á oferta editorial? Cantos destes 100.000 libros foron destruídos pola auga? Por que a Consellaría non preveu esta eventualidade anunciada polos servizos meteorolóxicos e continuou coa acción propagandística, aínda que esta supuxese -como ao final aconteceu- inutilizar milleiros de obras? Que pasou con todos os libros destruídos pola chuva? Foron parar ao lixo ou a un colector de reciclaxe? Saben as entidades que doaron as obras que ían para esta finalidade e que terían un tratamento tan coidadoso? Imitará a acción a Consellaría de Sanidade e, para festexar o Día da Saúde ou outro semellante, tamén vai agasallar medicamentos á rapañota á xente que pase por algunhas rúas a determinada hora dese día?
Cómpre mobilizarse contra tanto disparate. O 17 de maio, na praza do Obradoiro, reclamaremos unha mudanza profunda na política educativa, cultural e lingüística. Movámonos!
Ningún comentario:
Publicar un comentario