O autor deste artigo acaba de ser elixido membro da RAG, en Galicia Hoxe dan un perfil del.
por Henrique Monteagudo, en fundación dez de marzo.
Finalmente, a Xunta de Galicia deu forma ao anunciado proxecto do novo decreto “do plurilingüismo”. Este proxecto chega despois dun longo e tenso debate social e dunha serie de sucesivas mobilizacións cívicas que atinxiron unha extensión e intensidade sen precedentes, e logo da presentación ao público dunhas ‘Bases’ que mereceron un amplo rexeitamento das institucións consultadas pola Xunta (Real Academia Galega e Consello da Cultura Galega), e de practicamente todos os sectores atinxidos. As presentes liñas están escritas con posterioridade ao acordo do Consello Escolar de Galicia, mediante o cal este manifestou a rotunda oposición da meirande comunidade educativa ao dito proxecto, e antes do pronunciamento do Consello Consultivo de Galicia, que é de agardar que acabará sinalando os aspectos do mesmo manifestamente discordantes coa legalidade.
O que vén é un texto redactado, pois, coa esperanza de que finalmente ese proxecto sexa retirado polo goberno galego, e o Partido Popular se aveña a constituír, tal como propuxo o Consello da Cultura Galega e asumiron os partidos da oposición, unha comisión no Parlamento de Galicia para a discusión dun novo proxecto elaborado por acordo dos tres grupos parlamentarios, unha comisión que tamén debería oír distintos axentes sociais (especialmente da comunidade educativa) e expertos e abordar un programa de desenvolvemento consensuado do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado unanimemente polo mesmo Parlamento en 2004, e ratificado tamén unanimemente en 2008. O que segue non é un estudo sobre o decreto en si mesmo, senón unha reflexión sobre o contexto político-lingüístico en que este aparece.
1. O contexto sociolingüísticoAo mesmo tempo, o presente escrito foi rematado aos poucos días da difusión nos medios de comunicación dos resultados da enquisa do Instituto Galego de Estatística, en que se recollen datos sobre coñecemento e uso do idioma galego correspondentes a 2008, comparables cos que o mesmo IGE recolleu en 2003. Sen entrar nunha análise demorada deses datos e pasando por riba dos moitos matices que ofrecen (pois isto non cabería na presente reflexión), cómpre chamar a atención sobre tres aspectos relevantes:
1) O descenso do uso habitual do galego, que pasa de ser a lingua habitual do 61 % da poboación (2003) ao 56 % (2008), o que implica unha perda porcentual de aproximadamente un punto por ano. Sen entrar en cálculos estatísticos requintados, esta tendencia colócanos nun horizonte de pouco máis de seis décadas de vida real para o idioma do país. Xa que logo, queda pouco tempo para reverter unha deriva que nos leva directamente á desaparición do galego a finais do século XXI.
2) A caída do galego como lingua inicial (isto é, aquela en que se aprendeu a falar) noutros cinco puntos porcentuais no conxunto da poboación residente en Galicia (do 52% ao 47%; no grupo de poboación máis nova, de 5 a 14 anos, a perda é aínda máis brusca, pois pasamos do 32% ao 25%). Esta caída, de primeiras, revalida o sombrío prognóstico que debuxa o dato recollido no parágrafo anterior. Porén, neste caso o dato negativo vén dalgún xeito compensado por un notable incremento dos bilingües iniciais, isto é, das persoas que declaran ter aprendido a falar simultaneamente nas dúas linguas, desde o 16% (2003) ao 23% (2008) da poboación xeral, un incremento que é especialmente significativo entre os máis novos (na faixa entre 5 e 14 anos de idade, pásase do 20% de 2003 ao 34% de 2008).
3) O notable incremento da presenza do galego no sistema educativo, que pasa de menos do 39% en 2003 ao 61% en 2008, o cal dá un bo índice do progreso que experimentou o uso do idioma nos centros durante s anos pasados, e concretamente, do positivo impacto da política lingüística no ensino impulsada polo goberno de coalición PSdG/BNG, pois ao noso entender o fenómeno de incremento do bilingüismo inicial que sinalamos no parágrafo anterior é inseparable desta progresiva galeguización do ensino.
En grandes liñas, o que nos indican os datos que acabamos de resumir é que o idioma galego precisa máis ca nunca de políticas de protección e que estas se revelan eficaces no medio prazo, xusto o contrario do que vén propugnando o Partido Popular e facendo a Xunta desde que este partido gañou as eleccións. O que non ten sentido é facer unha lectura en clave inmediatista, tal como algún portavoz do PP realizou en días pasados. A evolución da situación sociolingüística dun idioma ten que observarse a medio e longo termo, e só neses termos se poden avaliar os efectos das políticas dos gobernos, que terán efectos na medida en que manteñan unha mínima continuidade e coherencia ao longo dun período prolongado (ademais de acerto, claro está). Estas observacións sobre a situación sociolingüística xeral serven de pórtico acaído ás liñas que veñen a seguir, nas que imos esbozar unha rápida análise do contexto xeral da política lingüística en Galicia en que aparece este decreto.
2. O problema lingüístico de Galicia: do diagnóstico ás políticasNa miña opinión, na raíz do debate lingüístico está o seguinte feito: a lexislación e tradición de política lingüística en Galicia, desde o Estatuto aos nosos tempos, está fundada nunha determinada visión da realidade, ou máis concretamente, nunha determinada formulación do problema lingüístico do país; a partir desa diagnose prescribíase unha determinada solución. Tal diagnóstico consiste en constatar o maltrato histórico que o galego sufriu por parte do Estado español, e sinalar como ese maltrato o abocou a un proceso de substitución que o sitúa no camiño dunha lenta pero inexorable extinción. A solución prevista para ese problema consistiu no seu pleno recoñecemento como lingua propia de Galicia e oficial das súas institucións, e na imposición aos poderes públicos dun ‘mandato de normalización’, que os obriga a soster políticas para a súa defensa e promoción. En liñas xerais, tanto o devandito diagnóstico coma a correspondente solución eran amplamente compartidos pola maioría da sociedade e polos grupos políticos que a representan, aínda que é certo que existiron e aínda persisten grandes diferenzas nos detalles e importantes desacordos puntuais.
O devandito prognóstico está expresado con concisa claridade no preámbulo á Lei de Normalización Lingüística aprobada no Parlamento de Galicia en 1983, co voto favorable de Alianza Popular (no goberno naquel momento), a Unión do Centro Democrático, o Partido dos Socialistas de Galicia / PSOE, Esquerda Galega e Partido Comunista de Galicia, isto é, de todo o arco parlamentario presente. Paga a pena citar ese preámbulo:
“O proceso histórico centralista acentuado no decorrer dos séculos, tivo para Galicia dúas consecuencias profundamente negativas: anular a posibilidade de constituír institucións propias e impedir o desenvolvemento da nosa cultura xenuína […] Sometido a esa despersonalización política e a esa marxinación cultural, o pobo galego padeceu unha progresiva depauperación interna […] que foi constantemente combatida por tódolos galegos conscientes da necesidade de evitar a desintegración da nosa personalidade. A Constitución de 1978, ao recoñecer os nosos dereitos autonómicos como nacionalidade histórica, fixo posible a posta en marcha dun esforzo construtivo encamiñado á plena recuperación da nosa personalidade colectiva e da súa potencialidade creadora.Un dos factores fundamentais desa recuperación é a lingua, por ser o núcleo vital da nosa identidade. A lingua é a maior e máis orixinal creación colectiva dos galegos, é a verdadeira forza espiritual que lle dá unidade interna á nosa comunidade. […] A presente Lei, de acordo co establecido no artigo 3 da Constitución e no 5 do Estatuto de Autonomía, garante a igualdade do galego e o castelán como linguas oficiais de Galicia e asegura a normalización do galego como lingua propia do noso pobo.”
Con moitos defectos, numerosos puntos discutibles e bastantes reparos, algúns moi serios, que se poden apoñer ás medidas adoptadas e a actuacións concretas que se emprenderon, aquela filosofía inspirou todos os gobernos da Xunta de distinto signo, de Alianza Popular / Partido Popular ata as coalicións nucleadas arredor do PSdG/PSOE, e nomeadamente ao Manuel Fraga que en 2003 puxo en marcha o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que aprobou o Parlamento de Galicia no ano seguinte. Neste sentido, coidamos que a etapa que vai de 1983 a 2007, coas súas indubidables sombras, debe ser valorada globalmente en positivo, pois en vinte anos a conciencia lingüística do país se fortaleceu en grao considerable, mentres se ía debuxando un proxecto de convivencia amplamente compartido, que se marcaba como obxectivo de futuro a plena recuperación do galego nun marco de bilingüismo equitativo.
Así e todo, para non caermos nunha enganosa idealización do pasado, temos que sinalar algúns dos aspectos máis criticables dese pasado. Por caso, a Xunta de Galicia demorou moito en pór en marcha accións de promoción do galego verdadeiramente eficaces, en parte porque faltaba unha tradición de políticas de normalización, e por tanto existía unha grande falla de coñecemento experto sobre o asunto (unha lagoa que tamén tardou moito en cubrirse, e a duras penas), pero nunha maior parte por causa do morno compromiso co idioma de amplos sectores do PP e do PSOE co galego. Por outra banda, o sector maioritario do nacionalismo tardou en incorporarse a ese consenso, e fíxoo con notables reparos de fondo, e despois de sementar polo camiño unha notable confusión (lembremos por exemplo as estériles discusións sobre a normativa lingüística). En todo caso, os procesos de normalización lingüística deben entenderse como procesos de aprendizaxe social, con todas as enormes complexidades que isto comporta, de maneira que non é tan importante que existise un consenso de partida como que se chegase a forxar un consenso de chegada. Ese consenso de chegada está expresado no acordo normativo de 2003 e, sobre todo, no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004.
Porén, dun tempo a esta parte, as direccións do Partido Popular de España primeiro, e de Galicia despois, distanciáronse radicalmente desa diagnose, formulando o problema dun xeito non distinto, senón totalmente contraditorio con ela. O Partido Popular de España levaba xa desde os tempos de Aznar promovendo un discurso agresivamente nacionalista e recalcitrantemente centralista; pero esa onda demorou en impoñerse en Galicia: foi un renovado PPdeG, adoecido pola perda dun poder que consideraba natural e exclusivamente seu, fuxindo da sombra de Fraga e renegando de calquera atisbo da súa previa tradición rexionalista/ galeguista, o que puxo fin bruscamente, en 2007, a aquela etapa de consenso sobre a lingua. E velaí a nova formulación do ‘problema’, deseñada nos laboratorios FAES e publicitada primeiro polos medios de dereitas madrileños e despois polos galegos: o que había que resolver non era a discriminación do galego; pola contra, o problema era a ‘imposición’ do galego. Ante este diagnóstico, o remedio non podía ser outro que a deslexitimación social do idioma do país, paso previo para xustificar a súa desoficialización, e, finalmente, impulsar a súa desprotección. Esta estratexia conducía inexorablemente a rachar consensos laboriosamente fraguados e a crear un clima de confrontación civil, pero isto non preocupou aos estrategas do PP, se o Partido obtiña os ansiados réditos políticos e electorais que se prevían.
En efecto, a deslexitimación social das políticas de normalización do galego comezou co Partido Popular na oposición, desde a cal soubo manexar habilmente as resistencias de determinados sectores sociais ás medidas impulsadas polo goberno progresista/ nacionalista (por certo, coa involuntaria complicidade dese goberno, que actuou con inexplicable torpeza neste terreo). Ao noso parecer, esas resistencias teñen bases reais, sobre as que axiña volveremos a ollada, pero foron convenientemente magnificadas e manipuladas ao servizo dos intereses do PP, coa complicidade duns grupos tradicionais de poder afeitos a mediatizar as decisións políticas máis importantes e molestos coa relativa autonomía do goberno de coalición socialista-nacionalista.
3. As resistencias á normalización do galego e a oposición á política do goberno PSdG-BNGAs dificultades reais teñen que ver cunha serie de problemas, que van desde a persistencia de arraigados prexuízos contra o galego en amplas capas sociais (asociación deste idioma co atraso social ou co radicalismo político, temor aos perigos do bilingüismo, desconfianza sobre a idoneidade do galego para determinadas materias, alimentada polas polémicas normativas, etc.), ata as dúbidas de moitos membros da comunidade educativa sobre a conveniencia pedagóxica de ensinar en galego nos contextos castelanfalantes, pasando por aspectos tales como o grande esforzo que para o profesorado e o estudantado dalgúns centros, sobre todo urbanos, supuña aplicar o decreto de 2007, coa súa esixencia do 50% da docencia en galego, que ademais debía abranguer as materias máis importantes. A verdade é que nin o goberno nin as dúas forzas políticas que o sostiñan (PSdG e BNG) souberon explicar correctamente esa norma, nin tampouco impulsar as imprescindibles medidas de acompañamento e apoio para implementala. A última observación dá para falar das insuficiencias dos proxectos e discursos glotopolíticos do PSdG e do BNG, asunto que non nos ocupará longamente neste artigo, pero sobre os que voltaremos brevemente máis adiante.
Pero unha cousa son as dificultades reais, que son innegables e deben ser analizadas e ponderadas con todo coidado, e outra a resistencia organizada e articulada politicamente. Onde residiu o cerne desta resistencia? Ao noso entender, o núcleo duro constituíuno a patronal do ensino privado e concertado (excluíndo unha parte significativa dos centros relixiosos) e unha porción importante das capas sociais que constitúen a clientela preferente desa rede educativa (isto é, sobre todo, as clases alta e media-alta urbana). Noutras palabras, sectores sociais minoritarios e privilexiados, moi poderosos, aos que se asocia tamén a sintonía ideolóxica con importantes medios de comunicación, cando non a propiedade deles. Lembremos algúns pronunciamentos públicos sobre o galego que foron moi relevantes e que ofrecen pistas ben indicativas, como o do Círculo Financeiro de Vigo ou a Confederacións de Empresarios de Pontevedra, lembremos a recente votación sobre o anteproxecto do Decreto no Consello Escolar de Galicia, que mostrou branco sobre negro os apoios con que este contaba no sector educativo, e finalmente lembremos o papel dos dous diarios máis importantes da Coruña e Vigo en todo o debate sobre a lingua ata hoxe mesmo, e moi especialmente durante a pasada campaña electoral.
En resumo, trátase dos grupos e axentes sociais que na idade contemporánea tiveron o protagonismo na marxinación do galego e na implantación e difusión do castelán, e que por tradición se miran constantemente no espello da capital do Estado. As correntes progresistas da sociedade galega tenden a esquecer que unha parte substancial das elites dirixentes de Galicia só teñen ollos para o que acontece en Madrid, e están dispostas a emular calquera cousa que xurda alí, aínda que sexan ficcións que nada teñen que ver co noso país, como a da ‘persecución del castellano’.
Doutra banda, non se pode entender a campaña contra o galego do Partido Popular de Galicia se non se relaciona co proxecto de renacionalización e recentralización promovido polo Partido Popular de España, un proxecto plenamente compartido pola actual cúpula dirixente do PPdeG, con Alberto Núñez Feijoo á cabeza, que varreu implacablemente calquera residuo do vello proxecto rexionalista e vagamente galeguista de Fernández Albor, Fraga e Cuíña. Non é que a dirección do PP de Galicia asuma unha estratexia que vén ditada desde Madrid, é que ela mesma participa na elaboración desa estratexia, por máis que a modulación concreta dela e a xestión das contradicións que lle poida xerar en Galicia (comezando polo interior do propio partido) lle corresponde a Feijoo e Rueda e o conxunto da dirección do partido. Pero, en definitiva, non se poden entender nin os discursos nin o programa lingüístico do PP de Galicia sen ter en conta que as liñas as marca a dirección do PP en Madrid, que leva facendo da ‘defensa do español’ (e simultaneamente, do ataque ao catalán, o eusquera e o galego) e da reconstrución de España (e ao tempo, da erosión das autonomías, especialmente da catalá e a vasca) un eixes principalísimos da súa política, coa esperanza de obter grandes réditos electorais na España central.
4. O estratexia do Partido Popular. O invento da ‘imposición do galego’Para xustificar a súa campaña contra o galego, Feijoo e o Partido Popular tiveron que explotar ata o límite a consigna sobre a ‘imposición do galego’. Esta noción ten unhas implicacións moito máis fondas do que puidera parecer a primeira vista, pois, como dixemos, presupón unha reformulación radical da problemática lingüística do país, que implica borrar ou desfigurar aspectos fundamentais da realidade, e manipular preconceptos implantados no imaxinario colectivo durante séculos de marxinación da lingua propia. Poñamos un exemplo. A comezos de maio de 2009, acabado de estrear o cargo, o Conselleiro de educación aseguraba que el non percibía que en Galicia existisen prexuízos contra o galego. O propio conselleiro, ao día seguinte da presentación do novo proxecto, a mediados do marzo pasado, sentenciou nunha entrevista xornalística que “vivimos nunha sociedade onde non falamos da desigualdade” entre o galego e o castelán. El saberá quen son os que non falan desa desigualdade e por que non o fan, pero o certo é que o feito de que algúns se neguen a falar dela non fai que sexa menos real do que é. Sexa como for, por descaro ou por ignorancia, o conselleiro nega puras evidencias, coma a persistencia de arraizados prexuízos contra o galego e a inocultable posición privilexiada do castelán nunha serie de aspectos decisivos da vida civil, desde o estatus social aos medios de comunicación.
Pero se a realidade tanxible e comprobable é negada, no seu lugar propálase un artefacto denominado ‘imposición del gallego’. Un día alguén nos terá que explicar como é que un idioma pode ser ‘imposto’ no país en que non só ten recoñecemento oficial senón que está declarado legalmente como ‘propio’ (como fai o Estatuto de Autonomía de Galicia). Imponse o castelán en Valladolid? O francés en Xenevra? O portugués en Lisboa? Volveremos sobre esta falacia, cando tratemos da súa xemelga, a ‘liberdade lingüística’.
Outra peza, non menor, das manobras de falsificación da realidade, é toda a propaganda intensamente publicitada contra a ‘inmersión lingüística’. En primeiro lugar, este termo expresa de forma moi significativa a parcialidade do punto de vista de quen o ataca: para os/as estudantes galegofalantes, recibir a súa docencia en galego consiste en tanta inmersión como para os castelanfalantes de Madrid ou Segovia recibiren as súas clases en castelán, ou os lusofalantes de Braga recibila en portugués. Doutra banda, ter unha porción substancial das súas clases en galego é, certamente, inmersión para os alumnos castelanfalantes de Galicia. Pero resulta que o modelo de ensino preferentemente en galego (isto é, de inmersión, parcial ou completa) é o que mellor garante o obxectivo de que todos os/as estudantes de Galicia, sexan falantes de castelán ou de galego, acaben cunha competencia suficiente e semellante nos dous idiomas. Existe unha ampla bibliografía académica, fundada na investigación e experimentación en diversos contextos, que así o demostra de xeito contundente.
5. O discurso ultraliberal e a falacia da ‘liberdade lingüística’Pero quizais a xoia máis elaborada de todo ese aparello discursivo-propagandístico forxado nas fraguas da FAES aznarista e nos laboratorios de Galicia Bilingüe e alegremente propalada polo PP e importantes medios de comunicación españois e galegos, sexa o da ‘liberdade lingüística’. Esa noción responde á aplicación, tan rigorosa como forzada, ao dominio da linguaxe, de concepcións ultra-liberais (ou, máis exactamente, pseudo-liberais) no terreo da política, a economía e a sociedade. Tal concepción propugna a existencia de individuos totalmente isolados e arrincados das súas condicións sociais de existencia, individuos que se realizan como seres plenamente libres ao actuaren nun mercado desregulado. Aplicada ás linguas, esa visión sostén que cada individuo escolle, ou debe poder escoller, a lingua que fala, no marco dun ‘mercado’ lingüístico libre, no que loxicamente, por efecto dos xogo da libre concorrencia, se imporá o idioma que máis vantaxes comparativas ofrece. Sobre estas premisas, distínguese linguas étnicas (asociadas a identidades impositivas de comunidades regresivas e pechadas) de linguas cívicas (asociadas á participación na libre cidadanía en sociedades abertas e progresivas), e sostense que a problemática das linguas remite exclusivamente aos dereitos dos individuos, ao tempo que se rexeita o recoñecemento da existencia de dereitos lingüísticos colectivos.
Pois ben, as dicotomías sobre as que repousa o pensamento pseudo-liberal, que contrapoñen o individual co colectivo e o étnico co cívico, están completamente fóra de lugar cando tratamos de linguas. Cada lingua é ao tempo e inseparablemente un fenómeno individual e colectivo, expresa simultaneamente a identidade dos grupos sociais (non só das nacións, tamén outras identidades: de xénero, de grupo de idade, de clase social, de profesión, de procedencia xeográfica, etc.) e de cada un dos individuos, e posibilita, máis aínda, é condición indispensable, para a participación de todos e cada un dos cidadáns e cidadás, a través do diálogo e a comunicación, na integración nunha cidadanía común e na conformación da opinión pública. Non hai maneira de aprender e utilizar unha lingua calquera (fóra das mortas) que non sexa mediante a interacción social, e por iso carece de sentido a noción dun idioma que fose lingua de un só individuo illado.
Igualmente, a noción de que os individuos escollen libremente a lingua que falan é, salvo casos excepcionais, completamente ficticia, pois, en principio, cada persoa aprende a falar na lingua (ou no seu caso, linguas) coa que está en contacto nos primeiros anos da súa vida, por simple inmersión no medio social en que se desenvolve, e só en casos especiais ten a posibilidade de optar máis tarde por falar outra ou outras linguas. Dixemos optar por, pero mesmo cando se dá esta segunda posibilidade, non acostuma ofrecerse como unha opción que o individuo é libre de escoller ou non; máis ben, serán as condicións ambientais (e particularmente, do mercado de traballo ou as oportunidades de integración e promoción social) as que o apuxarán a usar esoutra lingua. Por outra banda, en condicións normais unha persoa non abandonará a súa primeira lingua, na que aprendeu a falar, a favor doutro idioma; isto farao só se se sente obrigada a facelo (por exemplo nos casos de emigración), e moi raramente por decisión voluntaria e espontánea.
Do mesmo xeito, a idea segundo a cal as dinámicas de relación entre as linguas e as opcións lingüísticas dos individuos estarían reguladas por un mercado lingüístico libre constitúe unha completa falacia, que ignora os complexos aspectos culturais, sociais, políticos que poñen en relación unhas linguas (ou mellor, comunidades lingüísticas) con outras e os factores que poden levar os individuos e comunidades a abandonar a súa lingua orixinal para adoptar unha distinta. Ademais, as diferenzas entre as linguas remiten ao final a desigualdades de todo tipo (social, económico, político, cultural) das súas comunidades de falantes. Por outra banda, o punto de vista economicista impón un reducionismo inaceptable sobre a complexa realidade multidimensional das linguas, coas súas compoñentes psicolóxicas, sociais e culturais: os idiomas son moito máis ca produtos de mercado, do mesmo xeito que as persoas somos moito máis ca simples actores económicos, consumidores ou forza de traballo.
A noción de que o castelán se difundiu a custa das outras linguas de España simplemente porque os e as falantes das segundas lle deron voluntaria preferencia á primeira constitúe unha monstruosa falsificación histórica, que ignora as relacións de forza entre os grupos sociais e nacionais, unhas relacións que condicionaron as políticas lingüísticas dos poderes públicos e dos non tan públicos (non só o Estado, senón as grandes compañías, as empresas de comunicación, os bancos, etc.). A barbaridade chega á negación das políticas de imposición do castelán promovidas polo Estado, que durante longas e recentes etapas da nosa historia adoptaron modalidades brutalmente represivas: pénsese só nas ditaduras de Primo de Rivera (1923-31) e sobre todo franquista. Os galegos e galegas, nin como individuos nin colectivamente, tiveron nunca a opción de escoller libre e voluntariamente o castelán e abandonar o galego. Máis ben, o abandono do galego é consecuencia directa dunha política de marxinación de efectos devastadores sobre a sociedade galega, e en particular sobre as clases populares de Galicia.
6. A falsidade do ‘mercado libre’ das linguas. Dereitos lingüísticos individuais e colectivosOs partidarios da suposta liberdade lingüística insisten nos dereitos dos falantes, contrapoñéndoos aos dereitos das linguas (isto é, das comunidades de falantes). Pero eles non reivindican nin poderían reivindicar os seus dereitos (supostamente vulnerados pola lexislación favorable ao galego) como castelanfalantes en Galicia en canto individuos isolados nun mercado libre. Reivíndicanos como grupo social e en nome dunha Constitución que declara o castelán lingua oficial do Estado (e que, por certo, proclama o deber dos cidadáns dese estado de coñecer esa lingua: a previsión máis impositiva en materia de lingua de todo o entramado xurídico-legal español). Se esa reclamación se fixese a título puramente individual, teriamos tamén que recoñecer os dereitos dos falantes do árabe, do inglés, do romanés, do bérber e de todas as linguas dos inmigrantes, turistas e visitantes.
Pero todos nos decatamos que unha cousa o dereito que ten todo individuo a falar, aprender e usar libremente calquera lingua, que un dereito humano básico que debe ser respectado en calquera parte do mundo e en calquera situación, e outra cousa moi distinta é a realidade inescapable de que dependendo do lugar ou ocasión en que un se atope, determinada lingua é ou non é útil (ou máis útil ou vantaxosa ca outra) para a comunicación e a integración sociais. Aínda máis, todos nos decatamos, porque puramente evidente, de que unha cousa son os dereitos individuais que ten todo falante de calquera lingua, e outra distinta son os servizos que as administracións públicas e as empresas están obrigadas a prestar aos cidadáns, usuarios ou consumidores en tal ou tal outra lingua, cousa esta depende do arraigo social das linguas e/ou da regulación oficial do uso de tal e tal outra lingua nunha serie de ámbitos sociais (administración, xustiza, sistema educativo, etc.). Por iso, a noción de ‘mercado lingüístico libre’ só pode ser tomada como unha metáfora máis ou menos enxeñosa, pero nunca coma unha clave explicativa dos mecanismos e das dinámicas sociais de relacionamento entre as linguas e os seus falantes.
En definitiva, como de xeito natural se aprende a lingua ou linguas do contexto social en que o individuo nace e se desenvolve, e como o uso da lingua esixe necesariamente interlocutores aos que dirixirse e redes sociais a través das cales comunicarse, tratándose de idiomas carece de sentido a dicotomía que opón o individual e o colectivo. E tanto pola inevitable asociación das linguas con tradicións culturais e identidades de grupo, como polas esixencias da organización da comunicación social, o recoñecemento e o uso público das linguas vén necesariamente establecido e regulado (de xeito máis ou menos explícito e máis ou menos rigoroso) por diferentes poderes sociais, e nomeadamente o estado.
De aí a falacia da noción de ‘imposición do galego’: se o galego é plenamente oficial en Galicia, e se a nosa lexislación, democraticamente debatida e aprobada, sinala como un obxectivo a normalización do seu uso social, simplemente, carece de sentido falar de ‘imposición’. O que en realidade acontece é que hai persoas e estamentos sociais privilexiados que aspiran a vivir, traballar e desenvolverse en Galicia ignorando a existencia do galego. Como nun momento dado, iso comezou a resultarlles un tanto incómodo, botáronse a falar de ‘imposición’. Se o común dos cidadáns e cidadás de Galicia, pola forza das cousas, ten que saber e usar o castelán, independentemente de que a uns ou outros lles resulte máis ou menos cómodo, iso non é ‘imposición’; iso é ‘liberdade’ grazas ao ‘mercado lingüístico’. Niso consiste o bilingüismo equilibrado que propugna o PP.
Por tanto, nas condicións concretas de Galicia, o lóxico, o sensato e o que recolle o noso marco xurídico-legal é que hai dúas linguas plenamente oficiais, galego e castelán, e que os seus falantes deben ser iguais en dereitos e en deberes. Para tanto, e dado que esa igualdade recoñecida nas leis é un obxectivo de futuro e non unha realidade efectiva no presente, e na súa condición de lingua propia de Galicia, o galego debe ser obxecto de especial respecto, apoio e promoción. Os cidadáns e cidadás de Galicia deben saber manexar de xeito competente e efectivo as dúas linguas, para poder comunicarse e interaccionar normalmente (sobre todo no medio laboral e nos ámbitos públicos) en ambas; o cal, dadas as circunstancias de posición social e de circulación privilexiada do castelán nos grupos de estatus, nos medios de comunicación e na vida pública, e a escasa presenza do galego en certos ámbitos (como os principais núcleos urbanos), esixe unha presenza preferente do galego no sistema educativo non universitario. A iso se reduce toda a leria do equilibrio, a liberdade lingüística e a imposición do galego.
7. . Por un modelo flexible para o ensino. A necesidade dun novo discurso sobre a linguaNon é este lugar para detallar un modelo lingüístico para o ensino alternativo ao debuxado polo proxecto de decreto que quere impoñer o goberno do PP. Porén, deixemos dito que ese modelo ten que responder fielmente ao espírito e os principios recollidos na nosa lexislación, e, naturalmente, tamén ás aspiracións da maioría do país. En particular, coido que ese modelo debe marcar un marco xeral e común, e ao mesmo tempo debe dar unha certa marxe de flexibilidade aos centros, en función dos distintos contextos sociolingüísticos e educativos.
O marco xeral vén sinalado polo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que simplemente precisa dunha adaptación flexible: educación infantil na lingua materna dos rapaces e rapazas (que debe determinar o Consello Escolar a partir de diversas fontes de información, entre as cales, do profesorado), con presenza dun mínimo do 30% de galego nos contextos castelanófonos; educación primaria, secundaria obrigatoria e bacharelato cun mínimo do 50% en galego, con facilidades e apoios para os centros que superen esa porcentaxe, e con procedementos regulados, baixo control das autoridades educativas, para os centros que non cheguen a ela e se comprometan a facelo nun prazo determinado. A promoción do uso vehicular da lingua estranxeira, nunha estratexia de fomento do poliglotismo, debe centrarse na Universidade, no Bacharelato e nos últimos cursos da ESO, e debe ter carácter voluntario e gradual. A participación das familias nestes asuntos, coma na xeneralidade dos demais atinxentes á educación, debe facerse a través dos canles establecidos, como os consellos escolares de cada centro.
Afirmamos antes que os erros da política lingüística do goberno de coalición derivan de eivas dos proxectos e discursos dos partidos que o sostiveron. Esas eivas merecen tamén unha breve reflexión, pois da súa superación pende a posibilidade dunha alternativa de goberno no futuro. Para resumir, diremos que o Partido Socialista non se aplicou suficientemente a elaborar un proxecto propio e un discurso coherente, que supere as contradicións internas sobre este asunto que en ocasións resultan sangrantes (lembremos a xeito de ilustración figuras como o ex-alcalde da Coruña Francisco Vázquez) e que vaia alén dun compromiso xenérico, máis ou menos vago, co galego. Unha posición que máis veces das desexables se concreta nun cómodo tacticismo, guiado polo criterio (que nalgunha ocasión dá no cravo pero a maior parte das veces é discutible ou claramente erróneo) de procurar situarse na equidistancia entre o PP e o BNG. É unha verdadeira mágoa, porque o PSdG está en óptimas condicións de construír un discurso e un programa lingüísticos ao tempo integradores e comprometidos co galego, sobre os que pode pivotar no futuro unha política lingüística que sexa ao mesmo tempo eficaz para a recuperación da lingua nun marco de convivencia e que conte cunha ampla aceptación social.
Canto ao BNG, os seus problemas proveñen máis ben da adhesión pertinaz dunha boa parte tanto da súa dirixencia canto da súa militancia, a unha serie de axiomas que teñen bastante de dogmáticos e que lle dificultan considerablemente as posibilidades de conseguir un asenso social máis amplo. Nocións tales como que o conflito lingüístico entre o galego e o castelán é inevitable, mesmo positivo, e que por tanto debe formentarse, que a normalización só se conseguirá cando se alcance o monolingüismo en galego, que o bilingüismo é unha trampa, ou que só o nacionalismo está verdadeiramente comprometido coa lingua. Co devandito alíase unha sobrevaloración, ao menos no discurso de certos dirixentes, dos problemas da corrección e da norma lingüísticas, e unha achega histórica pouco lucida ao confuso debate normativo. En definitiva, o nacionalismo veu padecendo unha propensión sectaria a apropiarse do idioma e da cultura de xeito monopolizador e en proveito propio, cunha perspectiva partidista. Todo o devandito pexa seriamente a eficacia do seu abnegado compromiso e do seu encomiable labor de militancia e de activación social a prol do galego. O discurso e o proxecto lingüísticos do nacionalismo están necesitados dunha fonda revisión, fundada nunha análise realista e nunha visión máis ampla e aberta, e apoiada nunha reflexión ilustrada, da que saian propostas asumibles pola maioría da sociedade.
Dito o dito, non hai dúbida de que ambas as forzas políticas levan feito esforzos importantes nos últimos tempos no sentido de impulsar e dar unha cobertura política, cada unha desde a súa propia posición, pero procurando salientar os puntos de encontro, á resposta social que se veu producindo á política lingüística do Partido Popular. O resultado está á vista: unha mobilización social ampla e con grande eco popular, que de feito xa conseguiu facer recuar a dirección do PP nos seus designios máis radicais. Pero o reto continúa aí, pois este partido non abandonou a súa estratexia de acoso e derruba do galego, que pode endurecer a pouco que se lle presente a oportunidade, e doutra banda os partidos da oposición teñen aínda moito camiño por percorrer ata articular unha alternativa sólida, o cal resulta imprescindible para corrixir o rumbo desastroso que vén marcando o PP. Temos moito camiño por andar para conseguir un discurso e un proxecto político-lingüístico capaz de suscitar un amplo consenso político e social, coherente e eficaz. Oxalá poidamos percorrelo, acompañados/as da maioría da sociedade galega, antes de que sexa demasiado tarde.
Bertamiráns, 18 de abril, 2010
Ningún comentario:
Publicar un comentario