Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 4 de marzo de 2011

Lois Pereiro, a extravagancia dun poeta periférico

por Manuel Rei Romeu, en Terra e Tempo:

Foi o irmán, Xosé Manuel Pereiro, quen o definiu como "Un punk calado, irónico e amable, un dandy esguío entre quen son agora o núcleo duro da creación poética galega. Eran amigos seus, pero sempre preferiu frecuentar os labirintos da vida aos círculos literarios". Na mesmaFotobiografía sonora, que acaba de editarse, a foto co Grupo poético da Coruña De amor e desamor, amosa un Lois Pereiro cun certo aire  desacougante, cunha excentricidade que supera con moito a de calquera outro escritor do seu tempo por moi dandi  e extravagante que for.

En referencia a Poemas 1981/1991, Manuel Rivas, o seu irmán literario, caracteriza a súa poesía como  "mestura de vídeo-clip, haiku, destello, pregaria e cantiga de escarnio". 

O pasado 16 de febreiro, no IES Concepción Arenal de Ferrol, grazas á bondadosa iniciativa de Inés, a irmá de Lois que traballa de ensinante neste Centro, tivemos a sorte de poder celebrar unha pequena e sentida homenaxe ao poeta morto prematuramente. Seguramente foi unha das primeiras que se celebrou en Galiza, neste ano que a Real Academia Galega dedica ao escritor. Grazas á xenerosidade de Inés, repito, desde o Equipo de Normalización Lingüística puidemos organizar un acto no que participaron Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro, o irmán de Lois. Previamente alumnos/as do Bacharelato de arte realizaron diferentes versións de caricaturas do poeta que se proxectaron ese mesmo día acompañadas  de poemas seus. O Salón de Actos "Rosalía de Castro", ateigado de alumnos/as  de segundo de Bacharelato, algúns profesores e mais público de fóra, recreouse tamén co recitado a cargo dunha alumna, seguido dunha poética interpretación musical por parte de dous mozos   estudantes. A data non foi casual: un 16 de febreiro (domingo de Entroido) de 1958 nace Lois Pereiro; cumpriría agora cincuenta e un anos.

 Xosé Manuel Pereiro fixo un  percorrido cronolóxico pola biografía do irmán poeta, con moitas claves e cun humor moi celebrado polos mozos e mozas alí presentes. Tamén Lois Pereiro insistía en levar a vida con humor: "O humor será o que nunca perderei: Nin a paus!- deixou escrito na Conversa ultramarina.

Como moitos nenos  galegos, a  súa vida abalou entre o mundo rural e o mundo urbano ou semiurbano. Os verán pasábaos coa familia nas aldeas do Incio (Reádigos, Santa Cristiña), dísenos, cando aínda estaban cheas de nenos e nenas. Sen dúbida, ese espazo deixaría fonda pegada na súa vida. Os invernos, outonos e primaveras pasábanos en Monforte: os Escolapios, as rúas, as hortas, os edificios en construción, onde se aventuraban a entrar. Monforte tiña xa neste tempo e ten a traza  de punto neurálxico ferroviario, de cidade inacabada na súa fasquía ou de museo dos camiños de ferro. Desta encrucillada puido xurdir en Lois Pereiro a ansia por viaxar e esa  tentación á extravagancia (percorridos en tren por Centroeuropa, viaxes á Gran Bretaña, Irlanda...).

Raro e extravagante tiña que ser un mozo tímido, calado, aberto aos mundos da literatura e da música moderna que, non obstante, ousaba recitarlle ás mozas nas discotecas poemas dos simbolistas franceses.

En Madrid discorre a súa formación. Precisamente, lonxe de Galiza vai descubrir e facer unhas das súas primeiras  contribucións á cultura galega. Xunto con Antón Patiño, Manuel Rivas, Menchu Lamas, Fermín Bouza vai axudar a crear a revista Loia.

A intoxicación con aceite de colza en 1981, con case 400 mortos e máis de 17.000 afectados, será un feito determinante na súa vida e tamén na súa obra. Por culpa da afección chegará a unha febleza física  tal que mesmo lle impide vestirse só. Acaba abandonando as sesións de rehabilitación en Madrid a pouco de comezalas ("non podo ver nenos que son só ollos", díxolle á nai). E volveu para sempre a Galiza.

Non parece casualidade que este feito coincida co inicio da súa escrita poética. Seguramente pode ilustrar ben até que punto condicionan as circunstancias a obra dun escritor. A primeira entrega poética súa reúne poesía dunha década: Poemas 1981/1991, publicado en 1992. O segundo poemario, Poesía última de amor e enfermidade (1992-1995), publicado neste último ano, completa case o seu percorrido vital. Morre o 24 de maio de 1996 na Coruña. Atendendo á súa vontade, sotérrano no cemiterio de Santa Cristiña, o Incio, ao son das gaitas que tocaban "A marcha do Antigo Reino de Galiza".

Unha actitude poética esencial

Lois Pereiro é autor dunha obra poética breve mais intensa. Máis que a propia poesía, a súa actitude e a súa figura son as da extravagancia e a excentricidade. Tivo dificultades para comezar a publicar. Atopou, segundo parece, a receptividade de Edicións Positivas; non sabemos se procurou a de editoras máis grandes. O premio que recibe como escritor é o dunha entidade  de base, a Asociación  Cultural O Facho da Coruña. Un clásico noso, Manuel María, é o poeta que realiza as presentacións dos seus libros en  Monforte en  1992 e 1996.

O propio epitafio seu, que figura como colofón tamén do último poemario, semella obra dun poeta nada convencional: Cuspídeme enriba cando pasedes/ diante do lugar onde repouse/ enviándome unha húmida mensaxe/ de vida e de  furia necesaria.

É ben sabido que o signo de moitos escritores, quizais máis aínda en literaturas periféricas como a galega, é a extravagancia ou a excentricidade; noutros casos versións achegadas como a bohemia, o dandismo, a loucura. É dicir, o que está fóra da norma e "vaga" sen rumbo establecido. A extravagancia susténtase nunha vocación de singularidade e de orixinalidade. Non poucas veces escoitamos a consideración de Rosalía como estrafalaria ou louca. Transgresora, por riba de todo! Á súa maneira, poderíase aplicar a Pondal, a Castelao na aparencia estética, a Valle-Inclán -"eximio escritor y extravagante ciudadano", como o consideraba Primo de Rivera, a Óscar Wilde, ... A excepción á norma  establecida prodúcese, como podemos supoñer, por cuestións diferentes, xa sexan morais, sexuais ou políticas.

No caso de Lois Pereiro a transgresión provén do aparencial; trátase dunha provocación asumíbel. Non actuaba contra o establecido, contemplaba en silencio con ollada irónica. Hai un  evidente dandismo ("o espello da elegancia dediante dos meus ollos"), xunto a unha vontade de fuxida permanente. No difícil contexto dos anos oitenta e pertencendo a unha xeración que viviu os estertores da Ditadura e as frustracións da transición, resulta difícil entender tanto individualismo no existencial e no creativo, resulta difícil evadirse dos  compromisos do momento. Seguramente foi por unha deliberada desvinculación entre o fenómeno da creación literaria e o feito social, moi propia dos vangardismos. Os  finais dos setenta e os  oitenta son anos de expectativa e de grandes mobilizacións no noso pobo: a Constitución española, o decreto de bilingüismo,  a campaña contra o  Estatuto, o reforzamento da monarquía e os recortes do proceso autonómico (23 F), a entrada na OTAN, a loita contra a reconversión naval, as mobilizacións agrarias, as loitas do estudantado universitario.

Na poesía e nas confesións de Lois Pereiro hai grandes doses de narcisismo ("eu son un deus sensual") e de escepticismo. O disfrace  e a máscara dos que se recubriu evidencian sen dúbida a insatisfacción e a desconformidade coas circunstancias persoais e cos tempos que lle tocou vivir. Esa foi a súa forma de protestar. Esa é a mensaxe que nos transmite aínda a súa imaxe, unha pose ou un xeito de situarse á marxe.

Galiza tamén é patria

Malia toda a súa posmodernidade hai, porén, unha maneira comprometida e humana, quizais algo clásica tamén, de concibir a función da poesía no mundo: "a poesía é un xeito de  fuxir da barbarie", di na súa autopoética. Aínda que non contribúa a mellorar o mundo, tampouco pode contribuír a empeoralo. Ao menos crese na posibilidade de facer pensar e cambiar as persoas. Tamén é un xeito de autodignidade, de expurgación da agresividade interior ("A min sérveme para salvarme do meu propio espírito"). Ou como xeito de consolación perante un destino que se presentía cruel ("...esta vez non haberá resurrección/ e o futuro é por forza alleo a min", declara en  Poesía última de amor e enfermidade). Recoñecese tamén nun forte impulso autorial, nunha vontade por sobrevivirse.

Xa dixemos que hai en Lois moito de poesía de evasión individualista, de exilio cosmopolita, de espírito vagabundo. No que respecta a Galiza, percíbese unha tensión de amor e desamor, que non semella allea a outros moitos escritores. Galiza é espazo e perspectiva; é paisaxe interior, parafraseando o poeta. Hai un fondo telúrico e panteísta, unha identificación cun atlantismo envolvente ("esa fonda ironía de orixe atlántica"). Contraposta, evidénciase unha  "tradición oculta dun pobo que cultiva o silencio, o negativismo" e mesmo "unha lenta malicia intensa e meditada", até chegar á brutalidade. A caracterización máis pesimista é aquela que  fai súa  e recrea o poeta: "Fago meu ese fondo subconsciente escéptico e suicida".

Nun dos poucos poemas dedicados a un escritor, a Ánxel Fole concretamente, a terra abala da luminosidade do verán ("voo das vésporas  ó sol") á ameaza das "sombras letais". É unha terra de lenda con mananciais de "líquidos telúricos". Mais na súa vertente máis brava e profunda acaba sendo "maina e cruel/violenta, visceral/secreta, infame, inmemorial"(Poemas 1981/1991). Por tanto, amada e odiada. Case toda a súa poesía se pode encadrar nas coordenadas da nostalxia, do amor e da morte ou da autoaniquilación.

Nun poema, a modo de guión alfabético, emitido por TVG o 25 de xullo de 1988, faise unha interpretación de Galiza que se move nas claves simbólicas antes apuntadas. Parafraseando, Galiza é esa alma atlántica, onde hai esperanza e lugar para a alegría, "ledicia do espacio circundante". Galiza é "conciencia Céltica do Cosmos" e "Espiral no Espacio Esférico"; tamén é emigración e "eterno Estrañamento do espírito"; "kilowatios por terra asulagada". A historia foinos adversa: "A nosa indiferencia alimentará o Proceso de autoxenocidio que vivimos". Mais cabe a esperanza de que "Tantos séculos de Ofensas e Olvido crean anticorpos no Organismo dun pobo, e esa continua Ofensa da historia vai xenerar no Orgullo deste pobo apacible o destrutivo Osíxeno do Odio...". En conclusión, "A Terra é o principio",...; Galiza é  "Poesía. Patria. Paixón". Galiza é "25 de Xullo".

Algunhas reflexións sobre o galego popular a propósito da lingua literaria de Uxío Novoneyra

por Xosé Ramón Freixeiro Mato, en Terra e Tempo:

O pasado 2010 foi o ano dedicado a Uxío Novoneyra, mais aínda a comezos deste, os días 17, 18 e 19 de febreiro, se realizou na Coruña un congreso organizado pola RAG, coa colaboración da UDC e do Concello da Coruña, para analizar a súa obra e o seu pensamento, pois a Consellaría de Cultura non tivo a ben facelo no seu momento. Con todo, ben está que a atención ás figuras a que se dedica cada ano o Día das Letras Galegas se prolongue para alén das datas e compromisos rituais. Foi esa unha boa ocasión para pór en relevo a importancia do autor como figura clave da literatura galega contemporánea. Mais tamén para reflexionarmos sobre o significado da súa obra e sobre o seu posicionamento e praxe lingüísticos.

Para Uxío Novoneyra a lingua galega é a memoria e o sangue da nosa nación, asumindo plenamente a identificación persoal entre lingua e patria. Tamén identifica lingua con fala, pois non concibe máis lingua que a fala do pobo -a "Lingua-Fala" popular- e non admite máis autoridade lingüística que o propio pobo. A partir deste posicionamento sobre a lingua, na súa obra poética e nos seus textos en prosa utilizou un galego popular e dialectal caracterizado polo polimorfismo e a heterografía, sen se someter ao ditado de ningunha norma. Non é, por tanto, que o galego popular e dialectal sexa o seu modelo de lingua poética para cantar os "eidos" courelaos. Na realidade, é o único modelo de lingua que el admite e que utiliza tanto nos seus versos como nos textos en prosa que elaboraba para dicir en público en contextos xeralmente de grande formalidade. Nese molde popular proliferan rexionalismos, populismos ou vulgarismos, algúns pseudogaleguismos, uns poucos arcaísmos e numerosos castelanismos de tipo fonético, morfolóxico e, nomeadamente, léxico. A se servir dese material lingüístico, o autor soubo manexar con grande habelencia os recursos expresivos da fala popular e con base neles construír unha obra literaria de grande calidade e estilisticamente rica, poderosa e destinada a perdurar.

Porén, a lingua utilizada polo autor suscita tamén algunhas reflexións de interese sociolingüístico. O autor quere ser fiel á memoria do pobo e á lingua familiar dos seus devanceiros, mais as linguas evolúen a través do tempo e por conseguinte vanse transformando e adaptando ás mudanzas que se producen na sociedade. Non é posíbel, mesmo nas afastadas aldeas do Courel, a permanencia duns costumes e xeitos de vida inmunes ao paso do tempo. Nin tampouco pode permanecer unha lingua familiar inalterada cando as propias familias courelás están espalladas por vilas e cidades da Galiza ou de fóra, e inclusive as poucos persoas que ficaron alí están recibindo diariamente influencias lingüísticas a través dos medios de comunicación audiovisuais, como antes as recibiron na escola ou na igrexa; unha proba delas son os castelanismos presentes na obra do autor. Xa non se trata tanto de que o mundo rural se extingue, o que semella evidente vendo o abandono das aldeas do Courel e o derrubamento material das vivendas e construcións tradicionais que as conformaban, como que as escasas posibilidades de sobrevivencia están asociadas a xente nova criada no medio urbano ou inclusive a populación emigrante non galegofalante. Admitirmos a equiparación entre desaparecemento do mundo rural -tal como o entendemos até agora- e morte do galego é tanto como estendermos xa a súa acta de defunción, pois ese mundo dunha forma ou doutra está en transo de desaparecer. Non é que lle faltase a Novoneyra base para esa dedución e non está claro que ao final non vaia ter razón, mais se quixermos manter a esperanza na conservación da lingua non podemos vincular a súa sorte á dun mundo rural xa en extinción. Por iso necesitamos, alén de procurar salvarmos o galego popular e dialectal, construírmos -mesmo elaborarmos en 'laboratorio' se for preciso- un galego urbano adaptado ás necesidades dunha sociedade diferente daquela que el idealizou e poetizou. Felizmente, con todo, ese galego a grandes trazos xa existe, aínda que se poida mellorar.

A idealización da fala labrega resulta totalmente lóxica nun poeta que escolleu escribir na lingua popular e rexional do seu paraíso da infancia vivido e sempre soñado. Nada que obxectar, pois, a esa encomiábel opción (salvo en todo o caso ese uso reiterado de castelanismos perfectamente evitábeis). Porén, unhas son as necesidades ou prioridades do poeta canto á utilización e aproveitamento dos recursos lingüísticos e outras as necesidades ou prioridades dunha lingua minorizada que necesita con urxencia adaptarse a unhas mudanzas sociais que xogan na súa contra e que, alén diso, precisa combater moitos preconceptos lingüísticos longamente instalados no corpo social. Certamente, Uxío Novoneyra contribuíu para destruír algúns destes e dignificou e engrandeceu coa súa obra a lingua galega, dándolle prestixio a esta e autoestima aos falantes. Mais ese modelo non é apto para estender ao conxunto da sociedade fundamentalmente por dúas razóns: a primeira, porque non é coherente ao utilizar solucións diferentes para os mesmos fenómenos lingüísticos (esta/ista, el/il, para/pra/pre, hastra/hasta/ata/ate,libertá/libertade/liberdade, só/soio/solo, eilí/ailí, inútil/inutle,posible/posibre/posíbel/posíbele etc.), o cal crearía total desorientación aos utentes; a segunda, porque admite practicamente todos os castelanismos que penetraron na fala popular (costumbre, acostumbrar, pasión, solo, pueblo, siglo, duda, decir, decidor, nombrar,sangre, siñal, naturaleza, pasillo, riesgo, persona etc.), o cal supón deixar aberto o camiño para a paulatina disolución do galego no español, acabando por se converter nunha variante dialectal deste.

En moitos casos é pola vía estilístico-expresiva como podemos explicar ese polimorfismo da súa lingua literaria, os dialectalismos e popularismos, e mesmo algúns castelanismos. Por que, se non, o autor utilizará pueblo na súa "Letanía de Galicia" cando coñece perfectamente e usa en moitas ocasións na súa obra a palabra pobo? A resposta non pode ser outra que por razóns de expresividade, por razóns sentidas verdadeiramente como estilísticas, embora poñan en relevo unha "crise" de estilo, como dicía Rafael Dieste, motivada por séculos de opresión da lingua propia. O paradoxo é que na fala popular moitas voces plenamente galegas (escola, moa, pobo, avó etc.) foron desbotadas polos propios labregos galegofalantes porque lles semellaban brutas e pouco elegantes -porque lles fixeron acreditar en que así o eran-, e foron substituídas polas correspondentes castelás (escuela, muela, pueblo, abuelo etc.); unha vez asentadas estas na fala popular, o poeta que quere devolverlle a dignidade ao pobo e á súa fala, converténdoa en vehículo da expresión poética máis pura, vese obrigado a utilizalas por fidelidade a ese mesmo pobo que xa se chamapueblo e a esa mesma fala que xa é denominada popularmente gallego e non galego. Eis a perversión da dominación lingüística secular. Eis tamén a perversión dos discursos actuais contrarios á lingua, base de tantos preconceitos: si se utiliza un galego depurado e culto, cualifícase de falso e inventado; si se acode á fala popular castelanizada, dise que se trata dun castrapo rural inculto e sen futuro. O poeta do Courel non soubo vencer este paradoxo porque tampouco a sociedade galega soubo resolver aínda o dilema entre un galego auténtico depurado e un galego popular castelanizado. Algunhas persoas acreditamos en que só un galego depurado -descastelanizado- e de calidade pode sobrevivir no futuro, mais ese aínda non é o sentir xeral entre os especialistas e menos na sociedade galega no seu conxunto. Con todo, hoxe temos mostras evidentes de que un galego popular e dialectal depurado é posíbel.

Evidentemente, prodúcese unha situación paradoxal con relación á lingua de Novoneyra e á situación sociolingüística actual. É preciso defendermos a fala popular por xustiza e por dignidade dos propios falantes, mais tamén cómpre depurármola de interferencias alleantes para así podermos garantir o seu futuro. Isto non é fácil, mais é posíbel. Non só se defende a fala popular falando como fala o pobo. Tamén se pode defender respectándoa, iso sempre, mais tentando dignificala mediante a preservación do que lle consubstancial e a eliminación do que lle é antinatural e superposto como consecuencia da colonización secular. Ao cabo, trátase de restaurarmos o edificio da nosa lingua deturpado pola agresión e o abandono históricos. Como se restaura unha construción arquitectónica patrimonial? Elimínanse as adherencias espurias e reconstrúense as formas auténticas, coas necesarias intervencións que a convertan en funcional para a sociedade. Pois iso mesmo se debe facer co noso maior ben patrimonial colectivo. Un edificio histórico de alto valor degradado e en descomposición degrada tamén o pobo que tolera tal situación, en canto que ben recuperado e plenamente funcional dota ese pobo de dignidade, orgullo e estima -propia e allea.

Ou é que, polo contrario, debemos deixar que o monumento danado continúe o seu progresivo proceso de deturpación co argumento de que non podemos modificar a historia porque as cousas son como son? Deixamos a uralita como tellado dun hórreo con valor histórico ou procuramos substituíla por un material igual ou similar a aquel que orixinariamente tivera? Hai persoas con responsabilidades públicas moito importantes que se negan a depurar o seu galego e falalo con corrección porque din que eles falan "como fala o pobo". De acordo con este argumento, como o galego popular sufriu ao longo dos últimos séculos interferencias foráneas desnaturalizadoras, non as eliminemos. Máis aínda, imitémolas e magnifiquémolas para así sermos fieis á súa maneira de falar, dirán algunhas persoas. Deste modo podemos caer no paradoxo de que, querendo defender o galego que fala o pobo, acabemos por contribuír para a súa desaparición por paulatina castelanización. Hai a quen isto non lle importaría porque tamén non vería mal unha Galiza a se expresar unicamente en español. Mais este non é o caso de Uxío Novoneyra, que como outros moitos dos nosos devanceiros, defendeu con teimosía e afouteza a extensión do uso social -a normalización- da lingua galega e soñou unha Galiza liberada e dona dos seu propio destino a falar con orgullo no idioma de seu.

Debemos ter, por tanto, certa prevención coa defensa do galego popular se non se estabelecen certos matices, pois tal defensa non pode ser allea ao contexto diglósico dos últimos catro séculos. Non é o mesmo defender a dignidade da fala popular e o respecto que merece, que defender sen máis esa fala como modelo común e válido para todos os ámbitos da vida social. Non é o mesmo propor a fala popular como fonte limpa e transparente da autenticidade lingüística, en que os escritores e escritoras deben beber, nun país con lingua normalizada como facelo noutro coa súa lingua gravemente interferida nas súas estruturas internas. Con certeza que tamén os nosos autores e autoras poden e deben inspirarse na fala popular, mais sabendo distinguir o auténtico do impostado. Como igualmente dixera Rafael Dieste, non hai mellor mestre que o pobo en cousas da fala cando sabemos escoitalo e temos tino dabondo para escolmar o bo e desbotar o refugallo.

xoves, 3 de marzo de 2011

Roble, Mordisco, Desfiladero, Cuevas del Rey, Carretera; novos concellos galegos

Se non o vise cos meus propios ollos, podería chegar a pensar que foi invento dalgunha mente realmente atravesada e se non o lera varias veces chegaría á conclusión de que realmente nunca se publicara tal monstruosidade. O certo e que si, que o vin, que un diario madrileño que recibe suculentas subvencións pola súa contribución á normalización lingüística elaborou unha monstruosidade que indica como anda por aquí iso da normalización, cousa que non é de estrañar por estar dirixida por mentes realmente atravesada.
Debido á morea de queixas que lle chegou, no diario xa modificaron a noticia na que informaban dun concurso de novas licenzas de FM  e na que aparecían presuntos topónimos de concellos galegos: *La Coruña, *Roble, *Órdenes, *Mordisco, *Desfiladero, *Cuevas del Rey, *Vivero e  *Carretera. Para mexar e non botar gota. Se hai alguén con curiosidade enfermiza pode consultar o texto orixinal no tumblelog As miñas historias.
O presunto concello da *Carretera non me custou moito saber a que vila facía referencia, pois vivo nela; aínda que postos a facer a cousas mal, facelas completamente mal: eu aconsellaríalle que para a próxima puxeran *La Carretera. Iso si, o caso de *Mordisco, teño que confesalo, non fun quen de desenlealo, e non me quedou máis remedio que recurrir á nota orixinal da Secretaría Xeral de Medios. para saber de que municipio se trataba. Certamente, a mente humana é retorta como un fouciño.
E que di a todo isto a SXPL? Como sempre, cala.

Gal(L)ega 100%

por Xabier López López, no dixital da Nosa Terra:


Dada a velocidade coa que se moven os esperpentos e  outros seres máis ou menos vivos, poida que a información que me dispoño a brindar chegue a este espazo unha miga tarde. Porén, non me resisto a transcribir en primicia unha conversa que seguramente vai axudar a resolver definitivamente o afamado expediente “Leite galega”, ese controvertido asunto que ocupou un tempo a atención de todos aqueles que aínda conservamos, pese a todo, certa capacidade de abraio (por non falar da estúpida manía de concordar os xéneros gramaticais). Mais non perdamos máis tempo do necesario e pasemos a reconstruír os feitos. Vexamos... Unha empresa de publicidade de sete estralos coa que adoita traballar a Xunta de Galicia. Unha encarga. Unha proveitosa sesión de brainstorming cos máis acreditados e efectivos creativos. Unha idea. O teléfono da consellería (competente en razón da materia) a saltar de extensión en extensión ata parar no auricular axeitado.
–O que oe, señor conselleiro. Unha idea excelente, señor conselleiro. Nada de lendas dobres, señor conselleiro, nin traducións, nin outros gastos innecesarios de espazo e tinta.
–E iso?
–O nunca visto, señor conselleiro. O slogan ideal para unha campaña publicitaria: cun só deseño, señor conselleiro, logramos cubrir todo o nosotarget. Dous coellos dunha caxatada, señor conselleiro!
–Explíqueme iso.
–Pois ben doado, señor conselleiro. Resulta que se un le tal que así, vai e pon “Galega”; pero se o consumidor acerta a ver no chorro branco que vén de arriba outro “ele”...
–Gallega!
–Equilicuá.
–Brillante.
–E logo non? A mandar, señor conselleiro.
(Tradución ao galego do autor)

Breogán"s Lighthouse

Por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicia Hoxe, no que fala da publicación dunha antoloxía bilingüe da literatura galega que se presenta hoxe en Londres.

Hoxe preséntase en Londres por todo o alto a antoloxía bilingüe galego-inglés Breogán"s Lighthouse. An Anthology of Galician Literature, realizada na súa integridade polo catedrático de Filoloxía Inglesa da Universidade da Coruña Antonio Raúl de Toro Santos. Publicada pola editora londiniense Francis Boutle Publishers, a magna obra levada a cabo por Antonio de Toro, editor do volume, contempla 800 anos de literatura galega, dende o século XIII -a poesía medieval galega é unha das xoias da humanidade, que dixo no seu día Octavio Paz- até a actualidade, constituíndo así a máis importante mostra de literatura galega (máis de 650 páxinas) traducida a outro idioma. 150 autores seleccionados e arredor de 350 textos literarios escolmados demostran ben ás claras a existencia dunha literatura galega antiga e moderna que nos sitúa -o noso país non chega aos 30 mil quilómetros cadrados e non supera os 3 millóns de habitantes- entre as culturas europeas donas dunha literatura de seu con máis brillante cultivo da expresión literaria, algo que agora terán a ocasión de comprobar, en perfecta visión panorámica, os lectores ingleses. Os textos literarios incluídos no Breogán"s Lighthouse foron traducidos ao inglés directamente do galego por David Clark, Alan Floyd, Anne MacCarthy, John Rutherford, Ana Gabín e Juan Casas, o que lle engade ao conxunto literario unha calidade textual en inglés fóra de toda dúbida. Mais o gran mestre creador, executor e proxector deste tesouro do idioma galego ofrecido ao mundo anglófono, así o debemos valorar e expresar, é o profesor Antonio de Toro. Catedrático de Filoloxía Inglesa e director do Instituto Universitario de Estudos Irlandeses Amergin da UDC, Antonio de Toro é unha autoridade internacionalmente recoñecida en literatura inglesa e irlandesa, e é autor, entre outras, de dúas publicacións fundamentais: Poesía irlandesa contemporánea(1999) e La literatura irlandesa en España (2007). Agora toda Galicia (Faro de Breogán) está en débeda con Antonio de Toro..

mércores, 2 de marzo de 2011

De contra da

Por que a nota que emite a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) leva o título "O galego avanza e aséntase como lingua de tecnoloxía" e non "... aséntase como lingua da tecnoloxía"? Non é un erro, a frase, tal e como a escriben ten sentido, pero o sentido que ten está claramente restándolle espazos á lingua galega, en coherencia coa política de redución de uso do galego que están a implantar sistemáticamente desde todo o aparato do goberno autonómico co consentimento e incluso coa promoción da funesta SXPL. Explícome.
Se un di que o galego é a lingua da tecnoloxía,  máis que dando unha afirmación, está a expresar o desexo de que o sexa, de que o galego chegue a ser realmente a lingua na que se desenvolvan as ferramentas tecnolóxicas. No entanto, cando se proclama que simplemente é lingua de tecnoloxía estase deixando enxergar que o noso desexo é que a cousa quede como está, que a implantación do galego non vaia a máis, isto é, que avancen os outros e que o galego quede reducido á dose homeopática que lle corresponde: existente pero invisible. Eis a razón de que a SXPL use esta expresión e non outra, porque non procura a extensión do galego en ningún ámbito senón a súa redución. Esa e a diferenza entre o de e o da.

Fórmula da semanacurta

Podemos ver este mapa de Galicia inzado de puntos, un por cada centro participante na semana das curtas organizado pola Coordinadora Galega de ENDL en colaboración co Equipo de Normalización do IES Audiovisual de Vigo.
A fórmula da actividade:
1 IES + 1 coordenadora + 1 proxecto + 1 web +  1 blogue + 20 curtas + 80 centros de ensino + 11.000 alumnos = éxito total

E mentras uns suman, outros restan, tamén no audiovisual

Feijóo e a volta do “bilingüismo cordial”

por Cris Moss, no Xornal:


O de onte foi un día de celebración para o PP e en especial para o presidente da XuntaAlberto Núñez Feijóo, por ser a data na que se cumpría o segundo aniversario da súa vitoria electoral, se ben non protagonizou ningún acto especificamente convocado para conmemorar este cambio político.
O presidente dedicou o día de onte a facer balance non do seu mandato, senón do Xacobeo 2010, cun acto na Cidade da Cultura no que, non obstante, non evitou as referencias á súa vitoria nas urnas. Previamente, e si co gallo da conmemoración, o xefe do Executivo protagonizou ata tres entrevistas radiofónicas.
Nunha delas, na Cadena Cope, Feijóo recuperou a que fora unha constante dos seus discursos como candidato, isto é, a cuestión lingüística. Segundo explicou, unha vez chegados ao ecuador da lexislatura, “o bilingüismo cordial volveu ás aulas” e a “proporción” de idiomas aos libros de texto, di.
Dentro da súa visión das reformas lingüísticas, Feijóo gabouse non só das medidas adoptadas, senón tamén da súa acollida. Obviando as múltiples protestas contra a súa política lingüística, o presidente aseverou que en Galicia “xa non se fala do tema” porque o “bilingüismo cordial” foi “asumido”.

Prexuízos lingüísticos versus prexuízos raciais

Vídeo montaxe que compara a actitude acomplexada da protagonista cos resultados do célebre experimento: The Clark doll experiment. Prexuízos lingüísticos vs prexuízos raciais. Un versus magníficamente realizado. Vía Brétemas.


martes, 1 de marzo de 2011

Abalar e Flocos.tv

por Xoán Costa, no Caderno xeral dal AS-PG:

Consellaría de Educación está a pór en marcha o proxecto Abalar, unha iniciativa que, entre outros obxectivos , pretende ” maximizar o aproveitamento dos recursos” e acadar “o aproveitamento efectivo dos contidos dixitais
Da improvisación con que se está a levar a implantación deste proxecto xa se ten falado moito, así como da falta de perspectivas didácticas e pedagóxicas que o orientan e que ceden o seu espazo ao equipamento en infraestruturas, moito máis rendíbel.
Esta  carencia de perspectivas mesmo se fixo máis evidente estes días, cando, nun momento en que se aduce a necesidade de aforro como unha xustificación para recortar prestacións do sistema, se entregan sen problema, millóns de euros a multinacionais do software  para traducir
os interfaces dos seus programas a galego tendo, como temos, software coas mesmas prestacións libre e en galego ou, cousa aínda máis chamativa, nen siquera se traducen os ODE (obxectos dixitais educativos) que figuran no espazo Abalar. Sabe a Consellaría de Educación da existencia en Extremadura ou en Castilla-La Mancha de ferramentas comoCuadernia ou Constructor, postas a disposición de toda a comunidade educativa para a creación e difusión de materiais educativos dixitais?
A abundancia de recursos dixitais en galego non é moita e en todo o caso non é suficiente para desenvolver os contidos curriculares que os centros educativos han de levar a cabo.
Flocos.tv, viña ocupando para moitos e moitas docentes un espazo único para a presentación ao alumnado de contidos educativos, creativos ou documentais, que agora fica baleiro. E fica baleiro non por falta de usuarios ou por ofrecer recursos inadecuados.
Mais ben fica baleiro por esa constante e ben planificada actitude da Xunta de Galicia, neste caso a través da Consellaría de Cultura, de fechar todos os espazos posíbeis para que a nosa lingua e a nosa cultura, xa non digo que medren senón, simplemente, para que non se asfixien.
Abalar. Haberá que abalar as conciencias dos nosos gobernantes até conseguir que Flocos.tv poda estar de novo presente nas aulas porque os nosos alumnos e as nosas alumnas teñen dereito a coñecer, e a valorar, materiais de valor
educativo contrastado e que en moitos casos foron realizados con fondos da propia Consellaría que agora, como Cronos, devora os seus propios fillos. 

A CTNL pide normalización nas eleccións municipais

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) celebrou o venres 25, en Santiago de Compostela, a súa asemblea anual, e fixo públicas unhas resolucións nas que declara que traballa para "que os/as galegos/as poidamos manter a visión do mundo desde a óptica que só nos pode dar a lingua propia do noso territorio"
Nas resolucións da asamblea destacan a súa petición aos organismos públicos para "que asuman os obxectivos normalizadores acordados consensuadamente e reflectidos, principalmente, na Lei de normalización lingüística e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade en 2004"

Responsabilidade e medidas de apoio á lingua para as eleccións de maio
Prevendo unha liorta na que a nosa lingua volva a recibir os golpes máis demoledores, tal e como sucedera coas eleccións autonómicas do 2009, de cara ás próximas eleccións municipais do mes de maio, desde a CTNL  instan "a todas as organizacións políticas a que sexan responsábeis no debate sociolingüístico", para o que lles piden responsabilidade e "que non utilicen críticas nin ataques ao proceso de normalización da lingua galega de xeito electoralista". Tamén lles solicitan "que incorporen nos seus programas medidas de apoio á lingua galega", entre as que salientan a creación ou consolidación de Servizos de Normalización Lingüística.

Reclámanlle medidas á Secretaría Xeral de Política Lingüística
Para facilitar e axudar a todas aquelas entidades, públicas ou privadas, que queiran usar e promocionar o galego, desde a CTNL reclámanlle á Secretaría Xeral de Política Lingüística que convoque as subvencións para a promoción do galego desde as administracións locais, as axudas para a promoción do galego desde as asociacións sen ánimo de lucro e as axudas para a promoción do galego nas empresas privadas, e que, sinalan, que "o faga o máis axiña posíbel, con recursos económicos suficientes, con criterios claros e xustos e con fins claramente normalizadores".
Isto é, pídenlle á SXPL que comence a andar xusto o na dirección contraria do que está a facer. Estaría moi ben que lle fixeran caso.

Castelao na diana

por Xosé A. Perozo, escritor, na Nosa Terra:


O que vou dicir non é politicamente correcto dentro da cultura galega. Mesmo desatará iras e serei considerado un herexe. Tanto ten. Vou falar de Castelao, con todo o respecto do mundo, pero desde a óptica de quen o descubriu por casualidade antes de coñecer a lingua galega, antes de coñecer a cultura de Galicia, antes de saber da historia deste país, antes de ser solidario con esta terra e as súas xentes.
Descubrín a Castelao, lonxe de aquí, a finais dos 60 do século pasado por mor das críticas que facía e da visión deformada que tiña de Extremadura (con x). Caeume mal, moi mal. Logo tentei comprendelo e aceptalo, mesmo o día que recibimos os seus restos, eu estaba en San Domingos de Bonaval e sufrín o impacto dun ovo lanzado polos nacionalistas alporizados. Con todo, nin o tempo nin o coñecemento cambiaron moitas das miñas apreciacións.
Considerei e considero a Castelao un símbolo sobredimensionado. Pero a historia está infestada deles. Paréceme un autor teatral mediocre. Como tantos. Algún, incluso, recibiu o Nobel. Como pensador, resúltame confuso e pesado, ademais de anacrónico en moitas das súas reflexións políticas e sociais. Pero foi un home do seu tempo e das súas circunstancias. Como pintor coido que chegou tarde á historia da arte. Como humorista, considéroo excelente aínda que a súa orixinalidade gráfica non chega á potencia doutros contemporáneos como, por exemplo, Bagaría. Ese é o Castelao que eu respecto como político, pensador e personaxe dentro da historia de Galicia.
Porén, non podo aceptar a decisión da Xunta de non nomear o Ano Castelao por consideralo materia de propaganda nacionalista. Non acepto que o Goberno de todos/as galegos/as actúe dun xeito tan sectario e excluínte porque, ademais, deste xeito contamina e perverte calquera outra conmemoración cultural que propoña ou avale. O PPdeG está dicindo que Gonzalo Torrente Ballester ou Álvaro Cunqueiro, que contan con esa distinción, non están nos altares da cultura polos seus méritos literarios e a traxectoria pública, senón por unha evidente militancia política de dereitas. Teño a certeza de que nin Cunqueiro nin Torrente, por pór dous exemplos inmediatos, sen renunciar ás circunstancias que lles correspondeu vivir, aceptarían semellante afronta.
Castelao é unha peza histórica, unha parte de Galicia, unha icona que merece as mesmas consideracións e respecto que calquera outra figura. O tempo dirá se queda nun capítulo circunstancial ou consegue unha proxección indeleble. De momento, colocado na diana, semella un espello que reflicte a intolerancia dun Goberno de Galicia a cada paso menos galego.