por Manuel Rei Romeu, en Terra e Tempo:
Foi o irmán, Xosé Manuel Pereiro, quen o definiu como "Un punk calado, irónico e amable, un dandy esguío entre quen son agora o núcleo duro da creación poética galega. Eran amigos seus, pero sempre preferiu frecuentar os labirintos da vida aos círculos literarios". Na mesmaFotobiografía sonora, que acaba de editarse, a foto co Grupo poético da Coruña De amor e desamor, amosa un Lois Pereiro cun certo aire desacougante, cunha excentricidade que supera con moito a de calquera outro escritor do seu tempo por moi dandi e extravagante que for.
En referencia a Poemas 1981/1991, Manuel Rivas, o seu irmán literario, caracteriza a súa poesía como "mestura de vídeo-clip, haiku, destello, pregaria e cantiga de escarnio".
O pasado 16 de febreiro, no IES Concepción Arenal de Ferrol, grazas á bondadosa iniciativa de Inés, a irmá de Lois que traballa de ensinante neste Centro, tivemos a sorte de poder celebrar unha pequena e sentida homenaxe ao poeta morto prematuramente. Seguramente foi unha das primeiras que se celebrou en Galiza, neste ano que a Real Academia Galega dedica ao escritor. Grazas á xenerosidade de Inés, repito, desde o Equipo de Normalización Lingüística puidemos organizar un acto no que participaron Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro, o irmán de Lois. Previamente alumnos/as do Bacharelato de arte realizaron diferentes versións de caricaturas do poeta que se proxectaron ese mesmo día acompañadas de poemas seus. O Salón de Actos "Rosalía de Castro", ateigado de alumnos/as de segundo de Bacharelato, algúns profesores e mais público de fóra, recreouse tamén co recitado a cargo dunha alumna, seguido dunha poética interpretación musical por parte de dous mozos estudantes. A data non foi casual: un 16 de febreiro (domingo de Entroido) de 1958 nace Lois Pereiro; cumpriría agora cincuenta e un anos.
Xosé Manuel Pereiro fixo un percorrido cronolóxico pola biografía do irmán poeta, con moitas claves e cun humor moi celebrado polos mozos e mozas alí presentes. Tamén Lois Pereiro insistía en levar a vida con humor: "O humor será o que nunca perderei: Nin a paus!- deixou escrito na Conversa ultramarina.
Como moitos nenos galegos, a súa vida abalou entre o mundo rural e o mundo urbano ou semiurbano. Os verán pasábaos coa familia nas aldeas do Incio (Reádigos, Santa Cristiña), dísenos, cando aínda estaban cheas de nenos e nenas. Sen dúbida, ese espazo deixaría fonda pegada na súa vida. Os invernos, outonos e primaveras pasábanos en Monforte: os Escolapios, as rúas, as hortas, os edificios en construción, onde se aventuraban a entrar. Monforte tiña xa neste tempo e ten a traza de punto neurálxico ferroviario, de cidade inacabada na súa fasquía ou de museo dos camiños de ferro. Desta encrucillada puido xurdir en Lois Pereiro a ansia por viaxar e esa tentación á extravagancia (percorridos en tren por Centroeuropa, viaxes á Gran Bretaña, Irlanda...).
Raro e extravagante tiña que ser un mozo tímido, calado, aberto aos mundos da literatura e da música moderna que, non obstante, ousaba recitarlle ás mozas nas discotecas poemas dos simbolistas franceses.
En Madrid discorre a súa formación. Precisamente, lonxe de Galiza vai descubrir e facer unhas das súas primeiras contribucións á cultura galega. Xunto con Antón Patiño, Manuel Rivas, Menchu Lamas, Fermín Bouza vai axudar a crear a revista Loia.
A intoxicación con aceite de colza en 1981, con case 400 mortos e máis de 17.000 afectados, será un feito determinante na súa vida e tamén na súa obra. Por culpa da afección chegará a unha febleza física tal que mesmo lle impide vestirse só. Acaba abandonando as sesións de rehabilitación en Madrid a pouco de comezalas ("non podo ver nenos que son só ollos", díxolle á nai). E volveu para sempre a Galiza.
Non parece casualidade que este feito coincida co inicio da súa escrita poética. Seguramente pode ilustrar ben até que punto condicionan as circunstancias a obra dun escritor. A primeira entrega poética súa reúne poesía dunha década: Poemas 1981/1991, publicado en 1992. O segundo poemario, Poesía última de amor e enfermidade (1992-1995), publicado neste último ano, completa case o seu percorrido vital. Morre o 24 de maio de 1996 na Coruña. Atendendo á súa vontade, sotérrano no cemiterio de Santa Cristiña, o Incio, ao son das gaitas que tocaban "A marcha do Antigo Reino de Galiza".
Unha actitude poética esencial
Lois Pereiro é autor dunha obra poética breve mais intensa. Máis que a propia poesía, a súa actitude e a súa figura son as da extravagancia e a excentricidade. Tivo dificultades para comezar a publicar. Atopou, segundo parece, a receptividade de Edicións Positivas; non sabemos se procurou a de editoras máis grandes. O premio que recibe como escritor é o dunha entidade de base, a Asociación Cultural O Facho da Coruña. Un clásico noso, Manuel María, é o poeta que realiza as presentacións dos seus libros en Monforte en 1992 e 1996.
O propio epitafio seu, que figura como colofón tamén do último poemario, semella obra dun poeta nada convencional: Cuspídeme enriba cando pasedes/ diante do lugar onde repouse/ enviándome unha húmida mensaxe/ de vida e de furia necesaria.
É ben sabido que o signo de moitos escritores, quizais máis aínda en literaturas periféricas como a galega, é a extravagancia ou a excentricidade; noutros casos versións achegadas como a bohemia, o dandismo, a loucura. É dicir, o que está fóra da norma e "vaga" sen rumbo establecido. A extravagancia susténtase nunha vocación de singularidade e de orixinalidade. Non poucas veces escoitamos a consideración de Rosalía como estrafalaria ou louca. Transgresora, por riba de todo! Á súa maneira, poderíase aplicar a Pondal, a Castelao na aparencia estética, a Valle-Inclán -"eximio escritor y extravagante ciudadano", como o consideraba Primo de Rivera, a Óscar Wilde, ... A excepción á norma establecida prodúcese, como podemos supoñer, por cuestións diferentes, xa sexan morais, sexuais ou políticas.
No caso de Lois Pereiro a transgresión provén do aparencial; trátase dunha provocación asumíbel. Non actuaba contra o establecido, contemplaba en silencio con ollada irónica. Hai un evidente dandismo ("o espello da elegancia dediante dos meus ollos"), xunto a unha vontade de fuxida permanente. No difícil contexto dos anos oitenta e pertencendo a unha xeración que viviu os estertores da Ditadura e as frustracións da transición, resulta difícil entender tanto individualismo no existencial e no creativo, resulta difícil evadirse dos compromisos do momento. Seguramente foi por unha deliberada desvinculación entre o fenómeno da creación literaria e o feito social, moi propia dos vangardismos. Os finais dos setenta e os oitenta son anos de expectativa e de grandes mobilizacións no noso pobo: a Constitución española, o decreto de bilingüismo, a campaña contra o Estatuto, o reforzamento da monarquía e os recortes do proceso autonómico (23 F), a entrada na OTAN, a loita contra a reconversión naval, as mobilizacións agrarias, as loitas do estudantado universitario.
Na poesía e nas confesións de Lois Pereiro hai grandes doses de narcisismo ("eu son un deus sensual") e de escepticismo. O disfrace e a máscara dos que se recubriu evidencian sen dúbida a insatisfacción e a desconformidade coas circunstancias persoais e cos tempos que lle tocou vivir. Esa foi a súa forma de protestar. Esa é a mensaxe que nos transmite aínda a súa imaxe, unha pose ou un xeito de situarse á marxe.
Galiza tamén é patria
Malia toda a súa posmodernidade hai, porén, unha maneira comprometida e humana, quizais algo clásica tamén, de concibir a función da poesía no mundo: "a poesía é un xeito de fuxir da barbarie", di na súa autopoética. Aínda que non contribúa a mellorar o mundo, tampouco pode contribuír a empeoralo. Ao menos crese na posibilidade de facer pensar e cambiar as persoas. Tamén é un xeito de autodignidade, de expurgación da agresividade interior ("A min sérveme para salvarme do meu propio espírito"). Ou como xeito de consolación perante un destino que se presentía cruel ("...esta vez non haberá resurrección/ e o futuro é por forza alleo a min", declara en Poesía última de amor e enfermidade). Recoñecese tamén nun forte impulso autorial, nunha vontade por sobrevivirse.
Xa dixemos que hai en Lois moito de poesía de evasión individualista, de exilio cosmopolita, de espírito vagabundo. No que respecta a Galiza, percíbese unha tensión de amor e desamor, que non semella allea a outros moitos escritores. Galiza é espazo e perspectiva; é paisaxe interior, parafraseando o poeta. Hai un fondo telúrico e panteísta, unha identificación cun atlantismo envolvente ("esa fonda ironía de orixe atlántica"). Contraposta, evidénciase unha "tradición oculta dun pobo que cultiva o silencio, o negativismo" e mesmo "unha lenta malicia intensa e meditada", até chegar á brutalidade. A caracterización máis pesimista é aquela que fai súa e recrea o poeta: "Fago meu ese fondo subconsciente escéptico e suicida".
Nun dos poucos poemas dedicados a un escritor, a Ánxel Fole concretamente, a terra abala da luminosidade do verán ("voo das vésporas ó sol") á ameaza das "sombras letais". É unha terra de lenda con mananciais de "líquidos telúricos". Mais na súa vertente máis brava e profunda acaba sendo "maina e cruel/violenta, visceral/secreta, infame, inmemorial"(Poemas 1981/1991). Por tanto, amada e odiada. Case toda a súa poesía se pode encadrar nas coordenadas da nostalxia, do amor e da morte ou da autoaniquilación.
Nun poema, a modo de guión alfabético, emitido por TVG o 25 de xullo de 1988, faise unha interpretación de Galiza que se move nas claves simbólicas antes apuntadas. Parafraseando, Galiza é esa alma atlántica, onde hai esperanza e lugar para a alegría, "ledicia do espacio circundante". Galiza é "conciencia Céltica do Cosmos" e "Espiral no Espacio Esférico"; tamén é emigración e "eterno Estrañamento do espírito"; "kilowatios por terra asulagada". A historia foinos adversa: "A nosa indiferencia alimentará o Proceso de autoxenocidio que vivimos". Mais cabe a esperanza de que "Tantos séculos de Ofensas e Olvido crean anticorpos no Organismo dun pobo, e esa continua Ofensa da historia vai xenerar no Orgullo deste pobo apacible o destrutivo Osíxeno do Odio...". En conclusión, "A Terra é o principio",...; Galiza é "Poesía. Patria. Paixón". Galiza é "25 de Xullo".
Ningún comentario:
Publicar un comentario