Segundo leo no blogue Cousas de Imeneo, este martes 8 de marzo publicouse no DOG o listado de subvencións ás empresas xornalísticas e de radiodifusión. Na relación de medios que aparece no DOG non aparecen aqueles que reciben menos de 3000 €, aínda así, si que podemos ver o reparto de máis de 1.600.000 €, dos que o grupo da Voz de Galicia levan máis de 630.000 €,e o Faro de Vigo leva 233.219 €. Os seguintes en recibiren subvencións son as empresas que editan El Progreso, El Correo Gallego (e Galicia Hoxe), El País, La Región, Diario de Pontevedra, El Ideal Gallego e Radio Popular, todos estes, con máis de 50.000 € de subvención. Ningún deses medios, agás o Galicia Hoxe, chega ao 4% de información en galego, e sobre o caso especial de Galicia Hoxe, cómpre destacar que a subvención ao grupo do Correo Gallego non se ve especialmente incrementada por este feito. Aínda peor, os medios que apostan decididamente polo galego non se ven recompensados por facelo, ata o punto de que nos últimos anos varios tiveron que pechar, e de seguir así as cousas, non tardarán en facelo todos os que están neste caso, tal e como asegura nunha entrevista Gillermo Rodríguez, quen fora director d´A Peneira. Non é de estrañar que estes negros augurios chegen a facerse realidade de seguiren as cousas como ata agora pois eu no DOG ao que se fai referencia podo ler que aos medios en castelán lle damos 1.600.000 € mentres que aqueles que usan significativamente o galego reciben 300 veces menos. Aínda máis...
En virtude desta resolución da Secretaría Xeral de Medios, reciben subvención Radio Orense S.A. e La Opinión de La Coruña, empresas que nin tan siquera cumpren a formalidade de cumpriren a Lei de Normalización Lingüística a respecto da toponimia. Bastaría con que a Xunta fose un pouco coidadosa nas convocatorias para que este tipo de desprezos deixaran de producirse. E que ninguén pense que eu son retorto por andar a voltas con estes detalles xa que, por exemplo, aínda que apareza ante os medios como unha medida de alto contido normalizador, a reducida (un 40% do repartido hai dous anos) convocatoria de subvencións da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a edición de materiais curriculares en galego ten moi en conta o funesto decreto de plurilingüismo e ningún recurso didáctico de matemáticas (por exemplo), por moi bo que sexa, recibirá nin un céntimo, en virtude desta convocatoria.
Está claro que para aqueles que se desenvolven exclusivamente en castelán, non hai problema ningún e que incluso se lles permite burlarse das leis fundamentais coas que nos dotamos. No entanto para o galego, desde a Xunta, e desde toda a súa arañeira regulamentaria, todo son dificultades.
Esta é a política lingüística desta Xunta, e así nos vai. Non si?
Ningún comentario:
Publicar un comentario