por Xosé Manuel Baños García, un veciño que escribe no Terra e Tempo:
Mentres a Xunta paga por unha tradución parcial e trapalleira do Windows á transnacional dominante, centos de voluntarias e voluntarias traducen ao galego centos de aplicacións para normalizar o uso do galego na informática
A ninguén se lle escapa que o idioma galego non está a pasar os seus mellores momentos: cada vez hai menos falantes, e, por se fora pouco, decisións políticas da Xunta de Galiza, gobernada polo Partido Popular, están atacándoo furibundamente, cando é unha obriga legal protexelo e normalizar o seu uso en todos os ámbitos da vida das galegas e galegos.
Un deses ámbitos onde a escasa presenza do galego é preocupante, é no ámbito da informática, dos programas informáticos que usamos a diario nas nosas casas ou no noso traballo. As sucesivas versións dos programas informáticos, sobre todo do sistema operativo, que é o que lle dá vida ao ordenador, sen o cal sería un trasto inútil, sucédense cada poucos meses por cuestións de mercado, é dicir, de facturación das grandes transnacionais do software, fai moi difícil que se sucedan coa mesma rapidez as traducións ao galego deses sistemas operativos.
A ninguén se lle escapa que a transnacional Microsoft ten unha posición dominante no mundo dos computadores persoais. A primeira vez que se traduciu ao galego unha versión do sistema operativo desta transnacional foi para o Windows XP, unha tradución trapalleira, xa que non estaba traducido na súa totalidade, e tiña certos problemas de compatibilidade con outros programas que se podía instalar no computador. Esta tradución pagouse con cartos públicos, cando debía ser unha obriga legal da empresa fornecer en galego esta ferramenta informática. Con todo, a tradución non viña de serie, había (hai) que facela aparte, descargándose un arquivo desde a páxina web da citada transnacional, o que, obviamente, é un problema engadido para aquelas persoas menos habilidosas no mundo da informática.
Despois de Windows XP veu o Windows Vista para o que non había tradución ao galego, nin de serie nin de nada; e co último lanzamento da transnacional americana do software, Windows 7, o goberno da Xunta do Partido Popular, volveu a repetir a mesma operación do Windows XP, isto é, pagarlle a Microsoft para que traduza parte do sistema operativo, que quedará obsoleta co próximo lanzamento da nova versión do Windows 8, prevista inicialmente para este ano.
En resumidas contas, o PP volve a tropezar na mesma pedra, volve a dilapidar cartos públicos engordando a conta de resultados dunha transnacional, nun aplicativo que traducirá ao galego parcialmente o seu último sistema operativo, deixando en castelán partes importantes da aplicación, nunha sorte de bilingüismo harmónico no mundo da informática; en definitiva, unha chapuza.
Mais se queremos que o noso computador estea en galego, mesmo aqueles aplicativos que usamos habitualmente como programas ofimáticos, navegadores de internet, programas de retoque fotográfico, etc, non temos que pagar por el, nin do noso peto nin cartos públicos, que ben se poderían adicar a outras cuestións, agora que está tan de moda iso da autoridade. Por certo, pregúntome eu se o Estado Español paga a Microsoft pola tradución ao castelán dos seus produtos? Non, verdade.
Desde hai máis de 10 anos a comunidade de usuarias e usuarios Trasno.net, localiza ao galego -para entendernos, traduce-, entornos de escritorio e outro tipo de aplicativos con licenza GNU, é dicir, software libre, que se pode distribuír e modificar libremente, e, como se pode comprobar até traducir, cousa que cos programas da transnacional dominante é imposíbel.
O entorno de escritorio como GNOME ou KDE, que nada teñen que envexar ao Vista ou Windows 7, aplicativos ofimáticos como OpenOffice, ou distribución linux como Ubuntu, Debianou Fedora non estarían en galego sen o traballo incansábel desta comunidade de usuarias e usuarios, que, sen apoio público de ningún tipo, poñen a disposición de todas e todos nós, unha inmensa listaxe de programas informáticos traducidos impecabelmente ao noso idioma.
Mais tamén hai que destacar o traballo feito pola comunidade de usuarias e usuarios g11n.net, que tamén traducen de aplicativos como o coñecido navegador Firefox ou o cliente de correoThunderbird, ferramentas imprescindíbeis hoxe en día en calquera computador que se precie.
En resumo, da Xunta de Galiza gobernada polo Partido Popular non agardo que mova un dedo a prol do noso idioma, máis ben o contrario, como xa ten demostrado sobradamente. Daquela se "queremos galego" nos nosos computadores xa o temos á nosa disposición, non hai que pagarlle a ningunha transnacional. Non só o temos a nosa disposición na rede, senón que, se temos os coñecementos axeitados podemos colaborar na tradución dos aplicativos informáticos que usamos habitualmente.
Dúas cousas.
ResponderEliminarO Windows Vista si tiña tradución ao galego: http://www.microsoft.com/downloads/details.aspx?displaylang=gl&FamilyID=0e21eb7b-e01a-4fcc-b7f1-30e419da7f5b
O nome do proxecto Trasno está mal escrito. Corrixídeo, por favor.
Aínda que o autor do artigo é veciño meu, da miña vila, el non ten nada que ver con este blogue. Eu o que fixen foi copialo aquí, iso si, deixando a ligazón ao orixinal.
ResponderEliminarInvitaríache a que foses alí e comprobarás que non es o único que se decatou do erro cometido co Vista,... e unha cousa máis a respecto disto. Eu tiven o Vista porque tiven que comprar un ordenador a toda présa e nese momento non tiña opción, nas tendas ás que puiden ir non ma daban. Hai quen a isto lle chama liberdade de mercado. E o Vista viña en castelán, non había outra opción (nunca a houbo), o único que se me permite é, despois duns meses, ser obxector ao castelán. Isto, alén de desprezo aos que fan o traballo da tradución ao galego é práticamente nulo en termos de normalización. E aínda hai quen a isto lle chama liberdade lingüística.
Sobre o nome do proxecto Trasno, xa está corrixido. Vese que cando peguei aquí o artigo estaba tamén errado no orixinal (alí tamén o corrixiron). E grazas polas aclaracións.