Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 18 de marzo de 2011

O 'caso Pillado'

Unha vergonza. Só a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Asoaciación de Escritores en Lingua Galega (AELG) se pronunciaron en apoio de Francisco Pillado cando Anxo Lorenzo o botou do premio Repsol, un premio do que  Pillado foi o principal impulsor. E iso que Anxo Lorenzo, segundo el mesmiño declara,  só é un sociolingüista, non un político. Neste arito de Xurxo Borrazás, no xornal El País, conta o que hai:


O valor da arte e dos produtos artísticos é dobre. En primeiro lugar existe un valor absoluto, non suxeito a comparación: a arte galega, por exemplo, é importante para nós porque é a que elaboran os nosos artistas. Que noutros ámbitos, ou rankings, non sexa aprezada na medida en que nós xulgamos que debe selo, non a convirte para nós en inútil ou menos valiosa, igual que un fillo que non destaque ten o mesmo valor para o seu pai e súa nai que outro que si o fai.
En segundo lugar, a arte ten máis ou menos mérito en función da súa orixinalidade. Este valor é, agora si, susceptíbel de ser exposto a comparación. Así, calquera que defenda a narrativa de Otero Pedrayo, como debemos facelo tanto polo seu valor intrínseco como polo arriba exposto, sabe que o de Trasalba non era Kafka. A relación entre os dous aspectos valorativos é conflitiva e hai quen pensa que o primeiro é político e o segundo obxectivo. Porén, a posición contraria tampouco sería indefendíbel. Por que senón as literaturas non occidentais ou das linguas minoritarias teñen vedado o recoñecemento obxectivo?
A defensa da cultura galega debe pivotar sobre estes dous eixes: o orgullo do noso e o orgullo da excelencia. Do mesmo xeito, a ansia por destruír a nosa cultura debe atacala neses mesmos flancos, o que a asocia á identidade do pobo que a crea e o que a asocia á orixinalidade obxectiva. A actual Xunta faino coma ninguén.
Un dos flancos da política cultural do PP dedícase a disociar a produción artística galega da Tradición que aseguran defender. No canto de "galegos" agora resulta que somos "de Galicia", prímase a difusión das artes desligadas da nosa creación cultural maior, a lingua, ou vólvese poñer en marcha o ventilador de que tan literatura galega foi a de Cela como a de Manuel Antonio. As obras do Gaiás, sen agardar á pola de loureiro, inaugúranse cunha afirmación deste discurso disolutorio.
A arma para desactivar a orixinalidade ten forma de premios e subvencións, de confusión do terreo dos creadores co terreo da oficialidade, dunha funcionarización do labor dos artistas acadada por medio da dependencia económica ou, moito máis, polo silenciamento das voces díscolas e fóra de ton. Así se entende a destitución de Francisco Pillado como coordenador do premio de narrativa Repsol, e sobre todo as reaccións que provocou nas nosas institucións culturais: ou sexa, a case absoluta ausencia de reaccións a un ataque que busca eliminar resistencias á nosa funcionarización. A melodía que entre esas institucións arrasa é a de poñerse de perfil e asubiar mentres se olla para os biosbardos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario