Cando falamos dos dereitos lingüísticos das galegas e galegos no sector da "xustiza", dan ganas de facer un xogo de palabras bastante primario e falar do sector da "inxustiza". A situación actual resúmea nunha frase o maxistrado Luís Villares: "Non hai medios para garantir o dereito constitucional a usar o galego".
Encontrámonos, pois, nun bucle, no tan habitual como irregular bucle de que se nos recoñezan dereitos mais que se nos dificulte de forma sistemática o seu exercicio. A Carta Europea das Linguas estabelece con claridade no seu artigo noveno: que os procedementos han de ser en galego a petición dunha das partes, que se ha de garantir o seu uso oral e escrito, que as partes han de coñecer os seus dereitos lingüísticos e que se ha de aumentar a proporción de persoal xudicial con coñecemento do idioma propio, para o cal se han de desenvolver planos de ensino axeitados.
A ordenación estatal fica máis curta que a Carta, xa que, aínda que se recoñecen algúns dereitos, tampouco se garanten os deberes correlativos para poder exercelos. O máis rechamante é o feito de que o galego non é requisito para ser xuíz/a, fiscal ou secretaria/o xudicial, que son corpos estatais. As preguntas básica a facermos en alto son: Pódese impartir xustiza nun lugar sen coñecer a lingua dese lugar? Até cando durará este disparate antidemocrático?
Por se for pouco, os medios tecnolóxicos, que ten que prover a Xunta, non só non facilitan, senón que dificultan o uso do galego. Deste xeito, os corpos actuantes na Administración de Xustiza que optan polo idioma de Galiza ven multiplicada a súa carga de traballo. O mellor exemplo é o programa informático que distribuíu a Xunta de Galiza en maio de 2010, que directamente non permite usar o galego! Se no ano 2009 foran 70 os xuízos rápidos en galego, desde o 4 de maio de 2010, co novo programa informático achegado pola administración autonómica, a cantidade reduciuse a cero. Un dato elocuente sobre a "libertad lingüística" que vende Núñez Feijóo, verdade?
En fin, que na Carta se recoñecen uns dereitos e na lexislación estatal outros máis recortados, porén na realidade non se garante o exercicio nin dos primeiros nin dos segundos.
Mais o fundamental que nos cómpre reter é que temos dereitos. A pesar das dificultades, a pesar de que os poderes públicos non poñan os medios humanos e tecnolóxicos precisos: témolos! Por conseguinte: exerzámolos! Se optamos de forma firme e leal pola nosa lingua, será a administración a que se terá que preocupar de remover os impedimentos que ela mesma coloca, xa que temos a lei da nosa parte.
-Temos dereito a utilizar o galego oralmente e por escrito nos xulgados e tribunais situados en Galiza, sen ningún tipo de obstáculo. Podemos facelo sexamos denunciantes, denunciados, testemuñas, peritos, etc. (Lei Orgánica do Poder Xudicial, artigo 231.3).
Se algún dos intervinientes ten dificultades de comprensión, a xuíza ou o xuíz pode solicitar a asistencia dun intérprete. Neste sentido, segundo a Lei Orgánica do Poder Xudicial, "o Xuíz ou Tribunal poderá habilitar como intérprete calquera persoa coñecedora da lingua empregada, previo xuramento ou promesa daquela" (na veracidade da súa tradución). Costuma ser a secretaria ou o secretario xudicial quen exerza esa función, se coñece as dúas linguas.
Se alguén nos insta a deixar de falar en galego, é recomendábel facer constar a queixa en acta e despois denuncialo.
-Temos dereito a que todo o que digamos diante dun tribunal en Galiza se faga constar na nosa lingua. A acta ha de reflectir a realidade do acontecido. Se, a pesar de falarmos en galego na vista oral, a acta non se redixe en galego, cómpre que fagamos constar a oportuna protesta e que tramitemos a correspondente queixa.
-A documentación que entreguemos en galego é perfectamente válida e non nos poden solicitar tradución. Se esa documentación ha de ter efectos fóra de Galiza ou unha das partes alega indefensión por non coñecer o galego, son os poderes públicos os que han de xestionar a tradución, non nós. Ademais, esa tradución non pode implicar un retardo na tramitación e non ten ningún custo para as cidadás e os cidadáns. Un elemento básico da tutela xudicial efectiva é o dereito a un proceso sen dilacións indebidas.
Se se nos requerir que traduzamos ao castelán o que presentamos en galego, debemos opornos. Podemos alegar para iso o artigo 231.4 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, que estabelece a obriga de que se proceda á tradución de oficio. Se se nos denegar, cómpre que o denunciemos.
Se utilizamos o galego en primeira instancia e despois ten que ser unha instancia estatal a que resolva o caso (por exemplo, por un recurso de casación), tamén lle corresponderá á Administración pública a tradución da documentación previa.
-Dentro de Galiza, podemos solicitar que todo o procedemento se tramite na nosa lingua.Desde a primeira comunicación que recibimos en galego, podemos enviar un escrito reclamándoo e, desde ese momento, terannos que remitir todos os escritos no noso idioma, incluída a acta do xuízo e o testemuño da sentenza ou resolución correspondente. Ademais da Lei de rexime xurídico, podemos apuntar o artigo 9 da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias e as sentenzas 82/1986 e 46/1991 do Tribunal Constitucional. É importantísimo que o solicitemos; se non, as cousas non darán mudado.
-Cos traballadores e traballadoras da administración dos xulgados tamén podemos solicitar que nos atendan en galego, de acordo co sinalado no artigo 54.11 da lei 7/2007, do Estatuto Básico do Empregado Público. É diferente o caso con maxistradas e maxistrados, secretarias e secretarios xudiciais e fiscais; neste caso, non temos dereito legal a que se dirixan a nós en galego, mais si nos ampara a lei para que nos poidamos manter falando na nosa lingua.
E se nos negan os nosos dereitos?
Antes de máis, o que temos que facer é exercermos os nosos dereitos con normalidade. Non fai sentido que ocultemos a nosa lingua ou deixemos de solicitar que a documentación da nosa vida sexa no noso idioma.
No caso de vermos vulnerados os nosos dereitos lingüísticos, fagamos as alegacións pertinentes ou fagamos constar a nosa queixa en acta.
O seguinte paso é enviarmos a oportuna queixa aos seguintes organismos:
a) É básico que llo remitamos á Mesa pola Normalización Lingüística (amesa@amesanl.org), á Secretaría Xeral de Política Lingüística (sxpl.secretaria@xunta.es), así como ao Valedor (rexistro@valedordopobo.com) e ao Defensor del Pueblo (www.defensordelpueblo.es). Cómpre subliñar a importancia de que A Mesa pola Normalización Lingüística sexa coñecedora do caso, pois seralle útil para elaborar o relatorio trienal que elabora sobre o nivel de cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. O Consello de Europa tense detido con especial interese sobre as vulneracións de dereitos lingüísticos no ámbito da xustiza no Estado español, polo que é bo que se conte con casos concretos destas vulneracións para poder exemplificar e solicitar correccións.
b) Á Dirección Xeral de Xustiza da Xunta de Galiza, a través do seu servizo de queixas a través de internet: http://cpapx.xunta.es/presentacion-do-servizo.
c) Ao Ministerio de Xustiza (mjusticia.es escolle arriba "Benvidos", para optares polo galego "Servizos ao cidadán" "Trámites e xestións persoais" "Suxestións e queixas").
d) Ao espazo web do Consello Xeral do Poder Xudicial, na sección "Atención ciudadana" (poderjudicial.es clica en "Consejo General del Poder Judicial" "Atención ciudadana" "Buzón de contacto").
d) Ao Consello da Avogacía Galega (avogacia.org sección "Contacto").
f) Á Irmandade Xurídica Galega (galeguizargalicia.com sección "Contacto").
g) Enviando unha queixa por escrito ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (Praza de Galiza, s/n, 15701 A Coruña).
De nos mantermos firmes e leais á nosa lingua, poderemos quitar de vez o interrogante ao título deste artigo..
Ningún comentario:
Publicar un comentario