por Xosé A. Perozo, diagnosticando acertadamente o tratamento da zunia, n´A Nosa Terra:
A miña filla pequena vén de cumprir catro anos. Distingue sen problemas entre galego e castelán. Na casa falámoslle as dúas linguas indistintamente, seica, quizais máis en galego. A rapaza, como é habitual nas persoas con educación realmente bilingüe, abertas ás capacidades de comprensión idiomática, xa ten rudimentos de inglés e tampouco confunde nin confronta entre as lingas. Seica ás veces emprega os conceptos que lle son máis acaídos de calquera dos tres idiomas con absoluta normalidade. Seguramente porque na casa somos xentes normais e utilizamos a expresión oral para comunicar, sen outro obxecto agochado.
No centro escolar público ó que vai a miña filla, na clase de infantil decidiuse, por esa estraña teoría das maiorías de pais intervindo na materia, que se imparta o ensino en castelán. Por fortuna a profesora é tamén galegofalante e actúa con normalidade fronte á expresión espontánea dos alumnos. Non hai conflito. Por descontado, a miña filla non ten pesadelos cando xoga cun libro en castelán ou cando aprende que as bolboretas se chaman tamén mariposas. Gústanlle moito as bolboretas e as fadas, que tamén son hadas, nos contos do cole e na televisión. Nos seus soños aparecen bolboretas e fadas normais. Dorme ben.
Como o noso interese é que a rapaza teña unha educación equilibrada, contra os nosos desexos máis íntimos sobre o aprendizaxe do idioma, nós non tivemos a ocorrencia de mandar a nena con contos en galego cando a profe os pide en castelán. Ou viceversa. Non queremos ter unha filla vítima da intransixencia nin esquizofrénica, como semella que vai suceder co fillo desa amiga de Gloria Lago, que manda o seu neno ó colexio co mesmo entusiasmo de mártir que se envía un rapaz a unha guerra perdida.
A resultas do que acontece con esa nai e o seu fillo de seis anos, está claro que esa asociación, mal chamada Galicia Bilingüe, é unha estupenda escola para futuros e futuras clientes de psicólogos e psiquiatras. Talvez no psiquiatra estea a solución lingüística ó problema electoral que a señora Lago saca á rúa, así que os galegos e galegas somos chamados a votar. Tal vez no psiquiatra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario