Manuel Vidal Villaverde entrevista a Xabier Quiroga, escritor, para Galicia Hoxe. Desta volta o entrevistador bateu con alguén que está á súa altura e a lonxitude das respostas non desmerece nada a respecto das preguntas. Na ligazón está a entrevista completa, aquí deixo a cuestión obrigada sobre a lingua.
O problema do noso idioma, aínda que a cada pouco, máis persoas se integren como autores ou autoras á nosa literatura, non deixa de ser, curioso –por non dicir contraditorio–, as estatísticas que por aí se manexan, tanto no ámbito estritamente universitario ILG; IGEA (Instituto Galego de Estudos Europeos Autonómicos), un ente que eu confeso non acreditar, na medida na que si parece recoñecelo o compañeiro Henrique Monteagudo, o problema digo, é que o idioma que lle é propio á nación galega, e polo tanto único e natural, aínda que se fale –por certo daquela maneira– o castelán (español) cal produto ou proxección dun bilingüísmo que un, posto a adxectivar, cualificaría de diglósico, cuxas orixes proveñen dunha “mala colonización lingüística”, na cal subxacía ou mesmo subxace o intento de aniquilación/substitución dun idioma polo outro. Nos séculos máis escuros, que van para alá do que comunmente se indica e divulga, non foi posíbel, porque os recursos eran ( e aínda son na lingua do imperio) indixentes e patéticos. Que se falen dúas linguas aquí e no alén máis íntimo e próximo do nós, ao meu ver, non indica que sexamos naturais bilingües, non ho! No ano 1983, e xa choveu, fora aprobada cun amplo consenso a defunta Lei de Normalización Lingüística, en cuxo desenvolvemento o consenso foise destruíndo, e a vontade minguando ata desaparecer. Debemos de advertir de que aquela Lei era ben de mínimos, e foi dinamitada no seo das propias institucións galegas, mesmo co inaudito descaro da “galería”. A belixerante organización Galicia Bilingüe xa estaba, tristeira e ignorantemente activa, dende antes do seu nacemento “oficial”, e os disfrazados aínda seguen por aí. Xabier, esta miña introdución á procura da túa reflexión, daría para un longo ensaio, que non é agora o caso, senón recadar, como digo a túa opinión a respecto do exposto. Os/as falantes descen; aumentan os trans-misores/as e receptoras/es. Grave contraditio in termines. Como é posíbel saír deste sinistro labirinto?
Antes de nada dicir que se trata dun labirinto condicionado pola esencia de pobo submiso que levamos dentro. Por iso nin lle podemos botar a culpa a xente allea, nin, por suposto, a unha colonización lingüística que, desde hai ben séculos, non ten volta atrás. Como dis, o galego esmorece, pois o número de falantes cae drasticamente e, o que é peor, a lingua inicial ou a que os pais lles falan aos nenos e que condicionará a súa escolla na idade adulta é, preferente e maioritariamente, o castelán. Ata aí son datos numéricos e obxectivos ante os que non convén pechar os ollos. Temos, pois, un futuro asegurado tan negro como unha noite de inverno sen luar. E refírome non só á lingua, refírome tamén a nós mesmos como pobo. Por iso hai que dicir que a partir de xa debemos poñernos en serio e asumir a responsabilidade de perder ou non o único sinal de identidade que nos queda neste mundo globalizado. Poderiamos falar de sometemento ao foráneo, de pensar que o noso non serve e que todo o alleo é mellor, de idiosincrasia débil que ten como base unha asimilación que non nos desagrada pero que nos degrada e mais unha chea de prexuízos máis propios de pailáns que refugan o enxebre para escoller no baile á moza que non é de aquí. Pero unha vez anotado isto, botarnos as culpas tampouco axuda nin pon remedio. Preguntarnos que podemos facer se a nosa mentalidade colectiva vai por outro lado esixe unha resposta clara e contundente por parte da elite intelectual e política deste cornecho da península. Se o castelán se impón apoiado pola marea urbanita, onde cada día se fai máis forte, se o minguado exército galeguizante, desarmado e indefenso, está a piques de render as armas e converterse nunha lingua morta, debe por forza xurdir quen impoña novos criterios proteccionistas, tal e como fan as sociedades máis avanzadas cando algo lles doe ou se ven apurados. Sen dúbida cumpría unha reacción dos que teñen a responsabilidade de gobernar, pois non queda outra que lexislar a prol da lingua desfavorecida tal e como se fai para protexer especies animais en perigo de extinción.Porque de seguir así chegará o momento da historia no que o galego nos doia. Pero xa será tarde. Seremos outras catro provincias do estado español. Agora ben, e remato, será o actual goberno o paladín que se poña á fronte desta reconquista do noso? Sabemos que non. Constatamos, penosamente, que lexisla á contra e nin sequera as numerosas manifestacións populares ante as medidas contrarias ao galego propostas o fan recuar. O nosos representantes políticos terán a súa responsabilidade cando, no futuro, se revisen os feitos pretéritos, pero cando isto aconteza quizais xa esteamos sumidos na noite e no esquecemento como pobo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario