Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 8 de marzo de 2011

Contra a música en galego, “Flores en la carretera”

por Francisco Xosé Rei García, en Terra e Tempo:

Falábamos neste mesmo dixital, aló polos meses de verán deste pasado ano, da monolítica aposta pola música comercial nos campos de festa do noso país por parte das diferentes orquestras -practicamente sen excepcións -e de como algo tan noso como as festas e romaxes populares foi e continúa derivando en útil altofalante do de fóra fronte ao propio.

Abofé que podería ser o campo da festa, en combinación con outras plataformas sociais que fixesen o necesario efecto multiplicador e difusor (centros de ensino, medios de comunicación ou mesmo competicións deportivas!), un bo xeito de contribuír a pór en valor e dar a coñecer as, a pesar de todo, moitísimas experiencias musicais que hoxe continúan a agromar arredor da ampla etiqueta que podemos denominar música galega. Algo diso, aínda que non exactamente arredor das "verbenas" de toda a vida, estaba a acontecer nos últimos anos en Galiza, a xeito de eclosión que prometía un novo rexurdimento musical non menor do que foi o fenómeno bravú dos anos noventa: toda unha rede de festivais e concertos de verán que, practicamente repartidos por toda a xeografía galega, estaba a representar unha inmellorábel oportunidade para grupos e artistas que comezan a facerse cun sitio de seu no panorama musical galego por dereito propio. Advertiría xa a lectora ou o lector atento que falamos en pasado e dicimos "estaba", porque vimos de saber, polo testemuño dalgúns destes grupos, que os brutais recortes orzamentarios nas políticas de difusión cultural está a supor que a crise golpee ao panorama musical galego do peor xeito posíbel: neste caso, a Administración, a que debía estar para axudar a resolver os problemas, garantir oportunidades e colaborar especialmente con quen máis difícil o ten para saír adiante co seu traballo, é quen crea as dificultades. 

Algunhas e algúns xa tíñamos lixeiras sospeitas de que a Brigada de Demolición que nos (des) goberna non gostaba especialmente da música galega e feita en galego. Se cadra por a consideraren demasiado "ensimesmada e acomplexada", por máis que eu imaxino perfectamente a Sónico DB pinchando a versión techno da Sementeira de Fuxan os Ventos nas mellores discotecas de Amsterdam ou Londres e metendo o público no peto; como podo imaxinar -e que fermoso sería! -a María Lado recitando Berlín acompañada da composición musical electrónica feita por Fanny+Alexander no medio e medio da Alexanderplatz; como comprobo feliz  -e isto non é fantasía ningunha -que a nosa Uxía Senlle triunfa co seu galego no Brasil xunto a un ronsel de músicos cariocas que veñen de descubrir, marabillados, o agasallo dunha lingua irmá que tanta desinformación lles furtara durante demasiado tempo. Se cadra todo isto non o sabe ver o Roberto Varela que se gababa de pasear a diario polo MOMA sen saber que existe un Sobrado dos Monxes ou que na cidade de Ourense xa non quedan máis que unhas salas de cinema. 

Mentres os nosos artistas e as nosas industrias culturais tentan pór boa cara ao mal tempo e van polo mundo adiante ben orgullosas e orgullosos do noso, outros prefiren seguir no seu mundo, pechados neste caso na súa cegueira galegófoba. Como, se non, se pode entender que a Xunta de Galiza, a través da Consellaría de Traballo e Benestar e da Dirección Xeral de Xuventude, decida publicitar unha campaña de concienciación sobre seguridade vial que, como se encargou de recordar a través dunha carta pública a profesora Carme Hermida, vai maioritariamente dirixida a mozas e mozos que se expresan en galego cun tema musical en español? Con todos os respectos para o grupo que compuxo e interpreta ese tema e para o coñecido actor que os acompaña no videoclip, teñen ben maneiras de se promocionaren en Galiza e fóra dela sen necesidade de que sexa a través de diñeiros públicos. Porén, enfronte, outros grupos ven como as súas posibilidades van desaparecendo, no nome da crise ou da liberdade lingüística, que neste caso tanto ten. 

Menos mal que, no entanto, aínda hai exemplos de honestidade e calidade humana: a dos vigueses  Siniestro Total, que anunciaron publicamente a súa renuncia á nominación aos Premios da Música na categoría de mellor tema en lingua galega. Non é a primeira vez que este grupo emprega o galego -de feito, moitos recordaremos os seus hits na nosa lingua no Xabarín Club, un espazo co que se pode dicir que estiveron moi comprometidos -porén os liderados por Julián Hernández foron conscientes, ao renunciaren, de que o seu espazo musical propio non é o galego -por propia decisión. Unha honrada chiscadela aos que, pola mesma propia decisión, decidiron que o seu si o era e queren que o siga a ser. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario