Esta semana linlle un artigo a Séchu Sende onde reflexionaba sobre a situación do noso idioma entre os máis pequerrechos e as máis pequerrechas. O coñecido autor, debuxante e activista dicía verdades como puños, que cómpre socializarmos:
Quando umha persoa maior nom lhe fala galego a um neno está a excluí-lo da cultura que nos une. Quando um adulto nom lhe fala galego a umha nena está a expulsa-la da própria comunidade. Quando tu nom lhe falas galego a umha nena estás a impedir-lhe um desenvolvemento comunicativo livre. Quando nom lhe falas galego a um neno estás a privá-lo da liberdade de poder expresar-se na língua dos galegos e das galegas. Quando umha nena ou um neno medra sem contacto com a nossa língua converte-se num inadaptado.
Mas quando lhe falamos galego a um neno enriquecemo-lo. Fazemos-lhe entender que a pesar das diferéncias a língua nos une. Quando tu lhe falas galego a umha nena dás-lhe umha chave para comprender o mundo que a rodea. Quando lhe falas galego estás a dar-lhe a posibilidade de que melhore as suas habilidades comunicativas. Quando lhe falas galego estás a abrir-lhe umha porta de desenvolvemento, progreso e felicidade.
As linguas vivas son as que se falan e as que se transmiten. Por iso unha das principais mostras de compromiso co idioma de Galiza é transmitírllelo ás nenas e aos nenos. Do mesmo xeito, tan importante como a lingua en que falamos cos pequenos e as pequenas é a actitude que trasladamos sobre ela co noso exemplo: se ven que abandonamos o galego en determinadas situacións, se o coidamos pouco, etc.
Nisto, como en toda a educación das crianzas, importa moito máis o que facemos que o que dicimos. Non é verdade que, mesmo agora de maiores, incide moito máis no noso comportamento o que observamos que o que nos explican? Transmitamos, pois, lingua galega e tamén compromiso e lealdade coa mesma. A súa carencia non a compensaría ningunha declaración de intencións, por moi apaixonada que for.
O abandono do seu
Hai familias que nas cidades ou vilas galegas tentan transmitirlles a súa lingua aos seus fillos e ás súas fillas, mais que se encontran con que as crianzas só se manteñen neste idioma nos seus primeiros anos. A forza do castelán na escola, nos medios de comunicación e na vida social en xeral fai que estes pequenos e estas pequenas abandonen a lingua que lles transmiten na casa.
O máis doloroso é que mesmo en moitos casos este abandono se produce no ámbito doméstico. Digo doloroso sen afectación ningunha, porque manca de verdade que unha nai ou un pai preocupados pola súa cultura vexan que o seu neno ou a súa nena deixe de dirixirse a eles en galego.
Noutras ocasións, a crianza pode manter esta lingua só no fogar, mais ocultala de vez para as súas outras interaccións sociais. É doado que interiorice ben axiña ideas como que o galego é "a lingua dos maiores" e o castelán "a lingua da xente nova", ou outros esquemas semellantes, do tipo "lingua da casa" / "lingua do resto do mundo", etc.
Contra tal situación, o primeiro é tentar proporcionar á filla ou ao fillo posibilidades de contacto co galego como idioma normal para diferentes ámbitos, situacións e xeracións: a través de xogos, filmes, libros, etc. en galego e tamén en estándar portugués, de excursións a lugares onde se manteña mellor o idioma, etc. Isto é importante, mais éo aínda moito máis que na casa vexa un exemplo de fidelidade ao galego.
O que non fai sentido en ningún caso é reprocharlle á nena ou ao neno que abandone a lingua familiar. É un bo tema para a conversa e para a información, nunca para o enfado.
Se a nena ou o neno quere, a pesar da presión social, regresará ao seu uso tarde ou cedo. Deste proceso esperanzado e dificultado pola censura social, que protagonizan tantas e tantos adolescentes, fala tamén o propio Séchu Sende. No seu Best method to learn Galician!, incluído en Made in Galiza, propón unha serie de etapas para mudar desde o castelán para o galego, na cales chama á reflexión a partir do humor:
E xa estamos no terceiro paso, que ten que ver co método Bulinsky de interpretación teatral, que consiste en asumir o papel dun personaxe que está aprendendo unha lingua con todas as consecuencias dramáticas que iso comporta.
Así, por exemplo, pode disfrazarse cun sombreiro de copa e bigotes falsos e perruca e dicir no supermercado, por poñer un caso, as súas primeiras palabras en galego en boca do seu personaxe: Por favor, onde están os cepillos de dentes?
A finalidade do disfrace -recomendado para xente máis tímida- é pasar desapercibidos diante das persoas coñecidas que nesta etapa de aprendizaxe, nalgúns casos, poden facer fracasar a misión con frases pouco animosas tipo:
- ¿Y luego ahora hablas gallego? Pues te veo rara (con ton burlón).
- Uy, qué gracioso estás (cínico).
- ¿Y qué dicen tus padres de todo esto? (incrédulo).
- ¿Y cómo te dio por ahí? (asustada).
- Ostia colega, ¿y tú de qué vas? (molesto).
- ¡Aun si lo hablaras bien! (indignada).
- Nótase que non o mamaches (purista).
A maioría da xente que di esas parvadas non ten mala intención, mais ás veces escápansenos estas cousas que teñen botado para atrás, aínda que pareza mentira, a algunhas persoas que, cando algún día intentaron falar galego, non o conseguiron debido á presión do que dirán.
Lembremos que na historia recente temos numerosos exemplos de pequenas e pequenos falantes de castelán que na puberdade ou adolescencia acabaron optando polo galego. Os casos que podemos citar esténdense desde Castelao -un neofalante máis!- até centos de mozas e mozos que, malia as dificultades, decidiron e deciden dar o paso..
Ningún comentario:
Publicar un comentario