Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 1 de marzo de 2011

A CTNL pide normalización nas eleccións municipais

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) celebrou o venres 25, en Santiago de Compostela, a súa asemblea anual, e fixo públicas unhas resolucións nas que declara que traballa para "que os/as galegos/as poidamos manter a visión do mundo desde a óptica que só nos pode dar a lingua propia do noso territorio"
Nas resolucións da asamblea destacan a súa petición aos organismos públicos para "que asuman os obxectivos normalizadores acordados consensuadamente e reflectidos, principalmente, na Lei de normalización lingüística e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade en 2004"

Responsabilidade e medidas de apoio á lingua para as eleccións de maio
Prevendo unha liorta na que a nosa lingua volva a recibir os golpes máis demoledores, tal e como sucedera coas eleccións autonómicas do 2009, de cara ás próximas eleccións municipais do mes de maio, desde a CTNL  instan "a todas as organizacións políticas a que sexan responsábeis no debate sociolingüístico", para o que lles piden responsabilidade e "que non utilicen críticas nin ataques ao proceso de normalización da lingua galega de xeito electoralista". Tamén lles solicitan "que incorporen nos seus programas medidas de apoio á lingua galega", entre as que salientan a creación ou consolidación de Servizos de Normalización Lingüística.

Reclámanlle medidas á Secretaría Xeral de Política Lingüística
Para facilitar e axudar a todas aquelas entidades, públicas ou privadas, que queiran usar e promocionar o galego, desde a CTNL reclámanlle á Secretaría Xeral de Política Lingüística que convoque as subvencións para a promoción do galego desde as administracións locais, as axudas para a promoción do galego desde as asociacións sen ánimo de lucro e as axudas para a promoción do galego nas empresas privadas, e que, sinalan, que "o faga o máis axiña posíbel, con recursos económicos suficientes, con criterios claros e xustos e con fins claramente normalizadores".
Isto é, pídenlle á SXPL que comence a andar xusto o na dirección contraria do que está a facer. Estaría moi ben que lle fixeran caso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario