por Iria Taibo Cosarnego, en Terra e Tempo:
A pesar de que a actualidade máis urxente camiña estes días por outro lado, a proximidade da campaña electoral está a piques de nos estourar diante da cara, se é que non o fixo xa. Vemos, polo tanto, os medios de comunicación fervendo con propostas, sorprendentes florecementos de inauguracións e novos proxectos de infraestruturas, repentinos intereses polas preocupacións de veciñas e veciños... Como cidadáns, aturamos con estoicidade a campaña, coa certeza de que pouco podemos facer, mais cada un de nós inevitabelmente ve todo ese rebulir de propostas desde o punto de vista máis persoal, co prisma das cousas ás que cada un lle dá verdadeiramente importancia. Algúns baixo o convencemento de que os políticos son todos iguais, outros co desexo de contribuírmos a elixir persoas que verdadeiramente poidan pór en marcha políticas transformadoras...
Estes días chamáronme a atención varias iniciativas que estou a ver na cidade da Coruña, e que dan para pensar sobre as distintas visións sobre a política lingüística, sobre a lingua e a política e sobre como cambiou a visibilidade do galego neste ámbito nos últimos tempos. En concreto, parece especialmente preocupante a aparición de mensaxes claramente contrarias a políticas de protección do galego. Máis aínda, falamos de propostas abertamente belixerantes contra o galego e contra avances de décadas neste ámbito, como a lexislación referente á toponimia.
Temos algunhas propostas electorais nesta cidade que precisamente fan bandeira da súa mensaxe contraria a todo o que teña a ver co galego. Hai algunhas que se poden considerar exóticas, como a de Unión Coruñesa (do sorpresivo ex candidato do Partido Galeguista nesta cidade en 2007). Para pórmonos en contexto e poder valorar correctamente a seriedade da proposta, debemos lembrar que este partido creou o premio CTV (Coruñés de Toda la vida) e que onte mesmo sacaron á palestra unha campaña de reparto de 6.000 bolsas reutilizábeis co lema "La Coruña, quiérela".
Esta última proposta é elocuente sobre os verdadeiros motivos que ten este grupo ultra localista para incluír entre as súas liñas de traballo a de "trabajar en pro de la modificación de la normativa gallega vigente, para lograr la cooficialidad del topónimo A Coruña y La Coruña."
Esta vaga de saídas do armario antigalego proveñen de colectivos sociais que non se ruborizan cando afirman que o nacionalismo se apropia do galego ou que hai quen utiliza a lingua como elemento de división, ao tempo que a eles calquera cousa relacionada coa nosa lingua parece que lles queimase nas mans.
Calquera que lea isto pode pensar que estou outorgando demasiada importancia a este grupo político, que apenas pode pasar de anécdota. O caso é que en parte podo concordar con esa visión, mais os medios económicos cos que conta fan que as súas demostracións anti galegas acaben sendo abafantes, pois a presenza da súa cartelaría lacoruñesa na cidade comeza a tomar un protagonismo cando menos digno de mención. Mais é verdade que resulta aínda máis preocupante comprobar cal é a idea do noso idioma que teñen outros partidos con máis posibilidades de acadar importante representación no ente municipal.
O Partido Popular, por exemplo, ten xa en marcha a súa páxina electoral, co dominio "ganalacoruña", sen esquecermos o seu lema electoral "Ayer por Galicia, ahora por La Coruña". Obviando que se pode entender deste lema que até hoxe non se lembraran da cidade para nada, o preocupante é o retroceso que implica o uso exclusivo do castelán nesa campaña, acompañado de propostas de anulación da lei sobre o topónimo. Caso aparte é o do PSOE, que convive coa herdanza de Francisco Vázquez e ao tempo négase (timidamente) a sacar peito co topónimo monolingüe en castelán.
O caso da Coruña é particular, precisamente polo topónimo que tanto diñeiro custou ás arcas municipais en forma de repetidos recursos promovidos polo ex alcalde da cidade. Mais verdadeiramente dá que pensar, nestes tempos no que a demagoxia ten moito percorrido a conta da crise, que haxa quen queira pór en marcha un discurso político serio baseado no desprezo contra o galego.
En teoría, na campaña electoral deberíase falar de propostas relacionadas cos problemas reais da cidadanía. Acaso non existe un número importante de persoas que considera o galego como parte da súa identidade e que considera que merece respecto e protección?
As propostas nacionalistas inclúen, na liña do habitual até agora tacitamente aceptado en política lingüística, propostas de apoio e promoción do galego. Mais asistimos todos, da man dos que reclaman que se retire todo apoio económico á normalización lingüística, a un debate na sociedade sobre esas políticas, sobre a idea mesma de se deben existir.
A utilidade real desas políticas, o seu deseño e a forma en que deben ser postas en práctica é algo que, sen dúbida, é saudábel revisarmos con certa frecuencia, como calquera política pública. Mais de aí a asumirmos, ou mesmo dubidar por un segundo da verdadeira responsabilidade da administración na promoción do galego parece que hai un paso demasiado longo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario