Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 1 de marzo de 2011

Castelao na diana

por Xosé A. Perozo, escritor, na Nosa Terra:


O que vou dicir non é politicamente correcto dentro da cultura galega. Mesmo desatará iras e serei considerado un herexe. Tanto ten. Vou falar de Castelao, con todo o respecto do mundo, pero desde a óptica de quen o descubriu por casualidade antes de coñecer a lingua galega, antes de coñecer a cultura de Galicia, antes de saber da historia deste país, antes de ser solidario con esta terra e as súas xentes.
Descubrín a Castelao, lonxe de aquí, a finais dos 60 do século pasado por mor das críticas que facía e da visión deformada que tiña de Extremadura (con x). Caeume mal, moi mal. Logo tentei comprendelo e aceptalo, mesmo o día que recibimos os seus restos, eu estaba en San Domingos de Bonaval e sufrín o impacto dun ovo lanzado polos nacionalistas alporizados. Con todo, nin o tempo nin o coñecemento cambiaron moitas das miñas apreciacións.
Considerei e considero a Castelao un símbolo sobredimensionado. Pero a historia está infestada deles. Paréceme un autor teatral mediocre. Como tantos. Algún, incluso, recibiu o Nobel. Como pensador, resúltame confuso e pesado, ademais de anacrónico en moitas das súas reflexións políticas e sociais. Pero foi un home do seu tempo e das súas circunstancias. Como pintor coido que chegou tarde á historia da arte. Como humorista, considéroo excelente aínda que a súa orixinalidade gráfica non chega á potencia doutros contemporáneos como, por exemplo, Bagaría. Ese é o Castelao que eu respecto como político, pensador e personaxe dentro da historia de Galicia.
Porén, non podo aceptar a decisión da Xunta de non nomear o Ano Castelao por consideralo materia de propaganda nacionalista. Non acepto que o Goberno de todos/as galegos/as actúe dun xeito tan sectario e excluínte porque, ademais, deste xeito contamina e perverte calquera outra conmemoración cultural que propoña ou avale. O PPdeG está dicindo que Gonzalo Torrente Ballester ou Álvaro Cunqueiro, que contan con esa distinción, non están nos altares da cultura polos seus méritos literarios e a traxectoria pública, senón por unha evidente militancia política de dereitas. Teño a certeza de que nin Cunqueiro nin Torrente, por pór dous exemplos inmediatos, sen renunciar ás circunstancias que lles correspondeu vivir, aceptarían semellante afronta.
Castelao é unha peza histórica, unha parte de Galicia, unha icona que merece as mesmas consideracións e respecto que calquera outra figura. O tempo dirá se queda nun capítulo circunstancial ou consegue unha proxección indeleble. De momento, colocado na diana, semella un espello que reflicte a intolerancia dun Goberno de Galicia a cada paso menos galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario